culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade


Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade

O pensamento feminista en xeral e os feminismos organizados en concreto contribuíron decisivamente a que a violencia contra as mulleres saíra do peor dos lugares, o da inexistencia produto do silenciamento. Rachar o silencio implica coñecer, deixar de mirar para outro lado, e permite abrir vías para afondar nas lóxicas sociais e culturais que estruturan a dita violencia. Atender as súas constantes, variacións e reactualizacións para poder intervir ata conseguir erradicala é un obxectivo necesario. Para iso, o esforzo por dotármonos de conceptos, termos e espazos de reflexión que permitan pensar, comprender e atender esta realidade en toda a súa complexidade foi e segue a ser fundamental. As mozas sofren a violencia en diferentes contornas, na familiar, na escolar e tamén nas primeiras relacións afectivas. A reprodución de estereotipos sexistas, a comprensión do amor como dominación e control ou a “normalización” da cultura da violación fan necesario desenvolver ferramentas educativas e lexislativas que permitan previr e tratar todas as novas formas de violencia. As redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres. Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega considerouse importante contribuír ao debate social, e articulouse unha xornada que, desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras, permitiu afondar na relación violencia e mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnologías.

Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade