culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Vicente Guarnerio Gómez

Eminente cirurxián, pioneiro na aplicación dos anestésicos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 20/04/2012

Extras de Vicente Guarnerio Gómez: 

Extras sobre Vicente Guarnerio Gómez:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Vicente Guarnerio Gómez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=274
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Albacete 1818
  • Falecemento: Albacete 1880
Iniciou os estudos de Medicina en Salamanca e rematounos en Montpellier, en 1841. De volta en España obtivo o grao de licenciado en Medicina e Cirurxía polo Colegio de San Carlos de Madrid, o 4 de outubro de 1843. Este título presentouno en 1846, en Santiago, onde solicitou o grao de Doutor, en atención á Real Orde que facultaba ás Universidades para conferir o grao de Doutor en Medicina sen suxeitarse a novos exercicios ou estudos.

O 25 de setembro de 1845 foi nomeado catedrático de Historia Natural Médica da Universidade de Santiago, se ben, en outubro do mesmo ano, encargóuselle da materia de Clínica Cirúrxica da Facultade de Medicina. Tomou posesión o 4 de novembro de 1845 e desempeñou a docencia desta especialidade ata que marchou de Santiago en 1850, agás o curso 1846-47 no que, segundo as fontes de arquivo, estivo encargado da materia de Operacións e Vendaxes.

A súa curta e frutífera estadía en Santiago rematou en agosto de 1850, co seu nomeamento como catedrático de Fisioloxía e Hixiene Privada da Universidade de Granada, onde sería decano durante case trinta anos. Neste traslado voluntario puideron ter incidencia os conflitos que tivo cos alumnos e o persoal do Hospital Real (González Guitián, 2008). Durante a súa permanencia en Compostela foi membro activo da Academia Médica de Emulación e participou en toda as actividades desenvolvidas pola institución, en especial na súa revista. Coincidiu neste período con científicos como Antonio Casares ou González Olivares, e entre todos situaron a actividade científica galega entre as punteiras do Estado.

Guarnerio tivo un papel relevante no campo cirúrxico e na aplicación dos anestésicos a mediados do século XIX. As noticias do descubrimento da anestesia clorofórmica chegaron a Santiago a primeiros do mes de decembro de 1847. Vicente Guarnerio ten coñecemento destes sucesos polo Diario de Debates que recibe o 3 ou o 4 de decembro, e axiña comunica a nova ao químico Antonio Casares Rodrigo, quen xa nese momento estaba tentando preparar a substancia por un método similar ao proposto por Souberian. O 5 de decembro, moito antes que en calquera outro lugar do Estado, xa Casares obtivera algunha cantidade de cloroformo, pero debido a que non era suficiente para a experimentación e os ensaios clínicos, investigou outros procedementos de obtención que lle permitiron obter unha maior cantidade.

Obtido o cloroformo, o domingo 19 de decembro reuníronse no laboratorio do Dr. Casares un grupo de cirurxiáns: Guarnerio, González Olivares, Laorden e La Riva -tamén estaba o cartógrafo Domingo Fontán. Na súa presenza, o químico experimentou a acción do cloroformo nun can “dogo” ao que realizou diversas manobras dolorosas sen que o can dera mostras de sensibilidade; despois, coma xa fixera no caso do éter, Casares experimentou o novo anestésico en si mesmo, chegando a un estado de perda da consciencia e de sono, sensacións que logo describirá e comparará coas do éter.

Ao día seguinte, luns 20 de decembro de 1847, efectuáronse no Hospital Real de Santiago dúas operacións cirúrxicas baixo a influenza da anestesia clorofórmica. No anfiteatro cirúrxico da clínica do profesor Guarnerio reuniuse aquela mañá un numeroso grupo de profesores e alumnos para presenciar a operación, procedendo Guarnerio a administrar o cloroformo a Domingo Barreiro, paciente duns 60 anos que padecía cancro de pene. Tras aplicarlle ao enfermo unha compresa que contiña media dracma de cloroformo, este durmiuse aos dous minutos, e Guarnerio puido amputar o pene dun só golpe de bisturí sen que o paciente experimentase a máis mínima dor.

A actividade médica de Guarnerio foi moito máis alá do seu protagonismo nos ensaios do cloroformo. Gran cirurxián, as novas técnicas por el empregadas foron recollidas con frecuencia na Revista Médica. Periódico de la Academia de Emulación de Santiago, foro de comunicación e discusión científica que mostrou ao mundo o que daquela se facía en Santiago.


Bibliografía:



Fontes documentais:

Arquivo histórico da Universidade de Santiago, Serie Expedientes persoais, cartafol 598; Serie Libros de Arquivo, Libros A-253 (1845-48) e A-240 (1847-50).

Fontes impresas:

GUARNERIO GOMEZ, V. (1841): De l'incontinence d'urine: Thése presentée et publiquement soutenne a la Faculté de Medecine de Montpellier... , Montpellier: J. Martel.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1847): “Ensayos sobre el cloroformo”, Gaceta Médica, 108: 282.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1848a): “Ensayos sobre el cloroformo”, El Faro, (2-I-48), p. 3.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1848b): “Variedades. Ensayos sobre el cloroformo”, Eco del Comercio, nº 1615 (4-I-48), p. 4.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1848c): “Estado general de la clínica de la clínica especial quirúrgica en los 6 primeros meses a cargo del catedrático Dr. D. Vicente Guarnerio y Gómez”, Revista Médica. Periódico de la Academia de Emulación de Santiago, 4: 53-61.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1848d): “Tumor degenerado del cuello: extirpación”, Revista Médica. Periódico de la Academia de Emulación de Santiago, 7: 137-140.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1848e): “Historia del quiste hemático del cuello (continuación)”, Revista Médica. Periódico de la Academia de Emulación de Santiago, 8: 163-166.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1849): “Cálculo vesical: litotricia: curación: reflexiones: valor de la talla y litotricia”, Revista Médica. Periódico de la Academia de Emulación de Santiago, 54: 321-328; 55: 337-344; 56: 357-365; 57: 375-382; 60: 346-355.

GUARNERIO GOMEZ, V. (1850): Cálculo vesical voluminoso tratado por la litotricia: reflexiones y consideraciones generales acerca de la talla de la litotricia, [Publicado en la Revista Médica de Santiago], Santiago: Imprenta de la Viuda de Compañel e Hijos [Orixinal na Universidade Complutense, reeditado por Kessinger Publishing en 1850].


Bibliografía secundaria:

BAEZA, Juan (1848): “Quiste hemático del cuello operado por el Sr. Guernerio”, Revista Médica. Periódico de la Academia de Emulación de Santiago , 7: 137-140; 8: 163-167.

CARRO OTERO, J. (1998): Materiais para unha Historia da Medicina Galega, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Servicios Sociais; Vol. I., p. 53-61.

FRANCO GRANDE et al. (1992): “Contribución da Escola Médica Compostelana á introducción e establecemento da anestesia en España”, Ingenium, 3: 9-29.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. (2008):Bibliografía médica gallega del siglo XIX, Valencia: Universitat.

LANCINA, Juan A. (2005): “Vicente Guarnerio Gómez (1818-1880), ¿primer urólogo en Galicia?”, Notas históricas de la urología en Galicia, pp. 87-102.