culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

João da Nova

Navegante galego ao servizo da Coroa portuguesa, descubridor da illa onde morreu Napoleón

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 29/05/2014

Extras sobre João da Nova:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “João da Nova”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/05/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1001
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Maceda (Ourense) 1450
  • Falecemento: Kochi (India) 1509
Chamado en Galiza Juan de Nóvoa (ou Noboa) e en Portugal «João o Galego», é un personaxe pouco coñecido en ambos os dous territorios, con unha biografía chea de lagoas e confusións.

”Galego de naçom” incorporado á elite portuguesa

Segundo a bibliografía consultada, João da Nova procedería da casa dos Nóvoa de Maceda, familia nobre que tiña a súa orixe na tamén vila ourensá de Ribadavía. A data de nacemento, de 1450, é unha estimación, en función da idade dalgúns colegas (Prol, 2002). Arredor de 1480 marchou cara Portugal, probablemente unha certa fuxida por mor de disputas da nobreza galega cos Reis Católicos.

Na década dos noventa, quizás favorecido pola estreita relación co financeiro Tristão da Cunha, xa formaba parte da clase dirixente portuguesa e as fontes do país luso refírense a el como «galego de naçom» e de orixe nobre. O acceso á Corte visualizouse co nomeamento de “alcaide” de Lisboa, cargo que ocupou, cando menos, de 1496 a 1501. É probable que participara en expedicións náuticas pola costa africana, acadando, desde 1501, un papel salientable no proceso de expansión marítima portuguesa de principios do século XVI (Rey Tristán, 1999).

Portugal na vangarda da navegación, exploración e comercio mundiais

A conquista da cidade estratéxica de Ceuta, en 1415, polos exércitos portugueses, marcou o inicio da expansión europea, sobre todo lusa, polo continente africano. O infante Henrique, «o navegante», fundaría en 1417, en Sagres, preto do Cabo San Vicente, a denominada «Escola de Sagres», onde confluíron expertos na navegación mariña, como o cartógrafo mallorquino de orixe xudía Yehuda Cresques. Coa morte de Henrique, en 1460, a Escola pasou para Lisboa, que se converteu en centro da navegación mundial, con figuras coma un tal Cristóbal Colón nunha estadía de dez anos. Máis alá da dimensión real da institución, a iniciativa revelaba o interese da Coroa portuguesa por dispoñer do mellor asesoramento técnico para o seu proxecto de expansión marítima.

Sucesivamente, navegantes lusos chegarían a Madeira, 1419, Azores, 1431, pasarían o cabo de Buena Esperanza, 1488, ata que en 1498 Vasco da Gama fixo a primeira viaxe á India e contactou co comercio de especias da costa malabar (parte da India que mira a África). O comercio mundial ata esas datas estaba nas mans de turcos e venecianos, que no Mediterráneo controlaban o paso dos produtos chineses e hindús. Vasco da Gama estableceu definitivamente unha ruta alternativa, atlántica, que se desenvolveu nas décadas seguintes e colleu novo pulo co acceso da Coroa de Castela a América. En 1500, Alvares de Cabral, con unha poderosa armada, buscou abrir o mercado das especias para Portugal. Todo o proceso de exploración de novas rutas e establecemento de bases comerciais foi levado con certo segredo, coa utilización paralela de espías («emisarios») na zona do Índico, por exemplo, Afonso de Taiva e Pêro da Covilha.

As expedicións de Nova á India

Como vemos, João da Nova estaba nunha posición excepcional nun momento histórico singular. Persoa de confianza da Coroa, dispuña de valiosa información dos mellores cartógrafos e navegantes do seu tempo e nesas condicións recibiría en 1501 o encargo de dirixir a terceira expedición portuguesa cara a India. Non tivo a transcendencia doutras porque se situou entre as magnas viaxes de Vasco da Gama e Cabral, porén resultou importante como preparación da seguinte de Vasco da Gama, en 1502, e contribuíu no proceso de exploración e expansión comercial portuguesa.

En marzo de 1501 partiu de Lisboa a frota ao mando de João da Nova, capitán maior da mesma. Catro naves e uns trescentos cincuenta homes para «confirmar rutas e escalas cara a India y, principalmente, establecer relaciones comerciales con los puertos malabares que controlaban el mercado de especias» (Rey Tristán, 1999).

Cando parte João da Nova, Cabral non volvera e o galego só dispuña da información procedente da exploración inicial de Vasco da Gama. Para dotar a expedición, a Coroa recorrerá a recursos privados, dos comerciantes italianos instalados en Lisboa, nun ensaio de sistema mixto de financiamento que funcionaría no século XVI. Así, a Coroa armou dúas naves, unha sociedade presidida por Bartolomeo Marchione outra, e D. Álvaro, Duque de Bragança, a coarta.

En xullo pasaron polo Cabo de Buena Esperanza e continuaron por Mozambique, mais nese momento África non era o obxectivo. A frota cruzou desde Melinde á India, en novembro pasaron polos illotes de Santa María, na costa malabar, e seguiron ata Cananor, Calecut e Cochin. Asentaron as relacións comerciais, establecendo unha «factoría» (posto comercial) en Cananor. Coa súa presenza, estaban a romper o equilibrio comercial previo na costa africana e malabar, o que non agradaba aos anteriores protagonistas, musulmáns e algúns xefes locais. Retornaron a Lisboa en setembro de 1502, os catro barcos e abundantes especias.

En 1505 participaría noutra expedición á India, neste caso formando parte da frota de Francisco Almeida, quen sería o primeiro vicerrei das novas terras, con João da Nova ao mando do buque insignia da mariña portuguesa, Frol de la Mar. Neste caso, o obxectivo variara: a Coroa pretendía asegurar o monopolio da navegación e do comercio, para o que precisaba establecer un dominio colonial que incluía, coma sempre, unha posición de forza. João da Nova mantivo un enfrontamento con Almeida, pois defendía que o rei lle dera o encargo de actuar como capitán maior da frota portuguesa nunha parte da India cando esta chegara ao seu destino, extremo que negaba Almeida. Descontento, o mariño galego decidiu volver a Portugal en 1506 e na accidentada viaxe atopouse co seu amigo Tristão da Cunha en Mozambique. Cambiou de plans e desde alí marchou cara o Golfo Pérsico e, de novo, á India. Participou en diversos combates, como na célebre batalla naval de Diu, na que xunto a Almeida, derrotaron, en 1509, a unha coalición de turcos, exipcios e hindús. Ese mesmo ano, ou a principios de 1510 (Prol, 2002), morreu João da Nova en Cochin, actualmente Kochi, no Estado hindú de Kerala. A localidade foi o primeiro asentamento europeo na India, un importante centro do comercio das especias nese tempo e capital da India portuguesa ata 1530.

Descubrimentos xeográficos

Se ben as expedicións de João da Nova tiñan obxectivos comerciais e militares, no seu percorrido por novas rutas non estaba ausente o elemento explorador. Como indicamos, os mariños portugueses estaban entre os mellores do mundo canto ao coñecemento da cosmografía e técnicas de navegación. Na expedición de João da Nova utilizouse un instrumento de medición astronómica de orixe oriental, o «kamal», tamén chamado «tavoletas da India» ou «balhestinha do mouro», que servía para medir a altura das estrelas en isbas (polgadas) (Prol, 2002).

Na primeira viaxe, en 1501, a frota de João da Nova descubriu a illa da Conceiçao (Nossa Senhora de Conceiçao), hoxe Ascensión, e na volta a Lisboa a illa de Santa Helena (1502). Ascensión é unha illa volcánica situada no Atlántico nas coordenadas 7° 56' S, 14° 22' O, a medio camiño entre África e América. En 1836 visitouna, no Beagle, Charles Darwin, quen promoveu a plantación de vexetación na illa. Santa Helena, con coordenadas 15° 57′ S, 5° 43′ O, está situada a máis de 2.800 quilómetros de distancia da costa occidental de Angola. Ten sona por ter servido como prisión británica para Napoleón Bonaparte, quen morrería (envelenado?) alí.

Tamén se lle atribúe a João da Nova o descubrimento da illa «Agalega», dous illotes do Índico (coordenadas 10º 24´ S, 56º 37´ E), ao sur das Seychelles e a uns 1.100 quilómetros ao norte da illa Mauricio. E o nome do noso navegante foi empregado para denominar a «illa de Juan de Nova», na parte máis estreita do canal de Mozambique, entre Madagascar e o continente africano (coordenadas 17° 3′ S, 42° 45′ E). Parece ser que João da Nova protexeuse na illa cando pretendía volver da súa segunda expedición.



Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

BARROS, Joao de (1552): Asia de Joao de Barros, dos fectos que os Portugueses fizeram no descobrimento et conquista dos mares et terras de Oriente , Lisboa: Germão Galharde; hai unha 3ª edición de 1982.

BOUCHON, G. (1980): A propos de l´inscription de Colombo (1501). Quelques observations sur le premier voyage de Joao de Nova dans l ´océan Indien, Revista da Universidade de Coimbra, XXVIII: 223-270.

LANDÍN CARRASCO, A. (1991): Galicia e os descubrimentos oceánicos, A Coruña: Xunta de Galicia.

PROL, S. (2002): Joao da Nova: un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal, Ourense: Deputación.

REY TRISTÁN, E. (1999): Participación gallega en los inicios de la expansión portuguesa en el Índico: Joao da Nova, Semata. Ciencias Sociais e Humanidades, 11: 85-114.