culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Baltar Domínguez

Un médico exiliado e con sensibilidade social

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 28/09/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2016], “Antonio Baltar Domínguez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1051
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1906
  • Falecemento: Bos Aires 1970
A familia Baltar ten unha relevante presencia no desenvolvemento das Ciencias da Saúde en Galicia. Na Farmacia creada por José Baltar Varela en 1816, en Padrón, exerceu Ángel Baltar Varela, da primeira promoción de licenciados en Farmacia (1862); o pai de Antonio, Ángel Baltar Cortés (1868-1934), foi un excelente cirurxián, director do Grande Hospital de Santiago, que en 1908 creou na cidade compostelá co catedrático Manuel Varela Radío (1873-1962), o primeiro sanatorio fundamentalmente cirúrxico de Galicia. E un irmán, Ramón (1902-1981), tamén salientou como cirurxián e, asemade, exerceu a dirección do Sanatorio Baltar e do Grande Hospital.

Formación e primeiros pasos profesionais

Antonio realizou os estudos de Secundaria no Instituto de Santiago, se ben no curso 1918-19 acudiu ao Colexio Balmes de Lugo, e iniciou os de Medicina na Facultade da súa cidade natal en outono de 1921. Superados o curso preparatorio e os tres primeiros da licenciatura, trasladou a matrícula para a Universidade de Madrid en 1925, onde aprobou os tres restantes, rematados en 1929, e superou as materias de doutorado no curso 1928-29. Na capital mantivo relación con diversos paisanos que estudaban alí, entre eles con Antonio Fernández López (1903-1971), fillo de Antón de Marcos, a quen, probablemente, coñecera na súa estadía en Lugo.

Ata a volta a Santiago, a fins de 1931, completou a súa formación en diversas institucións. A instancias do amigo da familia, o catedrático de Obstetricia Manuel Varela Radío, especializouse en Xinecoloxía, permanecendo como interno no servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital de San Carlos, que estaba a cargo de Varela. A fins do ano 1929 realizou unha visita de tres meses a diversos hospitais de París. Asemade, foi discípulo de Pío del Río-Hortega (1882-1945), membro salientable do colectivo científico dedicado ao estudo dos compoñentes microscópicos da vida, a “escola histolóxica española”, probablemente a máis relevante no terreo das ciencias biomédicas. O Premio Nóbel Santiago Ramón y Cajal (1852-1934) utilizou unha serie de técnicas pioneiras, as impregnacións arxénticas, Nicolás Achúcarro (1880-1918) montou a técnica do tanino arxéntico e Pío del Río-Hortega, proposto dúas veces para o Premio Nóbel, creou catro variantes diferentes. Este científico, descubridor da microglía (un tipo de células do sistema nervioso), era desde 1920 director dun importante laboratorio creado para el pola Junta de Ampliación de Estudios (JAE) na Residencia de Estudiantes.

En outubro de 1931 obtivo o grao de licenciado presentando unha memoria sobre a “Angina diftérica” nun tribunal do que formaron parte Manuel Varela Radío, Roberto Nóvoa Santos (exprofesor de Baltar en Santiago) e Luis Morillo Uña (1901-1937), discípulo de Varela. A continuación volveu para Compostela, onde compatibilizou os labores clínicos e cirúrxicos no Sanatorio do seu pai con diversas actividades e ocupacións. Ese mesmo ano seguiu en A Coruña un curso para Inspector de Sanidade e ingresou no Cuerpo de Médicos Titulares Inspectores Municipales de Sanidad, dependente da Dirección Xeral de Sanidade do Ministerio de Gobernación, ingresando en 1933 no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago. O Concello encargouno do servizo de “Profilaxis antivenérea, sección femenina”. En 1932 accedera ao posto de médico dos servizos tocolóxicos do Seguro de Maternidade.

Axudante de clases prácticas de Histoloxía e Anatomía Patolóxica na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC), o 12 de decembro de 1930 cesou por ser nomeado por concurso-oposición auxiliar temporal da Sección de Histoloxía e Anatomía Patolóxica, cargo que exerceu desde o 25 de novembro de 1931 e que compatibilizou co traballo no sanatorio paterno. En novembro dese ano xogou un papel protagonista no Curso de especialización en Histopatoloxía que o seu mestre del Río Hortega ofreceu en Santiago de Compostela. E en decembro obtivo unha bolsa para Alemaña da JAE. Na Memoria anual da JAE aparece que Antonio Baltasar (sic) Domínguez dispuxo dunha bolsa da institución para traballar seis meses, de 1934, en Alemaña, na área de Xinecoloxía (Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, 1935: 190). Traballou con salientábeis profesionais en Berlín, no Instituto Patolóxico da Universitäts Berlin Frauenklinik, con R. Meyer e W. Stoeckel, e en Breslau, no Neurologisches Institut, co profesor Förster.

Robert Meyer (1864-1947), relevante xinecólogo e patólogo de ascendencia xudía, tería que fuxir en setembro de 1939 da Alemaña nazi cara os EEUU de América, onde morreu. Walter Stoeckel (1871-1961), especialista de sona mundial, foi membro sobranceiro da Gesellschaft für Geburtshülfe und Gynäkologie de Berlín, institución que presidiu de 1933 a 1935 e que cambiou de nome en 1947, pasando a denominarse Wissenschaftliche Gesellschaft für Geburtshilfe und Gynäkologie bei der Universität Berlin, con Stoeckel á fronte ata 1950. Por outra banda, foi editor da Zentralblatt für Gynäkologie durante 48 anos e da Zeitschrift für Geburtshilfe und Gynäkologie por 34. Sen formar parte do partido nazi amosou certa simpatía polo Réxime de Hitler, se ben protexeu algo a Meyer ata 1939. Otfrid Förster (1873-1941) foi un relevante neurólogo e neurocirurxián alemán, presidente da Sociedade Alemá de Neuroloxía desde 1924 a 1932.

Expulsión da universidade e exilio

Comprometido cos ideais republicanos, e con boas relacións cos sectores galeguistas, interveu na constitución da “Agrupación al Servicio de la República” de Compostela e en diversas iniciativas. Así, por exemplo, o 27 de febreiro de 1935 asinou un escrito, apoiado por persoas da cultura compostelá de diferentes posicións políticas, contra a aplicación da pena de morte aos condenados polos sucesos de Asturias de outubro de 1934 (El Compostelano, 7 de marzo de 1935). Asemade, publicou artigos na Revista P.A.N. (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.

Un mes despois do golpe de Estado de 1936, o 17 de agosto, foi suspendido cautelarmente de emprego e soldo na Facultade de Medicina pola autoridade militar-gobernativa, como lle acontecería ao seu irmán Ramón; foi dos 24 profesores da USC obxecto desa primeira represión (Gurriarán, 2006). Nos meses seguintes, o bando fascista tomou rápidas e contundentes medidas para a “depuración” do profesorado, co fin de revisar o perfil ideolóxico dos docentes e asegurarse a lealdade ao novo Réxime. O decreto 66 de 8 novembro de 1936, publicado no BOE o 11 de novembro, creou comisións encargadas dese proceso. Os membros delas eran designados polo presidente da Junta Técnica del Estado a proposta da Comisión de Cultura y Enseñanza, que presidía José María Pemán, que nunha circular de 7 de decembro concretaba o procedemento, partindo dunha demonización do labor da Junta para Ampliación de Estudios. As comisións debían elaborar un informe sobre os profesores “depurados”, co prego de cargos e defensa do inculpado, tomando a decisión final a Comisión de Cultura y Enseñanza, na que a presenza de membros de Acción Española, grupo católico de dereitas, era moi notable (Claret Miranda, 2006). A Comisión A (de depuración do profesorado universitario) abriulle expediente sancionador a Baltar o 20 de xaneiro de 1937, e acordou a separación definitiva do servizo, confirmada o 1 de abril (Gurriarán, 2006). Ademais dese expediente administrativo, tamén se lle abriu unha causa por implicación política co réxime republicano en 1941.

Mais Antonio Baltar xa estaba fóra de Galicia nesas datas. Despois do 18 de xullo sufrira diversas ameazas, nalgún caso de profesores da Facultade. Igual aconteceu co seu colega e amigo, Luis Morillo Uña. O que fora decano da Facultade de Medicina ata o golpe militar díxolle que non soportaría a cadea e que pensaba suicidarse para evítala, e así faría o 4 de xaneiro de 1937. En setembro decidiu marchar ao exilio. Antonio e a a súa dona, Mireya Dieste, coa que casara en 1935, dubidaron sobre o destino a escoller. El tiña opcións de traballo en Alemaña, pero a presenza do nazismo disuadiuno. Mireya prefería ir a Inglaterra e a familia aconselláballe Francia. Baltar tiña familia en Bos Aires e Mireya en Montevideo, polo que optaron por atravesar o océano para chegar á capital uruguaia e pasar desde alí á Arxentina. Iniciou os trámites e o 2 de setembro obtivo o preceptivo “Certificado del Servicio Médico” do Consulado do Uruguai na Coruña.

Fronte á persecución contra as persoas non adictas ao novo Réxime desencadeada polos franquistas nese período xogaba a favor de Baltar o pertencer a unha familia moi respectada e con boas relacións na cidade, malia, por outra banda, non lle beneficiaba posuír un carácter que non encaixaba ben coa discreción que o momento parecía esixir. Nesa liña é significativo un incidente acontecido cando indo de Vigo a Santiago en coche se atopou cunha manifestación que celebraba a toma dalgunha cidade importante polas tropas franquistas e cortaba o trafico na ponte de Caldas de Reis; Baltar atravesou, “rompeu”, a manifestación co coche. Ao chegar a Santiago foi á Cafetería “Derby”, e estando alí, pola radio comunicaron a toma desa cidade; todos os presentes puxéronse de pé e cantaron o himno fascista “Cara al Sol”, agás Baltar, que seguiu tomando o seu café. Estes feitos precipitaron as cousas, os falanxistas decidiron actuar; esa mesma noite a familia, o irmán Ramón, recibiu unha chamada de teléfono comunicándolle que avisasen a Antonio que os fascistas ían ir buscalo para “pasealo”.

Quen deu o aviso foi nin máis nin menos que un alto dirixente falanxista, Carlos Colmeiro Laforet (1906-1988), dunha familia con varios integrantes identificados co extremismo de dereitas (un irmán, Ángel, presidiu o tribunal encargado da represión da masonería, unha irmá, María Laura, era secretaría da Sección Feminina da Falanxe xa desde antes do golpe de Estado). A Colmeiro detivérono en abril de 1936 polas actividades conspirativas e violentas desenvolvidas e proxectadas pola Falanxe galega, e despois de saír da cadea foi nomeado, en novembro de 1936, Xefe da Falanxe na provincia da Coruña. Colmeiro, ademais de fascista era un excelente médico e coñecía a Ramón e Antonio Baltar, con quen coincidiu na Facultade de Medicina e cos que compartía especialización en cirurxía e xinecoloxía (chegou a solicitar unha bolsa da JAE para ir formarse con Stoeckel en Berlín, o mesmo ao que acudiu Baltar).

Ao recibir o aviso, Antonio decidiu marchar xunto a José Gallego Asorey, íntimo amigo seu. Gallego, que formou parte da primeira promoción de químicos licenciados na USC, deixara a docencia universitaria para ingresar na empresa S. A. Cros en 1930, como xefe de sección, con destino nas instalacións no Burgo (Culleredo, nas inmediacións da Coruña), posto que ocupou ata que en 1939 ascendeu a director da fábrica galega. Acolleu a Baltar e agachouno no chalé que ocupaba a dirección da empresa. Por certo, cando Antonio marchaba cara ese destino atopou no Mesón do Vento mortos á beira da estrada, “paseados” coñecidos de Rianxo.

En decembro de 1936 colleu, con Mireya, no porto da Coruña o barco, La Reina del Pacífico, de Colonia, nunha marcha que non estivo exenta de riscos. Diversos elementos falanxistas vixiaban a zona do porto de onde saían os barcos para o estranxeiro, entre eles algúns residentes en Santiago, que tiñan como obxectivo a Antonio Baltar. Parece ser que entre esas persoas figuraban o procurador de Compostela Solla (que contan estivo implicado nos asasinatos de Camilo Díaz Baliño e a Ánxel Casal), o taxista Adriano ("El manivelas”) e algún profesor da Facultade de Medicina. Para evitar ser recoñecido entrou no edificio de aduanas con varios traballadores da Cros, vestidos cos seus buzos e, mesmo, coa cabeza cuberta con esa peza de tela que se utiliza para cargar vultos. Despois, discretamente, quitouse o buzo, por debaixo levaba o seu traxe e garabata, e xuntouse con Mireya, quen levaba un abrigo e un paraugas cheo de libras esterlinas. Pasaron polo control dos pasaportes e nunha lancha accederon ao barco.

O destino foi similar ao de numerosos colegas seus e do mestre, Pío del Río-Hortega, que pasou os derradeiros anos da súa vida entre Montevideo e Bos Aires. Precisamente, a raíz da súa morte, Antonio Baltar escribiu un artigo, “Río Hortega y su obra”, no que reflexionou sobre as dúas actitudes fronte a natureza, a contemplativa e a investigadora, e a necesidade da dignidade humana e da liberdade para investigar; no texto salientou a atención do mestre aos seus colaboradores e fixo un xustificado eloxio do relevante labor científico de Hortega e do seu comportamento leal coa República, co rexeitamento a aceptar as propostas franquistas para volver do exilio. Noutro artigo, un comentario sobre o libro Biología y democracia, de Juan Cuatrecasas (1899-1990) (Baltar, 1943), expresou a súa coincidencia co colega en que o científico debe ser humanista, no sentido de ocuparse doutras cousas diferentes á propia profesión, un humanismo contemporáneo.

O efecto inmediato desa obrigada decisión de Baltar de exiliarse foi a interrupción da súa carreira académica; así, en contraste coa situación dos compañeiros que, con maior ou menor identificación co franquismo, ficaron na Facultade de Medicina, o noso biografiado debeu afrontar o duro reto de reiniciar a carreira profesional e a sociedade galega perdeu a súa valiosa contribución.

Primeiros pasos na Arxentina

Aos poucos días da chegada a Montevideo, o matrimonio Baltar-Dieste dirixiuse a Bos Aires no vapor Viena, a onde chegaron o 31 de xaneiro de 1937. Primeiro residiron na Pensión Alemana, pero despois para pasaron para un establecemento mellor, o Hotel Español, onde permaneceron un ano. Despois trasladáronse para un piso de La Plata. Aprobou na Universidad Nacional de La Plata, á primeira, a reválida obrigada para convalidar o título e poder exercer a medicina na Arxentina e obtivo nesa institución o título de doutor o 10 de setembro de 1939, cunha tese que realizou no servizo de Patoloxía do Instituto Modelo da Clínica Médica do Hospital Rawson co Doutor Andrés Bianchi: “Las lesiones vasculares en la úlcera de estómago”.

Legalizada a súa situación profesional, fundou un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués e exiliado Gumersindo Sánchez Guisande (1894-1976), catedrático de Anatomía na Facultade de Medicina de Zaragoza. Baltar exerceu como cirurxián e xinecólogo; asemade, organizou o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, sendo Xefe de Servizo entre 1939 e 1947. O seu desacougo tiña que ver co forzado exilio, a ruptura da súa carreira profesional en Santiago mais non, a pesar do que se ten publicado, pola ausencia de recursos: nun primeiro momento procedían da familia residente en Galicia e axiña puido dispoñer dos seus propios medios fornecidos polo traballo profesional.

Labor asistencial

Antonio Baltar foi unha persoa inqueda, crítica, e un médico cunha clara vocación de servizo, especialmente cara os máis necesitados. En 1943 fundou, utilizando cartos da súa herdanza, o “Hogar Gallego para Ancianos” en Donselaar, a 50 km da capital federal, institución que presidiu e ideou para axudar aos compatriotas envellecidos e desvalidos na Arxentina. Desa iniciativa, da que máis orgulloso se sentía, fíxose eco Isaac Díaz Pardo cando en 1988 se cumpriron os 45 anos da creación.

Asentado na capital arxentina, con interesante labor profesional e bos salarios, decidiu trasladarse á Patagonia a exercer como médico dos mineiros de Chos Malal, lugar illado e situado ao norte da provincia de Neuquén, a 974 m. de altitude, no pé dos Andes, porque coidaba que o médico debe servir onde fai máis falla. Acudira en 1947, en representación do Ministro de Salud Pública á inauguración dun hospital que, sobre todo, debería atender aos mineiros que xeralmente procedían de Chile, ilegais. O alcalde faloulle de que o establecemento só contaba cun médico xeral. Nese momento, Antonio Baltar sentiuse conmovido pola situación daquela xente e decidiu deixar Bos Aires e ir a traballar durante case cinco anos como director no hospital, onde exerceu como médico xeral, cirurxián, xinecólogo e responsable do laboratorio anatomopatolóxico, pasando a integrarse no Ministerio de Salud Pública.

En febreiro de 1951 acudiron alí Luís e Maruxa Seoane, a visitar ao matrimonio Baltar-Dieste; Seoane, que pintaría uns fermosos cadros no lugar, puido observar en directo o labor de Baltar e diso lle falou a Carlos Maside nunha carta escrita o 15 de xuño dese ano (Tarrío, 2015): «Creo que allí tuve conciencia cabal de todo lo que es un hombre. Antonio Baltar es en ese ambiente un héroe como no se puede tener noticia en Europa». Sobre a estadía en Neuquén escribiu un breve texto en galego, en decembro de 1954, parte dun libro en proxecto (Ilusión de liberdade), “Festa e Transmutación nos Andes”, que publicou en 1955 na revista Galicia Emigrante (editada por Luís Seoane entre 1954 e 1959), utilizando o nome de Luis Estévez, un pseudónimo do que fixo uso en diversas ocasións. Recreaba a festa no clube mineiro da localidade, con referencias á música que se tocaba, unha “cueca”, baile de parellas propio de diversos países sudamericanos (danza nacional de Chile desde novembro de 1979). A experiencia vivida en Chos Malal, o contacto directo con xente tan necesitada que vivía en condicións moi precarias, debeu producir un forte impacto en Baltar, quen desde ese momento prestou especial atención á medicina social.

Entre 1952 e 1953 exerceu de secretario na Dirección Xeral de Sanidade do Sur (Baía Branca), traballando baixo a dirección do Dr. Tomás Carbel. Por un breve período de tempo, desde 1953, volveu ao mundo académico, encargándose da cátedra de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico, pero en 1954 deixou esa ocupación docente por atraerlle máis a proxección social do seu labor como Director Xeral de Sanidade de Cuyo.

Polo medio, en 1953 tivo lugar a inauguración do Sanatorio de Centro Gallego de Bos Aires, evento para o que convidaron ao irmán Ramón. A circunstancia deu lugar a unha experiencia singular, pois os dous irmáns operaron xuntos, algo que non o facían desde os anos trinta no sanatorio do pai, en completa sintonía técnica, como se non pasaran os anos.

No mesmo 1954 decidiu regresar a Bos Aires e traballou como patólogo no Registro Nacional de Patología ata 1957; asemade, especializouse en Medicina Social nun curso organizado pola Organización Mundial da Saúde. Tamén no ano 1957 realizou unha viaxe de estudo como funcionario do Ministerio de Salud Pública Nacional, visitando servizos hospitalarios e de Patoloxía en Suecia, Dinamarca, Alemaña, Francia e España; foi a primeira vez que volveu a Galicia desde a saída en 1936. De regreso a Arxentina, ata 1960, foi Secretario Técnico del Registro General de Patología e seguiu un Curso Superior de Salud Pública na Escuela Nacional de Salud Pública, en Bos Aires.

Entre 1961 e 1964 dirixiu, designado polo Ministerio e en coordinación co goberno da Provincia e os organismos internacionais OSP/OMS e UNICEF, un equipo internacional de médicos e outros profesionais que implantarían un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras pampánicas. Entre 1964 e 1967 actuou como médico da Dirección de Planificación y Evaluación de la Salud e acudiu á sede da OMS, en Xenebra, representando a Arxentina (18ª Asemblea Mundial da Saúde), continuando despois viaxe de estudo a organismos sanitarios e a servizos centrais do seguro de enfermidade en España (a segunda viaxe desde o exilio e derradeira vez que pisou Galicia). A continuación foi trasladado a La Rioja, onde desenvolveu un labor semellante ao de San Juan, un plan de saúde baixo a dirección de Tomás Carbel, nese momento o Ministro de Salud Pública da provincia. Cando morreu estaba destinado en Córdoba, encargado da coordinación sanitaria rexional da zona Centro-Córdoba.

Outras actividades

En Arxentina mantivo a súa preocupación social, como médico e como cidadán, con Galicia como referencia constante, participando nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. Integrouse na masonería, formou parte da loxa da que era mestre venerable o seu curmán Ramón Rey Baltar (1882-1969), de onde partiu a iniciativa de crear o “Hogar Gallego para Ancianos” en Donselaar.

A experiencia vivida en Chos Malal, o contacto directo con xente tan necesitada que vivía en condicións ben precarias, influíu en Baltar, no terreo profesional e no xeito de interpretar os problemas e solucións de Galicia, priorizando a consideración das circunstancias materiais da xente. Así, fundou en xuño de 1956, xunto con outros emigrantes e exiliados galegos, a “Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas” (AGUEA), entidade de carácter galeguista da que foi presidente e que tiña os seguintes obxectivos: recoller, difundir e fomentar os feitos de calquera orixe ou as obras de todo autor que signifiquen unha exaltación para Galicia ou un enriquecemento do seu acervo cultural ou das súas posibilidades vitais, auspiciando ou creando seccións e organismos que tendan ao mellor coñecemento dos valores históricos e actuais de Galicia e ao estudo e solución dos problemas que lle afecten e promover o estudo, desenvolvemento, perfeccionamento e exercicio do idioma galego. Unha iniciativa relevante que unía a intelectuais e profesionais das áreas científicas e humanísticas.

AGUEA organizou cursos de xeografía, historia, lingua e literatura galega, unha homenaxe a María Casares e coloquios sobre os problemas de Galicia. Como iniciativa da entidade, Baltar tamén dirixiu, xunto a Luís Seoane, a editorial Citania que nas súas coleccións publicou importantes libros, entre eles algúns de científicos, como os de Parga Pondal e Cruz Gallástegui. Esa incorporación da ciencia como un elemento clave da cultura galega foi unha salientable contribución de AGUEA e nela tivo bastante que ver Antonio Baltar. En xullo de 1956, no Congreso da Emigración Galega en Bos Aires, foron convidados a intervir membros de AGUEA e Baltar presentou dúas contribucións: “Encol dun museo circulante de fotografías de obras de arte, debuxos e gravados” (proxecto elaborado por Luís Seoane) e “A emigración galega e a cultura”.

Isaac Díaz Pardo explicou como coñeceu a Antonio Baltar ao chegar en 1955 ao país platense, en casa de Lorenzo Varela, e salientaba o seu ánimo e compromiso cos que traballaban pola investigación e divulgación dos coñecementos sobre Galicia (Díaz Pardo, 1986). Baltar colaborou estreitamente con Díaz Pardo e Seoane no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia que incluía a restauración de Sargadelos e a creación dun Museo Galego de Arte Contemporánea. Foi nomeado por Carlos Maside presidente da comisión de testamentarios do seu legado, tratou de que o Museo promovido polo Laboratorio de Formas no Castro de Samoedo (Sada) incorporase a maior parte da súa obra, o que deu lugar a que este Museo leve o nome de Carlos Maside.

As xestións en representación de AGUEA en Galicia

En 1957 viaxou por Europa, como vimos, nunha xira como funcionario do Ministerio de Salud Pública Nacional, mais, de xeito particular, tamén trouxo a Galicia o encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, como continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As súas xestións non foron ben acollidas polos intelectuais do interior; o grupo relacionado coa editorial Galaxia desconfiaba da ideoloxía de esquerdas que coidaban observar en Baltar e os seus amigos no exilio, nun tempo no que algúns «galaxios» estaban a piques de involucrarse no anticomunista “Comité Español del Congreso por la Libertad de la Cultura”, xurdido en 1959 para fomentar iniciativas liberais e moderadas que fosen alternativa ás posicións de esquerdas na oposición ao franquismo. As propostas de Baltar e AGUEA a prol da ciencia e a economía na construción do futuro de Galicia ficaban distantes da visión do galeguismo do interior, interesado por afondar en cuestións como a saudade e outros elementos da identidade cultural.

Nesa viaxe asinou en Estocolmo un manuscrito de seis páxinas, o 21 de xuño de 1957, que parece corresponder a unha intervención prevista como representante de AGUEA. Nel facía fincapé nunha idea que se repetiría nese período, a de atender ás condicións de vida dos galegos. Defendía un concepto da cultura como elemento non elitista, «el resorte o el camino que permite al hombre ser más humano, más dueño de su destino. La cultura es además un derecho inherente a cada hijo de hombre, derecho al que nadie debe renunciar». Afirmaba que en Galicia existían recursos e que no exterior había persoas dedicadas ao estudo dos problemas do pais e que «La Historia de Galicia, de sus tradiciones, de su arte, de sus costumbres populares, de su cultura, demuestran la fuerza y la dignidad de una estructura nacional que puede y debe ser legítimo punto de apoyo para levantar orgullosamente el pabellón de la cualidad de gallegos, y que debe ser también firme sostén de la fe en el porvenir de nuestra tierra». Aludía a dous elementos complementarios, a «Galicia gallega» e a «Galicia americana».

Nesa liña, á volta pronunciou unha conferencia, o 17 de maio de 1958, no Centro republicano de Bos Aires (Ateneo Pablo Casals): “El hombre, la técnica, la política”. Nela explicou que, fronte as dificultades do franquismo, na súa visita a Galicia observara certa pasividade e mesmo un temor ao baleiro. Desde ese punto de vista, coidaba que os exiliados e emigrantes deberían axudar ao interior con propostas, desde un espírito «constructivo y fraternal». O 7 de novembro dese ano interveu como presidente de AGUEA no Ateneo Curros Enríquez da Federación de Sociedades Gallegas cunhas palabras de introdución aos comentarios sobre os libros publicados por Citania. Nese foro relatou como na visita a Galicia comprobara o baixo nivel económico no que vivía a maior parte do pobo, en contradición cos relevantes recursos naturais existentes. Explicou que para o galeguismo son importantes os valores espirituais e intelectuais de Galicia pero tamén os económicos, as necesidades materiais. Esa reivindicación dunha atención prioritaria aos problemas materias e económicos era clave da visión de Baltar e da xente de AGUEA e nesa liña de ofrecer propostas falaron no acto de catro libros editados pola entidade irmá Citania, de Paz Andrade, Parga Pondal, Martínez Risco e Cruz Gallástegui. Estas actividades e iniciativas de AGUEA estimularon o labor dos galeguistas do interior, residentes en Galicia, que en 1958 crearon a revista Economía de Galicia.

Para Vieiros, revista do Padroado da Cultura Galega de México, escribiu un artigo, “Folklore, Politica e Bioloxía”, en abril de 1967. Unha interesante reflexión desde o exilio sobre o paso dos anos, os cambios acontecidos e o xeito de afrontar un futuro incerto. Baltar afirmaba que era inútil poñerse en contra da historia, que cómpre saber interpretar as transformacións na busca de aplicar fórmulas «correctivas».




Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo da Universidade de Santiago (AHUS). Antonio Baltar, Expedientes persoais, leg 95, exp. 13.

Archivo Universidad Complutense de Madrid. AGUCM-058, 43.

Arquivo particular da familia Baltar.


Fontes impresas:

BALTAR DOMÍNGUEZ, A. (1943): Comentario sobre “Biología y Democracia” de Juan Cuatrecasas, De Mar a Mar, 1943.

BALTAR DOMÍNGUEZ, A. (1945): “Río Hortega y su obra”, Correo literario, 1 de xullo de 1945, Buenos Aires.

Asemade, segundo o CV elaborado polo propio autor (Arquivo particular familia Baltar), publicou diversos traballos relacionados co seu labor científico e sanitario que parecen plausibles, se ben non os puidemos verificar e os datos están incompletos. Son:

BALTAR DOMÍNGUEZ, A.: “Las crisis carioclásicas y cariocinéticas provocadas en el conejo”, Archivos de la Facultad de Medicina de Santiago de Compostela.

BALTAR DOMÍNGUEZ, A.: “Las epitelio-fibrillas y los puentes intercelulares en el cáncer de cuello uterino, según los métodos de Río Hortega”, Pathologisches Institut de Berlín, 1934.

BALTAR DOMÍNGUEZ, A.: “Las lesiones vasculares en la úlcera de estómago”, tese doutoral na Universidad de La Plata, 1939.

BALTAR DOMÍNGUEZ, A.: “Proyecto de clasificación regional de diagnósticos anátomo-patológicos en la República Argentina” (Registro General de Patología).

BALTAR DOMÍNGUEZ, A.: “El Seguro obligatorio de enfermedad en España” (Revista de Salud Pública de la provincia de Buenos Aires).

BALTAR DOMÍNGUEZ, A.: “La planificación en el campo de la Salud” (Revista de Salud Pública de la provincia de Buenos Aires).


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1939): Distinguidos facultativos gallegos han sido incorporados a nuestro Centro, Galicia. Revista del Centro Gallego, 316: 18-20.

CLARET MIRANDA, J. (2006): El atroz desmoche. La destrucción de la Universidad española por el franquismo, 1936-1945, Barcelona: Crítica.

DÍAZ PARDO, I. (1986): “Lembrando a Antonio Baltar, exiliado”, El Correo Gallego, 06/07/1986.

DÍAZ REY, M. (2002): Antonio Baltar. O compromiso do exilio. Sada – A Coruña: Ediciós do Castro.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

JUNTA PARA AMPLIACIÓN DE ESTUDIOS E INVESTIGACIONES CIENTÍFICAS (1935), Memoria correspondiente a los cursos 1933 y 1934. Madrid: Imprenta Góngora.

NÚÑEZ BÚA, X. (1999): Revoeira, Vigo: Ir Indo.

TARRIO, A. (ed.) (2015): Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas de Carlos Maside. Santiago: Consorcio de Santiago / Alvarellos editora.