culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Deulofeu y Poch

Tecnoloxía farmacéutica das vacinas contra a rabia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 06/06/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2014], “José Deulofeu y Poch”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1002
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Figueres (Girona) 1879
  • Falecemento: Barcelona 1957
Primeiros anos

Naceu nunha familia de arraigada tradición farmacéutica (foron farmacéuticos o pai, o avó e o bisavó). Ingresou no Instituto de Figueres en 1890 e na universidade de Barcelona, no preparatorio para as facultades de ciencias, en 1895. Ao mesmo tempo, e despois de iniciarse nas prácticas farmacéuticas co seu propio pai, en Figueres, ingresou como dependente na farmacia barcelonesa que o doutor Salvador Andreu y Grau posuía na Rambla de Cataluña. Rematado o curso de ingreso con excelentes cualificacións e, seguindo os consellos do pai, matriculouse simultaneamente en Farmacia e en Ciencias Físico-Químicas. Os doutores Luanco, en química, Cerezo, en cristalografía, Mundi y Xiró, en xeometría métrica e analítica, Mascareñas, en química inorgánica, e Casares Gil, en análise químico, foron os profesores universitarios que máis contribuíron a súa formación académica. No ano 1900 licenciouse en Farmacia, con premio extraordinario e, máis adiante, e xa de volta en Cataluña, acadaría a licenciatura en Medicina.

Nos cursos realizados en Madrid no período 1901-1902 para a obtención do doutorado foi alumno de Carracido, do que sempre falou con «respetuosa veneración». No laboratorio de Baldomero Bonet, catedrático de química orgánica da Facultade de Farmacia de Madrid, realizou os traballos experimentais da tese de doutoramento que versou sobre as condicións físico-farmacéuticas do glicerofosfato cálcico. A tese, cualificada como sobresaínte, tivo como achegas máis sinaladas o citar por primeira vez a existencia de dous isómeros químicos e dous estéreo-isómeros do éter glicerofosfórico. Foille outorgado tamén un dos premios extraordinarios de doutoramento creados para celebrar a voda da raíña Mercedes.

Catedrático en Santiago

No ano 1902, obtivo por oposición a cátedra de Química Inorgánica da Facultade de Farmacia de Santiago, da que tomou posesión o día 15 de maio. Pouco despois, no curso 1905-1906, acadou unha pensión do Goberno para ampliar estudos no estranxeiro, en París, baixo a dirección do doutor Paul Latteux, en Bacterioloxía, Histoloxía e Microfotografía. Durante o verán de 1906 traballou no servizo antirrábico do Instituto Pasteur baixo a dirección dos investigadores Dujardín-Beaumetz e Jules Viala. Tamén visitou diferentes establecementos docentes franceses e belgas (Escola de Química Industrial de Lyon, Instituto de Hixiene e Bacterioloxía de Gante e Instituto Pasteur de Bruxelas).

De volta a Santiago, editou en 1906, unha Memoria para presentar ao Goberno como resultado da súa estadía no estranxeiro, sobre a ensinanza das ciencias experimentais, sobre todo no relativo a bacterioloxía. Nela laiase do atraso dos nosos laboratorios («modestas cocinas las más de las veces») e máis aínda do tipo de ensino («mientras en el Extranjero la enseñanza de las Ciencias propiamente experimentales es esencialmente práctica, nosotros, los profesores españoles, nos vemos obligados las más de las veces al cotidiano sermoneo»). Describe, cun certo detalle, como debe ser o equipamento máis axeitado para estes estudos e investigacións, achegando un esbozo de como podería ser un laboratorio de bacterioloxía. Propón, entre outras medidas, a creación da disciplina de Microbioloxía.

En 1911 montou un laboratorio particular na compostelá rúa do Vilar (“Laboratorio de Investigaciones Bioquímicas del Dr. Deulofeu”), dedicado á preparación de medicamentos inxectables reconstituíntes, como o GLICO-ARSOL ou o FER-ARSOL, e xaropes. Tamén realizaba análises químicos, bacteriolóxicos e micrográficos, dos que chegou a practicar, na súa estadía compostelán, máis de 5.000. Foron moi salientables tamén as vacinas antirrábicas que producía con tecnoloxías propias. Os estudos realizados para a preparación desta vacina deberon de ser realizados a súa costa, e tamén neste laboratorio, xa que como el mesmo sinalaba, eran «investigaciones que vengo realizando desde 1915 con mis propios recursos y sin ningún apoyo oficial». Por outra parte, os laboratorios universitarios non terían, como era o normal naquelas alturas, a mínima dotación instrumental para levar adiante estes ensaios. Tamén tiña aberta unha oficina de farmacia.

No curso 1914-15 tivo ao seu cargo o discurso inaugural do curso académico, que tratou sobre “Consideraciones acerca del estado actual de nuestra enseñanza universitaria”. Nel recoñece as deficiencias do ensino oficial, fai un detallado análise das súas causas e propón unha serie de medidas moi concretas para a súa solución, como puideran ser a instauración do exame de ingreso nas universidades, a modificación do sistema de exames ou a intensificación das clases prácticas, que debían de ser obrigatorias.

En 1915 comezou os seus primeiros estudos sobre a preparación da vacina da rabia. A idea de implantar a vacinación antirrábica clásica que practicara no Instituto Pasteur de París e que tiña como base a atenuación da actividade do virus por desecación foi, desde o primeiro momento, substituída polo método do húngaro Högyes, que atenuaba o virus por dilucións sucesivas. O método permitía controlar mellor as concentracións do virus e, desde había xa un tempo, víñase implantando con éxito nas vacinacións. De feito, o Instituto Nacional de Higiene Alfonso XIII, de Madrid, empregábaa desde 1910. Nos seus estudos formulou dous obxectivos básicos na tecnoloxía farmacéutica precisa para a preparación da vacina: dispoñer dun método máis preciso para definir a concentración do virus (referindo a escala de concentracións á cantidade total e non ao título das emulsións empregadas) e comprobar se as vacinas conservaban toda a súa actividade despois de ser pechadas en “viales” para inxectables. Neste último caso, a vacina podería ser utilizada por calquera facultativo e en calquera localidade, sen necesidade de acudir, como viña sucedendo naquela altura, a un centro de hixiene especializado en vacinacións antirrábicas.

Comezou os seus estudos, no seu laboratorio particular, cunha batería de coellos nos que realizaba os pases de medula lísica necesarios para a obtención das emulsións para preparar por dilucións as correspondentes vacinas. Os primeiros resultados foron publicados seis anos despois (Investigaciones acerca de la vacunación antirrábica, Santiago, 1921), e neles xa daba conta de médicos galegos que utilizaran con éxito esta vacina. Posteriormente, cando xa deixara a Universidade de Santiago, publica o resultado da totalidade das investigación realizadas en Galicia (Investigaciones acerca de la vacunación antirrábica, Barcelona, 1925) referidas, agora, a 207 vacinacións levadas a cabo entre 1918 e 1922. De todas elas, só houbo un fracaso, con morte do afectado, o que de todas maneiras supoñía unha porcentaxe do 0.48%, similar ao que tiña Högyes en Hungría. Nos seus estudos non só empregaba coellos, senón que coa colaboración da Facultade de Veterinaria de Santiago utilizou cans e , mesmo ao final, realizou ensaios da vacina sobre el mesmo.

Nos últimos anos da súa vida en Santiago foi protagonista dun desafortunado episodio. Como presidente dunhas oposicións a maxisterio tivo que facer fronte ás acusacións formuladas contra dúas vogais do tribunal por presunta venta de prazas. Non suspendeu as oposicións, como se lle requiría por parte dalgúns afectados, dando orixe a unha campaña de prensa coas consabidas réplicas e contrarréplicas, recollidas parcialmente en dous folletos (J. Deulofeu y Poch, La Verdad en su lugar: A propósito de las oposiciones de Maestras celebradas en Santiago durante el segundo semestre de 1920, Santiago, 1922; e F. Costa Pillado, Varapalo al folleto del Dr. Deulofeu a propósito de las oposiciones de Maestras celebradas en Santiago durante el segundo semestre de 1920, Santiago, 1922).

Levou unha vida institucional moi activa, pois pertencía á Sociedade Española de Física e Química, á Sociedade Española de Historia Natural, da que era presidente da Sección de Santiago, e á Asociación Española para el Progreso de las Ciencias. Colaborou coa Revista de Farmacia, que dirixía o seu compañeiro Antonio Eleizegui e na que publicou en 1921 “Conferencias de Química Biológica”, correspondentes a un curso que dera sobre esa materia, e un artigo de divulgación sobre “La obra de Pasteur” (1922). Tamén colaborou coa Revista de Medicina Gallega, que dirixía Pedro Pena, e coa Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, participando con un relatorio no 8º Congreso da mesma, celebrado en Porto, en 1921. Deixou sen concluír unha “Química Inorgánica aplicada a la Farmacia”.

Os últimos anos

No ano 1924 obtivo a praza de catedrático de Química Inorgánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Barcelona, da que logo sería decano. Chegou a Cataluña precedido dunha sona de científico senlleiro -«Figura eminente de la ciencia patria» (El Restaurador Farmacéutico, 6, 1925)-, que deu lugar nos primeiros anos a unha demanda singular de conferencias, como a serie que desenvolveu no Colexio de Farmacéuticos de Girona, no ano 1925, sobre Pasteur, as fermentacións segundo Liebig e o vitalismo; a que deu en 1926, en Tarragona, na Asemblea Farmacéutica Catalano-Balear, de novo sobre Pasteur; a que impartiu, en 1927, na Unión Patriótica de Sabadell, sobre a combustión; ou a que pronunciou, de novo diante da Asemblea Catalano-Balear, en 1928, sobre a reforma dos estudos de Farmacia. Todas elas comentadas amplamente en El Restaurador Farmacéutico. Na inauguración do curso 1925-26 foille encargado o discurso preceptivo que versou sobre “Investigaciones acerca de la vacunación antirrábica”, que posteriormente foi publicada como libro en 1925.

Outros traballos seus posteriores refírense a «catalanización» da Universidade de Barcelona: defende a utilización do catalán no ensino en réxime bilingüe co castelán. De todos os xeitos non acepta a catalanización integral do Padroado Universitario, xa que, na súa opinión, impediría o «intercambio intelectual co resto de España». Propón como o máis axeitado que a Universidade de Barcelona sexa autónoma e bilingüe, dependente do Estado e da Generalitat. Por desconformidade coas actuacións do Padroado revela que ten solicitada a excedencia voluntaria «para no someterse» a súa «dictadura» (La verdad acerca de la Universidad Autónoma de Barcelona, Barcelona, 1933). Outros traballos están relacionados co ensino universitario, un sobre a “Organización docente establecida para esta Facultad de Farmacia (Barcelona) durante el Patronato Universitario” (1935), e outros dous sobre a docencia da Bacterioloxía na Facultade de Farmacia (Farmacia, 1930 e El Monitor de la Farmacia, 1930). Non hai constancia de que nestes anos tivera publicado ningún traballo relacionado con actividades de investigación científica.

Coa represión derivada da Guerra Civil foi condenado a seis anos de cadea e no ano 1941 sancionado coa separación definitiva do servizo, con baixa no “escalafón”.

Valoración científica

A parte da súa obra que pode considerarse como propiamente científica levouna a cabo nos vintedous anos que pasou en Santiago. Da súa estadía en Cataluña só hai constancia de varias conferencias que estarían máis na liña da divulgación que da creación científica, así como a súa participación nos tensos debates que se desenvolveron en relación coa catalanización da Universidade de Barcelona.

No seu curriculum hai unha certa contradición, primeiro coa súa formación inicial, como doutor no ámbito da química orgánica, e logo coa súa adscrición docente posterior, como catedrático de química inorgánica. Pero, aínda máis afastada desta especialidade e contraditoria sería a formación no estranxeiro no terreo da bacterioloxía. Non é que este tipo de situacións non se deran naquelas alturas na universidade española, pero neste caso resulta bastante singular. Isto, en parte, podería xustificar que os seus traballos bacteriolóxicos sobre a vacina da rabia non os puidera desenvolver no seu laboratorio universitario, hipoteticamente preparado para a química inorgánica, e tivera que facelos, a súa costa, no laboratorio particular da súa propiedade.

O método de preparación da vacina da rabia que propoñía, o do húngaro Höyges, atenuando os virus por dilución, difería do orixinal de Pasteur e, mesmo, dos de Ferran, pero estaba na mesma liña dos que utilizaban outras institucións de recoñecido prestixio, como o Instituto de Higiene Alfonso XIII, de Madrid. Así mesmo, supoñía tamén un progreso evidente o obxectivo de conseguir vacinas inxectables eficaces para facilitar seu uso por calquera facultativo, sen necesidade de achegarse para iso aos institutos provinciais de hixiene. Todo iso semella que foi conseguido nos seus traballos de vacinación antirrábica, con unha eficiencia en éxitos semellante aos doutras institucións europeas. Na súa etapa catalá as novas tendencias na profilaxe da rabia cara a vacinación dos cans, así como a aparición de novos métodos de preparación, como os de Marie, Fermi e Repetto, creáronlle, posiblemente, dificultades a Deulofeu para a aceptación da súa vacina, que, de feito, non se ten noticia de que fora empregada nesta etapa.

No seu pensamento científico amósase claramente defensor das teses vitalistas propostas por Pasteur e contrarias ás químico-biolóxicas de Liebig. Nelas, considerábase a imposibilidade da xeración espontánea («desde a vida, para a vida»), e como esta era entendida por moitos evolucionistas como un paso clave para a evolución das especies desde a materia inanimada, o levaron a criticar o transformismo e mesmo o darwinismo: «…la segunda mitad del siglo XIX, época en que debían caer, derrumbándose estrepitosamente, las ideas tan arraigadas de la generación espontánea y del transformismo o mutación darviniana de las especies… Lo mismo sucede con la mutación de las especies, negada rotundamente por las pruebas de las diversas fermentaciones» (El Restaurador Farmacéutico, 12, 1926). No ensino universitario foi, desde os primeiros momentos, defensor da necesidade de incrementar e normalizar as clases prácticas como un elemento fundamental das facultades experimentais. Ao mesmo tempo propoñía unha racionalización do sistema docente así como unha actualización dos contidos, incluíndo novas disciplinas, como a bacterioloxía.




Bibliografía:




Fontes impresas:

DEULOFEU Y POCH, J. (1902): Estudio químico-farmacéutico del glicero-fosfato de cal, Barcelona: Imp. de Pedro Ortega.

DEULOFEU Y POCH, J. (1902): Programa de Química inorgánica aplicado a la Farmacia redactado, Santiago: Tipografía Galaica.

DEULOFEU Y POCH, J. (1906): Consideraciones acerca de la enseñanza de las ciencias experimentales y muy en particular de la Bacteriología, Santiago: Tipografía Galaica.

DEULOFEU Y POCH, J. (1914): Consideraciones acerca del estado actual de nuestra enseñanza universitara, Discurso leído en la Universidad de Santiago en la inauguración del Curso Académico de 1914 a 1915, Santiago: Universidad.

DEULOFEU Y POCH, J. (1921): Investigaciones acerca de de la vacunación antirrábica, Santiago: Tip. “El Eco de Santiago”.

DEULOFEU Y POCH, J. (1922): La Verdad en su lugar: A propósito de las oposiciones de Maestras celebradas en Santiago durante el segundo semestre de 1920, Santiago, Tip. “El Eco de Santiago”.

DEULOFEU Y POCH, J. (1925): Investigaciones acerca de de la vacunación antirrábica, Barcelona: Núñez y Cia.

DEULOFEU Y POCH, J. (1932): A proposit de la catalanització de la Universitat de Barcelona. Conferencia no Ateneo de Barcelona (22.04.1932).

DEULOFEU Y POCH, J. (1933): La verdad acerca de la Universidad autónoma de Barcelona, Barcelona: Imp. Clarasó.

Como xa dixemos, na revista El Restaurador Farmacéutico, no período 1924-1928, aparecen numerosos e amplos reportaxes sobra as súas conferencias.


Bibliografía secundaria:

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MÁIZ ELEIZEGUI, A. (1961): Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago (Cien años de vida de la Facultad, 1857-1957), Santiago: Facultad de Farmacia.

NADAL BADAL, O. (1993): Cooficialitat i bilingüisme a la Universitat Autónoma de Barcelona (1933-1939), Rev. LLengua i Dret, 19: 129-175.

ROLDÁN GUERRERO, R. (1975): Diccionario biográfico y bibliográfico de Autores Farmacéuticos españoles, T II, Madrid: Impr. P.H.O.E.

SALVAT NAVARRO, A. (1926): Tratado de Higiene, T II, Barcelona: Manuel Marín.