culturagalega.org

Ramón Sobrino Buhigas

Da Bioloxía mariña a arte rupestre

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 14/08/2012

Extras de Ramón Sobrino Buhigas: 

Extras sobre Ramón Sobrino Buhigas:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Ramón Sobrino Buhigas”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 14/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=332
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1888
  • Falecemento: Valladolid 1946
Estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e obtivo o título en 1904. Despois de cursar na Universidade de Santiago o primeiro ano de Ciencias, trasladouse á Universidade de Madrid, onde se licenciou nesta mesma especialidade. No curso 1908 acadou unha pensión do Museo de Ciencias Naturales de Madrid para unha estadía na Estación de Bioloxía Mariña de Santander. Os bolseiros do Museo, licenciados en Ciencias Naturais ou alumnos dos últimos cursos, realizaban durante os primeiros meses un estudo xeral dos principais grupos zoolóxicos representados no medio mariño; con este obxectivo recollían exemplares, analizaban as condicións de vida e comportamento no acuario e procedían á súa conservación e estudo taxonómico e descritivo, para o que realizaban preparacións microscópicas e debuxos (Dosil, 2007). Nos meses seguintes os bolseiros especializábanse nun grupo determinado. Sobrino vai traballar con José Rioja Martín, director da Estación, sobre animais inferiores.

Doutorouse en 1911 cun traballo titulado Estudio sobre los cistolitos. O mesmo ano do seu doutoramento acadou o posto de profesor auxiliar da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, ocupación que compatibilizou coa docencia na Escola de Artes e Oficios da mesma cidade. En 1913 conseguiu a cátedra de Historia Natural do Instituto de Lleida. Logo trasladouse ao Instituto de Palma de Mallorca, para rematar no de Pontevedra, no que ocupou o cargo de director desde 1921. Dez anos máis tarde, no curso 1930-31, desprazouse a Santiago e matriculouse na Universidade en varias materias de Medicina, trasladando o expediente a Madrid ao ano seguinte. Nese ano 1932 foi nomeado Auxiliar temporal da Facultade de Ciencias de Madrid. Na Universidade madrileña completará a especialidade de Odontoloxía.

Ramón Sobrino pertenceu á Real Sociedad Española de Historia Natural dende 1909, e actuou como o seu representante no VIII Congreso Internacional de Pesca. Tamén foi socio activo e protector do Seminario de Estudos Galegos (SEG), no que ingresou en abril de 1927 co traballo “Contribución al estudio de las insculturas rupestres gallegas”, primeira incursión nun tema que logo desenvolvería no seu libro Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, publicado en 1935 polo SEG.

Tras o levantamento militar de 1936 contra a República accedeu, obrigado, ao cargo de director do Instituto de Santiago, no que era catedrático, cargo que compatibilizaba co seu posto de profesor auxiliar na Facultade de Ciencias (Gurriarán, 2006). Encargado, por orde reitoral, dunha inspección ao Instituto de Pontevedra, a Comandancia militar recusouna e suspendeuna, e foi acusado de asinar, en febreiro de 1932, o manifesto Al servicio del Estatuto, en prol do Estatuto de Autonomía de Galicia, comunicándose ao Reitorado tales antecedentes, que non foron atendidos polo organismo universitario (Gurriarán, 2006). Parece que buscou protección, coma fixeron outros, uníndose a un dos partidos que apoiaron o golpe, concretamente aos requetés de Comunión Tradicionalista (Gurriarán, 2006: 586-587). Depurado en 1937 do seu posto no Instituto, foi posteriormente confirmado e apareceu novamente na relación de catedráticos editada en febreiro de 1940, polo Ministerio de Educación Nacional, como catedrático de cuarta categoría, cun soldo de 14.400 pesetas (Negrín, 2006).

A súa relación coa Estación de Biología Marina de Marín

Cando en 1932 se creou a Estación de Biología Marina de Marín, baixo a supervisión de Bolívar, Sobrino era un dos seus promotores e quen se encargaba de buscarlle un local axeitado. Instalarase en Punta Pesqueira (Marín), na vella torreira restaurada para ese obxectivo, e situada á beira do mar, pero coa intención de trasladala cara a entrada da ría (Dosil, 2007). A creación deste centro respondía ao interese do sector institucionalista, con Bolívar á fronte, de dispoñer dun centro mariño para completar a formación do alumnado de Ciencias de Madrid, pois a creación do Instituto Español de Oceanografía, en 1914, supuxera o control de todas as estacións, incluída á de Santander, á que antes tiñan acceso. A proposta contara co apoio do persoal científico de Santander, pois precisamente fora o fillo de José Rioja, Enrique Rioja Lobianco, quen propuxera, xa en 1920, a Marín como sede. Pero a iniciativa non prosperou debido á oposición de Odón de Buen, director do Instituto Español de Oceanografía (Puig Samper, 2007).

Cando por fin se creou, en 1932, foi un centro dependente do Museo de Ciencias Naturales financiado pola Junta de Ampliación de Estudios (JAE), institución na que Sobrino participou activamente. A JAE xogou un papel moi relevante na institucionalización científica en Galicia e a ela debémoslle a creación de organismos como a Misión Biológica de Galicia (1921), a Comisión de Estudios en Galicia (1927) e a Estación de Biología Marina de Marín.

O director da Estación foi José Rioja Martín, con quen Sobrino traballara na Estación de Santander. O resto do persoal científico e docente estivo formado por investigadores relacionados co Museo e que participaran na Estación de Santander: Federico Bonet, Francisco Ferrer, Antonio García Varela, Luis Lozano, Gabriel Martín Cardoso, Enrique Rioja, Victoriano Rivera, Bibiano Fernández e Ramón Sobrino Buhigas, encargado das tarefas de xestión. As súas colaboracións foron temporais pero interesantes, en cuestións relacionadas coa xestión, co ditado de conferencias previas no Museo madrileño e coa recollida de exemplares para o curso (Dosil, 2007).

Os obxectivos que se propoñía o laboratorio da Estación de Marín eran tres: permitir aos licenciados e alumnos de Ciencias Naturais completar os coñecementos de Bioloxía Mariña, nos seus aspectos teóricos e, sobre todo, prácticos; ofrecer aos investigadores do Museo unha infraestrutura básica onde puideran desenvolver as súas investigacións; e potenciar por medio das súas investigacións o sector pesqueiro da zona. O centro atendeu principalmente os aspectos didácticos e de investigación pero, seguramente debido ao cese prematura das súas actividades ao comezo da Guerra Civil, os aspectos relacionados coa industria non chegaron a desenvolverse (Dosil, 2007).

Sobrino e os dinoflaxelados

Un dos traballos máis importantes de Ramón Sobrino foi “La purga de mar o hematotalasia” (Sobrino, 1918a), sobre o fenómeno das mareas vermellas que eran moi comúns no verán nas Rías Baixas. Non existían estudos científicos anteriores sobre o axente que as causaba, e Sobrino refírese ás explicacións populares dadas ao fenómeno, como a necesidade do mar de limparse, por iso o nome de purga, ou incluso que o mar menstrúa. En 1916, como ocorría case cada verán, as augas das Rías Baixas tinxíronse de vermello, e o noso catedrático do Instituto de Pontevedra, por un lado e, por outro o Director do Instituto Español de Oceanografía, Odón del Buen a bordo do “Hernán Cortés”, dotado dun excelente microscopio Zeiss, trataron de analizar o axente causante. Ningún dos dous o conseguiu (Gómez, 2006).

Ao ano seguinte, Sobrino xa dispoñía dun moderno microscopio Leitz e a marea vermella volveu. Coa axuda de Ernesto Caballero realizou fotomicrografías que mostraban unha densa proliferación de Lingulodinium (=Gonyaulax) polyedra. Despois deste profundo estudo experimental, Sobrino rebateu as teses mantidas por outros investigadores, identificou esta como a especie causante da purga e publicou os resultados no artigo citado. No traballo da unha profunda descrición da especie Gonyaulax polyedra Stein, que acompaña coas microfotografías e con debuxos que ilustraban detalles como o poro ventral na primeira placa apical. Aborda tamén o estudo dos factores que inflúe na presenza da especie nas costas galegas, e fai unha análise comparativa con fenómenos parecidos noutras costas. Para rematar enuncia a idea da posíbel relación entre os organismos que producen a purga de mar e a abundancia da sardiña na costa (Sobrino, 1918a, p.440), utilizando datos obtidos das observacións do medio mariño, da experiencia dos propios pescadores e das análises realizadas en sardiñas desecadas. Esta tese será confirmada posteriormente no artigo “Acerca del Gonyaulax polyedra como alimento de la sardina” (Sobrino, 1918b), tanto como resultado das observacións no medio mariño como das análises realizadas en sardiñas desecadas.

Sobre este mesmo tema aínda escribirá outro artigo, “Réplica a la nota y observaciones de D. F. de Buen a la Memoria “La purga de mar o hematotalasia”” (Sobrino, 1918c), no que contesta a Fernando de Buen (1918), fillo do director do Instituto Español de Oceanografía quen, para defender unhas investigacións superficiais do pai, criticaba as de Sobrino. Acúsao de falla de medios e de bibliografía pero Fernando de Buen non proporciona ningún dato ou nome sobre o suposto radiolario causante da marea vermella, segundo o seu pai, e non da resultados das mostras recollidas en 1917(Gómez, 2006). A resposta de Sobrino é contundente, rebatendo punto por punto as descualificacións e, no remate, fai unha durísima crítica contra o Instituto Oceanográfico por non empregar todos os medios ao seu alcance para o estudo de problemas tan importantes.

Os seus estudos sobre dinoflaxelados tamén mostran como Sobrino poñía a súa habilidade para o debuxo ao servizo da súa grande vocación, a Bioloxía mariña, e no Instituto “Sánchez Cantón” de Pontevedra aínda se conservan na actualidade láminas do seu perfeccionista traballo descritivo, case todas ilustrando especies mariñas.

Os seus contactos coa Xeoloxía

Outra parcela importante no traballo de Sobrino Buhigas son os estudos sobre a riqueza mineralóxica de Galicia, a miúdo como resultado das excursións científicas que realizaba cos seus alumnos do Instituto. Tal é o caso de “Contribución a la Gea de Galicia (Nuevo yacimiento de Berilo)”, no que da conta da existencia de varios depósitos deste mineral localizados en: quilómetro 2 da estrada de Pontevedra a Vigo, na Ramallosa, Carballeira, San Juan de Pesqueiras, Poio e outros de menor importancia. Considera todos de menor entidade que o que descubre en Cerponzóns (Pontevedra), un depósito do que extrae cristais de berilo “de un tamaño relativamente colosal y que juzgo, por los datos que poseo, el mayor o uno de los mayores recogidos en Galicia” (Sobrino,1916, p. 542).

Na sesión do 11 de abril de 1928 da Real Sociedad Española de Historia Natural, Sobrino da conta do descubrimento nun depósito en Chenlo (Porriño-Pontevedra), dun silicato de ferro, a nontronita, segundo o autor ata daquela non citado na Península. No artigo que da conta do descubrimento, “Sobre la Nontronita y el Glucinio de Pontevedra (Nueva especie mineral para la gea española”, Sobrino tamén trata as propiedades dun “raro metal”, o Glucinio, que obtivo dos berilos procedentes da mina “Clarita”, localizada en Viascón (Pontevedra), e que considera “está llamado a desempeñar un importantísimo papel en la construcción de aeronaves” (Sobrino, 1928, p.210).

Tal como el mesmo expresa nos seus artigos, mostras destas investigacións xeolóxicas foron aportadas polo autor ao Museo de Ciencias Naturales de Madrid, ao Museo da Universidade de Santiago e ao gabinete do Instituto de Pontevedra. Posteriormente, en 1932, participou como experto nas excursións que guiou o profesor Martín Cardoso, realizadas en colaboración coa Junta de Ampliación de Estudios e a Comisión de Estudios de Galicia, para a recollida de minerais en Galicia.

Sobrino e os petroglifos

Cómpre salientar tamén a importancia das investigacións de Sobrino no descubrimento e catalogación dos petroglifos galegos, constituíndo o seu libro Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, editado polo Seminario de Estudos Galegos, unha pedra base para este estudo. Todo partiu da creación da Sociedad Arqueológica de Pontevedra (1894), experiencia interdisciplinar dirixida por Casto Sampedro e polos profesores do Instituto da cidade do Lérez, que vai pular polo inventario dos complexos rupestres pontevedreses. Fíxose cargo do labor de debuxante Enrique Campo Sobrino, quen tras o seu falecemento foi substituído por Ramón Sobrino Buhigas, dada a súa habilidade para o debuxo.

Tal foi o interese de Sobrino polo tema que en 1930 obtivo unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios para facer, durante tres meses en Francia e Inglaterra, un estudo comparativo dos gravados rupestres destes países cos da provincia de Pontevedra, traballando entre outros co abate Breuil (Gurriarán, 2006). Esa estadía e, sobre todo, os longos anos dedicados á busca e catalogación de complexos rupestres pola Sociedad Arqueológica de Pontevedra deron como resultado un profundo nivel de coñecementos sobre o terreo. Con eses datos Sobrino realizou a súa obra, na que ademais de ilustrar máis de douscentos complexos, escribe unha interesante introdución onde mostra o seu amplo coñecemento sobre o tema. Informa da técnica de gravado, do espallamento xeográfico dos complexos, da súa localización sobre o terreo, das causas da preferencia dos granitos de grao fino, ademais de sistematizar a temática dos gravados.

A obra está escrita en latín para favorecer a comprensión mundial do tema, pero o seu libro foi fundamentalmente coñecido polas súas ilustracións. Segundo Antonio de la Peña (1992), a aparición en 1935 desta obra, significou dar a coñecer internacionalmente a existencia dun foco de arte rupestre ao ar libre, que se ben non era totalmente descoñecido, pouco se sabía da súa riqueza temática e das súas características. Desgraciadamente, a aparición da obra. moi próxima ao comezo da Guerra Civil, fixo que a liña de investigación aberta desaparecera, concluíndo así abruptamente unha das mellores fases para estes estudos en Galicia. Xa no franquismo xurdiu con forza a figura do seu fillo, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, quen publicou un número importante de artigos onde desenvolveu as hipóteses formuladas na obra do seu pai. De feito, Ramón Sobrino Buhigas, xunto co seu fillo, son considerados dous dos máis grandes investigadores de arte rupestre en Galicia.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Sobrino Buhigas, Ramón. Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedientes Persoais, cartafol 1403, doc. nº 7.

Fontes impresas:

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1911): Estudio sobre los Cistolitos, Madrid: Impr. Artística Española.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1916): Contribución a la Gea de Galicia (Nuevo yacimiento de Berilo), Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XVI: 541-543.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1917): Balaenoptera borealis Lesson (Nueva especie para la fauna ibérica), Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, XVII: 231-234.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1918a): La purga de mar o hematotalasia, Memorias de la Real Sociedad Española de Historia Natural, Tomo X, Memoria 9; p. 407-461.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1918b): Acerca del Gonyaulax polyedra como alimento de la sardina, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XVIII: 294.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1918c): Réplica a la nota y observaciones de D. F. de Buen a la Memoria “La purga de mar o Hematotalasia”, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XVIII: 348-356.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1928): Sobre la Nontronita y el Glucinio de Pontevedra (Nueva especie mineral para la gea española), Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XXVIII: 209-210.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1933): Notables anomalías neuroesqueléticas del hombre, Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 18: 83-86.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (1935): Corpus Petroglyphorum Gallaecia, Compostela: Seminario de Estudos Galegos.


Bibliografía secundaria:

BUEN, Fernando de (1918): Sobre la coloración roja del agua en la Rías Bajas y la
biología de la sardina. (Notas a una Memoria del Sr. Sobrino), Boletín
de la Real Sociedad de Historia Natural
, XVIII: 327-331.

DOSIL MANCILLA, J. (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), El estudio de la flora y vegetacion marinas en España, Madrid: CSIC.

GÓMEZ, Fernando (2006): Historia de las investigaciones sobre dinoflagelados marinos en España, Llul, 29: 307-329.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago. Santiago: Universidade.

MATO, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos, Sada-A Coruña: Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro.

NEGRÍN FAJARDO, O. (2006): La depuración franquista del profesorado en los institutos de segunda enseñanza de España (1937-1943). Estudio cuantitativo para Galicia, Sarmiento, 10: 59-99.

PEÑA SANTOS, Antonio de la (1992): “El Grupo Galaico de Arte Rupestre”, Ponencia presentada al Iº Congrés Internacional de Gravats Rupestres i Murals organizado por el Institut d´Estudis Illerdencs (Lleida 1992).

PUIG SAMPER, M.A. (coord.) (2007): Tiempos de investigación: JAE-CSIC, cien años de ciencia en España, Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

SOBRINO BUHIGAS, Ramón (2000): Corpus Petroglyphorum Gallaecia, Ed. Facsimilar, Estudo preliminar de Ángel Núñez Sobrino, Tradución do latín a galego de Xosé Souto Blanco, Prólogo de Antonio Fraguas, Presentación de Alfonso Mato, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, Seminario de Estudos Galegos.