culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José María Romero Fernández de Landa

Enxeñeiro naval da Real Armada Española

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 14/12/2014

Extras de José María Romero Fernández de Landa: 

Galeria


Retrato de Romero Fernández de Landa, vestido co uniforme grande de Xefe de Escuadra e venera de Santiago (Museo Naval de Madrid).

Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2014], “José María Romero Fernández de Landa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1022
Untitled Document

Retrato de Romero Fernández de Landa, vestido co uniforme grande de Xefe de Escuadra e venera de Santiago (Museo Naval de Madrid).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Galaroza (Huelva) 1735
  • Falecemento: Madrid 1807
Fillo de Gaspar Romero, comisario de Guerra, en 1752 ingresou como cadete no Regimiento de Dragones de Edimburgo, e dous anos despois iniciou a súa carreira na Armada española, ingresando na Academia de Guardiamarinas de Cádiz, onde tivo como mestre a Jorge Juan, co que mantería durante toda a súa vida amizade e unha respectuosa relación epistolar. Fixo a súa primeira campaña de mar no navío Fernando, en 1756, e un ano máis tarde ascendeu a alférez de fragata. Como Oficial do Corpo de Guerra da Armada estivo embarcado en diferentes navíos e fragatas entre 1759 e 1765. Ademais, foi ascendido a alférez de navío (1760), exerceu como Axudante Maior Interino das Brigadas de Artillería de Mariña, cargo que exerceu entre Cartaxena e Ferrol, e foi nomeado tenente de batallóns (1763) e tenente da 5ª Compañía do 2º Batallón de Mariña con destino en Ferrol. (1765).

O 1 de novembro de 1765 foi destinado ao estaleiro de Guarnizo, en Cantabria, co obxectivo de prepararse en construción naval baixo a dirección do enxeñeiro da mariña francesa, François Gautier Audibert, que ese mesmo ano chegara a España, enviado polo responsable de Asuntos Exteriores francés a instancias do seu homólogo español, para implantar nos estaleiros españois as técnicas construtivas francesas. En Guarnizo, onde estivo tres anos, estableceu relación con dous personaxes que logo terían influencia na súa vida profesional: o enxeñeiro Gautier e Pedro González de Castejón, por entón intendente do estaleiro e futuro Secretario de Mariña. Durante a súa estancia en Guarnizo instruíuse en construción naval á sombra de Gautier, fixo fronte coa tropa de Mariña a unha sublevación nos Talleres do estaleiro, foi nomeado tenente de fragata e responsable do armamento da fragata Santa Teresa e realizou dous planos para un navío de 80 canóns e unha fragata de 20.

En 1768 foi destinado a Ferrol para completar a súa formación e familiarizarse no estaleiro de Esteiro cos principios de arquitectura naval da escola inglesa implantados cara mediados de século por Jorge Juan nos arsenais españois. En 1771 ascendeu a capitán de fragata e recibiu a patente de enxeñeiro en 2º de Mariña (un ano antes, en 1770, creárase o Corpo de Enxeñeiros de Mariña e Gautier fora nomeado Enxeñeiro Xeral de Mariña). En 1773 foi responsable da botadura de 3 urcas afragatadas, proxectadas por Gautier. Ese mesmo ano, Pedro Castejón, Inspector Xeral de Pertrechos, solicitou do Secretario de Mariña, que Romero Fernández de Landa puidese acompañalo para establecer nos Departamentos de Cádiz e Cartaxena as novas Ordenanzas de Arsenais e Enxeñeiros de Mariña xa implantadas en Ferrol.

Durante a súa estancia en Cartaxena (1774-1777), exerceu como Comandante de Enxeñeiros Interino e, como tal, vogal da Xunta do Departamento. En 1776 ascendeu a capitán de navío e enxeñeiro en xefe. Un ano máis tarde foi destinado de novo a Ferrol, como Comandante de enxeñeiros, co obxectivo de resolver a situación de policía interna dos Talleres do Arsenal e problemas relativos á recepción dos materias por asento que prexudicaban os intereses da Coroa. En 1781 ascendeu a brigadier e un ano despois, logo da renuncia de Gautier, foi nomeado Enxeñeiro Xeral da Armada Interino.

En Ferrol, Romero Fernández de Landa traballou arreo nun regulamento de madeiras para resolver o problema do control dimensional das subministracións de madeira para a construción de buques, mediante a definición das pezas máis importantes da estrutura dos mesmos. En 1782 enviou a Pedro Castejón o seu regulamento de madeiras que, logo de ser aprobado, foi publicado en 1784 co título de: Reglamento de maderas necesarias para la fabricación de los baxeles del Rey, y demás atenciones de sus arsenales y departamentos. Tamén durante a súa estancia en Ferrol proxectou o navío de 112 canóns Santa Ana, prototipo dunha serie de sete navíos iguais que se construirán nos anos seguintes nos estaleiros de Ferrol e La Habana, e a fragata de 34 canóns Santa Casilda, construída en Cartaxena e que posteriormente contaría con sucesivas versións melloradas. Ademais, nunha representación dirixida á Secretaría de Mariña en 1783, na que informaba sobre a situación do Arsenal ferrolán, propuxo a construción de dous diques para navíos que non chegarían a facerse.

En 1784 abandonou Ferrol con destino a Cartaxena, para dirixir alí a construción do navío de 74 canóns, San Ildefonso, que proxectara el mesmo, e un ano despois pasou a inspeccionar no Arsenal de La Carraca (Cádiz) asuntos do Corpo de Enxeñeiros. En 1786 foi nomeado Enxeñeiro Xeral da Armada, e en 1789, Xefe de Escuadra. Segundo Juan-García Aguado (1998), autor da tese de doutoramento que nos serviu para redactar esta biografía, a partir de 1786 a figura de Romero Fernández de Landa esvaécese e o seu labor quedou relegado sobre todo a tarefas burocráticas na Corte. A súa última relación física con Galicia data de 1795, cando foi enviado, pola súa experiencia e coñecementos no tema, a resolver a sublevación dos Talleres do Arsenal de Ferrol. O mesmo ano da súa morte, foi exonerado do cargo de Enxeñeiro Xeral da Mariña e concedéuselle o soldo de tenente xeral empregado.

Segundo Juan-García Aguado (1998), Romero Fernández de Landa consolidou o Corpo de Enxeñeiros, normalizou as relacións co resto da Mariña, introduciu novos criterios na organización dos Arsenais e proxectou e dirixiu a construción de navíos, fragatas e outros buques. Entre 1784 e 1794 proxectou 8 navíos de 112 canóns, 8 de 74 canóns, 3 de 64 canóns e 6 fragatas, 8 dos cales foron construídos en Ferrol.



Bibliografía:




ROMERO FERNÁNDEZ DE LANDA, J. (1784): Reglamento de maderas necesarias para la fabricación de los baxeles del Rey, y demás atenciones de sus arsenales y departamentos, Madrid: Joachín Ibarra Impresor. Esta edición foi reproducida en 2008, en Valladolid, por Maxtor.


Bibliografía secundaria:

JUAN-GARCÍA AGUADO, José M. de (1998): José Romero Fernández de Landa: un ingeniero de Marina en el siglo XVIII, A Coruña: Universidade.