culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Baltasar Manuel Boldo Tuced

O botánico da expedición científica do conde de Mopox a Cuba

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier
  • Data de alta: 09/09/2012

Extras sobre Baltasar Manuel Boldo Tuced:

Galeria


Lámina da descripción realizada por Boldo sobre o ovo de raia (1797).

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “Baltasar Manuel Boldo Tuced”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=338
Untitled Document

Lámina da descripción realizada por Boldo sobre o ovo de raia (1797).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Zaragoza 1766
  • Falecemento: A Habana 1799
No último terzo do século XVIII, a cidade da Coruña foi sede dun importante fluxo de comerciantes e viaxeiros, consecuencia inmediata da liberalización do comercio con América que ata 1778 estivera monopolizado polo porto de Cádiz. O desenvolvemento da actividade portuaria dinamizou a economía da cidade e atraeu non poucos naturalistas expedicionarios que partiron do porto coruñés á longa travesía cara América. Tal foi o caso de Alexander von Humboldt, que partiu da Coruña o 5 de xullo de 1799 ao seu periplo americano, ou o de Baltasar M. Boldo, do que a continuación falaremos. Nos días previos á viaxe, estes viaxeiros acostumaban intercambiar opinións con outros naturalistas da cidade ou do veciño Ferrol, e a miúdo aproveitaban para recoller os primeiros exemplares das voluminosas coleccións de especies exóticas que traerían do continente americano.

A formación dun médico interesado pola Historia Natural

Con respecto a Boldo, sabemos que naceu en Zaragoza, parece que no 1766 (Martínez Tejero, 1990, 1991, 1998), aínda que Guerra (1999) data o seu nacemento vinte anos antes. Os seus primeiros estudos, de Teoloxía, tiveron lugar na cidade natal, onde retornou tras cursar catro anos na Universidade de Valencia para alcanzar o grao de bacharel en Medicina. Máis tarde revalidou o título en Madrid e obtivo por oposición a praza de médico de Entradas nos Reales Hospitales General e de la Pasión. Posteriormente exerceu a Medicina en Zaragoza, obtendo brillantes resultados, ata 1793, en que foi nomeado médico de número dos Reais exércitos españois con destino na rexión pirenaica de Rosellón durante a guerra entre España e Francia. Fixo tres campañas (ata 1795), prestando importantes servizos que lle valeron o título de Protomédico de Rosellón e Consultor Perpetuo (Martínez Tejero, 1990).

Tamén por estas datas analizou augas minerais de Cataluña, realizou traballos químicos e epidemiolóxicos e, como botánico correspondente do Real Jardín Botánico de Madrid, percorreu os montes, vales e costas catalás e as illas Baleares, elaborando unha copiosa colección de plantas, sementes, minerais, moluscos, etc. Nas illas Baleares mantivo contacto científico co naturalista mallorquino Cristóbal Vilella, a quen se refire nunha memoria posterior (Boldo, 1797). En 1796 foi elixido para observar as virtudes das plantas cultivadas no Jardín Botánico de Madrid, tarefa que simultaneou coa atención médica do persoal do centro.

A expedición científica do conde de Mopox a Cuba

Pouco durou a súa actividade no Botánico de Madrid, xa que no mesmo ano do seu nomeamento foi incorporado polo Goberno como primeiro botánico á expedición científica do Conde de Mopox a Cuba (1796-1802), encargada de levantar o plano dunha canle no oeste da illa. Na opinión de Mariano Martínez Galinsoga, intendente do Jardín Botánico madrileño, Baltasar Boldo era o candidato ideal para tal posto, pois posuía amplos coñecementos “no solo en la Botánica sino en todos los tres Reynos de la naturaleza, animal, vexetal y mineral [...], siendo además un excelente Médico, cuya circunstancia le da un lugar de preferencia para las observaciones Phisicas y Médicas que convendrá hacer...” (Blanco et al., 1998:41).

A expedición partiu do porto da Coruña o 3 de Nadal de 1796, a bordo da fragata “El Rey” mandada por Pedro Núñez. Acompañaban a Boldo, ademais do propio conde de Mopox, os naturalistas José Guío, Francisco Remírez e Félix Bourman, diversos enxeñeiros e varios empregados militares (Gomis Blanco & Pelayo López, 1999). Os expedicionarios tiveron que enfrontar fortes tempestades, que lles forzaron a deterse durante varios días en Santa Cruz de Tenerife.

En Cuba, Boldo ocupouse do estudo da flora, contando para iso coa colaboración, por recomendación de Martín de Sessé (con quen, por certo, explorou a parte occidental da illa), do botánico e químico cubano José Estévez y Cantal. Reuniu numerosos materiais para a Flora cubana, que non puido rematar a causa do seu inesperado falecemento na Habana, o 31 de xullo de 1799 (Gomis, 1991; Puig-Samper & Maldonado, 1990). As descricións manuscritas das plantas atópanse no Jardín Botánico de Madrid, cos debuxos da flora que realizou na súa maior parte José Guío Sánchez, que tamén participara, como debuxante e disector, na célebre expedición de Alejandro Malaspina (1789-1794) (Sotos Serrano, 1989; Fernández Casas et al., 1990).

Membro da Academia de Buenas Letras de Barcelona, Boldo foi autor de diversas obras de Botánica e de Medicina: Sobre las ventajas que los jergones llevan a los colchones para los hospitales del ejército (Barcelona, 1794); Tratado físico-médico sobre el temblor y explosión observados en Montjuich el 8 de marzo de 1795; Observaciones y prácticas de las enfermedades comunes de cuarteles y navíos; Análisis chimica de las aguas de Arlés, Baños y Moyolet de los Pirineos y otras fuentes de Cataluña; Advertencias útiles sobre herborizaciones y otras cosas tocantes á Botánica y Medicina, así en España como en América.

A descrición do ovo de raia na baia da Coruña

A relación do naturalista con Galicia, aínda que accidental, transcende a mera saída dende o porto da Coruña cara o continente americano, na xa mencionada expedición do Conde de Mopox. A súa estancia nesta cidade tivo que estenderse máis do previsto inicialmente, debido a un intenso temporal que impedía a circulación dos barcos. Nesta situación, o naturalista aproveitou para percorrer a baía da Coruña, recollendo plantas e animais mariños que os fortes ventos arroxaran cara a costa. Entre estos obxectos atopou un ovo de raia pechado que, tras unha minuciosa disección, permitiulle facer unha descrición polo miúdo do seu interior, recoñecendo o embrión dun ovo de raia e aclarando definitivamente, deste xeito, unha antiga polémica sobre a natureza deste obxecto (moitos naturalistas continuaban considerándoo un animal mariño ou mesmo un tipo de alga). Verteu as observación nun traballo, publicado en 1797, que leva o titulo de “Producción marítima particular observada en La Coruña”. O texto, de vinte páxinas, foi publicado en Santiago de Compostela, baixo o coidado de Cónsul Jove, por entón naturalista do Consulado, que acompañou a Boldo nas súas investigacións na Coruña e quen ademais ficou encargado de indagar “por disección el estado y número en que se hallan estas producciones en los vientres de las Rayas en las diversas estaciones del año” (Boldo, 1797:20). O texto vai acompañado dunha lámina elaborada polo debuxante xa mencionado, José Guío. A pesar do seu interese, este folleto pasou case inadvertido ata os nosos días (Dosil Mancilla, 2002).



Bibliografía:



Fontes impresas:

BOLDO, B.M. (1794): Discurso sobre las ventajas que los xergones llevan a los colchones para los hospitales de exercito, Barcelona: Imp. Carlos Gibert y Tutó.

BOLDO, B.M. (1797): Producción maritima particular, observada en La Coruña,Santiago de Compostela: Imp. Ignacio Aguayo.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1979): Boldó, Baltasar Manuel, Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-americana , Madrid: Espasa-Calpe; tomo 8, p. 1391.

BARRAS, F. DE LAS (1952): Noticias y documentos de la expedición del Conde de Mopox ala isla de Cuba, Anuario de Estudios Americanos, 9: 513-548.

DOSIL MANCILLA, F.J. (2002): Un texto desconocido del botánico aragonés Baltasar Boldo: “Producción marítima particular, observada en La Coruña”, Asclepio, 54: 289-293.

GOMIS, A. (1991): Las Ciencias Naturales en la expedición del Conde de Mopox a Cuba, A.R. Díez Torres et al. (coords.), La Ciencia Española en Ultramar, Madrid: Ateneo de Madrid-Doce Calles; pp. 309-319.

GOMIS BLANCO, A. & F. PELAYO LÓPEZ (1999): Baltasar M. Boldo y la Real Comisión de Guantánamo del Conde de Mopox, M.P. de San Pío Aladrén & M.A. Puig-Samper Mulero (coords.), Las Flores del Paraíso. La expedición botánica de Cuba en los siglos XVIII y XIX, Barcelona: Lunwerg; pp. 75-92.

GOMIS BLANCO, A., F. PELAYO LÓPEZ & J. FERNÁNDEZ PÉREZ (1988):
Valoración de los resultados obtenidos por los naturalistas de la expedición a Cuba del Conde de Mopox (1796-1802), Estudios sobre Historia de la Ciencia y de la Técnica. IV Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Valladolid: Junta de Castilla y León; tomo 2, pp. 631-638.

GUERRA, F. (1999): Bibliografía médica americana y filipina, Madrid: Ed. Ollero & Ramos; p. 323.

MARTÍNEZ TEJERO, V. (1990): La ilustración aragonesa en América:
Naturalistas en Cuba, Rolde, 52-53: 4-15.

MARTÍNEZ TEJERO, V. (1991): Botánica aragonesa. IV Muestra de
documentación histórica aragonesa
, Zaragoza: Diputación General de Aragón.

MARTÍNEZ TEJERO, V. (1998): Los botánicos aragoneses, Zaragoza: Caja de Ahorros de la Inmaculada de Aragón.

PUIG-SAMPER, M.A. & L. MALDONADO (1990): La botánica en la Real
Comisión de Guantánamo (1796-1802), Cubensis prima flora, 29: 5-17.

SOTOS SERRANO, C. (1989): La botánica y el dibujo en el siglo XVIII, B. Sánchez (coord.), La botánica en la expedición Malaspina, 1789-1794, Madrid: Turner; pp. 71-79.