culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ramón Fontenla Maristany

Militar de recoñecido prestixio científico na teoría da navegación

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 14/08/2012

Extras sobre Ramón Fontenla Maristany:

Galeria


Ilustración explicativa do desenvolvemento matemático da “Influencia del rumbo y la velocidad en el desplazamiento del buque” (Ramón Fontenla Maristany, 1916).

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Ramón Fontenla Maristany”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=331
Untitled Document

Ilustración explicativa do desenvolvemento matemático da “Influencia del rumbo y la velocidad en el desplazamiento del buque” (Ramón Fontenla Maristany, 1916).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol (A Coruña) 1880
  • Falecemento: Guadalajara 1936
Ingresou aos quince anos na Escuela Naval Flotante, localizada daquela na fragata “Asturias”, fondeada na ría de Ferrol, e foi promovido a alférez de navío en 1901 e a tenente de navío en 1910. Xa como capitán de corveta, emprego ao que ascendeu en 1919, tomou parte nas operacións levadas a cabo nas costas de África. En 1924 distinguiuse tamén en Marrocos coma comandante do gardacostas “Xauen”, o que permitiu que ao ano seguinte se lle dese o mando do buque escola “Galatea”, previo ascenso a capitán de fragata. No ano 1931 foi ascendido a capitán de navío e outorgóuselle o mando do cruceiro “Almirante Cervera”, para pasar despois a ser xefe dunha flotiña de destrutores con base en Cartagena.

En terra desempeñou os cargos de director da Escuela Aeronáutica Naval, así como o de xefe da primeira Sección do Estado Maior da Armada. Formou parte da Junta Técnica e Inspectora de Radiocomunicación, creada en 1929, e, tralo seu ascenso a contraalmirante no ano 1934, foi nomeado Xefe da Aviación Naval. Estaba en posesión da encomenda das ordes da Coroa de Italia e da Espada de Suecia. Na Biblioteca Xeral da zona marítima do Cantábrico, en Ferrol, pode atoparse o seu traballo Las casamatas de los cañones de 14 cm “Canet”, que montan los cruceros tipo Cardenal Cisneros, (Fontenla, 1902), escrito en colaboración con Indalecio Núñez, no que se recollen todas as pezas, mecanismos de fogo e puntería, así como cadros balísticos dos distintos tipos de munición que pode montar o arma. Na mesma biblioteca pode consultarse a Regla de Navegación de 26 C/M (Fontenla, R.; NÚÑEZ, I., 1908), que consiste nunha regra de peto composta de regra, regriña e cursor, que permite o cálculo de estima, horario e altura dun astro no vertical primario, derrota ortodrómica, paralaxe en altura dos planetas, etc.

Tivo sona de bo matemático, e débenselle varios estudos sobre navegación, astronomía, artillería e aeronáutica naval, como o titulado “Influencia de la rotación de la Tierra en las grandes trayectorias de los proyectiles” (Fontenla, 1908a), no que fai o estudo analítico e o desenvolvemento matemático da influenza da rotación de deriva, prescindindo dos efectos que se poidan producir nas direccións perpendiculares, e obtén unha fórmula para o cálculo da magnitude da deriva aparente. Tamén cómpre citar “La rotación de la Tierra da el medio de determinar por simples lecturas de rumbo, la latitud y la longitud del buque” (Fontenla, 1908b), estudo fundamentalmente teórico baseado nas propiedades do xiróscopo, e “Nota sobre los errores que afectan al rumbo del buque” (Fontenla, 1909), no que se clasifican os erros sistemáticos e fortuítos máis importantes, determínanse os erros parciais e os seus límites máximos, e conclúense as maneiras de atenuar as causas de erro no emprego do distinto instrumental de orientación. Segundo Vilanova tamén publicou Del tiro de cañón sobre puntos elevados de la costa, no ano 1909.

Participou no V Congreso da Asociación española para el Progreso de las Ciencias, celebrado en Valladolid en 1914, onde, ademais de intervir activamente nas discusións, tal e como reflicten as actas das sesións, presentou a memoria “Influencia del rumbo y la velocidad en el desplazamiento del buque”, (Fontenla, 1916), na que diferenza os conceptos de peso e desprazamento e, mediante un profundo estudo matemático, determina a magnitude e sentido da modificación teórica no desprazamento do buque, concluíndo que como máximo acada o valor do dobre da velocidade angular da Terra.

Fontenla foi membro correspondente, entre outras, da Real Academia de Ciencias y Artes de Cádiz, tiña o título de enxeñeiro electricista do Instituto Montefiore de Liexa e estaba en posesión da encomenda das ordes “Da Coroa” de Italia e “Da Espada” de Suecia. A súa morte tivo lugar na defensa da cidade de Guadalajara, tras participar na sublevación militar golpista que orixinou a guerra civil e a posterior ditadura franquista.




Bibliografía:



Fontes impresas:

FONTENLA MARISTANY, R. (l902): Las casamatas de los cañones de 14 cm “Canet”, que montan los cruceros tipo Cardenal Cisneros, Madrid: Imp. de la Rev. General de Marina.

FONTENLA MARISTANY, R. (I908a): Influencia de la rotación de la Tierra en las grandes trayectorias de los proyectiles, Revista General de Marina, I: 1089-l098.

FONTENLA MARISTANY, R. (l908b): La rotación de la Tierra da el medio de determinar por simples lecturas el rumbo, la latitud y la longitud del buque, Revista General de Marina, II: 403-426.

FONTENLA, R.; NÚÑEZ, I. (1908c): Regla de Navegación de 26 C/M, Madrid: Imp. de la Secc. de Hidrografía; [separara da Revista General. de Marina].

FONTENLA MARISTANY, R. (I909): Nota sobre los errores que afectan al rumbo del buque, Revista General de Marina, I: 46-68.

FONTENLA MARISTANY, R. (1916): Influencia del rumbo y de la velocidad en el desplazamiento del buque, Asociación española para el Progreso de las Ciencias-V Congreso: Valladolid, Madrid: E. Arias; t. X: 99-120,

Bibliografía secundaria:

VILANOVA RODRIGUEZ, A.: “Fontenla Maristany, Ramón”, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago-Gijón: Ed. Silverio Cañada; XIII: 189.