culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

 As espontáneas de San Xoán de Río

Sexualidade extraconxugal e tentativas de control municipal das mulleres no século XIX


Autora da ilustración: Renata Otero
1847 (data do primeiro expediente).San Xoán de Río (Terras de Trives) 1847 - 1852 (data do último expediente). San Xoán de Río (Terras de Trives) 1852

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Doméstico
Marítimo / Agrícola / Gandeiro

No arquivo municipal de San Xoán de Río (Ourense) conserváronse trinta expedientes de 1847 a 1852 que permiten achegármonos a algunhas manifestacións da sexualidade de mulleres á marxe do matrimonio e ás tentativas de control das mesmas por parte das autoridades municipais decimonónicas. Segundo a documentación, o obxectivo declarado polos poderes públicos era evitar as prácticas abortivas, o que, precisamente, acaba constituíndo un sólido indicio para pensar na súa existencia no marco dunha sexualidade feminina más aberta e diversa da que se adoita imaxinar para o século XIX. Estamos ante unha fonte certamente excepcional, que, porén, permite coñecer unha realidade social posiblemente máis xeneralizada do que reflicten outros documentos históricos e literarios do momento.

Nun contexto no que as únicas prácticas sexuais ben vistas eran as matrimoniais, destinadas a garantir a reprodución familiar, este pequeno repertorio documental sobre as chamadas “espontáneas” –nome derivado da “espontaneidade” coa que crecían os seus ventres a pesar de estar solteiras e, por tanto, non ser considerados lícitos eses embarazos–, é unha fonte de grande interese para coñecer a confrontación existente entre as marxes de liberdade sexual tradicional –en gran medida aceptada socialmente, segundo apuntan moitos dos estudos realizados sobre a ilexitimidade no Antigo Réxime–, e os cambios que se foron producindo ao respecto na mentalidade colectiva do século XIX, especialmente co proceso de consolidación do Estado liberal e dunha moralidade burguesa que tendeu a promover a conversión das mulleres en auténticos “anxos do fogar”, reprimindo moitas das marxes de liberdade das que dispuñan nos períodos históricos anteriores.

Aínda que os documentos conservados emanan da alcaldía dun pequeno municipio do rural ourensán como é San Xoán de Río, as verdadeiras protagonistas dos mesmos son as mulleres, solteiras e viúvas, que se viron sometidas a un interrogatorio público máis ou menos estandarizado. O que se pretendía era coñecer se estaban embarazadas –como así apuntaban os seus ventres avultados–, e quen foran os responsables de “seducilas” e, por tanto, de deixalas embazadas. Isto evidencia o paternalismo absoluto existente por parte das autoridades masculinas cara as mulleres ao entender que as prácticas sexuais non podían estar motivadas polo propio desexo delas senón unicamente polo engano ou abuso dos varóns. Ademais, as autoridades municipais querían poñer ás embarazadas baixo a tutela dalgún familiar ou membro da veciñanza –home ou muller–, que sería quen debería evitar que a “espontánea” malograra o froito da súa preñez. Por exemplo, Francisca Álvarez do Reboledo foi entregada á súa ama, Rosa Arias dos Abeledos, para “celarla, y vigilarla, para que no derrame la prole que en su vientre abriga”.

As respostas ofrecidas nos expedientes revelan situacións moi diversas. A través delas podemos coñecer non só os nomes das “espontáneas” –mulleres campesiñas como a meirande parte das que vivían na Galicia do momento–, senón tamén achegármonos ás súas voces de forma indirecta.

Xustificándose no engano sufrido polas falsas promesas de homes, algunhas recoñecen o embarazo e, consecuentemente, a súa ou as súas prácticas sexuais extramatrimoniais. Neste sentido, este grupo de espontáneas dá conta dos feitos e das súas consecuencias, pero din telo feito porque recibiron palabras de casamento finalmente non cumpridas. Así, Ramona Gómez, moza viúva e veciña do Reboledo, di que “su dañante fue su primo Donato Álvarez, quien la sedució con palabras de casamiento, y vajo ellas a él se subjetó”. Cando menos publicamente, o seu modelo de comportamento tería certa xustificación ao non ser totalmente rompedor co modelo imperante dunha muller que debería vincular e limitar a súa práctica sexual ao matrimonio. Dese modo, os embarazos poderían chegar a aceptarse socialmente ao existir unha promesa matrimonial, e este é o caso que máis se repite nas declaracións estudadas. Porén, cómpre preguntarse sobre a veracidade desta afirmación en tódolos casos, é dicir, se todas as que declaran esta situación foron realmente vítimas de falsas promesas, ou se se podería tratar dunha declaración destinada a salvagardar parte da súa honra, unha honra que se vía danada socialmente ao se visibilizar o embarazo. Neste sentido, é difícil afirmar ou negar con rotundidade se nos atopamos ante unha estratexia que as mulleres empregaron para se presentar a si mesmas como vítimas dun engano dun varón, ocultando o feito real de vivir unha experiencia sexual en liberdade fóra das convencións sociais que as condenaría radicalmente ante a mirada masculina que se exercía desde as autoridades municipais e desde outras instancias de poder no seo do Estado liberal. En todo caso, trataríase dun aproveitamento do discurso patriarcal, dunha estratexia para defenderse ante a misoxinia imperante que lles negaba, posiblemente cada vez máis, a súa liberdade sexual. De todos modos, parece probable a reiteración desas falsas promesas matrimoniais no seo da sociedade decimonónica como forma de abuso dos homes sobre as mulleres, cuxa sexualidade –e non a dos varóns– era a que estaba sometida a un forte control social e podía comprometer a situación e imaxe pública delas. Aínda así, documéntanse outros casos de “espontáneas” nos que parece ser real o desexo de casar, como sucede con Ana Rodríguez, moza viúva e veciña do Aciveiro, na parroquia de Cerdeira, da que sabemos que “su dañante Domingo Fernández, mozo soltero, y vecino de San Pedro del Vurgo, a quien se subjetó bajo palabras de casamiento, al que hallándose presente dijo ser cierto (…) con quien trataba de cumplir, y casarse, lo que no podía hacer por lo de ahora, en cuanto no quita la licencia de sus jefes, mediante es soldado”. Nesta ocasión, trataríase dunha manifestación clara de prácticas sexuais prematrimoniais que, pese a ir contra as normas, poderían chegar a aceptarse socialmente se finalmente era celebrado o casamento.

Noutros casos as declaracións apuntan cara a existencia de prácticas sexuais libres entre homes e mulleres á marxe do matrimonio, sen mediar engano nin abuso. Este último podería ser o caso de Manuela Pérez, veciña de Valdemiotos, que declara o nome do “danante”, “a quien se sujetó vajo una amistad entablada ya hace algún tiempo”, ou o de Cecilia Diéguez, moza solteira e veciña de Seoane, que declara que o seu “dañante fue Ramón Álvarez de las Cortes, a quien se subjetó vajo un apetito carnal”. Esta é a mesma resposta que ofrecen Magdalena Álvarez das Cabanas ao falar do seu embarazo de seis meses e Catalina Álvarez, da parroquia de Castrelo, embarazada de sete meses.

Ás veces as “espontáneas” negáronse a “manifestar su dañante”, como Benita Rodríguez, da parroquia de Santa María de Castrelo, que estaba embarazada “de ocho meses sobre poco más o menos”, ou Silvestra Pérez de Villardá que “no descubre su dañante, mediante no le es conveniente hacerlo”. ¿Cabe sospeitar dalgún home da igrexa ou casado? Tamén hai algunhas que declaran non estar seguras do seu embarazo como Dominga Álvarez, moza solteira da parroquia das Cabanas, que “no sabe ciertamente si se halla embarazada, aunque es cierto que ha tenido aceso carnal” con un veciño seu chamado Andrés “ya hace tres meses y medio, quien la sedució con palabras amorosas”, polo que foi “depositada” en poder do seu pai Pascual Álvarez.

Finalmente, hai incluso mulleres que non recoñecen o seu estado, como Francisca Vázquez, moza solteira, veciña das Guístolas. Esta muller, sen dúbida tratando de escapar do control das autoridades municipais, di ter o ventre crecido porque “va a hacer un año que le andaba su regla, y habiendo comido un poco de pulpo en este estado, se le detubo, y aún no le volvió hasta hoy día”. Non parece ser unha resposta que convenza a José González, alcalde constitucional de San Xoán de Río, quen a entrega finalmente á súa nai, Josefa Rodríguez, para que a “cele, vigile, y repare de su hija, a fin de que no eche a perder la prole, si acaso la abriga en su vientre y para que de ocho en ocho días se presente ante dicho Sr. Alcalde”.

En definitiva, a pesar dos discursos imperantes, discursos elaborados fundamentalmente por homes e tendentes a inculcar no imaxinario colectivo a represión da sexualidade feminina á marxe do matrimonio, as fontes históricas reflicten a existencia dunha realidade rica e diversa na que cabe ter en conta, xunto aos enganos e abusos dos homes, a existencia de marxes de liberdade das mulleres tanto no que respecta á práctica da súa sexualidade como de control dos seus corpos –de aí que se contemple a posibilidade das prácticas abortivas–. Nese sentido, o Estado liberal e a moralidade burguesa supuxeron un reforzamento da tentativa patriarcal por reprimir esa realidade, de aí a preocupación das institucións públicas por coñecer e poñer límites a actuacións de mulleres que, sen dúbida algunha, afectaban ao ámbito da súa vida persoal. Logrado ou non, o certo é que os expedientes das “espontáneas” de San Xoán de Río posiblemente evidencian unha cotidianidade máis próxima á realidade social de moitas mulleres do rural decimonónico galego do que os modelos burgueses que se nos transmiten a través doutras fontes e que, desde logo, non contribúen máis que a encorsetar a experiencia histórica das mulleres dentro duns modelos de feminidade que, se ben tentaron ser implantados, non poden ser xeneralizados e utilizados como retrato histórico da realidade das mulleres do século XIX.

Estudos de caso coma o aquí apuntado van demostrando que posiblemente o excepcional era esa imaxe do “anxo do fogar”, dunha feminidade totalmente subordinada ao conxunto de modelos teóricos de dominación androcéntrica e patriarcal. De aí que sexa necesario profundar na historia social e cotiá das mulleres mediante a recuperación de fontes que aporten luz sobre a diversidade desa experiencia de ser muller ao longo da historia de Galicia. Neste camiño, os expedientes das “espontáneas” de San Xoán de Río que hoxe recuperamos resultan un exemplo moi ilustrativo sobre o que seguiremos indagando.



Autor/a da biobibliografía: Miguel García-Fernández (2016)

CCG_ig_album_espontaneas_San_Xoan.jpg
CCG_ig_album_espontaneas_San_Xoan.jpg
CCG_ig_album_espontaneas_renata.jpg
CCG_ig_album_espontaneas_renata.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document