culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Luis Blanco Rivero

Docente con especialización cirúrxica e cun notable protagonismo político e na xestión universitaria

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 04/08/2012

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Luis Blanco Rivero”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=323
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1871
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1942
Estudou Medicina en Santiago e doutorouse na Universidade Central de Madrid en 1894, diante dun tribunal presidido por Calleja. De seguido opositou á praza de Director Anatómico da Facultade de Medicina compostelá, e se ben non a gañou, o claustro propúxoo para unha praza de auxiliar con dereito ao ascenso. Nos cursos 1895 e 1896 explicou Patoloxía médica e Anatomía descritiva. En 1897 conseguiu por oposición a axudantía de Anatomía descritiva en Madrid baixo a dirección do Dr. Oloriz, e tres anos despois pasou a ser auxiliar numerario. En 1905 obtivo por oposición a cátedra de Anatomía topográfica da Facultade de Medicina de Cádiz que permutou, en 1905, coa de Anatomía topográfica e Operacións da Universidade de Santiago, á que acumulou posteriormente a de Patoloxía cirúrxica coa súa Clínica.

En 1910 acadou o nomeamento de médico da Beneficiencia Provincial, asignado ao Gran Hospital de Santiago, labor que compaxinou co ensino e coa atención médica privada. Politicamente próximo aos liberais postmonteristas (Gurriarán, 2006), foi alcalde da cidade (1914-1917) e reitor da Universidade compostelá (1921-1930). Os feitos máis sobranceiros durante o seu mandato á fronte do reitorado foron a instalación da Biblioteca América e a adquisición da biblioteca do arcebispo Lago González. Despois do golpe militar de 1936, Blanco Rivero foi designado decano da facultade de Medicina, asinando con este cargo informes sobre as actividades políticas dos estudantes (Gurriarán, 2006). Ocupou tamén o posto de director da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago entre 1933 e 1940.

A súa produción científica comezou coa tese Los diferentes tratamientos de la pneumonía fibrinosa y el método de Z. Petresco (Blanco, 1895). Nela fai unha análise histórica da enfermidade e dos distintos tratamentos aplicados ao través dos tempos, deténdose na medicación baseada nas ideas patoxénicas modernas: antisépticos e eliminadores, soroterapia e tratamento dixital a altas doses. Consta tamén dun apéndice coas historias clínicas de cinco casos de pneumóticos do Hospital de Santiago, coas gráficas correspondestes. Conclúe que hai que limitarse a medicamentos que combatan os síntomas, xa que non existen medicamentos xuguladores, debendo proscribirse todo o que poida danar o corazón.

Obras posteriores do autor son Método de estudio para la Anatomía Descriptiva e Extirpación del ganglio de Gasser. Cómpre salientar a súa comunicación no congreso da Asociación Española para el progreso de las Ciencias, celebrado en Granada en 1911, titulada “Breves consideraciones acerca de seis casos de invaginación crónica” (Blanco, 1913a). Nestes seis operacións realizadas por el, analiza as posibilidades dunha diagnose exacta antes do acto cirúrxico e manifesta que, en todos os casos, conseguiu a desinvaxinación intestinal, obtendo moi bos resultados postoperatorios. Resalta a inutilidade de recorrer a medidas que tendan a diminuír a luz do intestino. Tomando como base esta comunicación, e ampliada cun novo caso, publicou nese mesmo ano a monografía Notas clínicas acerca de siete casos de invaginación intestinal crónica.

Outro traballo de recollida da súa práctica hospitalaria é Notas clínicas acerca del tratamiento de la luxación de codo, (BLANCO, 1913c), no que expón que as luxacións do cóbado son en contados casos primitivamente irredutibles, e que se ben a artrotomía é o método ideal de redución cruenta, é practicable en poucas ocasións, sobre todo nos nenos. Tamén marca con detalle os límites e forma de practicar a resección e a mobilización precoz da xuntura, para a restitución da totalidade dos movementos do cóbado.

Publicou numerosos artigos, especialmente na revista Galicia Médica, que codirixiu sobre 1913. Salienta o titulado “Tratamiento de la ptosis hepática por la intervención quirúrgica”, sendo un dos primeiros cirurxiáns do Estado en practicar esta intervención, segundo cita o boletín do Colexio de practicantes. Blanco Rivero foi un dos animadores do Congreso Antituberculoso celebrado na Toxa, e no campo da divulgación ditou numerosas conferencias, ben na propia Universidade, ben no Ateneo León XIII de Compostela.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Luis Blanco Rivero. Arquivo Histórica da Universidade de Santiago. Atado 140, Expediente nº 24.


Fontes impresas:

BLANCO RIVERO, L. (1895): Los diferentes tratamientos de la pneumonía fibrinosa y el método de Z. Petresco, Santiago: Imp. J. M. Paredes.

BLANCO RIVERO, L. (1908): Programa Programa de la asignatura de anatomía topográfica, medicina operatoria: con su clínica y apósitos y vendajes, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

BLANCO RIVERO, L. (1913a): “Breves consideraciones acerca de seis casos de invaginación crónica”, Asociación Española para el progreso de las Ciencias-Congreso Granada, 1911, Madrid: Imp. E. Arias; t. VIII: 483-503.

BLANCO RIVERO, L. (1913b): Notas clínicas acerca de siete casos de invaginación intestinal crónica, Santiago, Tip. El Eco de Santiago, 22 pp.
(1913c): Notas clínicas acerca del tratamiento de la luxación de codo, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1928): “D. Luis Blanco Rivero”, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 3: 35-36.

ANÓNIMO (1942): “D. Luis Blanco Rivero”, Boletín de la Universidad de Santiago, 35-38: 120.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC.