culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

 Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid

Trinta e tres estudosas de diferentes areas de investigación e coñecemento


Fonte: Arquivo do Instituto Internacional de Madrid. Legado Eulalia Lapresta.
1915 - 1936

Ámbitos de ocupación...
Deportivo
Artístico
Literario / Letras
Medios de Comunicación
Doméstico
Médico / Sanitario
Empresarial / Prof. Liberais
Docente
Investigación / Científico

A Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, entidade oficial creada en 1907, foi a encargada de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX, con prometedores resultados. Unha das súas obras máis salientables foi a Residencia de Señoritas ou Grupo Feminino da Residencia de Estudiantes, aberta en Madrid en 1915. A dirección da Residencia encoméndase a María de Maeztu y Whitney, mestra de orixe vasca e irmá do intelectual Ramiro de Maeztu, que fora alumna de Unamuno na Universidade de Salamanca e de Ortega y Gasset na Escola Superior de Maxisterio de Madrid e que tiña unha sólida formación pedagóxica e filosófica, tras estudar na Universidade de Marburgo cos profesores Natorp e Cohen.

Cando a Residencia de Señoritas abre as súas portas en outubro de 1915, é escaso o número de universitarias en España. A incorporación das mulleres aos estudos medios e superiores experimentará un avance despois da Primeira Guerra Mundial e nos anos vinte e trinta. Entre as mil cento setenta e cinco mulleres que viviron na Residencia de Señoritas dende outubro de 1915 ata xullo de 1936, temos localizadas trinta e tres galegas. Destacan as que desenvolveron carreiras no ámbito do maxisterio ou a pedagoxía; outras cursaron as carreiras de Farmacia, Medicina, Filosofía e Letras ou Ciencias; e outras seguiron estudos artísticos de distinto carácter ou prepararon oposicións.

No eido da pedagoxía cabe destacar a M.ª Isabel Barreiro Fernández, natural de Vilagarcía de Arousa, que traballou no Instituto-Escola durante a súa estadía en Madrid. Concepción Fernández López, de Lugo, foi residente dende 1928 ata 1935; era filla de Antonio Fernández Fernández (Antón de Marcos) e irmá de Antonio, José e Manuel Fernández López, que estudaron na Residencia de Estudiantes e pertenceron á Mocidade Céltica. Piedad Fernández López, de Castro Caldelas, viviu na Residencia entre 1919 e 1924, posteriormente foi nomeada profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Mestras de Baleares. A ourensá Carmen Pardo Losada foi profesora de Pedagoxía e directora da Escola Normal de Mestras de Lugo, onde realizou un prolongado labor que sería recompensado coa Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio.

No ámbito científico destaca Ángeles Alvariño González, residente entre 1934 e 1936, que desenvolveu unha brillante carreira como bióloga-oceanógrafa en Estados Unidos.

Entre as farmacéuticas cabe salientar a Marina Peña-Rey Bouzas, natural de Viascón (Pontevedra). Casou co ovetense Luis Fanjul Álvarez-Santullano, que vivía na Residencia de Estudantes e que foi xefe do laboratorio de hematoloxía da Facultade de Medicina de Madrid. Tras a guerra exiliáronse en México, onde morreu Marina no ano 2002. Celsa Pérez Moreiras naceu en León pero tiña fortes vínculos con Galicia; colaborou co doutor Marañón e traballou no Instituto de Patoloxía Médica do Hospital Xeral de Madrid.

Houbo tamén médicas, como a ourensá Paz Parada Pumar, que se especializou en análises clínicas, logo de ser a única muller que asistía ás clases do doutor Calandre no laboratorio de Anatomía Microscópica da Residencia de Estudiantes; en 1929 casou co pediatra Julio Freijanes Malingre e, tras a guerra, abriu un laboratorio privado de análises clínicas en Ourense, que rexentou ata a súa xubilación. Ángeles Pardo Celada, natural de Becerreá, especializouse en xinecoloxía e puericultura e traballou como auxiliar de laboratorio do doutor Negrín; en 1940, abriu unha consulta privada en Lugo, que compaxinou co traballo na rede sanitaria pública. Olimpia Valencia López, natural de Baltar (Ourense), estudou Medicina en Santiago e licenciouse en 1925 con premio extraordinario. Trasladouse logo a Madrid para facer o doutoramento co doutor Recasens, catedrático de Obstetricia. Viviu tres anos na Residencia, onde desempeñou diversas tarefas, como darlles clases de cultura xeral ás residentes ou o posto de médica do Instituto-Escola. Afín a círculos galeguistas, foi detida en 1937 e salvouse polas boas referencias que dela deron persoas influentes de Vigo. Foi médica do seguro nacional de enfermidade a partir dos anos 40 e exerceu a medicina privada en Vigo ata a súa xubilación.

A carreira de Filosofía e Letras, considerada complementaria doutras no caso dos varóns, feminizouse moi pronto por entender que era especialmente adecuada á sensibilidade feminina, sobre todo cando se orientaba ao traballo en arquivos e bibliotecas. Entre as galegas ou mulleres relacionadas con Galicia que a escolleron destaca Blanca Dopico de Guernica, natural da Habana, filla de galegos, que estudou Filosofía en Madrid e, posteriormente, foi profesora de Literatura Española e Linguas Modernas Estranxeiras na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade da Habana. A pontevedresa Raquel Lesteiro López preparou oposicións ao corpo de arquivos e bibliotecas e colaborou na sección de Estudos Hispanoamericanos do Centro de Estudios Históricos creada por Américo Castro; en 1944, foi destinada ao Arquivo da Delegación de Facenda en Pontevedra e, posteriormente, acadou a dirección do Arquivo Provincial de Pontevedra. Rosa Solórzano Gutiérrez, natural da Coruña, foi funcionaria do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos con destino no Arquivo da Delegación de Facenda de Madrid e de Valladolid. Carmen Bugallo Orozco, de Pontevedra, viviu na Residencia entre 1932 e 1935, casou con Mariano García Martínez, catedrático de Ciencias Naturais do Instituto de Pontevedra, onde ela ensinou Filosofía.

As que aspiraban a unha formación musical completa tiñan que acudir a Madrid para estudar no Conservatorio Superior de Música e Declamación. Foi o caso da viguesa Sofía Novoa Ortiz, que viviu na Residencia catorce anos e chegou a ser unha das persoas máis próximas a María de Maeztu. Filla de Joaquín Novoa, presidente da Conxunción Republicano-Socialista de Vigo, estudou Solfexo e Piano no Real Conservatorio de Madrid. A continuación, especializouse en Lisboa con Vianna da Motta, Cerva e Rei Colaço. En 193,1 viaxou a París para estudar técnica e composición con Alfred Cortot e Nadia Boulanger, e a partir de entón encargouse das clases de ximnasia rítmica no Instituto-Escola, da dirección dun grupo da Residencia e de dar clases de Historia da Música no centro. En xullo de 1937, partiu do porto de Vigo rumbo a Estados Unidos para desempeñar o cargo de auxiliar da sección de Folclore Hispanoamericano na Universidade de Columbia. En 1940, instalouse en Vassar College, unha selecta universidade de mulleres americana que tivera fortes lazos coa Residencia de Señoritas, e alí permaneceu ata a súa xubilación en 1967. Morreu en Madrid en 1987.

A pintora viveirense Maruja Mallo (pseudónimo de Ana M.ª Gómez González) viviu na Residencia de Señoritas en 1935, encargándose de dar clase de Debuxo ás residentes, cando xa era unha recoñecida artista nos círculos madrileños.

A cañicense Rita Fernández Queimadelos trasladouse en 1930 a Madrid para estudar Arquitectura e aloxouse na Residencia de Señoritas. Rematou a carreira en setembro de 1940. Foi a segunda muller arquitecta de España, tras Matilde Ucelay, e a primeira en exercer a profesión. En 1941, comezou a exercer na Dirección Xeral de Rexións Devastadas, en Madrid; interrompeu a súa actividade profesional en 1946, ao nacer o seu cuarto fillo. En 1954 trasladouse a Murcia, onde foi arquitecta escolar provincial, arquitecta municipal de Mula e exerceu a profesión por libre na inmobiliaria CRISA. Posteriormente, instalouse en Barcelona, onde se xubilou en 1979 e onde morreu en setembro de 2008, aos 96 anos.

A coruñesa M.ª Luz Morales Godoy frecuentou a Residencia en numerosas ocasións, cando visitaba Madrid, e potenciou os intercambios de alumnas entre a Residencia de Madrid e a Residencia Internacional de Señoritas Estudantes de Barcelona, aberta en 1930 no Pazo de Pedralbes, e dirixida por ela. M.ª Antonina Sanjurjo Aranaz, pertencente a unha coñecida familia viguesa, era perita e profesora mercantil. Trasladouse a Madrid en 1931 para estudar na Facultade de Dereito e na Escola de Altos Estudos Mercantís, e aloxouse na Residencia de Señoritas. Alí afeccionouse a un deporte que introducirá en Galicia, o hóckey sobre herba feminino. En agosto de 1934, viaxa a Estados Unidos cunha bolsa para estudar no Smith College. Interesada en estudar Xeografía económica, en 1935 solicita una bolsa na School of Geography da Clark University. Morreu moi nova, aos vinte e nove anos, en 1939.

A modo de conclusión, diremos que na Residencia de Señoritas de Madrid viviron, entre 1915 e 1936, un grupo de trinta e tres mulleres galegas ou con fortes vínculos en Galicia, o que supón o 2,81% do total, é dicir, unha porcentaxe moderada que se explica fundamentalmente por motivos económicos (distancia de Madrid) e estritamente académicos (lento acceso das mulleres galegas á educación superior, preferencia por estudar no distrito universitario de Santiago). A maior parte das galegas residentes procedían de familias de clase media acomodada, eran fillas de empresarios, médicos, veterinarios ou funcionarios, persoas que desexaban para as súas fillas unha educación esmerada e tiñan medios para pagala. Destaca o grupo de Vigo, ligado á familia García Arenal e representado por Sofía Novoa Ortiz e M.ª Antonina Sanjurjo Aranaz. A primeira, leal colaboradora de María de Maeztu na Residencia; e a segunda, unha moza inquieta que ampliou os seus estudos en Estados Unidos e morreu prematuramente. Por especialidades, destaca o grupo de mulleres pedagogas que estudaron na Escola Superior do Maxisterio de Madrid (sete) e, por provincias, Pontevedra foi a que mandou mais residentes a Madrid.

As galegas que estudaron e viviron na Residencia de Señoritas de Madrid recibiron unha formación intelectual e espiritual que levaron dentro toda a súa vida, polo feito de estar nun centro herdeiro da tradición da Institución Libre de Enseñanza. Tras a guerra correron distinta sorte, fóra ou dentro de España, no estrañamento físico ou no exilio interior, pero nunca nada volveu ser igual para elas.



Autor/a da biobibliografía: Raquel Vázquez Ramil (2015)

Extras sobre

CCG_ig_angeles_alvarinho_residencia_01.jpg
CCG_ig_angeles_alvarinho_residencia_01.jpg
CCG_ig_angeles_alvarinho_residencia_02.jpg
CCG_ig_angeles_alvarinho_residencia_02.jpg
CCG_ig_mallo_residencia_1930.jpg
CCG_ig_mallo_residencia_1930.jpg
CCG_ig_mallo_residencia_1936.jpg
CCG_ig_mallo_residencia_1936.jpg
CCG_ig_rita_fernandez_residencia_01.jpg
CCG_ig_rita_fernandez_residencia_01.jpg
CCG_ig_rita_fernandez_residencia_02.jpg
CCG_ig_rita_fernandez_residencia_02.jpg
CCG_ig_olimpia_carta_residencia.jpg
CCG_ig_olimpia_carta_residencia.jpg
CCG_ig_morales_residencia.jpg
CCG_ig_morales_residencia.jpg
CCG_ig_residencia_senhoritas_reportaxe.jpg
CCG_ig_residencia_senhoritas_reportaxe.jpg
CCG_ig_residencia_senhoritas_reportaxe_sarto.jpg
CCG_ig_residencia_senhoritas_reportaxe_sarto.jpg
CCG_ig_residencia_Fortuny_53.jpg
CCG_ig_residencia_Fortuny_53.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document