culturagalega.org

Qué é o Álbum?
inicio / cartografias / Xohana Torres

Xohana Torres

Autora de referencia imprescindible na literatura galega contemporánea

<< inicio / Cronoloxia literaria

1931
O 22 de novembro de 1931 nace en Compostela Xohana Torres Fernández.
A familia axiña se traslada a Ferrol pola profesión do pai, mariño. Alí pasa a súa infancia e mocidade. A familia paterna era orixinaria do Grove e a familia materna do Ribeiro de Avia, lugar asociado á memoria da avoa Dolores, que tanto protagonismo ten na súa obra literaria.
1931
Xohana Torres recorda a súa infancia:

Desde a xanela do Arsenal observábase un mar abreviado. Co xantar cotián estaba a oferta dos movementos das nubes, partes meteorolóxicos de Bares e Ventoso, a manobra dos remolcadores, o dique, a correntada... Pasei a miña infancia cunha buguina na orella á escoita do rumor da auga.


Torres, Xohana: Eu tamén navegar, p. 12, Real Academia Galega, 2001.
[Descargar en PDF]

1941
Comeza o bacharelato no Colegio de Enseñanza General de Ferrol.

No primeiro curso ten como profesor de Historia e de Literatura a Ricardo Carvalho Calero, que viña de saír do cárcere tras a súa participación no bando republicano.
1941
Carbalho Calero recorda á súa alumna:

Ficou Xohana catalogada como unha rapaza intelixente, dunha intelixencia desperta nos anos en que a maioría das intelixencias permanecen dormidas.


Carvalho Calero, Ricardo: “Prólogo”, en Xohana Torres: Do sulco, p. 10, Galaxia, 1957.
1953
No n.º 3 de Aturuxo. Revista de Poesía e Crítica aparece “Nai” é o primeiro poema en galego publicado de Xohana Torres sobre o paso de nena a adulta. Nese mesmo número recóllense poemas de Carvalho Calero, Luz Pozo Garza, Celso Emilio Ferreiro, Mario Couceiro e Concha Zardoya, entre outros. Xohana recolleuno, con algunhas variacións, no seu primeiro libro, Do sulco.


Fonte da imaxe: exemplar da Fundación Penzol
1956
Recibe o Premio da Asociación de la Prensa de Vigo polo poema “Nuestra primavera, tojos”.
[Descargar en PDF a información publicada en La hoja del lunes]
1956
Comeza a súa andaina radiofónica no programa Teresa, de Ferrol, e desde alí fai unha defensa da incorporación das mulleres á vida pública.
1957
No movemento literario de hoxe, non podía faltar a muller. A súa actividade está unida ao porvir histórico da terra.


Torres, Xohana: “Introducción ao recital no Círculo Mercantil en 1957” en Xosé Luís Franco Grande: Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración, p. 389, Galaxia, 2004.
1957
Poemario Do sulco, o seu primeiro libro publicado como n.º2 da colección Illa Nova de Galaxia. Leva limiar do seu profesor, Carvalho Calero. Nel relata episodios da mocidade de Xohana Torres como a súa intervención como actriz nunha representación de teatro afeccionado no Teatro Jofre de Ferrol.
1957
O 29 de marzo Xohana Torres intervén na sesión de clausura do ciclo Homenaxe á lírica galega que ten lugar no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela. Nel participaban os novos escritores galegos alentados polo grupo Galaxia. Abriu o seu recital cunhas palabras sobre a poesía galega e unha defensa das escritoras. Durante a súa estadía en Compostela entra en relación co círculo galeguista. Ese mesmo ano matricúlase en Filosofía e Letras, estudos que non remata.
1957
Xohana Torres na vida cultural ferrolá:

Recordemos, por ejemplo, unas Brujas de Salem, maravillosamente representadas en el salón de actos del principal centro docente local... (Andaba Xohana Torres de por medio)


Torregrosa, José: "Apuntes para la historia de Teatro Estudio de Ferrol”, Ferrol Análisis, n.º 16, 2001.
[Descargar en PDF]
1957
Nestes anos colabora co Teatro Estudio de Ferrol, dirixido por Alfredo Osset, que programa textos contemporáneos (Miller e Albee, entre outros).
1958
Salvador Lorenzana [Francisco Fernández del Riego] faille unha entrevista á autora, “Conversa con Xohana Torres”, para o n.º 36 de Galicia Emigrante, publicación que dirixía Luís Seoane en Bos Aires.

[Descargar en PDF]
1958
No libro Ramón Otero Pedrayo. A súa vida e a súa obra. Homaxe da Galicia universal, preparado polos círculos galeguistas nos anos 50 e 60 e editado polo Centro Galego de Caracas, publícase o poema de Xohana Torres “Nun clamor de raíces”. Xohana como moitos mozos galeguistas, mantivo correspondencia con el.
1960
Sobre a obra de Xohana Torres Antón dos Leis, novela curta inédita
O 14 de novembro de 1960 Piñeiro escríbelle a Fernández del Riego: “Estivo aquí [en Compostela] Xohana Torres. Sigue a traballar na súa novela e ten tamén un libro de versos”. Dous anos despois Piñeiro dille a Basilio Losada, nunha carta, que leu os primeiros capítulos dunha novela, moi interesante, de Xohana Torres. Tratábase do mecanoscrito do inédito Antón dos Leis.
1962
Carta de Ramón Piñeiro a Carbalho Calero na que fala da obra de Xohana Torres:

Si, a túa intelixente discípula Xoana Torres está agora entusiasmada e moi preocupada co teatro. Anda a preparar un libro de poemas para [a colección] Salnés e ten feita unha peza de teatro (...) A novela [Antón dos Leis], en troques, semella que sufriu bastantes viravoltas. Comezara con moito pulo. Logo refixo varios capítulos, aproveitando isas viaxes que fai polo Mediterráneo co seu home [José Luis Ellacuría]. Despois deixou de falar dela, mesmo como si a tivera abandonado momentaneamente


Alonso Girgado, Luís et al. (eds.): “Carta de Piñeiro de 15/01/1962” en Cadernos Ramón Piñeiro. V. Cartas de Ramón Piñeiro a Ricardo Carvalho Calero, p. 51, Xunta de Galicia/CIRP, 2004.
1965
Comezan as emisións do programa radiofónico Raíz e tempo, en La Voz de Vigo, por iniciativa da Asociación Cultural de Vigo. A súa primeira directora e presentadora foi Xohana Torres e entre os colaboradores estaban Xosé Manuel Beiras, María Xosé Quinteiro ou Xoán Bernárdez Vilar. A partir de 1966 substitúea Xosé Luís Franco Grande.
1965
Publica Á outra banda do Iberr con ilustracións de Xohán Ledo .
Obra de teatro finalista do Premio Castelao. Protagonizada por Malen de Escó, debulla o desarraigamento do exilio e as dúbidas sobre se volver á patria de orixe, Galandia.

Fonte da imaxe: exemplar da Fundación Penzol
1965
Mónica Bar Cendón escribe sobre Á outra banda do Iberr :

Á outra banda do Iberr desarrolla unha problemática planteada tamén, con certa ironía, no teatro europea deste século, coma no caso de Exiliados de J. Joyce, ou Os emigrados de S. Mrozec. As tres pezas cadran en mostrar o desacougo e a sensación de fracaso”


Bar Cendón, Mónica: “Escritoras dramáticas gallegas: dos propuestas subversivas” en Breve historia feminista de la literatura española (en lengua catalana, gallega y vasca), vol. VI, p. 227, Anthropos, 2000.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1965
Manuel Lourenzo destaca Á outra banda do Iberr :

A comezos dos anos sesenta escribíronse obras interesantes. Eu lembro unha de Xohana Torres, Á outra banda do Iberr, cun ton críptico e alegórico, no que os personaxes tiñan nomes estranos, de resoancias nórdicas e chocábame o emprego do galego naquela contextos. Daquela non resultaba natural o emprego do galego para determinados personaxes que non o falaban na realidade.


Vieites, Manuel: “Entrevista con Manuel Lourenzo. Premio Nacional de Literatura Dramática” en ADE Teatro, p. 64-65 ,1998.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol

1965
Ramón Piñeiro sobre Á outra banda do Iberr :

O libro de Xohana Torres [Á outra banda do Iberr] debe saír o Día das Letras Galegas. Ese día otorgarase o novo premio Castelao e entregaráselle a Xohana o exemplar editado do seu
.

Fernández del Riego, Francisco: “carta de R. Piñeiro de 20/04/1965” en Un epistolario de Ramón Piñeiro, p. 216, Galaxia, 2000.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol

1965
Sobre Á outra banda do Iberr :

[Malen] non cre nos falsos soños nin nas falsas promesas que os homes confiados ligan á volta da terra propia, pero tampouco non comunga coa renuncia dos que quedan na Cidade Allea (...). E aí queda exiliada


Blanco, Carmen: Sexo e lugar, p. 91, Xerais, 2006
1965
Sobre Á outra banda do Iberr :

Aparece en 1965 a súa primeira contribución ao teatro. Malia non ser o texto vencedor (…) o xurado decidiu motu propio publicalo, coa axuda de Galaxia, dada a súa excelente calidade


Pérez Durán, Gabriel: “A perpetuidade do xogo da ourela. Unha achega ao teatro de Xohana Torres” en Anuario de Estudos Literarios Galegos 2005 (2006.
[Descargar en PDF]

1965
Publica no n.º 8 da revista Grial “Stanislawski e o teatro moderno” (p. 231-235). Comentario sobre as repercusións do método Stanislawski na formación de actores de cinema e teatro.
[Descargar en PDF]
1966
Recibe o II Premio Castelao por Un hotel de primeira sobre o río.

Fonte da imaxe: Ilustración dun exemplar de Un hotel de primeira sobre o río. Fundación Penzol
1966
Comeza a súa andaina como tradutora traducindo dous libros infantís do catalán ao galego:

- Cots, Jordi: O abeto valente, La Galera, Barcelona / Galaxia, colección A Galea de Ouro, Vigo.

- Vives de Fàbregas, Elisa: O globo de papel, La Galera, Barcelona / Galaxia, colección A Galea de Ouro, Vigo. Con ilustracións de Fina Rifá,

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1966
Basilio Losada escríbelle a Ramón Piñeiro sobre O abeto valente e O globo de papel:

Hai xa tres ou catro días que recebín O abeto valente e O globo de papel, os dous primeiros libros infantiles pubricados en galego si non ando trabucado. Xa os tiña visto na Esposición do Libro Infantil (...). Son unha verdadeira maravilla. Xohana Torres verteu o testo, non sei si con fidelidade, pero si cunha sensibilidade esquisita


Piñeiro, Ramón; Losada, Basilio: “Carta de Losada do 28/12/1966” en Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1964, p. 551, Galaxia, 2009.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1967
O libro de Xohana Torres Polo mar van as sardiñas publicado por Galaxia con Ilustracións de Ismael Balanyà, é o primeiro conto infantil orixinariamente escrito en galego nos anos 60. Nel nárranse as aventuras dun neno que sae ao mar e aprende a pescar. Traduciuse inmediatamente ás outras linguas do estado, dentro dun ambicioso proxecto de coedición de literatura infantil e xuvenil por parte de Galaxia e Edili coa editorial catalá La Galera. A versión en castelán reeditouse en 1969 cunha tirada de 7.250 exemplares.

Fonte da imaxe: exemplar da Fundación Penzol
1967
Sobre Polo mar van as sardiñas :

Polo mar van as sardiñas ha recuperado con el tiempo la importancia de ser una de las obras pioneras de la literatura infantil gallega


Domínguez Pérez, Mónica: “Polo mar van as sardiñas y sus traducciones” en Madrygal, n.º 11, p. 32, 2008.
[Desgargar o artigo en PDF na web da UCM]


Traducións:
- de Nemesio Etxaniz ao basco: Goazen sardiñetara!, La Galera, Edili / Barcelona, 1967.

- de Ismael Balanyà ao castelán: ¿Cómo es de rico el mar?, La Galera, Barcelona 1967.

- de Eulàlia Valeri ao catalán: Com és de rica la mar?, La Galera, Barcelona, 1967.

1967
Publica en Galaxia e con ilustracións de Asun Bazola, a tradución do libro de Eulàlia Valeri escrito orixinariamente en catalán Todos os nenos do mundo seremos amigos.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1967
Publica “A dura maxestade do silencio”, poemas publicados no n.º 16-17 de Claraboya (p. 90-93) sobre poesía galega preparado por Basilio Losada (edición bilingüe galego/castelán).
1967
Xohana Torres é unha das persoas que responde á enquisa do Faro de Vigo (11/03/1967) sobre a necesidade do ensino en galego. Nas súas respostas defendeu:

E que maior tesouro que o dun país que, malia a presión exercida, mantén viva e rica a lingua e dignamente representada a súa literatura?
1968
Publica en Galaxia Un hotel de primeira sobre o río, con Ilustracións de Isaac Díaz Pardo. Obra de teatro, na que, a partir da protagonista, María, abórdase o desacougo da muller, o conflito rural/urbano, a industrialización e a emigración a Europa.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1968
No mes de abril asina a Carta dos artistas e escritores galegos ao rector da Universidade de Galicia pedindo o cese da represión contra os e as estudantes que participaron nas revoltas universitarias dese ano.
1970
O 24 de outubro dáse a coñecer o fallo da primeira, e única, edición do Premio Galicia convocado polo Centro Galego de Bos Aires, o certame literario mellor dotado en galego, con 200.000 pesetas. A novela premiada foi Adiós, María. Ao premio concorreron, entre outros, Eduardo Blanco Amor, que mostrou publicamente o seu desacordo co fallo, e Silvio Santiago.
1970
Mercedes Brea analiza Adiós, María:

é unha novela a ter en conta nestes aires que corren na literatura galega contemporánea; é un paso máis nese difícil camiño pra conquerir unha verdadeira novela galega


Brea, Mercedes, “Adiós María, de Xohana Torres: estructura e personaxes”, Grial, n.º 37, p. 352, 1972.
1971
Publicase en Buenos Aires Adiós, María nunha edición patrocinada polo Centro Gallego e máis o Instituto Argentino de Cultura Gallega de Buenos Aires, e, coa colaboración de Edicións Castrelos de Vigo

Fonte da imaxe: Exemplar da Biblioteca do CCG
1971
Basilio Losada escribelle a Ramón Piñeiro sobre Adiós, María :

En xeneral, a novela da Xohana Torres gustou francamente. Todos falan ben dela –non garantizo que Blanco Amor e Silvio [Santiago] participen desa opinión-, e coido que se vende moi ben (xa van vendidos mil exemplares, según din)


Piñeiro, Ramón; Losada, Basilio: “Carta de Losada do 14/09/1971” en Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1964, p. 871, Galaxia, 2009.
1971
Ramón Piñeiro escríbelle a Basilio Losada sobre Adiós, María :

faleille a Xohana da posibilidade dunha xestión para editala en castelán. Díxome que lle escribira Lara interesándose pola edición castelá e que tamén o Ferrín lle transmitira unha oferta semellante por encargo doutra editora. A actitude da Xohana é que escribe en galego por lealtade á lingua e que unha tradución inmediata ao castelán (...) sería pouco consecuente co seu sentir (...) [Xohana] díxome tamén que ten escrita outra novela que se chama Os funcionarios, que entregará a Galaxia


Piñeiro, Ramón; Losada, Basilio: “Carta de Piñeiro do 14-IX-1971” en Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1964, p. 871-872, Galaxia, 2009.
1971
Sobre Adiós, María:

Xohana Torres somérsexe nesta novela no escuro polvorín da familia e nas complexísimas relacións femininas do patriarcado (...). Pois, para a neta, a avoa representa o principio de realidade, sempre negativo, e a verdade más amarga da diferencia sexual


Blanco, Carmen: “Morrer no mar de mulleres desecado. Unha lectura de Adiós María de Xohana Torres” en Galicia & Terrranova & Labrador, p. 183, Xaquín Rodríguez Campos e Xosé Santos Solla (coord.), USC
[Descargar o PDF na web da UB]

1971
Recensión crítica de Basilio Losada a Adiós, María :

O monólogo, longo e complexo, é un reflexo moi logrado da fala suburbial, cos modismos, as incorrecciós, os castelanismos e vacilacións semánticas dos galego erosionado dos arrabaldes. Verdadeira regalía pra lingüistas, documento vivo da situación da fala


Losada, Basilio: “Recensión crítica a Adiós María, de Xohana Torres”. Revista Colóquio/Letras, n.º 8, p. 99, 1972.
1971
Sobre Adiós, María :

Ferrol debería acordarse también de Xohana Torres -dice Laura [Landeira] (…). Pero como es callada y no hace apenas vida social, nos olvidamos de lo que significa aquí y afuera. Yo claro que me acuerdo: estando en la cárcel de La Coruña, en el 72, me envió por medio de la pianista Naty Lamas, un ejemplar dedicado de Adeus, María que aún conservo. Eso era exponerse, y mucho, en aquel tiempo”


Torregrosa, José. "Apuntes para la historia de Teatro Estudio de Ferrol” en, Ferrol Análisis, n.º 16, p. 38, 2001.
[Descargar en PDF]

1971
Sobre Adiós, María :

Estamos pois diante dunha novela de concienciación, pero desprovista dunha progresión positiva, dun camiño ascendente. Polo contrario, en María Briz aflora a frustración, de maneira que non é unha heroína triunfante: a penas a toma de consciencia dun fracaso presente e futuro


Bermúdez, Teresa, Unha lectura de Adiós María de Xohana Torres, Xerais, p. 71, 2002
1972
Recibe o Primeiro Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña polo seu ensaio Viaxe ao país do Teixido. Inédito (citado noutras fontes como San Andrés de Lonxe: mitos e ritos).
[Descargar en PDF]
1972
Publica “O tempo e a memoria” no n.º 37 de Grial (p. 307-322). O retorno ás vivencias na infancia en Ferrol e a constatación do paso do tempo son o fío desta colección de poemas que logo se recolle, como sección de seu, en Estacións ao mar.
1972
O folleto da exposición Lodeiro da Galería Jofer de Pontevedra entre os días 8 a 15 de xuño, inclúe textos de Xohana Torres e Álvaro Cunqueiro.
1972
Xohana Torres recibe o Pedrón de Ouro
1979
Tradución do catalán de varios contos infantís publicados en Galaxia:
- Camps, Montserrat; Camps, Anna; Romagosa, Quima (adapt.), O lobo lelo. Con Ilustracións de Francesc Bofill

- Camps, Montserrat; Camps, Anna; Romagosa, Quima (adapt.), O traxe novo do emperador. Con ilustracións de Montserrat Ginesta.

- Desclot, Miquel (adapt.), O demo Rapatú. Ilustrado por Rita Cullà

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1980
Xohana Torres, xunto con Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Camino Noia e María Xosé Queizán conforman o xurado do concurso de poesía feminista convocado pola Coordinadora Feminista de Vigo
1980
Publica na colección Dombate Poesía de Xerais Estacións ao mar. Primeiro libro para adultos publicado logo da polémica xerada co Premio Galicia de 1970 e a ausencia da vida literaria da autora. Recolle coleccións de poemas publicados con anterioridade. Neles compre destacar a importancia da xenealoxía, a patria, a liberdade, a memoria da infancia e o diálogo coa súa avoa Lola.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1980
Sobre Estacións ao mar :

Da man de Lola, a neta Chuchiña irá coñecendo o mundo e aprenderá a voar coas ás de gaivota


Seara, Teresa: “Arte de grumete (diálogo co verso de Xohana Torres)” en Festa da Palabra Silenciada, n.º 17, p. 91, 2002.
1980
Sobre Estacións ao mar :

a poeta insiste coa súa «palabra no tempo» (como outra poetisa galega de postguerra, María Mariño) e non deixa de furgar na «hedra da memoria» que medra sobre o tempo da nenez, a terra e a morte. En efeito, estes son tres temas omnipresentes nas catro partes do libro


Blanco, Carmen: “[Recensión crítica a Estacións ao mar, de Xohana Torres” en Revista Colóquio/Letras, n.º 62, p. 106 , 1981.
1980
Sobre Estacións ao mar :

convertida en autora canónica é a evidencia da escritora afouta pero ferida. Ela, que tan activa foi desde finais dos cincuenta, ela que tamén fixo os deberes da normalización no seu momento e se meteu a escribir teatro e narrativa e literatura infantil, ela que escribiu NETA ou PATRIA como berro político... ela, en fin, que optou polo silencio, para poder, por fin, escribir


González, Helena: “Xohana Torres, a dona dos mapas” en Grial, n.º, 166, p. 139, 2005
1980
O 26 de abril de 1980 ten lugar a grabación dunha homenaxe a Álvaro Cunqueiro con poemas do mindoniense recitados por Laura Pérez Landeira, Xoaquín Lens, Xohana Torres, Amelia García e música de Emilio Cao.
[Acceda aos audios]
Fonte: Arquivo Sonoro de Galicia
1980
Publica en Galaxia o conto infantil Pericles e a balea con ilustracións de Xosé Manuel Xiráldez. Nel o churreiro Pericles decide botarse a navegar a lombos dunha balea. Pasado o tempo saberase que segue a vender churros nas Antillas.

Fonte da imaxe: Exemplar da Fundación Penzol
1981
Acada o Premio da Crítica de poesía galega da Asociación Española de Críticos Literarios por Estacións ao mar.
[Acceda a máis información en PDF]
1984
Traducións:
-de Joxantonio Ormazabal ao basco: Perikles eta balea, Elkar-La Galera.
- de Basilio Losada ao castelán: Pericles y la ballena, La Galera.
- de Francesc Boada ao catalán: Pericles i la balena, La Galera.
1986
Publica no n.º 10 de Dorna “Chámome imaxe á malva luz da hora” (p.7).
Poema que logo ha incluír en Tempo de ría.
1987
Publícase o Monográfico Festa da Palabra Silenciada, Especial Xohana Torres. [Descargar en PDF]

O colectivo feminista FIGA reinvindicaba a Xohana Torres como modelo para a unha escrita feminista e comprometida con Galicia. Na sección de antoloxía publicáronse catro poemas inéditos de Tempo de ría, entre eles o seu poema máis coñecido, “Penélope”, que axiña se converteu en bandeira do feminismo cultural galego, singularmente o seu último verso: “EU TAMÉN NAVEGAR”. O monográfico incluía estudos de Margarita Ledo, Isabel Mouriz, Camino Noia, Carmen Blanco, M. Carme Ríos Panisse, Teresa Barro e Katlheen N. March e, entre outras, textos de M. do Carme Kruckenberg, Luz Pozo, María Xosé Queizán, Ana Romaní, Helena Villar e unha daquela descoñecida, María do Cebreiro.
1988
Publica “Catro poemas” en Dorna, n.º 14, p. 5-8. Adianto de textos que publicaría, con variacións, en Tempo de ría.
1991
Publica o texto “Laxeiro en Vigo” na Homenaxe a Laxeiro de escritores e artistas de Galicia, Citania Galería de Arte, p. 108,1991.
1992
Publica en Espiral Maior Tempo de ría con ilustración da cuberta de Laxeiro.
Causou moita expectación por ter transcorrido once anos desde o seu anterior poemario publicado. Nel aparecen tres temas recorrentes na súa poesía: a orixe, o tempo e a existencia. Nel recóllese o seu poema máis coñecido, “Penélope”.
1992
Sobre Tempo de ría :

Na recuperación do tempo ido, a través da memoria, xorde o símbolo positivo das Illas –con maiúscula-, que se albiscan desde a casa (...), que son ensoñación, a poesía mesma e, ao final (logo de seren patria, soño e poesía), as Illas singularízanse para expresaren os íntimos afectos


Villar, Rafael X: “[Recensión crítica a Tempo de ría, de Xohana Torres” en Revista Colóquio/Letras, n.º 137, p. 106.
1992
Traduce a obra de Rudyard Kipling Just so stories xunto con M. Dolores Martínez, tradutora literaria e sobriña súa. Publicase en Galaxia co título Así foi.
1992
Publícase a escolma de escritoras galegas vivas coordinada por Camino Noia Palabra de muller que contén un retrato e unha biografía breve da autora.
1992
Recibe o Premio á Creación Feminina da Xunta de Galicia na súa segunda e derradeira edición
1992
O Concello de Santiago de Compostela institúe en 1992 o Premio de Investigación Xohana Torres.
1994
No mes de xuño Un hotel de primeira sobre o río é posta en escena no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A representación correu a cargo do Grupo de Teatro Atide baixo a dirección de Rodolfo López Veiga.
[Descargar o programa en PDF]

Fonte da imaxe: arquivos de Victor Vez e de Rodolfo López Veiga
1995
No mes de outubro Pura Vázquez publica o “Poema a Xohana Torres” en Contemporánea , n.º 1 (p. 22-23).
1996
En 1996 recibe a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
1997
A Fundación Rosalía de Castro publica Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas. Libro-Cd homenaxe con poemas a Rosalía de Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán, Helena Villar, Chus Pato, Pilar Pallarés, Xela Arias, Ana Romaní, Yolanda Castaño e Xohana Torres. O título do seu poema é “Ti es para min isa barca...”.
[Accede aos audios]
1997
Escribe o “Limiar” da obra de Santiago Gutiérrez publicada en Xerais Merlín e a súa historia (p. 9-10).
1997
Distribúese un folleto co poema “Penélope” en galego e catalán co gallo da exposición bibliográfica Literatura galega de muller. Eu tamén navegar durante o congreso internacional Bellesa, dona i literatura do Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona. A tradución é de Alfredo Salom e Sònia Garcia.

2000
O día 5 de outubro a “Revista das letras” (RDL), suplemento de O Correo Galego, conforma un monográfico titulado ‘Xohana Torres’ no que se Inclúe o seu poema inédito “Ofelia” e poemas expresamente escritos para a ocasión de Luz Pozo, Ana Romaní, Lupe Gómez, María do Cebreiro e Chus Pato.

Xohana Torres. Rdl, 334, supl. de (05/10/2000).
[Descargar en PDF]
2001
Por proposta de Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande, o 17 de marzo de 2001 é elixida para ingresar na Real Academia Galega, presidida naquela altura por Francisco Fernández del Riego.
2001
O día 27 de outubro Ingresa na Academia Galega. No acto da súa recepción fai lectura do discurso titulado Eu tamén navegar. A resposta correu a cargo do Señor Salvador García Bodaño.
[Descargar en PDF]
2001
Publícase en A Nosa Terra Ferrol, corazón de navío, con Fotografías de Xan Carballa.

Escolma de poemas relacionados coa súa cidade natal publicados co gallo do seu ingreso na RAG. Na presentación do libro, que tivo lugar o 8 de novembro, interviñeron Pilar Pallarés, Luísa Villalta, Chus Pato, Laura Pérez Landeira, Cesáreo Sánchez, Xulio Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello.
[Accede á noticia na web de La Voz de Galicia]
2001
Reedición de Adiós María nunha colección popular de La Voz de Galicia, Biblioteca Galega.
2002
Publica “Paco” unha semblanza do editor e amigo Francisco Fernández del Riego en Homenaxe a Francisco Fernández del Riego en Xesús Ferro Ruibal(Ed.), p. 215, Fundación Premios da Crítica.
2002
No mes de xaneiro Laura Pérez Landeira publica “Xohana, los resplandores” en Razón Socialista, n.º 12, p. 30-31.
2002
O 1 de febreiro, co gallo do pasamento de Concepción Arenal, o colectivo de mulleres Diálogos 90 de Vigo fai entrega do Premio Mulleres Destacadas a Xohana Torres, Aida Fernández e Rosa Fontaíña. Recolle no nome da poeta, a súa amiga Laura Pérez Landeira, que le poemas de Tempo de ría , o inédito “Ofelia” e “Penélope”.
2002
O 7 de marzo estréase o espectáculo poético-musical Son delas, no que cantantes como Uxía Senlle, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Susana Seivane, Guadi Galego, María Manuela e Ugia Pedreira interpretan poemas das principais escritoras galegas, entre elas, Xohana Torrres, escolmados por Ana Romaní. O espectáculo fixo xira nese mes por Compostela, Lugo e A Coruña.
2002
O 31 de agosto recolle o Premio Casa dos Poetas cadrando co cabodano de Celso Emilio Ferreiro. O acto tivo lugar na Sala da Lareira da Casa de Curros en Celanova e no seu discurso falou sobre a vinculación a Ribadavia e Curros.
[Descargar en PDF]
2002
O 9 de outubro, en representación da RAG, forma parte do Xurado do Premio Nacional de Poesía.
2002
O 26 de outubro estréase no Coliseo Noela Un hotel de primeira sobre o río da Escola Municipal de Teatro de Noia, dirixida por Víctor Vez.
2003
Publica no n.º 364 do Boletín da Real Academia Galega “As navegacións oceánicas de Xosé Antón Avilés Vinagre” (p. 219-223). É o texto da intervención no acto institucional da Academia Galega celebrado o 17 de maio en Noia co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Avilés de Taramancos. Interviñeron Xohana Torres, Luz Pozo e Salvador García-Bodaño. O texto publicouse tamén en A Trabe de Ouro, 54 (2003).
[Descargar en PDF]
2003
O 30 de abril Xohana Torres e mais Luz Pozo, María Xesús Nogueira, Luciano Rodríguez e Luís González Tosar compoñen o xurado do I Premio de Poesía Caixanova, que acadou Xavier Seoane con Dársenas do ocaso.
2003
Pedímoslle a cinco críticos que escollesen cada un cinco poemas dos 25 últimos anos. A idea era conseguir 25 composicións nunha antoloxía mínima do cuarto de século. (...) Varios críticos coincidiron en dous poemas, “Penélope” de Xohana Torres e “A un meu fillo” de Xosé Luís Méndez Ferrín


“Os mellores poetas dos 25 anos. Os antólogos escollen ‘Penélope’” en Cadernos de Pensamento e Cultura, 25 Letras en cambio, n.º 29, páx. 27.
2004
O PEN Clube promove a edición preparada por Luciano Rodríguez Xohana Torres. Poesía reunida (1957-2001).
A antoloxía escolma practicamente toda a obra poética publicada da autora, incluíndo dez poemas soltos non incluídos en ningún libro. O estudo preliminar de Luciano Rodríguez ofrece a primeira biografía extensa da autora e unha bibliografía exhaustiva.
2004
Galaxia reedita Polo mar van as sardiñas, con ilustracións de Federico Fernández.
Deste xeito a Editorial Galaxia recoñecía o labor pioneiro de Xohana Torres como autora de literatura infantil e xuvenil e recuperaba este conto como un clásico da LIX galega. A presentación desta nova edición tivo lugar o 19 de marzo, Día da Árbore, na Praza da Ferrería de Pontevedra. Alí plantouse o rododendro Xohana Torres.
[Consulte a noticia na hemeroteca de La voz de Galicia]
2004
Publica no n.º 19 da revista Ferrol Análisis “A Hortensia Landeira in memoriam” (p. 260-261)

Texto dedicado á amiga de Ferrol que lle abriu a súa biblioteca na mocidade e nai de Laura Pérez Landeira, que ten recitado e representado a Xohana Torres en diversos actos públicos.
2004
O Concello de Santiago de Compostela acorda dedicarlle unha rúa a Xohana Torres.
2004
O 8 de marzo Xohana Torres asiste ao fallo e entrega do Premio de Investigación que leva o seu nome. Na súa intervención fixo referencia ás mulleres sometidas á intransixencia. No libro de honra do Concello escribiu:

A luz da carballeira entre arcadas e pórticos e voa Rosalía dos altos pedestais
2005
Publícase Olas atlánticas. Edición preparada por Luciano Rodríguez. E editada pola Deputación de Málaga. É unha antoloxía bilingüe, galego-castelán, da obra poética de Xohana Torres.
2005
Sobre a obra de Xohana Torres:

unha das máis importantes tendencias literarias de Torres é aquela centrada na vivencia da terra, asentada nun arraigado sentimento nacionalista, por un lado, e por outro, nunha paixón natural de raíz telúrica. A terra é anceiada como patria libre e tamén como mundo natural. E directamente vencellada a esta dirección telúrica cabe sinalar outra visión do suxeito feminino na escrita de Torres


Novo, Olga: “A voz interna, conmovida, última. Análise temática da obra de Xohana Torres” enUnión Libre, n.º 1, p. 145, 1996
2005
Publícase en Espiral Maior o seu “Prólogo” ao libro de Lupe Gómez O útero dos cabalos (p. 9-10)
[Descargar en PDF]
2005
Colabora cun texto na exposición Os gozos e as sombras: 10 poetas+10 artistas, novas visións comisariado por Antón Sobral e Yolanda Castaño que se inaugurou na Fundación Torrente Ballester de Compostela o 23 de maio
2006
Intervén nun recital poético con Antonio Gamoneda, António Salvado e Xosé Luís Méndez Ferrín organizado polo PEN Clube e celebrado no CCG.
[Acceda aos audios]
2006
Colabora no disco Galicia e as Cantigas de Santa María, de Antoni Rossell & G. Courtly Music Consort (Consello da Cultura Galega) recitando textos medievais.
[Acceda aos audios]
2006
Gravación en voz da autora do seu poema máis coñecido, “Penélope” para a publicación do Consello da Cultura Galega Poetas e narradores nas súas voces
[Acceda aos audios]
2006
Créase o I Premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero organizado pola Xunta de Galicia, concedido ex aequo á Asociación de Promoción da Muller Liberanza e mais á Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos.
2007
Publica “No fondo dos camiños”. Texto incluído no libro de fotografías de Jorge Candán e Xurxo Lobato Mares de Finisterrae (p. 173)
2007
Na campaña conxunta da Xunta de Galicia e a Federación de Panaderías de Galicia Pan con poesía co gallo do Día da Poesía 2007, repartíronse bolsas de pan con poemas de diversas autoras como María Mariño, Marilar Aleixandre, Marica Campo, María do Carme Kruckenberg, Pilar Pallarés, Chus Pato, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán e Eva Veiga e Xohana Torres.
[Descargue o folleto da campaña en Praza das Letras]
2007
Concédeselle o II Premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero organizado pola Xunta de Galicia, á Marcha Mundial das Mulleres.
2008
Inclúese un texto de Xohana Torres no catálogo da exposición Marieta Quesada que permanece na Casa de Galicia en Madrid desde o día 2 ao 31 de xullo.
2008
Inaugúrase o Ciclo de cine documental Historias de Lorref, adoptando o anagrama que empregou Xohana Torres para se referir á súa cidade natal.
2009
O día 9 do mes de xullo publícase co título ‘Lupe Gómez’ o suplemento “Revista das letras” do xornal Galicia Hoxe. Trátase dun texto de creación construído en diálogo con Xohana Torres.
[Acceda ao suplemento na web de ECG]
2009
O 29 de outubro de 2009 ten lugar en Compostela a xornada Xohana Torres, a dona dos mapas, organizada pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona.
[Acceda ao programa das xornadas]