culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Novas formas da violencia de xénero: o patriarcado na xustiza


Novas formas da violencia de xénero: o patriarcado na xustiza

Nesta proposta da Comisión de Igualdade do CCG, os debates e as reflexións centráronse na xustiza, por ser un dos piares que deben garantir a seguridade e a integridade de mulleres e menores lonxe da contaminación de séculos de tradición e hábitos sociais do patriarcado. Un dos motivos e argumentos que acompañaron as mobilizacións feministas nos últimos tempos ten que ver coa violencia de xénero e o seu impacto directo nas crianzas. As reiteradas sentenzas “exemplarizantes” supoñen exemplos explícitos dos ditados da xustiza neste campo, contaminadas pola mentalidade patriarcal: cegas á perspectiva de xénero e invisíbeis para a sociedade pola imparcialidade que se lles atribúe. A cegueira do patriarcado, determina na actualidade moitas decisións xudiciais que nos retrotraen a tempos que quixeramos imaxinar pasados, nos que o prezo da liberdade dunha muller é a perda da custodia de fillos e/ou fillas. A xustiza está a aceptar argumentos acientíficos como a “síndrome de alienación parental” ou as obxeccións á universalidade da custodia compartida, que consolidan prexuizos como o da visión das mulleres como seres perversos que instrumentalizan as súas crianzas contra a figura paterna e, que en numerosas ocasións acaba por xustificar aos agresores, culpabilizando ás mulleres e deixando as súas crianzas en mans de quen as utiliza para exercer un grao de violencia extremo contra delas.. Desde o feminismo, partindo da base de que un maltratador non pode ser un bo pai, reivindicase outra forma de facer xustiza, que identifique e combata o patriarcado. Que teña en conta a existencia real dunha violencia vicaria e a necesidade de identificar a asunción social de modelos de masculinidades agresivas e violentas. Unha xustiza, ao cabo, que non permita ou facilite a violencia dos proxenitores contra a súa propia descendencia.

Novas formas da violencia de xénero: o patriarcado na xustiza