culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan Rof Codina

O veterinario catalán de Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 28/04/2012

Extras sobre Juan Rof Codina:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “Juan Rof Codina”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 21/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=276
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: El Prat de Llobregat, Barcelona 1871
  • Falecemento: Lugo 1967
Fillo dun ferreiro catalán e pai do prestixioso médico e ensaísta Juan Rof Carballo, estudou veterinaria en Madrid e en 1898 opositou ao corpo de Sanidad Militar, circunstancia esta moi frecuente nos veterinarios da época por falta de saídas profesionais dignas, antes da organización do servizo estatal de hixiene pecuaria. O seu primeiro destino foi Lugo, cidade na que estableceu contacto co país ao que dedicaría o resto da súa vida. Neste observatorio naceu o interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor nestas cuestións foi o veterinario Ramón Carballo, co que estableceu unha relación máis que profesional ao casar coa súa filla Concha uns anos despois. En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, é trasladado a Granada, pero conseguirá regresar ao ano seguinte. Non obstante, tras ascender ao grado de capitán, solicitou a excedencia. O seu temperamento e a súa tenacidade chaman a atención dende o inicio da súa actividade profesional.

Rof Codina é seguramente o máis coñecido dun amplo grupo de técnicos agropecuarios que, tendo en común non ser galegos, traballaron arreo a prol da renovación técnico-productiva da agricultura galega ao longo do século XX, pero en especial nas favorables condicións sociais e políticas anteriores ao golpe de estado de 1936. De formación esencialmente autodidacta, a súa actividade tivo dous eixos moi claros: por unha banda, a aplicación e a divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria que redundaran nunha mellora substancial do continxente gandeiro; por outra, a organización e a valorización da profesión veterinaria nun contexto no que a acción do Estado era aínda escasa. Esta actividade corporativa hai que enmarcala nun contexto de puxa cos enxeñeiros agrónomos, no que os veterinarios reivindicaban o seu papel como zootecnistas alén da súa función zoosanitaria e, sobre todo, traballaban pola súa profesionalización no marco das estruturas estatais.

Publicista incansable, escribiu o seu primeiro artigo sobre a gandería galega nun xornal lugués en 1899, ao que seguirían arredor dos tres milleiros de traballos ao longo da súa fecunda vida. Axiña principiou tamén a relación co grupo da revista Prácticas Modernas da Coruña, da que será membro do seu consello de redacción. Coa organización do II Congreso Agrario Galego (Lugo, 1906), a súa notoriedade alcanzou xa carácter nacional. A colaboración cos grupos organizados de técnicos agraristas, xunto á súa preocupación pública pola organización e mellora do mundo agrario, máis alá do que atinxía estritamente á súa profesión, levouno a participar de cheo no movemento agrarista, especialmente en Solidaridad Gallega e en case todas as asembleas agrarias galegas; así como a colaborar activamente con sindicatos, sociedades agrarias e sociedades de seguros mutuos gandeiros. O seu activismo social seguiu todos os camiños que a súa longa vida lle permitiu e por iso, andando o tempo, foi tamén un dos máis destacados participantes da tertulia do Hotel Méndez Núñez, xunto a outros recoñecidos lucenses como Ánxel Fole, Luís Pimentel ou Manuel María.

O seu coñecemento dos problemas e das necesidades da gandería galega tiña unha vertente práctica como colaborador e impulsor de moitas das sociedades pecuarias, independentemente da súa filiación: solidarias primeiro, católicas desde a Ditadura de Primo de Rivera, pero tamén as laicas republicanas de Ortegal, Ribadeo ou Bergantiños.

O labor profesional de Rof Codina

Como pode apreciarse, a súa preocupación pola renovación agropecuaria de Galicia atinxiu tanto aos aspectos organizativos como á propia mellora técnica. En canto ao primeiro, puxo unha énfase especial na creación de sociedades de seguros mutuos -ao que dedicou algunhas das súas primeiras publicacións- que permitisen facer rendible a produción gandeira aos pequenos produtores, compartindo riscos en caso de enfermidade. Movido por este interese chegou incluso a organizar persoalmente algunhas destas sociedades. Tamén foi un dos primeiros impulsores da comercialización cooperativa do gando por parte das sociedades, ás que axudou a atopar canles e fórmulas adecuadas para a venda das súas reses, sen recorrer ou mesmo fuxindo das canles establecidas polos poderosos tratantes de gando. Iniciativas ambas que contribuían a fortalecer as explotacións labregas familiares.

As necesidades zoosanitarias foron a súa primeira preocupación ao se instalar en Galicia. Converteuse no primeiro divulgador dos traballos de Pasteur sobre a nacidacarbundo bacteridiano-, cando esta enfermidade decimaba a cabana bovina de parroquias enteiras, e o gripo -fiebre aftosa. Despois de abandonar o exército, instalou co seu cuñado Jesús Carballo, veterinario igual ca el, a primeira clínica veterinaria galega, que tamén foi a primeira do Estado no seu xénero: a Gran Clínica Veterinaria de Lugo, que ostentaba a representación exclusiva das vacinas do Instituto Pasteur para Asturias e Galicia, e que publicou entre 1908 e 1909 un Boletín propio, moi difundido, no que se daban a coñecer novidades profilácticas e remedios sanitarios de necesaria aplicación en Galicia. De modo privado, pero con gran repercusión pública, principiaron as campañas de vacinación, nas que pese á precariedade dos medios o propio Rof Codina chegou a vacinar nun só día 250 cabezas de vacún.

Nas primeiras oposicións ao recen creado corpo de Inspector de Higiene Pecuaria obtivo a segunda praza -detrás do seu amigo Gordón Ordás- e escolleu a praza da Coruña, onde residirá dende 1910 e onde o seu traballo acadará unha nova dimensión. Aquí vai colaborar con Hernández Robredo no programa de mellora pecuaria deseñado desde a Granxa coruñesa, en colaboración con medios agraristas. Será tamén un activo promotor e organizador de concursos de gando en colaboración ca Granxa, chegando a todos os recunchos do país como membro de innumerables xurados de cualificación, nos que introduce novos sistemas de avaliación e medición, co obxecto de perfeccionar uns mecanismos de selección dos exemplares máis idóneos para ser cerne da nova raza mellorada. Mesmo inventou o Compás Rof para lograr unha máis perfecta forma de medición. Rachou así cos vellos concursos do XIX, máis aristocráticos que labregos, que premiaban, sen outro criterio nin obxectivo, as características estéticas dos animais máis que as súas condicións para a produción. Tamén se lle debe a Rof Codina o primeiro estudo de caracterización das razas bovinas galegas, feito nos anos dez na procura dunha fundamentación da súa mellora xenética, e que será a base dos estudos posteriores. Aquel estudo de razas autóctonas abranguía tamén as equina e porcinas.

Os concursos de gando foron unicamente unha das facetas da súa múltiple actividade, completada coa divulgación das vantaxes dos Seguros Mutuos, a organización de Festas da Arbore, etc. Tamén exerceu a docencia na Granxa coruñesa a raíz da instalación da Escola de Peritos Agrícolas entre 1919 e 1923. Foi divulgador e vulgarizador de todo tipo de cuestións relacionadas coa gandería en toda a súa amplitude, das instrucións zoosanitarias á avicultura, aínda que tanta diversidade non agocha, sen embargo, a preferencia pola mellora do gando bovino, na procura de que o agro galego se especializara en produción gandeira.

Outra das súas facetas principais foi a organización do servizo e a profesión veterinaria desde o punto de vista corporativo, o que lle custou non poucas contrariedades: na Ditadura de Primo de Rivera foi expedientado e destinado forzoso a Córdoba por ser promotor e organizador da X Comida Veterinaria en honor do seu colega Félix Gordón Ordás, activo militante republicano contra a Ditadura e desterrado daquela en Ponte-Barxas (Padrenda). As amplas protestas dos sectores agrarios e gran cantidade de telegramas que recibiu o ministro en solidariedade con Rof, levaron á anulación da sanción. En 1932, no tempo da República, ocupou o máximo cargo na Inspección de Higiene Pecuaria, á vez que a profesión veterinaria lograba por fin crear a Dirección General de Ganadería, co impulso, entre os principais, de Rof Codina e Gordón Ordax. O golpe de estado de 1936 sorprendeuno en Leipzig, no VI Congreso Mundial de Avicultura. Volveu a España polo territorio leal, para xuntarse coa familia en Madrid, onde permaneceu toda a guerra como Director xeral de Gandería. Esta lealdade republicana valeulle un novo expediente e un novo desterro ao finalizar a contenda, en aplicación agora da Ley de Responsabilidades Políticas¸ cuxas consecuencias esténdese ao longo da Ditadura, sendo obrigado a xubilarse polas autoridades franquistas en 1944. Nin por iso minguou o seu activismo divulgador desde a Estación Pecuaria de Lugo ou desde a súa Cátedra Ambulante de Divulgación Pecuaria, coa que seguiu a percorrer toda a provincia luguesa.

Certamente non foi Rof Codina un investigador en senso estrito, pero si un experimentador constante de toda caste de novidades que puidesen ser aplicadas ao sector gandeiro galego. Nin a gandería galega, nin a profesión veterinaria, nin sequera as formas de organización campesiña en relación co mercado gandeiro, terían sido o que foron de non ser polo seu labor. Por outra parte, foi un pioneiro ao superar cos seus traballos os estritos límites clínicos da actuación veterinaria para incorporar unha forte compoñente preventiva. Tamén seguen a ser válidos, e citados decote aínda na actualidade, os seus estudos sobre as razas autóctonas.

Ao longo da súa carreira escribiu multitude de traballos científicos e de divulgación, coa intención de difundir as novas teorías e innovacións agropecuarias. Foi colaborador habitual de diferentes medios xornalísticos: La Vanguardia, La Voz de Galicia -onde se encargou da sección Galicia Pecuaria- ou El Progreso, entre outros. Participou en iniciativas culturais, como a oposición ao derribo da muralla romana da cidade de Lugo na década dos vinte, cando logrou disuadir aos impulsores da idea cun cálculo detallado dos carros do país que serían necesarios para levar a cabo a operación de trasladar a pedra aos portos de Coruña e Vigo, e máis do espazo físico necesario para efectuala. En 1964 foi nomeado Lucense del Año e concedéuselle a Medalla de Oro de la Asociación Nacional Veterinaria un ano despois. A súa biblioteca foi doada pola súa filla Carmen Rof Carballo á Fundación Rof Codina, creada en 1994 coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) no campus de Lugo. Na súa memoria, o actual Hospital Clínico Veterinario de Lugo leva o nome do fillo daquel ferreiro de El Prat.




Bibliografía:



Fontes impresas:

ROF CODINA, J. (s. d.): Clasificación del ganado bovino en Galicia. A Coruña: s/ed.

ROF CODINA, J. (1904): Bosquejo sanitariozootécnico destinado al estudio de las ventajas del seguro aplicado a la ganadería en la provincia de Lugo. Lugo: s/ed. (Memoria premiada nos Xogos Frorais de Lugo, 1901)

ROF CODINA, J. (1910): Cartilla contra el carbunco bacteridiano (La nacida), A Coruña: Consejo Provincial de Agricultura y Ganadería.

ROF CODINA, J. (1911): Cartilla contra la glosopeda (gripo), A Coruña: Consejo Provincial de Fomento

ROF CODINA, J. (1912): Reformas que se pueden implantar en Galicia para el progreso de la agricultura A Coruña: Imprenta y Litografía de L. Lorman

ROF CODINA, J. (1914): , León: s/ed. (Conferencia na Universidad Popular de A Coruña)

ROF CODINA, J. (1915): Los concursos de ganados como medio de fomento y mejora de la ganadería, Madrid: s/ed. (Memoria premiada pola Asociación de Ganaderos del Reino)

ROF CODINA, J. (1916a): Conocimiento de la edad de las reses vacunas, A Coruña: s/ed.

ROF CODINA, J. (1916b): Instrucciones y legislación para organizar sindicatos agrícolas y sociedades & seguro de ganado, A Coruña: Garcybarra.

ROF CODINA, J. (1916c): La raza bovina gallega , Madrid: Imprenta de Alrededor del Mundo (Memoria premiada por la Asociación General de Ganaderos)

ROF CODINA, J. (1920): Problemas de la ganadería española. Abastecimiento de carnes y organización de los concursos de ganado en Galicia, A Coruña: Garcybarra

ROF CODINA, J. (1926): “Ganadería”, CARRERAS CANDI, F., Geografía General del Reino de Galicia. Barcelona: Edit. Alberto Martín;T II, p. 331-397.

ROF CODINA, J. (1928): Enfermedades infectocontagiosas reinantes en la ganadería gallega y medios para combatirlas y evitarlas, A Coruña: Garcibarra.

ROF CODINA, J. (1932): Cooperativismo, Madrid: Ruíz de Lara.

ROF CODINA, J. (1933a): La ganadería de D. Cristobal Colón y Aguilera, Ex-Duque de Veragua: (reportajes de zootecnia nacional), Madrid: Ed. Vda de M.Navarro.

ROF CODINA, J. (1933b): El cooperativismo en avicultura: conferencias del cursillo de avicultura y cunicultura... : sexta conferencia, Madrid: Ed. Vda de M. de Navarro.

ROF CODINA, J. (1944a): , Lugo: Artes Gráficas Gerardo Castro.

ROF CODINA, J. (1944b). Plan de mejora del ganado porcino, Lugo: Imp. Palacios (Relatorio ao Congreso Agrícola Galego)

ROF CODINA, J. (1946). “La cátedra de divulgación pecuaria”, en Boletín de Divulgación
Ganadera
, ano VII, nº 11, p. 31-32.

ROF CODINA, J. (1951): Contribución al estudio de la producción láctea y de su importancia higiénica, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

ROF CODINA, J. (1952): La avicultura en Galicia, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

ROF CODINA, J. (1953): La raza bovina gallega rubia mejorada (doce estampas de la obra selectiva de los concursos de ganados), Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

ROF CODINA, J. (1960): El establo moderno y su influencia en la salud de los animales, con modelo de gallinero del moderno avicultor, Lugo: Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia.

ROF CODINA, J. (1967): Origen e historia de la raza Durharn, Agricultura, 4: 39-41.

ROF CODINA, J. (1985): Reformas que se pueden implantar en Galicia para el progreso de la agricultura, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro (ed. facsimilar da orixinal de 1917).


Bibliografia secundaria:

BEIRAS TORRADO, X.M. (1967): El problema del desarrollo en la Galicia rural, Vigo: Galaxia.

BRAVO DEL MORAL, Ana Mª (coord.) (2009): 25 anos da Facultade de Veterinaria, Lugo: Universidade de Santiago.

CABO VILLAVERDE, M. (1998), O Agrarismo , Vigo: A Nosa Terra.

DURAN, J. A. (1973): Agrarios del minifundio: Los solidarios (1907-1912), Revista Española de la opinión pública, 33: 23-110.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1974-1986): Rof Codina, Juan, Gran Enciclopedia Gallega, T. 27, p. 70-73.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1990): Estudio preliminar, Reformas que se pueden implantar en Galicia para el progreso de la agricultura, Juan Rof Codina, Sada-A Coruña: Edicións do Castro.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

RIO BARJA, F. (1960): Bibliografía económica de Galicia, Vigo: Galaxia.

RODRÍGUEZ TRONCOSO, M. (2007): Juan Rof Codina, manescal exemplar: El Prat de Llobregat 1874-Lugo 1967, Barcelona: Club del llibre.

RUIZ MARTINEZ (1973): Rof Codina, Semblanzas Veterinarias, León: Imp. Valderas.

SOUTELO VÁZQUEZ, R. (1999): Os intelectuais do agrarismo: protesta social e reformismo agrario na Galicia rural : Ourense, 1880-1936, Vigo: Universidade.

VILLARES PAZ, R. (dir.) (2004): El despertar del siglo, Galicia siglo XX, A Coruña: La Voz de Galicia; p. 25-36.