culturagalega.org

Ricardo Varela y Varela

Decano dos médicos de Alfonso XIII

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia
  • Data de alta: 25/01/2015

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia ([2015], “Ricardo Varela y Varela”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 14/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1025
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1860
  • Falecemento: Madrid 1933
A viaxe de Alfonso XIII ás Hurdes

É coñecida a viaxe que emprendeu Alfonso XIII, en 1922, a instancias dalgunhas personalidades da vida política e académica da época, para coñecer de primeira man a extremadamente calamitosa situación económica, sanitaria e social da deprimida comarca extremeña das Hurdes. Acompañaban ao Rei as seguintes persoas: o Dr. Gregorio Marañón, un dos principais instigadores da viaxe e figura destacada da medicina española do momento, o conde de Miranda, o Sr. Piniés, Ministro da Gobernación, o Tenente Coronel Obregón, axudante militar, e poucos máis. Entre eles, aparece nun segundo plano o Dr. Varela.

Estábamos francamente intrigados pola personalidade do citado Dr. Varela, de quen non tiñamos noticia. Polo común do apelido en Galicia, o feito de non citarse nunca o segundo, cuestión que se explicou ao saber que eran iguais os dous apelidos, e o prestixio, nese momento, do pontevedrés Manuel Varela Radío (1873-1962) como catedrático de Obstetricia en Madrid, a onde chegaría en 1919, despois de ostentar a mesma cátedra en Santiago dende 1905, trala morte prematura de Manuel Andrade Núñez, houbo quen pensou que se trataba del. Que, como sospeitabamos, non era así, confirmouse en primeira instancia polo seu fillo o Dr. Manuel Varela Uña, en conversación persoal en Noia (A Coruña), en 2010.

O erro de confundilos cometérono algúns periódicos, xa nese momento, ao facer a crónica da viaxe, e mesmo o gran biógrafo de Marañón, o noso admirado amigo Marino Gómez Santos. Finalmente, descubrimos que se trataba do compostelán Ricardo Varela y Varela, fillo de Antonio Varela Sotomayor, licenciado en Dereito Civil e Eclesiástico, falecido na súa casa de San Sebastián de Castro (Mesía, A Coruña), o 31 de agosto de 1893, e da súa muller María das Ermitas Varela Pose.

Nacemento e primeiros anos. Estudos de Medicina

Ricardo Varela y Varela naceu na rúa de Santa Cristina nº 3, de Santiago de Compostela, sendo bautizado como Ricardo María Ramón Bonifacio. Fixo o bacharelato no Instituto de Santiago, que dirixía Ramón Pereiro e Rey, obtendo o seu título o 22 de marzo de 1887, ante o tribunal presidido por Manuel Ulla Ibarzábal, avó materno de quen sería o seu compañeiro de armas e ciencias, o célebre cirurxián militar Mariano Gómez Ulla (1877-1945), tamén compostelán. Ricardo cursou a carreira de Medicina na Facultade de Santiago dende 1876 ata 1882, e licenciouse con sobresaínte o 27 de outubro de 1882.

Sanidade da Armada

Ingresou no Corpo de Sanidade da Armada e, en 1898, aparece como auxiliar do Depósito Hidrográfico na súa condición de Médico segundo, graduación equivalente á actual de tenente médico. O seu irmán Jesús, sen dúbida máis novo que Ricardo, era tenente de Cabalería do escuadrón de Cazadores de Galicia en 1893.

Segundo o Coronel Médico, escritor, académico e filántropo coruñés Félix Estrada Catoyra, prestou servizos notables —sabemos que estaba destinado en Holguín (Cuba) en 1895 e que alí padeceu unha severa disentería que lle supuxo dous meses de licencia en La Habana, concedidos por un tribunal médico militar que o examinou o 6 de Decembro. Foi médico segundo do acorazado-gardacostas Vitoria da escuadra do Almirante Cámara en Cuba, que saíu para acudir en socorro da illa, o 18 de xuño de 1898. De 1890 a 1901 estivo embarcado un total de 6 anos en diversos barcos como: o Cruceiro Reina Regente, o Vapor Reina Cristina, o Cañonero Magallanes, o Cruceiro Sánchez Barcáiztegui, o Vapor-Correo Cataluña, o citado Vitoria e o Cruceiro Río da Plata. En terra, estivo destinado no Hospital de Ferrol, en La Habana, no depósito Hidrográfico e no Estado Maior Central, entre outros.

Curando ao Duque de Arión

O 26 de abril de 1902, a prensa recolle que o Dr. Varela socorreu, no lugar dos feitos, e curou na súa consulta particular, ao Duque de Arión —Joaquín Fernández de Córdoba e Osma (1870-1957). VIII Duque de Arión, II Duque de Cánovas do Castillo, XIV Marqués de Povar—, vítima dunha agresión a garrotazos, cando remataba a función do Circo de Parish, por parte do mozo Rafael Barret e Álvarez de Toledo, contra o que fallara o Duque, como presidente dun tribunal de honra, pouco tempo antes.

Na Casa Real

Polos seus méritos, recollidos nunha extensa Folla de Servizos, foi levado a Palacio polo famoso Dr. Camisón. Laureano García-Camisón e Domínguez, excombatente da última guerra carlista, Xeneral médico do Exército e Académico, que xa fora médico do anterior monarca, Alfonso XII.

O 1 de Xullo de 1904 vemos a Ricardo como médico do Cuarto Militar do Rei. O 1 de Outubro de 1914, con S.M. Alfonso XIII convalecente dun cadro infeccioso respiratorio agudo, Varela xura como médico da Real Cámara, da que chegaría a ser decano.

Na súa folla de servizos figura un período de excedencia de ano e medio, manténdose a súa adscrición á Casa Real, que probablemente aproveitou para ampliar estudos de uroloxía polo que logo veremos que dirá del o Dr. Hervada.

A partir de entón aparece como fixo nos actos aos que acudía S.M. o Rei. Hai que ter en conta que, no momento, 1904, en que se incorpora á Real Casa, Varela tiña 44 anos e o Rei 18, o que, unido á proximidade ao monarca, seguramente o converteu nun dos seus preceptores, senón de iure, si de facto.

Ricardo Varela é membro do séquito real en todo momento e lugar: actividades e actos oficiais, de ocio e privadas. Acude co Rei Alfonso a todo tipo de viaxes por España e ao estranxeiro, a visitar ás vítimas de catástrofes, e recepcións oficiais: diplomáticas, políticas, civís, militares ou relixiosas; á Serra de Gredos, ou de vacacións, ao teatro, a Misa e mesmo ao hipódromo de Lasarte e ao frontón, nos veraneos Reais en San Sebastián.

En Xaneiro de 1910, confíaselle, en unión do Dr. Grinda, a saúde do príncipe Leopoldo de Battemberg, irmá da Raíña Victoria Eugenia, que padeceu un cadro febril severo, polo que se chamou tamén á palacio ao médico alemán que o atendera en Londres.
O seguimento do cadro clínico, ao parecer unha gripe complicada sobre un enfermo previamente maltreito, foi exhaustivo por parte de Varela, pois a prensa informou que: «El Dr. Varela, médico agregado a la Secretaría de la Casa Militar del Rey ha dormido en Palacio».

En 1916, ante a grave epidemia de variola que castigaba España, Varela vacina ao Rei e aos infantes, por orde expresa do propio Alfonso XIII, tras consultalo con el. Posteriormente, fíxose cargo da atención á anciá Ex Emperatriz dos franceses, a española Eugenia de Montijo (1826-1920), que falecerá en 1920 en Madrid, no Palacio de Liria, propiedade dos seus parentes da casa de Alba, aos 94 anos. Non obstante, Eugenia foi asistida no seu momento final, ante a ausencia de Varela, que estaba de viaxe en Londres co Rei, por outro compostelán, que tamén fora médico da Armada por breve tempo, e causara baixa por enfermidade, o Dr. Jacobo López Elizagaray (1856-1934): (na Correspondencia de España de 14 de Xuño de 1885, infórmase de que Jacobo, médico segundo da Armada, é destinado ao Servizo de Gardas do Hospital de San Carlos, Cádiz, onde non chegou a tomar posesión por padecer amigdalite recidivante, cadro complicado na era preantibiótica).

En agosto de 1922, Varela era profesor do infante Jaime, de 14 anos, xordo de nacemento. O 5 de Xaneiro de 1924 atende dunha indisposición á Raíña Nai, María Cristina. Neste ano causa baixa, por xubilación, na Armada, o 2 de Xullo, pero seguiu ao servizo do Rei.

En 1927 tratou ao Rei Alfonso dun severo episodio de gripe con complicación pleuro-pulmonar dereita, en compaña dos doutores González Álvarez e Alabern, naquel entón decano dos médicos de Cámara, decidíndose na Xunta Médica que o valorase tamén o Dr. L. Elizagaray.

Así mesmo, segundo parece, Varela tratou ata a súa morte ao gran tribuno tradicionalista Juan Vázquez de Mella e Fanjul (1861-1928), que era parente seu, probablemente primo irmán, pois o pai de Vázquez de Mella era Juan Vázquez de Mella Varela, Tenente Coronel, natural de Boimorto (A Coruña). Ademais coincidiron os dous en Santiago como estudantes de Medicina e Dereito, respectivamente, pois eran da mesma idade. Varela mantívose ao tanto do enfermo, por orde do Rei, durante a súa estancia no Sanatorio madrileño do tamén galego Dr. Paratcha, quen axudou a Mariano Gómez Ulla a amputarlle ao paciente unha perna por gangrena diabética neses días —entre o 17 e o 18 foi operado— de Agosto de 1924. O xornal La Vanguardia recolle que «el Rey, desde el Palacio de la Magdalena, sede de sus vacaciones, ha llamado dos veces interesándose por la salud de D. Juan, y preguntando a su pariente el Dr. Varela, para pedirle detalles sobre la enfermedad de este».

Nas Hurdes con Alfonso XIII

Como consecuencia dos informes sobre a desoladora situación humana e social da zona que, de varias procedencias serias e fiables, lle chegaban ao Rei, en xuño de 1922, do 20 ao 24, lévase a cabo a viaxe á deprimida comarca extremeña das Hurdes. Como é sabido, despois desta visita constituíuse o Real Padroado das Hurdes, encargado de potenciar o desenvolvemento sanitario, social e económico desta comarca. O famoso fotógrafo Campúa, por entón un mozo de 22 anos, contaba moito tempo despois: «Fueron siete duras jornadas a caballo, por caminos difíciles y abiertos en la roca. [...] Había que bordear montañas a unas alturas escalofriantes y yo he visto al rey que en algunos trechos tenía que bajarse de caballo y pasar a pie, porque tenía vértigo y le daban mareos [...] En el curso de cada jornada pasábamos un calor sofocante».

Bocio, analfabetismo, incesto, pobreza, fame, ignorancia, desnutrición, e máis pobreza, despréndense das horribles crónicas daquela viaxe por camiños intransitables, en particular do testemuño autógrafo do Dr. Marañón que publicou El País, en 1993. En toda esta epopea estivo Varela ao lado do Rei.

A operación da Infanta

O 8 marzo de 1931, apenas un mes antes da proclamación da II República, Varela diagnosticou á Infanta María Cristina de apendicite, sendo valorada por Mariano Gómez Ulla, que confirmou o diagnóstico e interveu cirurxicamente, a plena satisfacción, no Hospital da Cruz Vermella de Madrid.

Mentres Ricardo Varela comunicaba o éxito da operación aos Reis e á prensa, Gómez Ulla, home ao parecer parco en palabras, daba o seguinte parte médico, posiblemente o máis curto da historia da medicina: «Su Alteza la Infanta Cristina ha sido operada del apéndice. Todo va bien».

O Rei e Varela

A amizade de Varela co Rei debeu ser intensa pois, ademais de todo o xa exposto sobre a súa proximidade ao Monarca, este, en 1918, concédelle a Gran Cruz de Isabel a Católica, segundo sinala La Época do sábado 9 de febreiro de 1918, refíreo á Gaceta, Boletín Oficial naquel entón, do mesmo día, á par que ao seu paisano, o catedrático da Facultade de Medicina de Santiago e logo Reitor, Luis Blanco Rivero.

Cando, en 1929, Varela sufre un accidente de coche, no camiño da Granja de San Ildefonso, foi visitado no seu domicilio polo Rei, que acudiu a interesarse pola súa saúde. Recollen a noticia Nuevo Día e La Tierra, os días 7 e 8 de setembro de 1929.

Varela como profesional

O periodista e escritor coruñés Andrés Martínez Morás (1879-1939), que o entrevistou para o seu libro Semblanzas Raciales, en 1930, dinos que Varela: «Veía enfermos de selección en su casa, casa de prócer espléndida y ricamente decorada, y que era de mediana estatura, enjuto de carnes, perfil correctísimo y aspecto señorial».

Como investigador, Varela escribe sobre asuntos como significación prognóstica dalgúns síntomas da febre amarela, e dá conferencias sobre temas variados, como “El morfinismo en España”, ou presenta relatorios, como o que expuxo sobre “Valores médico-sociales de la posguerra”, nas I Xornadas Médicas Galegas, segundo cita o xornal El Orzán, de 20 de Xullo de 1929. Pese a noticia do xornal, non atopamos o relatorio nos libros de Actas das devanditas Xornadas, que presidía o seu compañeiro López Elizagaray. Non era raro, entón como agora, que algúns relatorios non chegaran a tempo e quedasen inéditos.

No epílogo do citado libro de Martínez Morás, o famoso tisiólogo coruñés, de ideoloxía republicana, Enrique Hervada García-Sampedro di del: «Ricardo Varela, de tan elevada como merecida posición profesional y social, y de quien nunca olvidaremos, la práctica maestría de sus exploraciones urológicas».

Resulta estraño, por non dicir absurdo, segundo o visto ata agora, que Dr. José Álvarez Sierra, bo médico tisiólogo, escritor moi ameno e didáctico, pero lixeiro, de perfil máis periodístico que investigador, moito máis sólido co fonendoscopio que coa pluma, que afirme, na necrolóxica do Prof. Enríquez de Salamanca, que este era compañeiro, como médico de Cámara do Rei, do Dr. López Elizagaray e de Ricardo Varela, Coronel de Sanidade da Armada que non exercía a profesión.

En xuño de 1931, dous meses despois de abandonar o trono Alfonso XIII, e xa con 71 anos, Ricardo Varela aparece como membro do Comité organizador das II xornadas Médicas Galegas, que preside o monfortino, gran cirurxián vascular e oncolóxico, de prestixio internacional, José Goyanes Capdevila, con Mariano Gómez Ulla como vicepresidente e o Dr. Julián Regueiro López, como secretario xeral, sendo Presidente honorífico Jacobo López Elizagaray.

Nas devanditas Xornadas, xunto a eles, figuran médicos de fama de todo o arco ideolóxico, o que naqueles momentos tiña un profundo significado, pois varios ían ser inmediatamente deputados republicanos: os catedráticos Rodríguez Cadarso, Nóvoa Santos, Francisco Piñeiro, Romero Molezún, Varela Radío, Sánchez Guisande e Alejandro Otero; e destacados médicos, como o académico da Real de Medicina e futuro Vicepresidente da mesma, o gastroenterólogo compostelán Santiago Carro García, que atendería na última enfermidade a Santiago Ramón y Cajal, o cirurxián Fernando Alsina González ou o tocoxinecólogo, moitos anos Xefe de Servizo do Hospital de Basurto, Cesáreo Rey Baltar, sobriño e discípulo de Ángel Baltar Cortés.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo Histórico Universitario de Santiago. Legaxo 1518, Expte.nº 5.

Archivo Histórico-Militar de Segovia, Expte. de D. Ricardo Varela y Varela (1 só documento).

Archivo General de la Marina Álvaro de Bazán. Viso del Marqués. Expte de D. Ricardo Varela y Varela.


Bibliografía secundaria:

ESTRADA CATOYRA, F. (1931): Los Médicos Compostelanos, El Compostelano, miércoles, 18 de Marzo de 1931, p. 1.

GÓMEZ SANTOS, M. (2001): Gregorio Marañón, Barcelona: Plaza & Janés.

MARAÑÓN, Gregorio (1993): Viaje a Las Hurdes: el manuscrito inédito de Gregorio Marañón y las fotografías de la visita de Alfonso XIII, Madrid: El País-Aguilar, Fundación Gregorio Marañón.

MARTÍNEZ MORÁS, A. (1930): Semblanzas raciales, Madrid: Espasa Calpe.

PONTE HERNANDO, F. (2011): Dr. Ángel Baltar Cortés (1868-1934). Maestro de Cirujanos, A Coruña: Editorial InÉditor—Grupo Towers.

VV.AA. (1930): Goyanes Capdevila, José. Libro Homenaje. Gaceta Médica Española.


Prensa consultada:

ABC de Sevilla, de 10 de xuño de 1960.
ABC, 6 de marzo de 1970.
El Bien Público, Mahón, sábado 26 de abril de 1902
La Correspondencia de España de 14 de xuño de 1885,
La Correspondencia de España, 22 de xaneiro de 1910.
La Correspondencia de España, 10 de outubro de 1914.
La Correspondencia de España, 22 de abril de 1918.
La Correspondencia de España, 12 de xullo de 1920.
La Correspondencia Gallega, 1 de xullo de 1904.
El Defensor de Córdoba: diario católico, Año XVIII, Número 5043, 17 marzo 1916.
El Defensor de Córdoba: Diario Católico de Noticias, 22 de agosto de 1924.
El Defensor de Córdoba: Diario Católico de Noticias, Luns 27 de febreiro de 1928.
La Época, sábado 9 de febreiro de 1918.
La Gaceta, sábado 9 de febreiro de 1918.
El Luchador, diario republicano, 27 de xullo de 1926.
El Luchador, diario republicano, 9 de marzo de 1931.
Mundo Gráfico, 28 de xuño de 1922.
Nuevo Día, diario de la tarde, 7 de setembro de 1929.
Nuevo Día, 9 de marzo de 1931.
El Orzán, diario independiente, 20 de xullo de 1929.
El Pueblo Gallego, jueves 28 de Maio de 1931.
Pueblo, 18 de xuño de 1963.
La Tierra: Órgano de la Asociación de Labradores y Ganaderos del Alto Aragón, Año IX, Número 2526, 8 de setembro de 1929.
La Vanguardia, 20 de Agosto de 1924.
La Vanguardia, 11 de marzo de 1927.