culturagalega.org

Ubaldo Pasarón y Lastra

Precursor da navegación aerostática española

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 29/03/2015

Galeria



pasaron_y_lastre_1_web.jpg
pasaron_y_lastre_1_web.jpg
pasaron_y_lastre_2_web.jpg
pasaron_y_lastre_2_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2015], “Ubaldo Pasarón y Lastra”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1028
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ribadeo (Lugo) 1827
  • Falecemento: Santo Domingo (República Dominicana) 1864
Primeiros anos

Na vida deste persoeiro ribadense, a quen se lle dedicou unha rúa na vila, existían amplas lagoas que hai pouco viñeron a encherse, curiosamente, coa publicación online, o 31 de decembro do 2013, da súa biografía no Diccionario Biográfico de la Guadalajara Contemporánea. Neste dicionario (no que existen algunhas inexactitudes como a de situar o seu nacemento en Viveiro) recóllense unha serie de datos, ata agora descoñecidos, sobre a biografía deste ribadense ilustre, obtidos probablemente dos expedientes persoais dos antigos alumnos da Academia de Enxeñeiros de Guadalajara.

Ubaldo Pasarón naceu en Ribadeo o 16 de agosto de 1827, fillo de Benito Pasarón y Lastra (administrador de rendas en Ribadeo) e de Xoana Rodríguez Trelles. Os seus avós paternos eran Manuel Pasarón y Lastra, descendente dunha vella familia de escribáns de Castropol, e Ignacia Fernández Reguero, veciña tamén de Castropol; e os maternos, Francisco Rodríguez Telles e Isabel Lanza Trelles, veciños de Tapia.

Todos os irmáns destacaron en diferentes actividades: Dolores, foi pianista e cantante; Antonio, Celso e Benito, seguiron a carreira militar; Ángel foi un destacado canonista e Manuel e Ramón estudaron Dereito en Santiago, ambos os dous foron deputados no Bienio Progresista pola provincia de Lugo e, sobre todo, o último desenvolveu unha notable carreira política: foi proposto varias veces como deputado por Guadalajara e chegou a ser nomeado Intendente Xeral de Cuba e Vicepresidente do Congreso. Publicaron varios libros e traballos.

Ubaldo, seguindo o ronsel dos seus irmáns maiores estudou a carreira militar na Arma de Enxeñeiros, na Academia de Guadalajara. Rematada a súa formación, co emprego de subtenente, estivo destinado no Rexemento de Granadeiros de la Reina, no que seu irmán Celso era Tenente Coronel. Pasou ao Rexemento de Soria e no 1844, con 17 anos, ascendeu a tenente, sendo destinado ao Rexemento de África, número 7. En 1847 pediu unha licenza de soldo por un ano e en 1848 incorporouse de novo á Primeira Compañía do 2º Batallón do Rexemento de Enxeñeiros.

Os anos cubanos

En 1855 foi destinado a Illa de Cuba, na que o seu irmán Ramón viña de ser nomeado Intendente Xeral e onde acadou o emprego de capitán. Cando en 1861 comezaron os conflitos coa República Dominicana, o Capitán Xeral de Cuba enviou tropas españolas á Illa de Santo Domingo, nas que figuraba Ubaldo Pasarón. No campamento de Santa Cruz del Seibo contaxiouse de febres tropicais e, pouco despois, en 1864, morría na cidade de Santo Domingo.

A obra

Alén do seu emprego militar desenvolveu unha actividade intelectual moi destacada. Desde os tempos da academia militar xa se deu a coñecer como poeta, publicando en Madrid, en 1850, o seu primeiro libro, Poesías y Leyendas. En 1851 pasou a colaborar na redacción da Enciclopedia moderna de Mellado (1851-1855),a primeira que se editou en España con tales características e que tiña 34 tomos. Encargouse dos temas militares, sobre os que escribiu 159 voces (unhas 1.500 páxinas), ata que en outubro de 1852, pola marcha do seu rexemento de Madrid, tivo que rescindir o contrato. A súa obra literaria completa foi editada, en tres tomos, en Nova York, en 1860, e reeditada posteriormente en La Habana, en 1861 e, en Barcelona, en 1874. Editou un tomo máis, complemento dos anteriores, sobre temas militares e administrativos.

De todas maneiras, polo que mais destacou foi pola súa faceta de inventor: En 1862, solicitou en Cuba tres patentes : a locomoción eléctrica, os transportes aerostáticos e, sobre todo, «la navegación aerostática de rumbo fijo y velocidad arbitraria». Para esta última, o goberno concedeulle unha patente por cinco anos, sendo a noticia moi difundida e comentada en toda España e ultramar (nalgúns casos, con escepticismo e ironía, como ocorreu na revista satírica cubana El Moro Muza, de 12/10/1862). Sobre este tema publicou un folleto titulado Pilotage aeronáutico por Ubaldo Pasarón y Lastra, descubridor de la navegación admosférica (sic) (1862), que incluía ademais dos cálculos pertinentes, dous esbozos coas características do aeróstato. Deseñou dous enxeños: un, denominado «Transportes aerostáticos por el gas», consistía nun «flotante» de forma esferoidal, cheo con hidróxeno, que era remolcado desde terra con unha corda e que tiña a finalidade de levar cargas depositadas nunha rede que penduraba do globo. Sería destinado, en Cuba, «para los cargamentos de los injenios hasta los puertos ó almacenes» . O outro, denominado «Transportes aerodinámicos de fijo rumbo y velocidad arbitraria», consistía nun auténtico dirixible. Tiña tamén forma de esferoide e podía encherse con aire comprimido ou, sobre todo, hidróxeno. O máis orixinal do «Flotante Pasarón» consistía na forma de propulsión e orientación do dirixible, que se realizaba pola reacción xerada pola saída do gas a través dunha serie de válvulas situadas en diferentes puntos da superficie e que podían ser controladas polo navegante. Dispoñía dun gasómetro para a xeración do hidróxeno que, alternativamente, podía substituírse por outro de aire comprimido. O esbozo que acompañaba ao proxecto correspondía a un dirixible duns 4.000 metros cúbicos de volume. Tiña previsto que fora destinado ao transporte de correo por todo o mundo para o que tiña xa previsto unha serie de rutas cos seus tempos de viaxe correspondentes. Morreu dous anos despois de presentar estes proxectos.

Valoración científico-técnica

Os primeiros intentos para conseguir que os globos puideran ser dirixidos segundo a vontade do navegante (a «navegación aerostática») datan de 1834, cando o conde Lennoux construíu o “Eagle”, un primeiro dirixible que non conseguiu remontar o voo. Máis éxito tivo Jules Giffard, quen en 1852 conseguiu voar 27 km. cun dirixible alimentado con gas da iluminación e propulsado por unha hélice á vapor.

O primeiro dirixible construído en España non voou ata os primeiros anos do século XX e foi o deseñado por Torres Quevedo. De todas maneiras, en toda a segunda metade do XIX existiron numerosos proxectos para conseguir propulsar e dirixir os aeróstatos. No contorno temporal no que se presentou o de Pasarón son salientables o de José de Alarcón y Salcedo (1839), de forma cilíndrica rematado en dous conos que debía moverse por hélices propulsadas por unha máquina de vapor, unha idea que precedeu en trece anos a do francés Giffard, e orientado cunha vela. En 1860, o médico catalán Antonio Oliver y Pi, publicou Viajes atmosféricos. Tratado teórico-práctico de la dirección de las Armazones Aerostáticas, obra na que describía un dirixible de forma cónico-esférica propulsado por hélices movidas a man. En 1872, Julián del Bosque propón outro de forma cilíndrica rematada en dous conos e propulsado por unha hélice movida por unha máquina de vapor; para a súa orientación axudábase dun remo. O corpo, de metal, estaba dividido en varios compartimentos.

O dirixible de Pasarón correspondería a esta serie de proxectos españois da metade do dezanove que nunca chegaron a ser unha realidade. O nivel de definición tecnolóxica sería semellante aos de Alarcón e Oliver, coa singularidade de presentar un sistema de propulsión e orientación absolutamente orixinal (mesmo a nivel internacional). De todas maneiras ficaría por comprobar que a forza reactiva que xeraba a saída do gas polas válvulas dispostas a tal efecto fora abonda como para mover un esferoide de cando menos 4.000 metros cúbicos.




Bibliografía:




Fontes impresas:

PASARÓN Y LASTRA, Ubaldo (1860): Obras completas, ( 4 vols.). 2ª ed. Impr. Max y Cia. La Habana, New York.

PASARÓN Y LASTRA, Ubaldo (1862): Pilotage Aeronaútico por D. Ubaldo P. Pasarón y Lastra. Descubridor de la Navegación Admosférica [sic], 2ª ed. corr. y ampl. La Habana.


Bibliografía secundaria:

FERNÁNDEZ DE LA TORRE, R. (1985): Los globos en la conquista del aire. Notas para la historia de la aerostación en España, Aeroplano. Revista Historia Aviación Española, 3: 18-29.

FERNÁNDEZ DE LA TORRE, R. (1993): España y los dirigibles, Aeroplano. Rev. Hist. Aeronaútica, 11: 74-91.

Instituto de la Aviación Española (1988): Historia de la Aviación Española. Madrid.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.; LÓPEZ MORÁN, B.: MÍGUEZ GOYANES, X.L. (2003): Parlamentarios de Galicia. Biografías dos Deputados e Senadores de Galicia (1810-1923), Santiago: Parlamento de Galicia / Real Academia Galega.

Diccionario Biográfico de la Guadalajara Contemporánea.
http://bioguada.blogspot.de/2013/12/ubaldo-pasaron-lastra.html

TISSANDIER, G.: Les aérostats dirigeables, Paris Illustré, nº 24
http://www.traces-h.net/revues/aerostat_06.htm