culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Isabel Zendal Gómez

A primeira enfermeira na historia da saúde pública

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • López Mariño, Antonio Alfredo
  • Data de alta: 11/06/2018

Extras sobre Isabel Zendal Gómez:

Galeria


Fragmento da Exposición Vacinas para todos.
Bicentenario da Expedición Balmis-Salvany
. A Coruña, 2003.
© Domus, Museos Científicos Coruñeses.

Como citar esta páxina:

  • López Mariño, Antonio Alfredo ([2018], “Isabel Zendal Gómez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 11/12/2018] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1105
Untitled Document

Fragmento da Exposición Vacinas para todos. Bicentenario da Expedición Balmis-Salvany. A Coruña, 2003. © Domus, Museos Científicos Coruñeses.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida Santa Mariña de Parada (Ordes-A Coruña)
  • Falecemento: Descoñecida
Isabel Zendal Gómez, reitora da coruñesa Casa de Expósitos, foi un soporte esencial da Real Expedición Filantrópica da Vacina (REFV): era a enfermeira que coidaba dos cativos que, mediante inoculacións de brazo a brazo, armaron a cadea humana que, dende A Coruña, levou a primeira vacina que coñeceu a Humanidade ―o antídoto contra a variola― ata América (dende o norte de México ata o sur de Chile) e Asia (Filipinas, Cantón e Macao). Á REFV (1803-1812) correspóndelle a primacía na aplicación científica, a escala mundial, do procedemento inmunizador por excelencia: a vacinación, a infección preventiva de xente sá, con xermes atenuados da propia enfermidade que se quere combater. Isabel Zendal é recoñecida como a primeira enfermeira na historia da saúde pública, un camiño encetado 50 anos antes de que Florence Nightingale (1820-1910) crease a enfermería profesional moderna.

En Santa Mariña de Parada

A partida de bautismo dun tal Benito pon de manifesto catro feitos indisputables: o rapaz nace en 31 de xullo de 1796, na Coruña / Santa Mariña de Parada (entón, na provincia de Santiago; hoxe, no concello de Ordes-A Coruña) é a aldea natal da nai / o estado civil da proxenitora é o de «solteira» / o apelido Bélez co que Benito [un dos críos que levou a vacina da variola ata América] será identificado en México non forma parte da súa filiación no momento do bautismo.

«En treinta y uno de Julio de mil setezientos nobenta y seis, Yo, el Doctor Don Lorenzo Antonio Folgueyra, Rector de la Parroquial Yglesia de San Nicolas de La Coruña, baptizè solemnemente y puse los Santos oleos a un Niño que nacio à las tres de la mañana, hijo natural de Ysabel Celdam Gomez, soltera, natural de Santa Mariña de Parada y vezina de esta Parroquia de San Nicolas; pusele por nonbre Benito; fueron sus padrinos Benito Lopez y Liberata Perez, vezinos de esta Parroquia, quienes no supieron decir los nonbres y apellidos de los Abuelos Maternos ni menos de el Padre de el baptizado; adbertiles el parentesco espiritual y mas obligaciones y como Rector lo firmo. Lorenzo Antonio Folgueyra» [Parroquia de San Nicolás-A Coruña. Serie: Libros Sacramentais; Libro 12, Bautizados 1788-1798; sinatura P009061. Arquivo Histórico Diocesano de Santiago (AHDS)].

O baleirado integral das partidas de bautismos e de defuncións en Santa Mariña de Parada, entre 26 de febreiro de 1773 (cando principia o libro sacramental máis antigo que se conserva da parroquia) e 31 de decembro de 1803 (un mes despois de ter embarcado Isabel Zendal cara a América, coa Expedición da vacina) achega tres evidencias: 1) Ningunha das persoas naturais, ou residentes, de Parada leva o apelido Celdam. O patronímico empregado polo párroco de San Nicolás no bautizo de Benito é un erro involuntario na escrita, por transposición de dúas consoantes. 2) Os Zendal están solidamente asentados en Parada: 43 veciños, nucleados arredor de 8 familias, levan tal apelido. 3) Zendal é a versión máis antiga que se conserva do primeiro apelido da familia da reitora-enfermeira; foi a forma dominante até 1791 en que Cendal pasa a ser, e aínda segue, a grafía exclusiva que empregarán os veciños da bisbarra de Ordes.

A analise das partidas de bautismos permite descartar que o 26 de febreiro de 1773 fose o día en que nace a futura reitora-enfermeira. Esta tal data é a que aparece na primeira páxina do documento histórico máis antiguo que se conserva da parroquia: «Libro de Bautizados de la freguesia de Santa Marina de Parada, cuias partidas corren desde el día veinte y seis de febrero de mil sete cientos y setenta y tres, siendo cura Don Cayetano Maza, por muerte de Don Joseph Garcia Villozas» [AHDS: Parroquia de Santa Mariña de Parada; Libro 1, Bautizados 1773-1828; s. P015927]. Ningunha das cinco criaturas nacidas en 1773 foi Isabel Zendal. Tampouco aparece a súa partida de bautismo (nin a da irma Bernarda) entre os 374 nacementos rexistrados na parroquia entre 1773 e 1803.

Así e todo, no libro de bautizados hai vimbios abondo para tecer unha sólida hipótese para a data de nacemento de Isabel. En primeiro lugar, é patente que todas as familias de Santa Mariña gardan un período de repouso, entre parto e parto de, como pouco, dous anos. A partida de bautismo máis antiga que existe dos sete (de nove) irmáns Zendal Gómez rexistrados é a de Juan, de maio de 1774. Este dato está a dicir que tanto Bernarda como Isabel tiveron que nacer, como moi cedo, a mediados de 1772, que vén sendo a razón pola que non poden aparecer as súas partidas de bautismo nun libro que «corre desde el 26 de febrero de 1773». As datas de nacementos dos fillos achegan unha pista para intuír que Isabel podería ser a segunda dos irmáns Zendal Gómez e que Bernarda sería a primoxénita: en 1796, cando Isabel ten a Benito, Bernarda xa tiña tres fillos ben crecidos.

Na Coruña

En 1781, Isabel vivía na súa parroquia natal, en Parada: o 19 de agosto dese ano, recibe o sacramento da Confirmación, en compañía do pai, da nai e de tres irmáns (Juan, María Antonia e Francisca Antonia). Sabendo que o seu nacemento tivo que acontecer, como moi cedo, en maio de 1772, parece sensato afirmar que a futura reitora-enfermeira pasou a infancia en Santa Mariña de Parada. Durante os quince anos que transcorren entre a súa saída da infancia (cerimonia de confirmación) e o asentamento na coruñesa parroquia de San Nicolás, xa na idade adulta (como nai solteira), a súa biografía é un tempo ermo, sen datos.

Un censo global dos veciños da Coruña (1794) e un censo dos veciños de San Nicolás (1795) poden deitar unha certa luz sobre este baleiro biográfico.

«No número 36 da Rúa Real viven: Don Geronimo Hijosa, Comisario Onorario de Guerra y Prior del Real Consulado, Edad, 70; Su muger, doña Maria Josefa del Castillo, Edad 68; Su hijo, don Diego, Edad 18; Su hija, doña Mariana, Edad 20; Cajero de dicho. Señr, don Josef de la Alameda, Edad 40; Doncella, dñaa Paula Varela, Edad 43; Otra, doña Rosa Merique, Edad 14; Otra, doña Maria da Bega, Edad 24; Criada, Ysabel Senda, Edad 23; Un esclabo y una esclaba» [Fondo: Concello de A Coruña. Serie: Poboación. Censo de Veciños, 1794. Caixa 1054. Arquivo Municipal A Coruña (AMC)].

«No número 6 da Venela de Papagaio viven: Rosa Gomez, soltera; Franisca Sendal; Isidro Garcia» [Fondo: Concello de A Coruña. Serie: Poboación. Censo de veciños de San Nicolás, 1795. Caixa 1054. AMC].

Contando con evidencia de non ser «senda» un apelido existente no país (Cartografia Apelidos de Galicia-ILG / Registro de apellidos-INE) e amosando a forma «Sendal» que o seseo era parte da fala coruñesa, tampouco ha de parecer un desatino desaforado afirmar que a Isabel «Senda» que traballa de criada na casa de Gerónimo Hijosa non é outra que Isabel Sendal, a futura reitora-enfermeira. Tampouco han de pasar desapercibidos os 23 anos que esta criada ten en 1794, unha idade que encaixa cunha muller nacida, como moi cedo, en maio de 1772.

Nais agachadas e solteiras afoutas

Antes dos primeiros datos certos (en 2013) sobre a súa orixe, a súa condición de nai solteira e sobre o labor e salario dunha reitora de expósitos, o máis completo traballo académico dedicado a biografía de Isabel sinalaba en 2007: «Siempre se ha dado por sentado que la Rectora debía ser gallega, pero nunca se han encontrado versiones de su apellido en esa región. Galicia mantuvo una constante relación con Irlanda o Inglaterra, comerciantes, soldados o marinos inmigrados de estos países se asentaron durante los siglos XVII y XVIII en las costas gallegas. Existe un Camino Inglés, denominado así por los cientos de peregrinos que llegaban en barco a los puertos de Ferrol o La Coruña para viajar hasta Santiago de Compostela. Dos de los apellidos más antiguos en estos países y que también aparecen como inmigrantes en EEUU a partir del XVIII, son Sendall y Sandall. ¿Pudo ser Doña Isabel hija de un inglés o irlandés casado con una española? ¿Pudo tomar el apellido como consecuencia de su matrimonio con un inglés? ¿La trascripción fonética de Sendall o Sandall al castellano no es fácilmente compatible con cualquiera de las versiones dadas hasta ahora? Sin ánimo de contribuir a la lista de acepciones, creemos que ésta podría ser una línea de investigación a considerar. Explicaría en parte un cierto desarraigo para tomar decisiones y un carácter forjado con más variedad de experiencias» [Ramírez, S. & Tuells, J., 2007].

A día de hoxe é posible concordar na afouteza de Isabel para plantarlle cara á vida e tomar decisións arriscadas. Porén, a capacidade de supervivencia non lle viría da variedade de experiencias vitais que lle reportaba a súa orixe estranxeira senón que estaría relacionada con ser filla duns labradores galegos pobres de solemnidade. Liscar da indixencia e da fame é a causa da emigración á Coruña, a causa de entrar a servir e, mesmo, de non pedir perdón por ser nai solteira. Na época, sen seguridade social nin pensións de xubilación, para mulleres que non casaran e que ningún amparo podían esperar por parte da familia, ir adiante cunha filla/cun fillo extramatrimonial era a única vía de aspirar a ter un bo pasar na vellez.

Unha certa tolerancia social coas nais solteiras (filosofía que, por outra parte, facilitaba que a sociedade puidese desentenderse do coidado de mulleres anciás e soas) non implica que esta forma de maternidade gozase do aplauso público. Sendo certo que a meirande porcentaxe dos ingresos nas Inclusas eran por «haber mucha necesidad», non é menos certo que a sociedade tamén ofertaba abertamente estes centros para desprenderse no anonimato dos fillos extramatrimoniais. A Casa de Expósitos da Coruña (cidade de 20.000 habitantes, entre a capital e a contorna) acollía dúas criaturas cada semana (1.081 expósitos entre 1793 e 1803) e a Inclusa de Santiago (recibía rapaces de toda Galicia, unha poboación de 230.000 habitantes) non baixaba de 700 ingresos anuais, dous diarios. Para deixar patente que a sociedade da época máis prefería coidar de expósitos que achantar coa presenza de nais solteiras, aí estaba o Cuarto de Partos Secretos que funcionaba dentro do coruñés Hospital de Caridade: para protexer a honra das familias (e evitar moi arriscados abortos), as embarazadas apartábanse da vida pública durante 2-3 meses e reaparecían ante a comunidade tras deixar a criatura na anexa Casa de Expósitos. Isabel nin expuxo clandestinamente no torno a Benito nin o deixou nun cuarto secreto para protexer a identidade do proxenitor: escolleu e loitou por saír adiante co fillo, aínda que non puidese darlle, de entrada, o apelido do pai.

As nais solteiras, para liscar de calquera sombra de malditismo social, tiñan a alternativa de «espontanearse», un tipo de confesión civil, diante da autoridade administrativa, con penitencia e absolución incluídas. Declaraban as circunstancias, o mal paso dado e, de ser factible, o nome do proxenitor. Comprometíanse a non interromper o embarazo. Presentaban un fiador (o pai, habitualmente), «que se obliga con su persona y bienes, muebles y raíces, presentes y futuros». Aceptaban retirarse a vivir en compañía do fiador, «de donde no salga sin su expresa facultad y consentimiento a parte alguna». En contrapartida, esta (futura) nai solteira obtiña a espontanía, un salvoconduto que a libraba de ser molestada por ministro de xustiza, alcalde, párroco ou veciño raso. Para tirar co seu fillo cara adiante na vida, tampouco escolleu Isabel o escudo de espontanearse.

Asalariada humilde

En 24 de marzo de 1800, cando aínda Benito non cumprira catro anos, Isabel entra como reitora da coruñesa Casa de Expósitos. A Inclusa era un dos tres departamentos (xunto co Cuarto de Partos Secretos e o hospital de pobres) do Hospital de Caridade, fundado co capital legado por Teresa Herrera (a primeira pedra é de 1791). Por encomenda da fundadora, a administración e xestión do centro de beneficencia era responsabilidade da Congregación das Dores, unha irmandade laica que funcionaba ao abeiro da parroquia de San Nicolás; baixo a presidencia de honra do capitán xeneral de Galicia, estaba dirixida polo deán da Colexiata local.

A Casa empeza a recoller expósitos en 26 de maio de 1793 e, dende tal día ata o 23 de marzo de 1800, xa tivera tres reitoras. A contabilidade da Inclusa revela que Isabel percibe un salario de 50 reais mensuais, que lle é complementado cunha libra diaria de pan (vén sendo un aforro algo superior a 1 real diario). Ao comparar a remuneración de Isabel coa dos outros traballadores do Hospital de Caridade, faise patente que as reitoras eran traballadoras de economía humilde: 150 reais mensuais recollía o capelán do Hospital, 120 ían para o encargado de compras da institución (tamén recibía a súa libra diaria de pan), 100 levaba a lavandeira e 80 o carreteiro que traía a auga. O posible prestixio social de ser unha muller con mando laboral tampouco era un punto forte do cargo: a reitora e a cociñeira-torneira (24 reais mensuais e unha libra de pan) eran as únicas traballadoras con dedicación exclusiva aos expósitos (a orde das Hijas de la Caridad non entra na Inclusa até 1854). En medio desta humilde condición salarial e profesional, a contabilidade do Ramo de Expósitos deixa probas de que aquela filla de labradores moi pobres e agora nai solteira é unha muller afouta para rebuscarse a vida e para pillalas en voo: en maio de 1801 empeza a recoller media libra de pan para o seu fillo (20 reais de aforro ao mes); dende agosto de 1801 apaña media libra diaria de carne (outros 30 reais de aforro); en decembro de 1802 gaña 8 reais por facer unhas sabas; en febreiro de 1803 pilla un extra de 18 reais por coser camisiñas para os rapaces da lactación e consolidará, ata que marcha para América, un fixo mensual de 16 reais pola composición (remendar) da roupa de uso dos expósitos; en maio deste ano volve a facer camisas e mete no peto 14 reais.

Vida de reitora

Semella imposible casar o ingreso na Casa de Expósitos de Coruña de 1081 criaturas e só dúas mulleres para atendelas. De entrada, hai que precisar que, dos 991 nenos e nenas dos que se conservan datos (hai follas arrancadas no libro 2º de Rexistro), 659 foron conducidos a Santiago, por causa dos moi limitados recursos (principalmente, entre 1798 y 1803) cos que contaba o Hospital de Caridade. Baixo o amparo directo da Casa coruñesa estiveron 332 expósitos, dos que está rexistrada a morte de 245 (73,7%). Deste total de falecidos, 198 (80,8%) morreron nos tres primeiros anos de vida, cifra que inclúe 32 criaturas mortas nos 10 primeiros días.

Unha segunda precisión vén derivada da organización e funcionamento da institución. Fosen expostos no torno ou entregados na Casa (recollidos da rúa por veciños da vila ou traídos por alcaldes pedáneos da contorna), en 24-48 horas remataba a primeira parada na Inclusa: ou eran dados a criar cunha familia da contorna ou eran enviados a Santiago. Ata cumpliren 7 anos, os expósitos non retornaban á Casa (nos tres primeiros anos, as nodrizas percibían 30 reais mensuais que baixaban a 20 nos tres anos seguintes), para recibir a instrución que facilitase a súa entrada no mundo laboral: ler, contar e escribir, os rapaces; coser e bordar, a rapazas. Nesta segunda parada na Casa, que podía durar 6-7 anos, é cando a man da reitora Isabel está presente na vida diaria da Inclusa. As anotacións contables (gasto en alimentación) proban que a reitora nunca tivo que ocuparse de máis de 30 internos a un tempo.

No punto de mira da Xunta de Goberno da Casa, a comodidade das criaturas xa sería unha diana central dos seus obxectivos, mais os primeiros meses de Isabel van coincidir con importantes obras de reforma interior. En maio, a estancia que viñan ocupando os expósitos foi dividida en dous cuartos, para que nenos e nenas tivesen pezas separadas; en xuño, o aloxamento foi retellado e veu un farol para dar luz aos cuartos; en setembro, foron montadas catro celosías «para igual numero de ventanas que tiene la habitación de los Expositos, para impedir que estos caigan por ellas a la calle». As camas foron reparadas e, na escola dos nenos, entraron sete bancos novos e dúas táboas para os pés. Algún tempo máis adiante, gastaríase unha fanega (55 litros) de cal en branquear os cuartos dos expósitos.

Neste eido da hixiene, a Isabel non lle faltaron motivos para andar vixiante: houbo que lavar xergóns e roupa de cama dos expósitos aos que lles entrara a sarna e tamén mercar unha pinza de ferro para arrancar as raíces da tiña que prendera nas criaturas. Situacións de alarma para compaxinar coas preocupacións de todos os días: vestilos, asealos e nunca esquecer de repoñer os ouriñais de barro, as trampas dos ratos e as vasoiras para limpar torno e cuartos. Á mesa do comedor sentaban os expósitos tres veces cada día, coas súas culleres de madeira de buxo, para recibir as racións alimenticias que repartía a reitora. Para o almorzo, sopas de pan; no xantar e na cea, a manduca era un pote de carne (vaca, xamón, carneiro ou touciño), coas súas verduras, acompañadas de patacas, garavanzos, fabas, arroz, cebada ou sémola. Os maiores recibían, por día, tres cuarteiróns de pan e os máis cativos, dous (media libra).

O labor de tres anos como reitora de expósitos tivo que ser merecente da enteira satisfacción da xunta de goberno do Hospital da Caridade e, tamén, do director da REFV que, nos dous meses que botou na Coruña, tivo que ver a Isabel (examinar) en acción.

Na Expedición

«Ayer, zarpó de este puerto la corbeta Marıa Pita, al mando de teniente de fragata de la Real armada, d. Pedro del Barco, llevando a su bordo los individuos de la Expedición Filantrópica, destinada a propagar en América y Filipinas el precioso descubrimiento de la vacuna. Llevan 21 niños que, siendo sucesivamente inoculados, brazo a brazo, en el curso de .la navegación, conservarán el fluído vacuno fresco y sin alteracion» [Gazeta de Madrid, 1 de diciembre de 1803].

Os integrantes da REFV van ser Francisco Xavier de Balmis, cirurxián de Cámara Real, director; Joseph Salvany, cirurxián do Real Sitio de Aranjuez, subdirector; Antonio Gutiérrez e Manuel Grajales (auxiliares de cirurxía); Francisco Pastor e Rafael Lozano (practicantes); como enfermeiros, Basilio Bolaños, Pedro Ortega, Antonio Pastor, Ángel Crespo e a única muller que participou na Expedición: Isabel Zendal Gómez.

Seguindo a Michael M. Smith (1974) e a Susana Ramírez (2002), tras pasaren por Canarias (9 decembro 1803-6 xaneiro 1804), os expedicionarios arriban a Puerto Rico (9 febreiro-12 marzo) e baixan ata Venezuela (Puerto Cabello, 20 de marzo) onde, desde Caracas, a REFV se divide en dúas partidas: un equipo, pola ruta dos Andes, cara ao sur de América e outro que, dende a costa pacífica no norte de México, viaxará até Asia.

O grupo de Balmis (con Gutiérrez, os seus sobriños Francisco e Antonio, Ortega, Crespo e Isabel) navega ata La Habana (26 maio-18 xuño) para desembarcar en Veracruz (24 xullo) e, despois de vacinar por Guatemala e interior de México, sae de Acapulco (8 febreiro 1805) para arribar a Filipinas (15 abril). Mentres o seu equipo continúa vacinando na illa, Balmis emprende en solitario o regreso a España (2 setembro), aproveitando as escalas en Cantón, Macao e illa de Santa Helena para espallar a vacina. Desembarca en Lisboa (14 agosto 1806) e, xa en Madrid (7 setembro), recibe a felicitación persoal de Carlos IV por tan sobresaínte fazaña médica. Este real recoñecemento ao director da REFV acontece un ano antes do retorno a Acapulco (14 agosto 1807) do seu grupo (excepto Pedro Ortega que morreu na illa), dedicado a cortar unha epidemia de variola que se expandira polo archipélago das Visayas. Na cerimonia de palacio tampouco estiveron presentes os integrantes do segundo grupo (Josep Salvany, con Grajales, Lozano e Bolaños) que, en Cartagena de Indias (24 maio 1804) emprenderan a odisea de levar a vacina da variola dende Colombia a Ecuador, Perú, Bolivia (onde morre Salvany: Cochabamba, 21 xullo 1810) e as illas máis ao sur de Chile (xaneiro, 1812).

Sintetizando a súa valoración da transcendencia da Expedición da Vacina, o novelista Javier Moro di que «a vacina é un descubrimento inglés; a vacinación é unha invención española». Non está só nesta apreciación. Dito en palabras do propio Edward Jenner, descubridor da vacina da variola: «non imaxino que os anais da historia nos acheguen un exemplo de filantropía tan nobre e tan extenso como éste» [Andean Studies: New Trends and Library Resources; University of California, 27-31 May 2000; p. 46]. Loubanza que rubrica o pai da historia da medicina mexicana, Enrique Bustamante: «La Expedición de la Vacuna permanece inigualada y corresponde a sus miembros la primacía en la aplicación científica, a escala mundial, de un nuevo y maravilloso procedimiento preventivo» [Bustamante, 1975]. Aqueles nove anos de combate diario contra a variola, con vacinacións altruístas (de balde e para todos os grupos sociais) demostraron, á vista do mundo enteiro, que o método inmunolóxico por excelencia contra as enfermidades contaxiosas son as vacinacións preventivas: infectar as persoas sans con doses atenuadas do propio mal que se quere combater.

Nesta extensa, nobre e inigualada loita contra «o máis terrible dos ministros da Morte», contra «o maior asesiño» que coñeceu a Humanidade [Hopkins, 2002], todos os integrantes do equipo médico da Expedición, «enfermos y faltos de descanso, aun del preciso muchas vezes, no han perdonado fatigas ni riesgos», segundo o informe que Francisco de Balmis remite á Coroa dende Macao. O labor de Isabel Zendal, a emigrante-enfermeira que embarcara na Expedición por escapar de vez da pobreza na que naceu e foi criada, ten parágrafo específico neste informe: «con el excesibo trabajo y rigor de los diferentes climas que hemos recorrido, perdio enteramente su Salud», «infatigable noche y dia, à derramado todas las ternuras de la mas sensible Madre sobre los ... Angelitos que tiene à su cuidado... y los assistido enteramente en sus continuadas enfermedades» [REFV: Indiferente General, 1158 A; f. 1182v-1183. Archivo General de Indias (AGI)].

O «ser ou non ser» do plan de Balmis radicaba en que non rompese a cadea de vacinacións. De todas as pezas da REFV, contando o barco, os mariñeiros e o capitán, contando dende o director médico ata o último dos enfermeiros, o único elo insubstituíble eran os expósitos: eles eran A Vacina. E sen vacina, non había Expedición, nin Real nin Filantrópica. E de todas estas criaturas, das que sairon da Coruña e máis das que foron precisas para ir espallando a vacina por América e Filipinas, coidou, «infatigable, noche y dia», unha galega, de Ordes, filla de labradores pobres, nai solteira e reitora de expósitos por un humilde salario.

Michael M. Smith e Enrique Bustamante, por separado, teñen documentado que, en abril de 1808, o virrey de México autorizou a Isabel a mudarse a Puebla de los Ángeles, onde deixara seu fillo ao coidado do bispo da cidade, e deu orde de que o intendente local lle pagara, con cargo á Real Tesourería, os 10.000 reais do seu salario de enfermeira, paga que seguiu recibindo íntegra ata o 19 de xaneiro de 1811. Susana Ramírez pecha o círculo do que se coñece, polo de agora, da vida mexicana de Isabel dando conta de que, «en 1811, continuaba solicitando una pensión de 3 reales mensuales a la que tenía derecho su hijo por ser uno de los niños de número que vino con la vacuna y que no se la pagaban las Cajas Reales de Puebla, donde se hallaba viviendo» [Zendal Gómez, Isabel, Diccionario Biográfico Electrónico, Real Academia de Historia, 201].

As voltas do apelido

Zendal/Cendal/Sendal son variacións escritas do apelido orixinal. As versións Zendala/Cendala/Sendala, dándolle forma feminina ao apelido dun varón, proceden da maneira galega de identificar a casa á que pertence unha muller. Así, cando se fala dunha Zendala, estase dicindo que é filla dun Zendal (ou esposa dun Zendal, que non deixa de ser outra maneira de marcar propiedade).

Hai un asunto que nunca foi abordado nos escritos sobre a reitora-enfermeira: atopar un fío coherente que explique cómo unha «tea, de liño ou seda, moi fina e transparente» chegou a ser un apelido endémico de Ordes e Oroso, concellos limítrofes e situados na metade do camiño na estrada A Coruña-Santiago.

Unha información facilitada por Xosé Ramón Lema e Lola Ponte lévanos a Santiago de Compostela, en 1528. Dende ese ano, grazas a unha carreira de cabalos que se celebraba durante as festas locais do Apóstolo, unha familia puido empezar a ser identificada como «do Cendal»: por ser a organizadora, por levar o premio (o catastro de Ensenada amosa que a bisbarra de Ordes era terra de moi cotizados sementais) ou por calquera outro incidente memorable relacionado coa competición: «La fiesta del Cendal era, sencillamente, un concurso hípico; celebrábase en campo abierto, para que todo el pueblo pudiera presenciarla a su gusto. Al vencedor en la carrera envolvíanle la cabeza en el cendal, tela de seda muy delgada y transparente, y paseábanlo triunfalmente por las calles, en medio del regocijo popular, entregándole después los quinientos maravedises a que era obligado el Dean de la Santa Iglesia» [Peinado, 1954].




Bibliografía:




Fontes documentais:

Libros Sacramentais; Libro 12 Bautizados 1788-1798; sinatura P009061. Arquivo Histórico Diocesano de Santiago (AHDS). Parroquia de San Nicolás-A Coruña.

Libros Sacramentais; Libro 1; Bautizados 1773-1828; s. P015927; Libros Sacramentais; Libro 7; Defuntos 1773-1859; s. P015933. AHDS: Parroquia de Santa Mariña de Parada (arcebispado de Santiago / Ordes-A Coruña).

Fondo: Concello de A Coruña. Serie: Poboación. Censos de Veciños, 1794 (xeral) e 1795 (parroquia S. Nicolás). Caixa 1054; Fondo: Concello; Serie: Corriximento; Atado: Espontáneas. Caixas: de 6469 a 6473; Fondo: Hospital de Caridade. Libros 1º (xullo 1798-setembro 1801) e 2º (outubro 1801-decembro 1804) de Conta de Administración da Caixa de Expósitos. Caixa 1584. Arquivo Municipal A Coruña (AMC).

Libros 1º (maio 1993- decembro 1799) e 2º (xaneiro 1800-decembro 1803) de Rexistro de Expósitos. Caixa 4140. Arquivo Provincial A Coruña (APC).

Real Expedición Filantrópica de la Vacuna: Indiferente General, 1158 A; carta de Francisco de Balmis a José Antonio Caballero [ministro de Gracia y Justicia]; Macao, 30 de enero de 1806; f. 1182v-1183. Archivo General de Indias (AGI).



Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1803): Gazeta de Madrid, 27 de decembro de 1803, n. 104, p. 1115.

BUSTAMANTE, E. (1975): La primera enfermera en la historia de la Salud Publica, Isabel Cendala y Gómez,Salud Pública de México, época V; v. XVII; n. 3-8: 353-363.

HOPKINS, D. R. (2002): The greatest killer. Small pox in History. Chicago: The University of Chicago Press.

LÓPEZ MARIÑO, A. (2013): La rectora Isabel, al descubierto,La Opinión de A Coruña, 28-4-2013; suplemento dominical, 1-4.

LÓPEZ MARIÑO, A. (2014): La Madre de todas las vacunas, La Opinión de A Coruña, suplemento dominical, 30 de novembro: 1-4.

MORO, J. (2015): A Flor de Piel. Barcelona: Seix Barral.

PEINADO, N. (1954): La fiesta del Cendal, Compostela. Boletín de la Archicofradia del Glorioso Apostol Santiago, n. 31: 17-20.

RAMÍREZ, S. (2002): La salud del Imperio. Madrid: Fundación Jorge Juan.

RAMÍREZ, S. & TUELLS, J. (2007): Doña Isabel, la enfermera de la Real Expedición Filantrópica de la Vacuna, Vacunas, 2007; 8(3): 160-166.

SMITH, M. M. (1974): The ‘Real Expedición Marítima de la Vacuna’ in New Spain and Guatemala, The American Philosophical Society, pp. 65-67.

RODRÍGUEZ, C. (editor) (2000): Andean Studies. New Trends and Library Resources: Papers of the Forty-Fifth Annual Meeting of the Seminar on the Acquisition of Latin American Library Materials. Los Angeles: University of California, 27-31 May,; p. 46.