1927

O 19 de xullo nace María Wonenburger Planells en Montrove (Oleiros). A familia do seu pai, Julio Wonenburger, é orixinaria de Alsacia; a da súa nai, Amparo Planells, de Valencia. A súa é unha infancia feliz na que goza do contacto coa natureza e dos xogos infantís tradicionais.

1931

Ingresa no Colexio Francés da Coruña para comezar os seus estudos, axiña descobre a súa destreza e afección polo cálculo matemático. Para ela é particularmente atraente o concepto da multiplicación. Fonte da imaxe: álbum fotográfico de María J. Wonenburger

1934

Múdase coa familia para O Temple, parroquia do concello de Cambre próxima á cidade da Coruña, onde vai continuar a súa formación escolar.

1936

Ingresa no Colexio del Ángel da cidade da Coruña. Neste período ten dupla residencia; durante a semana vive na cidade coas tías e, nas fins de semana, na casa familiar no Temple.

1937

A familia de María Josefa Wonenburger Planells regresa de novo á cidade da Coruña. Ela ingresa no instituto coruñés Eusebio da Guarda para cursar o bacharelato. Fonte da imaxe: http://www.urbanity.es

1944

Termina os estudos de ensino secundario coa vontade de cursar a carreira de Matemáticas, mais, por decisión familiar e por causa da situación política no territorio español, atrasa o ingreso na universidade por un ano. Nesa tempada dedícase á lectura de libros de matemáticas. Destaca entre os seus preferidos Elementos de análisis algebraico de Julio Rey Pastor. Fonte da imaxe: http://www.mercadolibre.com.ar/

1945

María trasládase a Madrid e instálase na Residencia de Señoritas situada na rúa Fortuny. Matricúlase na Universidad Central de Madrid para cursar estudos de Matemáticas e en San Bernardo para cursar alemán os sábados á tarde. A súa amizade coa afillada do mestre Guerrero ábrelle posibilidades para asistir a espectáculos artísticos do momento. Fonte da imaxe: http://pueblosespana.es

1947

Finaliza o segundo ano de carreira e durante o verán dedícase ao estudo dalgúns problemas de álxebra tradicional propostos por Ricardo San Juan. Estes coñecementos sonlle de grande axuda no coñecemento das ecuacións diferenciais, ás que se vai enfrontar no curso seguinte. Fonte da imaxe: http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Roessler_attractor.png

1948

A Variable Complexa e a Xeometría Descritiva son dúas das materias que aborda María Josefa Wonenburger Planells no cuarto curso da carreira cos profesores Tomás Rodríguez Bachiller e Germán Ancochea, respectivamente. Fonte da imaxe: http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Color_complex_plot.jpg

1949

No quinto curso matricúlase, entre outras, da optativa de Álxebra –a súa gran paixón–, que dá o profesor Germán Ancochea. Fonte da imaxe: http://www.darienps.org/

1950

Finaliza os estudos de licenciatura coa primeira promoción de licenciadas e licenciados en Matemáticas pola Universidad Central de Madrid, coa carreira feita en cinco anos. Ata entón a licenciatura viña sendo de catro anos e denominábase Ciencias Exactas. Fonte da imaxe: álbum fotográfico de María J. Wonenburger

1950

Inicia os estudos de doutoramento na Universidad Central de Madrid. Esta etapa ten unha duración de tres anos e consiste na asistencia a encontros matemáticos e a conferencias. Algunhas delas déronas profesores como Erns Witt ou Julio Rey Pastor, que lle propuxeron diversas colaboracións.

1951

O falecemento do seu pai lévaa a trasladarse para A Coruña durante o primeiro semestre do segundo curso de doutoramento.

1953

María termina neste ano os estudos de doutoramento. É unha alumna destacada, polo que os seus mestres non dubidan en animala a continuar a súa formación en universidades estranxeiras.

1953

Na primavera María recibe a confirmación de que lle outorgaron a bolsa Fullbright (1ª edición). Realiza a súa viaxe aos EE UU no Constitution, barco que parte do porto de Xibraltar o 15 de xullo e chega ao seu destino cinco días despois. María fai unha primeira parada na cidade de Nova York para solucionar cuestións burocráticas, unha semana máis tarde trasládase a Siracusa para facer un curso de formación na Universidade desta cidade durante seis semanas. Pasado este período chega á Universidade de Yale e comeza os seus estudos baixo a dirección de Nathan Jacobson, un dos alxebristas máis destacados do século XX. Fonte da imaxe: http://www.todoababor.es/

1957

María Josefa Wonenburger obtén o título de doutora coa investigación On the Group os Similitudes and Its Projective Group dirixida por Nathan Jacobson. Durante os meses de verán traballa no Laboratorio de Física de Yale, colaborando na obtención das solucións dunha ecuación de tipo Coulomb. Fonte da imaxe: álbum fotográfico de María J. Wonenburger

1958

María J. Wonenburger, xa de volta en España, recibe unha bolsa de investigación de tres anos. Durante este tempo, por causa de que non lle convalidan o título de doutora obtido o ano anterior en Yale, realiza novos cursos de doutoramento no Instituto Matemático Jorge Juan do CSIC e traballa nunha nova tese de doutoramento, dirixida por Germán Ancochea. Fonte da imaxe: http://www.kalipedia.com/

1960

Por recomendación de Jacobson, María J. Wonenburger recibe un convite do profesor Israel Halperin para solicitar unha bolsa de posdoutoramento para traballar na Queen University en Kingston, Ontario, que consegue e que a leva a permanecer dous anos nesta cidade. Fonte da imaxe: álbum fotográfico de María J. Wonenburger

1962

María J. Wonenburger acepta unha oferta de traballo para dar aulas na Universidade de Toronto; é, daquela, a única muller que ocupa un posto de Assistant Professor de matemáticas nesta institución. Fonte da imaxe: http://i169.photobucket.com

1966

Robert Moody, coa dirección de María Wonenburger e baixo o título Lie Algebras Associated With Generalized Cartan Matrices, defende a súa tese de doutoramento. A finais deste curso, María dá por terminada a súa estadía en Toronto. Fonte da imaxe: “Special unitary group” na wikipedia

1966

María trasládase a Búfalo, permanece un ano na universidade desta cidade como Associated Professor e dá Álxebra. Fonte da imaxe: //buzzligo.com

1967

María incorpórase como Full Professor á Universidade do estado de Indiana, onde permanece ata 1983. Aquí desenvolve un importante labor docente e investigador e conta entre os seus compañeiros con destacados matemáticos como Zorn, Halmos ou Azumaya. Fonte da imaxe: www.roxanamarquez.com.ar

1968

Robert Moody publica a tese de doutoramento presentada dous anos atrás e que realizara baixo a dirección de María Josefa Wonenburger Planells. Trátase da investigación que dá orixe ás álxebras coñecidas na actualidade co nome de Kac-Moody e polas que a comunidade científica recoñece a Wonenburger como unha matemática de primeira liña.

1971

Stephen Berman le a súa tese de doutoramento realizada baixo a dirección de María Josefa Wonenburger Planells e titulada On the construction of simple Lie álgebras. Fonte da imaxe: http://owpdb.mfo.de/detail?photo_id=9105

1972

Richard Lawrence Marcuson defende a tese de doutoramento dirixida por María Josefa Wonenburger Planells titulada Some new B-N pairs.

1976

Bette Warren defende a tese de doutoramento dirixida por María Josefa Wonenburger Planells e titulada A study of nilpotent and abelian linear groups with applications to finite group structure. Fonte da imaxe: Silvia Sokolovsky

1979

Co título On the duality and eigenvalues of the finite unitary reflections groups, Edward George Gibson publica a súa tese de doutoramento dirixida por María Josefa Wonenburger Planells. Fonte da imaxe: Bill Casselman

1983

Por motivos persoais e familiares, concretamente por causa da delicada saúde da súa nai, María decide regresar á Coruña e deixar a súa carreira profesional. Isto non significa que abandone a disciplina matemática. Ata a actualidade continúa mantendo un contacto diario coas matemáticas a través da lectura de libros e revistas de álxebra que conforman a súa valiosa biblioteca persoal e a través da redacción dalgún artigo. Segue a cultivar tamén as súas afeccións pola música, polo teatro, pola lectura, o aprecio polas amizades e a alegría de vivir.

2000

Falece Amparo Planells, nai de María Wonenburger.

2001

María Josefa Wonenburger Planells, xunto coa súa descendencia matemática, asiste no Banff Centre de Canadá á xornada Reflections in Symmetry. Fonte da imaxe: http://owpdb.mfo.de/detail?photo_id=9105 Acceda á arbore xenealóxica-matemática de María J. Wonenburger: http://www.genealogy.math.ndsu.nodak.edu/id.php?id=3151

2008

A Universidad Complutense de Madrid faille entrega a María Josefa Wonenburger Planells do título de doutora. Este título obtivérao María cincuenta anos atrás coa tese de doutoramento presentada no Instituto Matemático Jorge Juan do CSIC.

2010

O 18 de marzo María Josefa Wonenburger Planells, no marco do II Obradoiro de Investigación Científica “Unha profesión con futuro?” ,organizado por Precarios-Galicia na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, participa nun coloquio sobre o lugar da mocidade na investigación. Acceda a máis información: http://iesga.es/taller/ga/taller.html