culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Joseph González Salgado

Promotor de iniciativas industriais baseadas nunha boa formación química

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 27/07/2012

Extras sobre Joseph González Salgado:

Galeria


Michael Faraday no seu laboratorio. Pintura de Harriet Moore. Orixinal na Chemical Heritage Foundation Collections.

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Joseph González Salgado”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 29/09/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=321
Untitled Document

Michael Faraday no seu laboratorio. Pintura de Harriet Moore. Orixinal na Chemical Heritage Foundation Collections.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Allariz (Ourense) 1809
Joseph González, "tras ser aprobado en su facultad", asistiu durante varios anos ás Reales Escuelas de Química y Botánica, en Madrid, segundo consta no anuncio da fábrica de cristal tártaro da súa propiedade publicado en El Correo mercantil de España y sus Indias no ano 1800.

A reforma do Protomedicato de 1780 outorgaba o control da profesión farmacéutica aos boticarios da vella institución da Real Botica, e configuraba legalmente ao Real Jardín Botánico madrileño coma o centro docente para a Farmacia mediante o establecemento de clases de botánica e o proxecto das de química e farmacia (Lafuente et al.). Consecuentemente, González debeu de estudar nesta institución, examinándose diante do primeiro catedrático do Jardín Botánico que a mesma lei establecía como Alcalde examinador, se ben as loitas entre boticarios e botánicos escurecen o estudo da historia da docencia da Farmacia neste período.

Os estudos posteriores de química debeu realizalos, posiblemente entre 1794 e 1796, na Cátedra de Química Aplicada a las Artes que, fundada en 1787, acolleu nos seus locais, dous anos despois, á Real Escuela de Física, Química y Mineralogía, que fora fundada en 1789 por Chabaneau (Gago). Este químico impartiu a docencia no centro unificado ata 1797, polo que Joseph González debeu asistir ás súas clases, estudando e exercitándose nos métodos de purificación do tártaro ou rasuras de viño que, daquela, eran exportadas en grandes cantidades dende Ourense sen aproveitamento ningún.
Nestes anos comezaría os seus estudos de Farmacia en Madrid Fernández Taboada, o que sería discípulo de Proust e profesor de Química no Colexio de Farmacia de Santiago, pero non temos constancia de que mantiveran ningún tipo de relación, nin daquela nin no futuro.

González exerceu primeiro coma boticario en Allariz e foi visitador das boticas de Ourense e Lugo, e despois, en 1808, xuíz visitador das boticas, droguerías e tendas de medicinas para as provincias de Santiago e A Coruña por nomeamento da Real Junta Superior Gubernativa de la Facultad de Farmacia en la Corte de Madrid (Meijide). Roldán, que facilita o segundo apelido do autor, afirma que ingresou como correspondente no Colegio de Boticarios de Madrid o 29 de abril de 1794, coa memoria titulada Tártaro soluble, que se conserva manuscrita no Arquivo da Real Academia de Farmacia. Esta sería a única obra escrita por Joseph González.

Os seus estudos e o seu labor científico tiveron unha forte compoñente experimental e práctica. O proxecto químico-técnico modelado e desenvolvido durante toda a súa formación materializouse co establecemento en Allariz, en 1796, dunha fábrica de cristal tártaro que funcionou ata os primeiros anos da década de 1820, a pesar da súa morte en 1809. O sucesor á fronte dela foi Antonio Valdés, tamén boticario. O proceso base debía consistir na obtención e purificación do tartrato ácido de potasa, principal compoñente do tártaro bruto que se depón na superficie interior das cubas durante a fermentación do mosto. A partir desta sal elaboraríase o cremor tártaro, disolvéndoa en auga fervente, deixando cristalizar e volvendo a disolver en auga quente con terras arxilosas que actúan coma descolorantes. O cremor era un produto de grande demanda, moi usado en medicina xa que actuaba á vez coma purgante, aperitivo, diurético e antiséptico (Orfila). Posibelmente o proceso continuase ata a obtención do cremor tártaro solúbel, xa que este foi o tema do seu único traballo escrito, para o cal se realizaría en quente un tratamento con ácido bórico vitrificado e auga.

Segundo a documentación aportada por Meijide, a fábrica, a única que realizaba este proceso industrial en todo o Estado, producía cristal tártaro que era consumido “... no solo en todas las Boticas, sino tambien en varias artes y manufacturas del Reyno”. A boa calidade do produto propiciou a súa demanda polas boticas do Exército, polo Colegio de Boticarios de Madrid e incluso pola Real Botica. A fábrica apareceu anunciada na Gaceta de Madrid e no Correo Mercantil de España y sus Indias, e tivo facultade para usar o escudo das "Armas Reales" e o título de Real Fábrica. Como centros de distribución utilizaba unha droguería madrileña, a súa propia botica en Allariz e a de D. Julián Suárez Freire en Santiago, co que debeu manter por tanto unha estreita relación, cando menos comercial.

A pesar desta escasa produción científica, feito bastante común na época, González Salgado salienta por ser o primeiro industrial galego que estableceu unha fábrica cun proceso técnico-químico relativamente complexo, a partir dos seus coñecementos propios e sen recorrer a técnicos estranxeiros.



Bibliografía:



Bibliografía secundaria:

GAGO, Ramón (1988): Cultivo y enseñanza de la química en la España de principios del siglo XIX, Sanchez Ron, Ciencia y Sociedad en España, Madrid: Ed. El Arquero / CSIC.

LAFUENTE A. et al. (1988): Los profesionales de la sanidad, Sanchez Ron, Ciencia y Sociedad en España, Madrid: Ed. El Arquero / CSIC.

MEIJIDE PARDO, A. (1973): Notas sobre una antigua fábrica de cristal tártaro en Allariz, Cuadernos de Estudios Gallegos, XXVIII, 86: 332-338.

ORFILA, M. (1818): Elementos de Química médica con aplicación a la Farmacia y a las Artes, Madrid: Imp. de Francisco de la Parte.

ROLDÁN GUERRERO, R. (1975): Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: Imp. P.H.O.E.; II: 489.