culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Mulleres e antropoloxía en Galicia. Antropoloxía aplicada na acción sociocultural.


Mulleres e antropoloxía en Galicia. Antropoloxía aplicada na acción sociocultural.

Xornada, promovida pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, co obxectivo de dar a coñecer e pór en valor diferentes achegas que, desde a antropoloxía e/ou a etnografía, contribuíron ao estudo e análise da realidade das mulleres en Galicia. Quérese incidir tanto nas contribucións de carácter teórico como na aplicación da antropoloxía e dos métodos de traballo relacionados con ela. Trátase, en definitiva, de pensar nos beneficios prácticos que a disciplina antropolóxica pode achegar ás comunidades. Na sesión da mañá, sen perder de vista o lugar ocupado pola antropoloxía na actualidade en Galicia, reflexionouse sobre os diferentes marcos de comprensión antropolóxicos aplicados á realidade obxecto de estudo proposta. Sobre os retratos e relatos, ás veces contraditorios, que diferentes estudosos e estudosas produciron, de xeito concreto ou transversal, sobre «a/s muller/es galega/as» ou as mulleres en Galicia. Prestarase especial atención ás propostas e reflexións propias da antropoloxía aplicada e tamén ás olladas de xénero e/ou feministas, máis concretamente a propostas xurdidas desde a antropoloxía feminista. Na sesión da tarde terán maior protagonismo os casos prácticos. Traballos pensados desde as comunidades e para as comunidades que, no seu desenvolvemento, fan uso de propostas metodolóxicas e técnicas propias da disciplina antropolóxica. Prácticas que implican vincularse coas comunidades ou persoas obxecto de estudo, para aprender e entender a súa cultura. Propostas que, tendo en conta a relevancia do contexto e o significado que teñen os actos humanos, buscan a participación activa de persoas e/ou grupos na organización, mobilización e desenvolvemento dos seus propios recursos e potencialidades.

Mulleres e antropoloxía en Galicia. Antropoloxía aplicada na acción sociocultural.