Un centro de documentación dixital en elaboración permanente
O Álbum de mulleres é un proxecto da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Esta elabora vías e medidas que desde un enfoque de xénero permiten pór en valor e dar visibilidade ás contribucións das mulleres en todos os ámbitos de relacións sociais. O Álbum de mulleres navega na rede de internet desde o dous de decembro de 2005 e o núcleo que lle dá forma desenvólvese co establecemento dunha relación de colaboración continuada entre a citada Comisión e o portal culturagalega.org., ten como principais obxectivos recuperar e facilitar progresivamente o acceso á información, datos, voces, imaxes, escritas, traballos e traxectorias de mulleres galegas e/ou relacionadas con Galicia. Configúrase como un centro de documentación dixital que ten a intención de ser de utilidade en dous niveis: un, de divulgación máis xeral e empregable como fonte de referencias informativas básicas; e outro que de forma máis concreta poda ser empregado como ferramenta de traballo en ámbitos especializados de investigación, ensino, etc. Configúrase e reconfigúrase con: Unha galería biobibliográfica que se incrementa quincenalmente, achega relacións e producións de mulleres, e está composta de arquivos fotográficos, pictóricos e sonoros, documentos, textos e comentarios mais ou menos recentes e de diferente autoría. Liñas do tempo que se revisan anualmente e nas que se recollen de forma cronolóxica e en tres niveis (Galicia, Territorio español e Mundo) acontecementos e datas relevantes facendo fincapé nas referencias de e sobre mulleres. Especiais nos que se abordan diferentes temas en profundidade e se incorporan e amplían arredor de datas conmemorativas e acontecementos de especial relevancia. Xornadas recollen os materiais derivados deste tipo de eventos organizados pola Comisión de Igualdade do CCG. As Cartografías recollen un tratamento documental en profundidade de mulleres concretas en razón de unha por ano. En Bibliografía, se recollen todas as referencias consultadas na elaboración das biobibliografías. Ligazóns agrupa en diferentes categorías referencias de diferentes páxinas web que son revisadas e ampliadas periódicamente. Recóllense en Agradecementos os nomes de persoas, arquivos e bibliotecas, institucións, organizacións, publicacións e editoriais que colaboran de forma desinteresada na elaboración do Álbum de mulleres.
|