culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José María Navaz y Sanz

Polifacético Director do Laboratorio de Vigo do Instituto Español de Oceanografía

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 13/07/2014

Extras de José María Navaz y Sanz: 

Extras sobre José María Navaz y Sanz:

Galeria



navazysanz_web.jpg
navazysanz_web.jpg
NavazySanzcon lorca1923.jpg
NavazySanzcon lorca1923.jpg
NavazySanznoXauen1953.jpg
NavazySanznoXauen1953.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “José María Navaz y Sanz”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1008
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pamplona 1897
  • Falecemento: San Sebastián 1975
O perfil humano e profesional de José María Navaz salienta pola súa singularidade. Persoa vitalista e bondadosa, desenvolveu múltiples actividades (docencia, investigación, teatro, pintura, deporte, escritura, divulgación, etc.) e sentiuse próximo e comprometido coas persoas que coñeceu e as situacións que viviu, algunha dramática, como a Guerra Civil e posguerra. Nos dez anos que pasou en Galicia, nos que se sentiu ben acollido e deixou lembranzas positivas, centrouse no labor científico realizado no Laboratorio de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e na actividade docente na Escola de Maxisterio de Pontevedra.

Formación, labor docente e inquietudes

O interese inicial pola pedagoxía veuse moi favorecido polo feito de criarse nunha familia estreitamente relacionada co mundo educativo. A súa nai, María Ana Sanz, foi unha innovadora profesora relacionada coa Institución Libre de Enseñanza (ILE) que ocupou a dirección da Escola Normal de mestras de Pamplona un longo período (1906-1931) e estivo comprometida no tratamento de agudas cuestións sociais, como a delincuencia xuvenil (Guibert Navaz, 2012).

José María, segundo fillo varón, estudou en Madrid, na Escuela de Estudios Superiores de Magisterio, Sección de Ciencias (foi o número dous da súa promoción). Asemade, tamén seguiu a carreira de Ciencias Naturais. O seu percorrido profesional iniciouno no ámbito pedagóxico. Estaba interesado na educación de persoas con discapacidades (xordomudos e cegos). En Madrid realizou estudos sobre esa cuestión nos Laboratorios de Psicología experimental da Universidade, nos que traballou baixo a dirección de Anastasio Anselmo González Fernández en diversos proxectos e impartiu conferencias. Realizou as prácticas preceptivas no Instituto Nacional de Sordomudos y Ciegos de Madrid baixo a dirección dos profesores Tejerina e Pascual.

Desde xuño de 1927 a setembro de 1928 tivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) para acudir a Francia e completar a súa formación no Instituto Nacional de Xordomudos de París, e máis en Burdeos. Á volta da estadía Navaz dispuña dunha sólida e innovadora preparación na educación de persoas cegas e xordas. Foi profesor das escolas de Maxisterio en varios centros ata 1950. Exerceu primeiro en Albacete (1927) e posteriormente en Soria (1928), onde pediu a excedencia e regresou a Madrid, para a Residencia de Estudiantes (febreiro de 1928).

Nese tempo elaborou a memoria de doutoramento en Ciencias Naturais sobre anélidos poliquetos procedentes do Cantábrico, que presentou en 1929: Relaciones conectivo-musculares en los Anélidos poliquetos y estudio de la disposición general de estos tejidos en las especies sedentarias y errantes (Navaz, 1930). Converteuse en profesor axudante de Bioloxía xeral na Universidade, de 1929 a 1934, ano no que ingresou no Instituto Español de Oceanografía (IEO). Destinado en Vigo, incorporouse á Escola Normal de Pontevedra en 1938. Despois foi apartado do seu posto e impartiu docencia no “Colegio Labor” de Vigo. Tras ser “depurado sin sanción” en maio de 1942, reingresou na Escola Normal, da que pediu a excedencia en abril de 1943, retomando o labor docente en San Sebastián (González-Garcés; Lens & Tenreiro, 2011).

No período madrileño desenvolveu actividades formativas, culturais, deportivas e políticas. Como xa dixemos, ingresou na Residencia de Estudiantes (RE), á que seguiu vinculado posteriormente como colaborador (por exemplo, bibliotecario da institución). Foi compañeiro de relevantes personaxes relacionados con esa activa entidade krauso-institucionista, como Federico García Lorca. Consérvase na Fundación Federico García Lorca (Fondo: AFGL; Sinatura: COA-726) unha tarxeta postal que Navaz lle remitiu ao poeta desde París, o 16 de agosto de 1927, durante a súa estadía de formación en Francia.

Participou nas actividades culturais do curso 1931-1932 na Residencia de Señoritas, institución vinculada á RE, con figuras como Xabier Zubiri, José Ortega y Gasset, Fernando de los Ríos, María de Maeztu, Federico García Lorca, Pedro Salinas, José Bergamín, Miguel de Unamuno e Ramón Gómez de la Serna. Navaz pronunciou en febreiro de 1932 a conferencia: “Un capítulo de la psicología animal: el instinto”. Tamén colaborou con La Barraca, a relevante e dinámica compañía de teatro universitario ambulante promovida por Lorca e Eduardo Ugarte. Navaz chegou a seren un dos seus primeiros actores e interveu en obras como El retablo de las maravillas, La tierra de Jauja, Fuenteovejuna, El burlador de Sevilla, La tierra de Alvargonzález. Na Fundación Federico García Lorca consérvase unha tarxeta postal enviada desde Tánxer, o 15 de abril de 1943, a Lorca por varios membros de La Barraca, entre eles Navaz (Fondo: AFGL; Sinatura: COA-91).

Amante do deporte, practicou diversas modalidades, entre elas o fútbol. Na RE foi xogador salientable do equipo de residentes vascos, e a súa musculatura chamaba a atención dos seareiros (Sáenz de la Calzada, 2011). Chegaría a seren árbitro da máxima categoría polos anos 1927, 1928 e 1929. Comprometido coa política, de mozo militou no Partido Comunista (Amelia Guibert Navaz, com. pers.). Durante a República achegouse ao nacionalismo vasco. Probablemente, o feito de estar destinado profesionalmente en Galicia no tempo da Guerra Civil e posguerra evitoulle sufrir as represalias do fascismo.

Labor no Laboratorio de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO)

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) foi creado en 1914 (Gaceta de Madrid, 18 de abril de 1914). O 2 de setembro de 1917 inaugurouse o Laboratorio de Vigo (actualmente “Centro Oceanográfico de Vigo”). Fernando de Buen y Lozano resultou designado o seu primeiro Director, pero foi o Axudante de laboratorio Miguel Pérez Gutiérrez quen o puxo en marcha e iniciou as mostraxes en Lonxa e a toma de datos oceanográficos. A morte prematura de Pérez truncou as investigacións que se estaban a levar a cabo. Tanto esta perda coma o escaso apoio das autoridades locais levaron ao peche do laboratorio en 1920.

A desaparición non impediu que Vigo seguira sendo un punto de referencia para o traballo de campo do Instituto e que se mantivese unha demanda permanente do sector pesqueiro e da sociedade viguesa. En 1935, o Laboratorio instalouse de novo en Vigo e convocouse a praza de “ayudante de laboratorio”, que se cubriu en marzo de 1935 con José María Navaz (González-Garcés; Lens & Tenreiro, 2011). O Tribunal da oposición estaba formado por Rafael de Buen y Lozano, Xefe do Departamento de Oceanografía, como presidente, e como vogais Fernando de Buen y Lozano, Xefe do Departamento de Bioloxía, José Cerezo Giménez, Xefe de Departamento de Química, Álvaro de Miranda y Rivera e Luis Bellón y Uriarte, directores dos Laboratorios de Santander e Canarias. Navaz foi nomeado “ Ayudante” do Laboratorio vigués do IEO, o 31 de outubro de 1935, tomando posesión en novembro dese ano e exercendo, na práctica, o labor de Director do Laboratorio vigués. Mentres se desenvolvía o proceso de selección da praza, ocupou a dirección interinamente, Ricardo Aldama y Herrero, Catedrático de Historia Natural do Instituto de Bacharelato de Vigo (Pérez Rubín, 2008).

O IEO sufriu unha notable reestruturación como consecuencia da Guerra Civil. O seu Director, Odón de Buen, e diversos funcionarios, comprometidos coa defensa da República, foron perseguidos polas autoridades fascistas e deberon fuxir cara o exilio ou asumir sancións. No caso de Navaz, en 1940 foi nomeado Director do Laboratorio de Vigo Antonio Rodríguez de las Heras, axudante de laboratorio con destino en Madrid que gañou a praza de Director de laboratorio e foi destinado a Vigo (Santiago Lens, com. pers.).

Nos anos trinta do século XX os bancos naturais de ostras das Rías Baixas producían en abundancia. O estudo dos Moluscos e os cultivos mariños avanzaron co primeiro intento de fixación de larvas de ostra na enseada de San Simón (Sánchez, 1936). A idea inicial de Navaz era que o Laboratorio do IEO de Vigo se centrara no estudo dos depósitos de moluscos e nas posibilidades de repoboación e establecemento de viveiros (Navaz, 1936). Mais o comezo da Guerra Civil frustrou estes plans. As actividades ficaron paralizadas e os bens do Laboratorio foron incautados, porén en 1939 Navaz puido iniciar as prácticas de recolección de semente de ostra, levando a cabo as primeiras experiencias desenvolvidas polo IEO de cultivos de Moluscos en Galicia, con parques experimentais, principalmente na Ría de Vigo, de cultivos ostreícolas, de ameixa e berberecho, concretamente en Cesantes, en 1940, e Montegordo, en 1941 (Pérez Rubín, 2008: 157). Despois de varios anos de traballo publicaría un amplo e documentado artigo sobre os bancos de moluscos, “Estudio de los yacimientos de moluscos comestibles en la ría de Vigo” (Navaz, 1942), que tivo bastante repercusión, mesmo a revista Industrias Pesqueras (15 de marzo de 1943) dedicoulle unha reportaxe. Describía as modalidades de explotación dos xacementos da zona, incluíndo datos da produción de moluscos comestibles da Ría de Vigo e da costa galega no período 1927-1941. Asemade, narraba os intentos de creación de viveiros para cultivo e cría de moluscos, especialmente os ensaios de ostreicultura na enseada de San Simón. Posteriormente publicaría “La Panopea glycimeris (Born) (Bivalba, Saxicavidae), en la Ría de Vigo” (Navaz, 1945).

Navaz xogou un papel pioneiro no estudo dos Moluscos e dos cultivos mariños na Ría de Vigo, e en xeral en Galicia. Poucos anos despois da súa marcha, serían analizados os bancos ostreícolas da Ría de Noia: “Ensayo de sistemática biocenótica aplicada al estudio de los yacimientos de moluscos, con un estudio inicial de los yacimientos de la ría de Noya” (Amengual-Ferragut, 1949). E a raíz da creación, en 1951, do Laboratorio de Vigo do Instituto de Investigaciones Pesqueras (IIP), Buenaventura Andreu interesouse de novo pola bioloxía dos Moluscos e cultivos mariños. Nese tempo os bancos naturais de ostras amosaban unha preocupante decadencia e Andreu e Pedro Arté Gratacós acudiron en viaxe de estudos en 1953 aos parques ostreícolas e de mexillón franceses. Andreu elaborou o proxecto de “Parque Modelo de Ostricultura” nunha parcela na Praia de Cesantes que tivo que ser abandonado (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003). Por outra banda, o cultivo de mexillón experimentou un gran desenvolvemento en Galicia a mediados dos 40 e o Laboratorio do IEO participou no tema.

No ámbito pesqueiro, en 1941 e 1943 o IEO levou a cabo dúas campañas en augas saharianas, en barcos da compañía PYSBE, para estudar as posibilidades do caladoiro como substituto para a subministración de peixe seco salgado. Navaz tomou parte desas campañas e colaborou no traballo “La pesca de arrastre en los fondos del Cabo Blanco y del Banco Arguín (Africa sahariana). Resultados científicos de dos campañas realizadas por el Instituto Español de Oceanografía en barcos de PYSBE” (Navarro Martín; Lozano Cabo; Navaz; Otero Aenlle & Saínz Pardo, 1943).

José María Navaz traballou sobre a pesca de peixes emigrantes e especies pouco habituais. Sobre o tema publicou “Nuevos datos sobre la sustitución alternativa en la pesca de peces emigrantes en el litoral de Galicia” (Navaz, 1946a), artigo onde analiza as flutuacións da pesca da sardiña, espadín, xurelo e anchoa nas costas de Galicia, en base á estatística de pesca destas especies emigrantes elaborada no período 1929-1943. E tamén, “Sobre algunos peces poco frecuentes en las costas de Galicia” (Navaz, 1946b), onde presentou as características e referencias de catro especies de peixes pouco frecuentes no litoral galego, Coryphaena hippurus, Cubiceps gracilis, Lagocephalus lagocephalus e Balistes carolinensis. Nese período, en 1943, iniciou a redacción do libro Estudio elemental de la pesca y sus problemas, que sería publicado en 1953, converténdose en manual das escolas de orientación mariño-pesqueiras. Asemade, en agosto de 1941 percorreu nun buque da Armada as rías galegas en busca de lugares idóneos para localizar estacións oceanográficas (Pérez Rubín, 2008: 157).

Navaz entendía que dentro da súa responsabilidade científica figuraba o labor de divulgación no sector pesqueiro. Por iso mantivo frecuentes contactos cos pescadores galegos e vascos, realizando diversas charlas nas confrarías. Tamén escribiu en revistas como Industrias Pesqueras e nos xornais galegos artigos como, por exemplo, “Los peces de Galicia y su pesca”, aparecido no suplemento do sábado deLa Noche (de El Correo Gallego de Santiago), número 5, de 1949. Por outra banda, entre 1945 e 1947 encargouse da planificación de acuarios de auga salgada, montando estruturas temporais en diversas feiras marítimas, e da realización de documentais científicos. Así, no caso de Vigo, deseñou o acuario de peixes mariños para a “Feria Nacional Sindical del Mar” (1945) e tamén proxectou o acuario municipal de Vigo (a finais da “Feria”) e o de A Coruña, en 1950. Ambos foron aprobados polas corporacións pero non se levaron á práctica (Pérez Rubín, 2008). Membro das xuntas locais e provinciais de pesca, actuou como “Consejero delegado” e asesor dos Sindicatos de Pesca Marítima·desde 1937, e asistiu ao I Congreso Económico Sindical de la Provincia de Pontevedra (1944).

No verán de 1945 foi, con Francisco de Paula Navarro, a realizar uns estudos sobre especies de pesca a Donosti, do que xurdiría o artigo “Apuntes para la biología y biometría de la sardina, anchoa, boga y chicharro de las costas vascas” (Navarro Martín & Navaz Sanz, 1946). Ao ano seguinte, a aprobación dun convenio entre o IEO e a Sociedad Oceanográfica de Guipúscoa facilitou o seu traslado (o 19 de xuño) a San Sebastián como Director do Laboratorio Oceanográfico da citada sociedade. Con posterioridade realizará algunha viaxe de traballo a Galicia, como a visita a Vigo, a bordo do “Xauen”, en agosto de 1949 (o que aproveitou para pronunciar dúas conferencias sobre a pesca do atún con cebo vivo), ou a que fixo en outubro de 1954 para examinar os xacementos de Moluscos comestibles.

Ao fronte da Sociedad Oceanográfica de Guipúscoa continuou coas súas pescudas e actividades de divulgación, un labor que merece un estudo polo miúdo. Elaborou unha interesante memoria sobre a anchoa nas costas vacas, froito de dez anos de traballo e o exame de máis de 7.000 exemplares. Participou en numerosos encontros internacionais do ICES (International Council for Exploration of the Sea) (1949-1964), formando parte da delegación española, e tamén asistiu á Convención Internacional das Pesquerías do NO Atlántico celebrada en Biarritz (marzo 1956) e a outro congreso internacional convocado na mesma localidade sobre algas mariñas (1961) (Pérez Rubín, 2008). En 1963 foi nomeado xefe do Departamento de Biología Marina do IEO. En 1968 recibiu a Medalla ao Mérito Naval. Un buque oceanográfico do IEO, construído en 1984 e que ten como porto base Vigo, leva o nome de José María Navaz.

Navaz posuía unha importante biblioteca e lle interesaba o mundo da imaxe. Foi guionista dunha película, Pobladores del mar: Los invertebrados (1947), realizada no Aquarium donostiarra. Os seus fondos bibliográficos foron a parar, por decisión propia, á biblioteca dese acuario, que se comprometeu a crear unha sección da mesma co nome: "Fondo científico de don José María Navaz". Vinculado á Sociedad de Ciencias Aranzadi desde a súa fundación en 1947, foi durante catro anos presidente da entidade.



Bibliografía:




Fontes impresas:

NAVAZ, J. M. (1930): Relaciones conectivo-musculares en los Anélidos poliquetos y estudio de la disposición general de estos tejidos en las especies sedentarias y errantes, Madrid: Ministerio de Fomento, Instituto Español de Oceanografía.

NAVAZ, J. M. (1936): El Laboratorio de Oceanografía de Vigo, Faro de Vigo, 20/02/1936.

NAVAZ, J. M. (1942): Estudio de los yacimientos de moluscos comestibles en la ría de Vigo, Trabajos del Instituto Español de Oceanografía, 16.

NAVAZ, J. M. (1945): La “Panopea glycimeris” (Born) (Bivalba, Saxicavidae), en la Ría de Vigo, Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, XLIII, 7-8: 365-368.

NAVAZ, J. M. (1946a): Nuevos datos sobre la sustitución alternativa en la pesca de peces emigrantes en el litoral de Galicia, Notas y resúmenes del Instituto Español de Oceanografía, 132.

NAVAZ, J. M. (1946b): Sobre algunos peces poco frecuentes en las costas de Galicia, Notas y resúmenes del Instituto Español de Oceanografía, 133.

NAVAZ, J. M. (1953): Estudio elemental de la pesca y sus problemas, Madrid: Patronato Central de las Escuelas Medias de Pesca Marítima. Imprenta del Ministerio de Marina.

NAVAZ, J. M. (1964): Historia de una angula que se convirtió en anguila, San Sebastián: Sociedad de Oceanografía de Guipúzcoa.

NAVARRO MARTÍN, F. de P.; LOZANO CABO, F.; NAVAZ SANZ, J. M.; OTERO AENLLE, E. & SAÍNZ PARDO, J. (1943): La pesca de arrastre en los fondos del Cabo Blanco y del Banco Arguín (Africa sahariana). Resultados científicos de dos campañas realizadas por el Instituto Español de Oceanografía en barcos de PYSBE, Trabajos del Instituto Español de Oceanografía, nº 18.

NAVARRO MARTÍN, F. de P. & NAVAZ SANZ, J. M. (1946): Apuntes para la biología y biometría de la sardina, anchoa, boga y chicharro de las costas vascas, Notas y resúmenes del Instituto Español de Oceanografía, nº 134.


Bibliografía secundaria:

AMENGUAL-FERRAGUT, J. (1949): Ensayo de sistemática biocenótica aplicada al estudio de los yacimientos de moluscos, con un estudio inicial de los yacimientos de la ría de Noya, Boí. Inst. Esp. Oceanogr., 20.

ANÓNIMO (1933): Un laboratorio costero. Al fin va a instalarse en Vigo, Industrias Pesqueras, 152: 26.

ANÓNIMO (1989): El Instituto Español de Oceanografía. 75 años de investigación marina en España, Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

GONZÁLEZ-GARCÉS, A.; LENS, S. & TENREIRO, U. (2011): Historia del Centro Oceanográfico de Vigo. Los primeros años: 1917-1974, Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, 16/11: 143-206.

GUERRA SIERRA, A. & PREGO REBOREDO, R. (2003): El Instituto de Investigaciones Pesqueras. Tres décadas de historia de la investigación marina española, Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

GUIBERT NAVAZ, A. (2012): María Ana Sanz Huarte (1868-1936). En primer término, mujer, Madrid: Eirene Editorial.

LABURU, M. (1986): 75 Años de Historia de la Sociedad de Oceanografía de Guipúzcoa, 1908-1983, San Sebastián: Fundación Oceanográfica de Guipúzcoa.

LOZANO CABO, F. (1969): Sesenta años de historia oceanográfica en España. El Instituto Español de Oceanografía, Revista General de Marina, 176: 567-576.

MINISTERIO DE MARINA (1939): Decreto de 15 de diciembre de 1939 determinando las funciones del Instituto Español de Oceanografía, Boletín Oficial del Estado, nº 2, 15/12/1939.

PÉREZ DE RUBÍN Y FEIGL, J. A. (2008): Un siglo de historia oceanográfica del Golfo de Vizcaya (1850-1950): ciencia, técnica y vida en sus aguas y costas, San Sebastián: Aquarium, Fundación Oceanográfica de Guipúzcoa.

SÁENZ DE LA CALZADA, M. (2011): La Residencia de Estudiantes. Los residentes, Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas & Sociedad Estatal de Acción Cultural

SÁNCHEZ, M. (1936): La ostricultura en la Ría de Vigo, Industrias Pesqueras, 230.