culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Rita Fernández Queimadelos

Unha arquitecta pioneira dentro e fóra de Galicia


Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) o 17 de agosto de 2012.
Fonte: http://www.coam.org/ [última consulta: 13/04/2015]

A Torre - A Cañiza 1911 - Barcelona 2008

Ámbitos de ocupación...
Doméstico
Empresarial / Prof. Liberais
Político - Institucional

Nota: Para a elaboración desta entrada biobibliográfica unha das principais fontes documentais é a entrevista realizada a Rita Iranzo Fernández dentro do proxecto MAGA (ver ligazóns). Consultáronse ademais fondos de: Servicio Histórico de la Fundación COAM (Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid), COAMU (Colegio Oficial de Arquitectos de Murcia), Archivo General de la Administración (AGA). Alcalá de Henares, Archivo Municipal de Murcia, Archivo General de la Región de Murcia, Archivo Municipal de Molina de Segura / Archivo Central, Archivo Municipal de Mula.


Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos nace na Torre, municipio da Cañiza (Pontevedra), en 1911. Filla de Domingo Fernández y Fernández e de Modesta Queimadelos Vázquez, comerciantes e propietarios da mercería ourensá La Modernista, situada entre as rúas Calvo Sotelo e San Miguel, reside durante a súa infancia e adolescencia entre Ourense e A Torre, onde pasa os seus períodos vacacionais.

Entre 1928 e 1930, instálase coa súa avoa materna en Santiago de Compostela para cursar dous anos de Ciencias Químicas e Ciencias Exactas na Universidade desta cidade. Amais disto, asiste na Escola Elemental de Artes e Oficios á materia de Debuxo. Durante este tempo, reafírmase na decisión de realizar estudos de Arquitectura.
A súa vocación viña xa de longo e parece deberse á influencia do seu avó, Eduardo Queimadelos Ribera, quen exerce como agrimensor na Cañiza, e ao contacto coas labores de carpintaría que se realizan con asiduidade na casa familiar.

Cando expón na súa casa o desexo de estudar Arquitectura, non atopa o apoio do seu pai. Este, que quería que estudase piano, considera pouco axeitada para unha muller a profesión de arquitecto e, ademais, desgústalle o necesario traslado fóra de Galicia xa que, nestes momentos de primeira posguerra, só había dúas escolas de arquitectura en España, a de Madrid e a de Barcelona. Rita acada o seu obxectivo co poio das súas dúas avoas, especialmente co da materna, coa que mantén unha máis estreita relación.

En outubro de 1930, trasládase a Madrid para preparar o ingreso na Escola de Arquitectura e reside na sección feminina da Residencia de Estudantes, a chamada Residencia de Señoritas, dirixida daquela por María de Maetzu e na que se afonda algo máis noutra das entradas biobibliográficas deste Álbum. Durante o curso académico 1930-31, prepara os exames do grupo de materias artísticas que é preciso superar: Debuxo lineal lavado, Debuxo de ornato e Debuxo de figura. Supera as dúas primeiras neste curso. Aproba a terceira ao ano seguinte.

En 1932-33, ingresa na Escola e cursa o denominado Curso Preparatorio 1, primeiro ano dun total de seis. Coincide nas aulas con Matilde Ucelay Maórtua (primeira arquitecta titulada en España en 1936), con María Cristina Gonzalo Pintor e con Lali Urcola.

Entre o profesorado que imparte docencia na Escola de Arquitectura atópanse destacados arquitectos. Dous deles van incidir de maneira evidente nas dúas etapas do futuro exercicio profesional de Rita F. Queimadelos; na primeira, Modesto López Otero y Bravo (catedrático de Proxectos Arquitectónicos), ao lle propor que se incorpore á Área de Proxectos da Dirección Xeral de Rexións Devastadas (DXRD); na segunda, Francisco Navarro Borrás (profesor agregado e catedrático interino de Mecánica e Topografía, Xeodesia e nocións de Astronomía), director da Oficina Técnica de Construcións Escolares do Ministerio de Educación e Ciencia e representante na Comisión de Arquitectura Escolar da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), ao suxerir o seu nomeamento como Arquitecto Escolar Provincial da Rexión de Murcia.

Entre 1932 y 1936 realiza catro cursos. Tras a paréntese de tres años motivada pola contenda civil española (1936-1939), Rita F. Queimadelos asiste entre 1939 e 1940 a dous cursos intensivos e de exames continuos, denominados “cursos patrióticos”, e finaliza os seus estudos o 26 de agosto de 1940. Convértese, así, na terceira muller en España en obter o título de Arquitecto, tras Matilde Ucelay Maórtua (1936) e María Cristina Gonzalo Pintor (1940). A cuarta estudante, Lali Urcola, non remata a carreira. Foron as únicas mulleres en estudar Arquitectura en España ao longo das catro primeiras décadas do século XX. Así mesmo, no período comprendido entre novembro de 1939 e maio de 1940, realiza o Servizo de Auxilio Social, actividade obrigatoria para as mulleres da época e necesaria para a expedición do título universitario.

Tal e como se indicou, ao finalizar os estudos, Modesto López Otero ofrécelle a posibilidade de traballar na DXRD. Única arquitecto que traballa neste organismo, comeza a súa actividade profesional e desenvolve o seu labor entre 1941 e 1946, na área de Proxectos, Negociado de Arquitectura, da Sección de Reconstrución. En paralelo, vai realizar algunhas obras como profesional independente.

Rita F. Queimadelos casa o 22 de maio de 1942 con Vicente Iranzo Rubio, licenciado na Facultade de Ciencias da Universidad Central de Madrid. O matrimonio ten seis crianzas: Vicente (1943), Rita (1945), Elena (1947), Mª de los Dolores (1948), a cuarta filla que falece ao pouco de nacer (1949) e Pilar (1952).

Tras o nacemento da súa terceira filla, Elena, en decembro de 1947, vai interromper a actividade profesional durante oito anos. Neste período vai residir na capital de España mentres o seu marido, tras obter a praza vacante da Cátedra de Química Inorgánica da Facultade de Ciencias na Universidad de Murcia no concurso convocado en xaneiro de 1945, reside durante a semana en Murcia e se traslada as fins de semana a Madrid.

Esta situación cambia en 1955. Rita F. Queimadelos fixa a súa residencia en Murcia xunto co seu marido e crianzas. Iníciase así a segunda etapa do seu exercicio profesional. Durante as dúas décadas seguintes desenvolve o exercicio libre da profesión, compatibilizándoo cos cargos de Arquitecto Escolar Provincial da Rexión de Murcia entre os anos 1960-67 e de Arquitecto Municipal de Mula no período comprendido entre 1962-67.

Este período péchase en 1973. Neste ano, Vicente Iranzo obtén mediante concurso o traslado á praza de Catedrático de Química Inorgánica Aplicada da Facultade de Farmacia da Universidad Central de Barcelona. Este feito provoca que Rita F. Queimadelos deixe a práctica profesional activa e se traslade a vivir a esta cidade. De aquí en diante, aínda que realiza os proxectos de restauración da súa nova vivenda e da do seu fillo, non volve exercer a profesión de arquitecto de maneira regulada.

O 26 de setembro de 2008 falece en Barcelona aos 97 años de idade.


Autor/a da biobibliografía: Paula Fernández-Gago Longueira (2015)

CCG_ig_album_queimadelos_002.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_002.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_003.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_003.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_004.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_004.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_005.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_005.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_006.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_006.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_007.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_007.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_008.jpg
CCG_ig_album_queimadelos_008.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document