culturagalega.org

Ángel Pedreira Labadía

Creador dun Instituto microbiolóxico e de vacinación en Santiago de Compostela

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 08/06/2012

Extras de Ángel Pedreira Labadía: 

Galeria


Fotografía dun laboratorio de microbioloxía nos anos trinta do século XX.
Labadie_Web.jpg
Labadie_Web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Ángel Pedreira Labadía”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 14/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=298
Untitled Document

Fotografía dun laboratorio de microbioloxía nos anos trinta do século XX.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol 1864
  • Falecemento: Descoñecida
Estudou a ensinanza secundaria en centros privados de Santiago e Pontevedra, e obtivo o grao de Bacharel no Instituto de Pontevedra en 1878. Ao ano seguinte comezou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, que rematou en 1885 -considerouse el mesmo discípulo de Sánchez Freire-, e doutorouse na Universidade Central de Madrid en 1902. Foi alumno interno supernumerario do Hospital Clínico dende 1883 e, como complemento da súa formación, realizou un curso de análise bacteriolóxica durante tres meses no Instituto de Sueroterapia, Vacunación y Bacteriología de Alfonso XIII, dirixido por Cajal.

Durante os últimos anos do pasado século Pedreira Labadía, que adoitaba asinar como Pedreira Labadie, estivo ligado ao ensino das ciencias no colexio Santo Tomás de Aquino de Santiago. En 1902 foi nomeado profesor auxiliar interino da Facultade de Medicina de Santiago, e tamén desempeñou interinamente algunha cátedra durante curtos períodos.

Débese á súa iniciativa e esforzo a creación do Instituto Microbiológico y de Vacunación de Santiago, situado nunha grande finca da rúa do Hórreo, onde se dispuña de todo tipo de animais de experimentación, así como de gando vacún e cabalar para a obtención de soros. Este centro, segundo un artigo aparecido en La Propaganda Científica, a fins de século, contaba con boa dotación instrumental, cunha base referencial de cultivos puros e con preparacións de colonias modelo, e realizábanse nel todo tipo de análises de líquidos biolóxicos, especialmente de ouriños. Tamén ofertaba probas para a diagnose precoz da tuberculose, e vacinacións contra a varíola, rabia e difteria, entre outras. Na propaganda do Instituto saliéntase a dispoñibilidade de xugos orgánicos de toda clase para o tratamento das enfermidades polo método de Broun-Séquard.

En 1900 Pedreira ofrécelle á Universidade o seu Instituto para que funcione como Centro auxiliar no ensino da Medicina. Con este motivo o decano da Facultade eleva un oficio ao reitor no que apoia a idea e recoñece a incapacidade da Universidade para desenvolver, por si mesma, os estudos da especialidade bacteriolóxica e da súa técnica. Como consecuencia destas xestións, a principios de 1901 o Ministro de Instrución Pública e Bellas Artes declara o Instituto Microbiológico y de Vacunación centro auxiliar para a ensinanza médica na Universidade de Santiago. Axiña son remitidos ao reitorado dous exemplares da obra Programa de Microbiología y Sueroterapia (Pedreira, 1901), que recolle a proposta detallada de programación, dividida en dous grupos de 25 leccións.

O autor publicou algúns artigos nas revistas profesionais, como por exemplo Apuntes sobre la rabia y su tratamiento (Pedreira, 1900), no que describe o procedemento usado no Instituto Pasteur, por esas datas, de inoculación de virus modificados, así como os de inoculación de disolucións virulentas, de disolucións esterilizadas, a seroterapia e a inoculación intravenosa. Trata tamén as medidas sanitarias preventivas e o proceso de transmisión ao home. Na última parte do artigo refírese ao método supraintensivo utilizado por Ferrán en Barcelona, que difire do de Pasteur, máis lento, na dose e duración do tratamento, e que parece que só é empregado en España.

A súa tese doutoral publicouse baixo o título Estudio Microbiológico y Clínico de la Difteria (Pedreira, 1902), e nela estuda a morfoloxía, actividade e papel etiolóxico do bacilo diftérico mediante tres casos clínicos significativos. Como conclusións tira que a soroterapia é o único tratamento específico, impóndose a inxección de soro con carácter preventivo nos casos de risco. Tamén defende que o polimorfismo do bacillus non garda relación coa súa toxicidade, e que a difteria asociada con estreptococo non se modificará coa inxección de soro.

Ángel Pedreira exerceu ademais como inspector rexional do Régimen obligatorio del Retiro obrero, foi secretario da comisión organizadora do XXV aniversario da fundación en 1872 do colexio Apóstolo Santiago en Anceis (A Coruña), polo que presumimos unha importante relación co colexio, e obtivo a autorización en representación da Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago de Compostela para instalar unha liña aérea condutora de enerxía eléctrica de alta tensión dende a central situada á beira do río Tambre ata a cidade de Santiago e o lugar de Conxo, segundo recolle a publicación Madrid científico. Ciencias e Industrias. Destes datos dedúcese unha moi diversa actividade de Pedreira tamén nos ámbitos empresariais e educativos.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Pedreira Labadía, Ángel, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, Serie Expedientes Persoais, Cartafol 1027.

Fontes impresas:

PEDREIRA LABADIE, A. (1900): “Apuntes sobre la rabia y su tratamiento”, Boletín de Medicina y Cirugía, 12: 273-279, 13: 314-320, 18: 484-486.

PEDREIRA LABADIE, A. (1901) Programa de Microbiología y Sueroterapia, Santiago: Instituto Pedreira.

PEDREIRA LABADIE, A. (1902) Estudio Microbiológico y Clínico de la Difteria, Santiago: Tip. La Galaica.