culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Celia Brañas Fernández

Unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xose A.
  • Data de alta: 19/11/2015

Galeria



Branas_Fernandez_Celia_2_web.jpg
Branas_Fernandez_Celia_2_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xose A. ([2015], “Celia Brañas Fernández”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 16/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1032
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1880
  • Falecemento: Descoñecida
Foi filla de Consuelo Fernández Miranda, de Betanzos, e do xornalista, escritor e farmacéutico coruñés Gonzalo Brañas y Sánchez Boado, medio irmán de Alfredo Brañas Menéndez, o catedrático da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela que foi sobranceiro representante do rexionalismo conservador galego.

Celia Brañas símbolizou o esforzo das mulleres da súa xeración por xogar un papel protagonista na sociedade e, de xeito singular, na cultura científica. No camiño da igualdade o acceso das mulleres ao ensino foi un paso relevante. Unha conservadora e discriminatoria tradición vixente durante séculos entre as elites dirixentes en España e Galicia limitou o acceso das mulleres ao ensino, á actividade profesional e, por suposto, á ciencia. Unha Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes do 8 de marzo de 1910 eliminou esa obriga, que se viu complementada con outra do mes de setembro permitindo ás mulleres o exercicio da profesión derivada dos estudos efectuados. Por iso non nos pode sorprender que ata 1913 non houbese mulleres estudando na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, e que a primeira en acceder á Facultade de Farmacia, María Eugenía Pereira Rodríguez, o fixera en 1921.

Formación e itinerario profesional

Celia Brañas realizou estudos na Escola Normal da Coruña para acadar o título de mestra elemental e superior e, despois, cursou o Bacharelato no Instituto local. Posteriormente superou na Escola Superior de Comercio a materia de “Reconocimientos de productos comerciales y Prácticas de Laboratorio” e na Universidade de Santiago de Compostela examinouse das asignaturas de Mineraloxía e Botánica, Zooloxía e Física e Química, ou sexa, do curso preparatorio da Facultade de Ciencias.

En 1908 iniciou o seu labor docente na Escola Normal coruñesa como profesora auxiliar, substituta da titular de Ciencias. No curso 1909-10 explicou tres materias, Ciencias Físicas e Naturais, Agricultura e Matemáticas; en 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural. Ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946. A súa irmá Esperanza tamén exerceu como docente de Ciencias e secretaria na Escola. O irmán, Gonzalo Brañas, foi físico, inventor e catedrático do Instituto coruñés. En 1922, disfrutou dunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) de dous meses para prácticas de Histoloxía nos laboratorios do Instituto de Ciencias Naturais de Madrid.

Perspectiva pedagóxica e divulgadora

A súa visión do ensino das Ciencias estivo en consonancia coa proposta educativa dos movementos de renovación pedagóxica da época, o «ensino activo». Nunha memoria manuscrita, “Las Ciencias físicas y naturales en las Normales de Maestras”, salientaba o «carácter eminentemente práctico y de aplicación» desas materias e defendía un ensino no que a teoría fose acompañada «de la demostración experimental». Tamén era partidaria de tomar en consideración o sentido aplicado das Ciencias e por iso propuña levar ao alumnado de visita a fábricas e talleres, onde debería recoller observacións en cadernos para posterior explicación e debate en clase. Nesa liña modernizadora defendeu o «gran valor pedagógico [de] los paseos y excursiones, especialmente para el estudio de la Historia Natural», actividades na Natureza que deberían completarse na aula. Fronte a ausencia de recursos nos laboratorios das escolas de Maxisterio propuña a realización de actividades prácticas con obxectos cotiáns e, sobre todo, describía magníficos exemplos de experimentos de Física e de Química que se podían realizar con materiais accesibles e sinxelos.

Celia Brañas entendeu que a súa responsabilidade de educadora non se debía restrinxir ao espazo das aulas e desenvolveu un notable labor de divulgación. Así, na Memoria que presentou en 1909 amosouse partidaria de que nas escolas de Maxisterio se impartiran cursos de cultura xeral para mulleres. E desde 1912 foi precursora no labor de extensión universitaria nesas escolas, pronunciando conferencias sobre temas como “Electricidad estática”, con prácticas, “Filosofía de la Historia”, “Progresos y aplicaciones de la fotografía”, “Educación e instrucción de la mujer”.

Labor a prol dunha estación de Bioloxía mariña

No verán de 1919 o Instituto de Estudios Gallegos presidido por Manuel Casás Fernández (1867-1960) organizou na Coruña o Primer Congreso de Estudios Gallegos. Celia Brañas actuou como ponente e falou sobre a “Importancia que para la región gallega tendría la creación de una estación de biología marina en La Coruña. Medios prácticos para establecerla”, e foi eloxiada polos xornais da época. Esa intervención resultou clave para que no ano seguinte, 1920, ela mesma solicitara ao Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid que organizara na cidade herculina un curso de Bioloxía Mariña, no que participou, un evento con certa trascendencia, pois estivo relacionado coa posterior creación da Estación desa especialidade en Marín (1932).




Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente persoal da alumna Celia Brañas Fernández. Caixa 227, número 6021. Arquivo Instituto Salvador de Madariaga (A Coruña).

Expediente persoal de Celia Brañas Fernández. IDD (05) 001.019, caja 31/17451, exp. 1949-32. Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares).


Bibliografía secundaria:

DOSIL MANCILLA, J. (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939). El estudio de la flora y vegetacion marinas en España, Madrid: CSIC.