culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ángel Cobián Areal

O médico que trouxo os Raios X a Galicia e creou o primeiro centro antirrábico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 28/04/2012

Extras de Ángel Cobián Areal: 

Galeria



radiografia.jpg
radiografia.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Ángel Cobián Areal”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=278
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Salcedo (Pontevedra) 1854
  • Falecemento: Pontevedra 1901
Logo de estudar Medicina en Madrid, desenvolveu un amplo labor sanitario na súa cidade natal: Procurador Médico do concello, médico encargado do servizo de hixiene, vogal da Xunta Provincial de Beneficiencia, presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra e inspector de Sanidade da provincia. O cargo máis relevante que ocupou foi o de director médico do hospital de Pontevedra (1894). Segundo Vilanova Rodríguez (1974), redactou o Reglamento para el orden y gobierno del Hospital de Pontevedra (1897) e o Reglamento de Higiene especial (1897), para controlar a prostitución.

De ideoloxía conservadora, foi alcalde de Pontevedra, nomeado o 27 de xuño de 1891 para o bienio 1891-1893. Desde esa responsabilidade promoveu a construción dun novo hospital e unha intensa campaña de vacinación fronte a varíela. A súa morte, o 14 de maio de 1901, foi imprevista e rápida, cualificada por algún xornal da época como consecuencia dunha “dolencia traidora” (Diario de Pontevedra, 15 de maio de 1901).

Viaxes científicas. A recepción dos Raios X

Unha sólida formación profesional e as boas relacións políticas que mantiña, permitíronlle a Ángel Cobián realizar tres viaxes informativos e de estudo ao estranxeiro. En marzo de 1896, o Ministerio de Fomento nomeouno comisionado de España para facer un estudo das instalacións hospitalarias e bacteriolóxicas de París e Berlín. A viaxe resultou frutífera, xa que grazas a ela coñeceu os Raios X e a súa aplicación nos hospitais, estudou os métodos antidiftérico e antirrábico e se achegou ao importante Instituto Pasteur, onde estableceu contacto cos especialistas.

Os resultados non se deixaron agardar. En abril de 1897 instalou en Pontevedra o primeiro equipo de Raios X de Galicia, segundo recolleu o Diario de Pontevedra (Millán Suárez, 2001), e informou da novidade aos médicos e a prensa pontevedresa. Pouco despois, as dúas primeiras radiografías son presentadas en Vigo: “En el escaparate del comercio del señor Fernández Arrero, en la calle del Príncipe, se hallan expuestas al público desde ayer dos copias fotográficas obtenidas por el ilustrado médico de Pontevedra D. Ángel Cobián Areal, al hacer la maravillosa aplicación de los rayos X sobre una mano y sobre un estuche.” (Faro de Vigo 23 de maio de1897). Esas fotografías, realizadas polo fotógrafo Juan Caramés, corresponden a unha man que ten unha agulla atravesando un dedo e a unha caixiña cirúrxica que contén agullas e unha xeringa.

A principios de 1898 realizou a súa segunda viaxe. O Ministerio de Gobernación comisionouno para ampliar estudos en París, Londres e Berlín. A terceira ten unha orixe máis concreta. Fronte a epidemia de peste de Porto (1898), se lle encarga que tome as medidas oportunas para evitar a entrada da enfermidade na provincia e acude ao Instituto Pasteur en demanda de recursos terapéuticos (Fortes Alén, 1992). A fins do propio 1898, o Gobernador Civil da provincia ordénalle a Cobián que marche a Porto para estudar a enfermidade. O médico pontevedrés escríbelle a Roux, do Instituto Pasteur, e pídelle que lle mande a descrición do método para preparar a vacina, contándolle que xa illou o bacilo de Portugal. Como consecuencia do estudo publicaría unha memoria, La Peste Bubónica en Oporto (Cobian Areal, 1900). No texto relata a súa estancia en Porto, describe as características do microbio e, con detalle, síntomas da enfermidade, medidas preventivas e terapéuticas.

O Instituto Antirrábico Cobián Areal

Dentro das distintas doenzas provocadas por microorganismos, a rabia era unha das máis comúns e de consecuencias terribles, o que a convertera nunha auténtica ameaza social. Na década dos anos oitenta, especialmente na segunda metade, acadou unha especial relevancia científica, médica e social. Esta atención veuse favorecida polas expectativas de curación nadas das experiencias de Louis Pasteur. Despois dos seus primeiros éxitos, unha avalancha de xente mordida por animais rabiosos foi chegando a París de tódalas partes do mundo. Un acontecemento importante foi a creación do Laboratorio de Ferrán en Barcelona, en 1887, cara o que foron acudindo os infectados do Estado español e de Galicia (Fraga Vázquez, 1991).

A presenza da rabia entre a poboación e o exemplo do Instituto Pasteur animaron a Cobián a fundar en Pontevedra o Instituto Antirrábico Cobián Areal en xaneiro de 1897, o primeiro de Galicia. Foi o Director ata a súa inesperada morte, sucedéndoo José Filgueira. O Laboratorio concibíase como centro antidiftérico e antirrábico, pero, na práctica, foi a cuestión da rabia a que centrou as actividades. As persoas atendidas polo Instituto eran, segundo as memorias do propio centro e os datos dos xornais, máis dun centenar por ano, procedentes de diversos puntos de Galicia.

Cobián tentou darlle dimensión galega, pero dificultades políticas, entre outras, impedírono. Para as experiencias dispuña dos animais necesarios nunha granxa en Salcedo. A iniciativa do Instituto Cobián tamén garda relación coas xestións de Jaume Ferrán coa Deputación provincial de Pontevedra en 1895. Á volta de París, Cobián pasou por Barcelona, onde tomou contacto con Ferrán e observou os seus métodos. Esa relación continuaría nos anos seguintes, e o médico catalán xogaría un papel moi importante de asesoramento no desenvolvemento do Instituto Cobián.

A dirección inicial de Ferrán abrangue case todos os aspectos da actividade do Instituto, desde os pormenores científicos ata as mínimas cuestións prácticas e económicas, como amosa a correspondencia con Cobián. Esta relación epistolar abrangue 15 cartas de Ferrán e 3 borradores de cartas de Cobián. O catalán asesora nas diversas cuestións de posta en marcha do Instituto, ao que fornecía de útiles e “virus vacuna” para a vacinación antirrábica, e explica a “técnica de aplicación de la vacuna”. En conxunto, as relacións asemellábanse bastante ás habituais entre un provedor e o seu cliente, sen desatender as cuestións prácticas. Cesan, de súpeto, en setembro de 1897. Coidamos que o motivo debeu residir no desacordo entre Cobián e Ferrán pola representación dos produtos deste último. Nese ano, o médico pontevedrés estaba a buscar outras fontes de provisión e mantiña contactos co Dr. Llorente, do Instituto Microbiolóxico de Madrid, co Dr. Robert e co Instituto Pasteur.

O papel de Cobián como promotor de iniciativas de institucionalización médica é salientable. Coñecedor, polas súas viaxes, da loita antituberculosa na clínica de Koch en Berlín, pretendeu que a Deputación apoiase a construción dun Sanatorio antituberculoso en A Toxa.




Bibliografía:



Fontes Documentais:

Instituto Antirrábico Cobián Areal, Archivo Histórico Provincial Pontevedra, cartafoles 2123-2138.

Colección documental de D. Ángel Cobián Areal, Arquivo documental, Museo de Pontevedra, código ES.36038 AMPo, 8 caixas.

Fontes impresas:

COBIAN AREAL, A. (1900): La Peste Bubónica en Oporto, Memoria presentada a la Excma Diputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra: Imp. J. Millán.


Bibliografía secundaria:

FORTES ALÉN, Ma. J. (1992): Don Angel Cobián Areal y el Instituto Antirrábico a través de la documentación del Museo de Pontevedra, El Museo de Pontevedra, XLVI: 555-569.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1991): Notas sobre a incidéncia do microscópio nunha sociedade local (A Coruña, 1885-1890), Revista del Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses, 24(1988): 73-87.

MILLÁN SUÁREZ, J.E. (2001): Historia de la Radiología en Galicia. Universidade de Santiago de Compotela, Facultade de Medicina. Tese de doutoramento inédita.

VILANOVA RODRIGUEZ, A. (1974): Cobián Areal, Gran Enciclopedia Gallega, VI: 225.