culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Planellas Giralt

O autor da primeira flora de Galicia e un partidario da agricultura “racional”

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 14/09/2012

Extras de José Planellas Giralt: 

Extras sobre José Planellas Giralt:

Galeria


Exemplar de "Sygnathus acus" preparado polo catedrático José Planellas Giralt. Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago.

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “José Planellas Giralt”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=343
Untitled Document

Exemplar de "Sygnathus acus" preparado polo catedrático José Planellas Giralt. Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Barcelona 1821
  • Falecemento: Barcelona 1888
Realizou estudos de Filosofía e Medicina en Barcelona. Posteriormente, acadaría o título de licenciado en Ciencias Naturais nos exercicios realizados o 26 de maio de 1854 na Universidade de Santiago. Os estudos de Ciencias foron creados na institución compostelá a consecuencia do plan de 1845, como unha sección dentro da Facultade de Filosofía. Planellas vén ser o primeiro catedrático de Historia Natural, iniciando o seu labor docente no curso 1847-48, procedente do Instituto de Xaén (Bellot, 1956).

O seu labor como docente

Segundo os datos dispoñibles, como profesor asumiu o modelo pedagóxico tradicional, caracterizado polo uso restritivo das coleccións e do contacto coa natureza e as clases maxistrais, de forte carga teórica, lonxe das prácticas. Unha visión harmónica que tentaba de expoñer os feitos inmutábeis e ilustrar, con exemplares dos tres Reinos, para ver como cada ser ocupaba, axeitadamente, o lugar sinalado polo Creador. Nese sentido, o seu Programa do curso 1851-52 (Planellas, 1851) non presenta elementos salientábeis. Na docencia utilizou libros de texto franceses. Segundo o Anuario e Memoria dos cursos 1856-57 e 1859-60 (Anónimo, 1857; Anónimo, 1860), os textos empregados eran o libro de Zooloxía de Milne-Edwards e os de Botánica de Richart. Entre a información existente sobre o seu labor salienta a confección dunha colección de 58 especies de peixes de Galicia para o Gabinete (Anónimo, 1877). En todo caso, a contribución xeral de Planellas ao Gabinete semella escasa e sobre ela pode consultarse a obra O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela (Bugallo Rodríguez, 2003).

En 1857, co plan Moyano, os estudos de Ciencias afástanse dos de Filosofia e podemos realmente falar dunha Facultade de Ciencias na Universidade compostelá. Mais en 1867 (RO 19 de xullo) suprímese esa Facultade e Planellas marcha para Barcelona. O ensino da Historia Natural en Santiago fica reducido ao curso preparatorio de Medicina e Farmacia.. O traslado do catedrático e a desaparición da Facultade foron decisivos para o futuro do Xardín Botánico, que pasou para a Facultade de Farmacia.

Por R.O. de 11 de febreiro de 1868 Planellas foi nomeado catedrático numerario de Mineraloxía, Botánica e Zooloxía da Facultade de Ciencias de Barcelona e tomou posesión o primeiro de abril. Alí tivo un incidente por apertura dun expediente ao ser acusado de impartir clases particulares e só aprobar aos alumnos que acudían a elas. Decano da Facultade de Ciencias de Barcelona durante bastantes anos, exerceu interinamente de Reitor en 1880, cesando con data de 1 de marzo de 1888 a causa da súa morte. Parece ser que exerceu a docencia da Botánica na Habana entre 1883 e 1886 (Devesa & Viera, 2001). Foi numerario da Real Academia de Ciencias de Barcelona.

Do seu paso polas aulas compostelás salienta o discurso que pronunciou na inauguración do curso 1859-60 (Planellas, 1859b), La ley del progreso indefinido, un documento recollido pola bibliografía, reiterada e erroneamente, como pioneiro no rexeitamento do darwinismo. Se ben o contido do discurso amosa unha actitude antievolucionista, esta é de carácter xeral, perfectamente asimilable ás reaccións provocadas por autores evolucionistas anteriores a Darwin, en concreto Lamarck. Ademais, na intervención non existen alusións directas e explícitas ao texto darwinián. En todo caso, o dato que semella concluínte é de carácter cronolóxico. Resulta imposible que Planellas coméntase o libro de Darwin porque o discurso aconteceu en outono do ano 1859 e o texto do científico inglés foi publicado despois, en novembro dese ano.

Actividade botánica

Planellas publicou en 1852 o seu famoso Ensayo de una flora fanerogámica gallega (Planellas, 1852), no que describe 853 plantas, número próximo ao recollido por Johan Lange na súa viaxe de estudo por Galicia ese mesmo ano. O danés contactou con Planellas, quen afirma no seu Ensayo que “pocos meses después de haber comenzado la publicación del Ensayo, el ilustrado botánico Mr. Jhon. Lange hizo una excursión a este pais, sin otro objeto que el de estudiar su vegetación espontánea. Habiendo tenido ocasión de relacionarnos, me hizo el obsequio de comunicarme las especies que a nombre suyo se han publicado, y al propio tiempo rectificó algunos errores en que yo habia incurrido acerca objetos ya antes vistos por mi en el pais.…” (Planellas, 1852: 447). Seoane fai referencia ao tema ao afirmar que Lange “facilitara también gran caudal de datos a Planellas” (Seoane, 1897: XIII).

Francisco Bellot expresou unha opinión moi eloxiosa sobre o labor de observación e recolleita botánicas de Planellas e a súa Flora fanerogámica, indicando que se trata da “primera flora publicada en España con criterio sistemático racional, por un autor español” (Bellot, 1956: 34). Pola contra, o naturalista Víctor López Seoane mantivo sempre unha visión crítica do valor desta obra, opinión compartida por botánicos de prestixio, como Lange, Willkomm e Baltasar Merino. Así, por exemplo, Willkom afirma: «En cuanto á la Flora fanerogámica gallega del Sr. Planellas debo confesar que es un libro de poco valor, escrito con poca nitidez y pocos conocimientos, cuyos datos por eso no inspiran confianza» (6 de abril de 1891, carta dirixida a Víctor López Seoane, Biblioteca científica López Seoane, Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses). En todo caso, a contribución de Planellas á flora galega hai que situala no contexto da época. Cando elabora o seu libro carecía de referencias previas e os estudos botánicos na Península estaban dando os seus primeiros pasos, sen que nos postos máis relevantes da Botánica oficial se realizaran contribucións valiosas. Tiveron que seren dous estranxeiros, Moritz Willkomm e Johan Lange, os que viñeran a cubrir o baleiro co seu magno Prodomus.

Froito da actividade botánica elaborou un herbario da flora galega. Na «Exposición Agrícola, Industrial y Artística de Galicia», celebrada en Santiago en 1858, amosou o seu «Herbario de Galicia”, composto por 891 especies. Na actualidade consérvanse dous. Un, o que levou cando marchou para Barcelona (conservado na Facultade de Bioloxía), está constituído por 777 taxóns e foi revisado por Carles Pau (1921, 1922, 1924). O outro, máis reducido, está formado por preto dun centenar de Angiospermas e consérvase no Departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, procedente, probablemente, dos fundos do vello Gabinete da Universidade.

Propagador da “agricultura racional”

A agricultura foi unha disciplina á que Planellas lle prestou unha especial atención. Probablemente a orixe dese interese teña que ver co feito de que fora discípulo de Joan Francesc de Bahí (1775-1841), profesor de botánica na Escuela de Botánica y Agricultura creada pola Junta de Comercio de Barcelona en 1807, director da sección agrícola das Memorias de Agricultura y Artes e do Jardín Botánico de Barcelona.

Participou nos debates e actividades relacionados coa agricultura galega da época, cuestión que foi tratada amplamente por Fernández Prieto (1992). Segundo este autor, Planellas, como o resto do grupo de técnicos (Antonio Casares, Valenzuela, etc.), amósase claro partidario de aplicar a Ciencia á Agricultura, se ben non supera unha visión teórica sobre o tema.

Colaborador activo da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, da que foi secretario, nesta institución levou a cabo a parte fundamental da súa contribución agrícola. Participou nas actividades docentes e colaborou, entre 1859-1864, na Revista Económica, publicación da que foi promotor (Fernández Casanova, 1981: 64). Alí publicou, por exemplo, o artigo “De lo que es en este suelo la agricultura y de los obstáculos que deben ser removidos para que llegue a lo que debe ser” (Planellas, 1859a).

Foi importante protagonista da Exposición agrícola de 1858, da que se editou un Catálogo metódico de la Exposición pública de Galicia celebrada en Santiago en el presente año (Planellas; Neira & Riva, 1858), no que Planellas é autor da “Introducción. Breves consideraciones acerca de la exposición”. Actuou como secretario do Congreso agrícola de 1864, encargándose da edición das actas (Planellas, 1865). Ademais, a petición da Sociedad Económica, elaborou un informe, que realizou conxuntamente cos químicos José Ramón Luanco y Riego e Antonio Casares, sobre o guano da illa de Cuba. Tamén prestou atención ao ensino da agricultura, tema ao que dedicou un artigo (Planellas, 1860).

Outras actividades

Nos vinte anos que permaneceu en Santiago Planellas colaborou activamente en diversas iniciativas e actividades institucionais. Xogou, como vimos, un papel moi relevante na Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, propoñendo, en 1861, a creación dun Ateneo popular. Asemade, colaborou na Revista de Ciencias Médicas, continuación da Revista Médica, voceiro da relevante Academia de Emulación (Sisto, 1998), na que publicou varios artigos: “Estudio de la respiración comparada entre los seres de toda la serie de los organizados” (Planellas, 1856a), e “Del estado actual de la medicina española en orden a las ciencias naturales y de la necesidad de éstas para el progreso y perfección de aquella” (Planellas, 1856b). Tamén dirixiu o semanario La Joven Galicia. Revista de instrucción pública, ciencias, literatura y bellas artes , na que presentou diversas contribucións (Santos Zas, 2002).




Bibliografía:




Fontes documentais :

José Planellas. Arxiu General Historic, Universidad central de Barcelona.

José Planellas. Arquivo Histórico Universidade de Santiago. Libro A-203.


Fontes impresas:

PLANELLAS GIRALT, J. (1851): Programa de lecciones para la cátedra de Historia Natural de la facultad de filosofía de esta Universidad, Santiago: Impr. Rey Romero.

PLANELLAS GIRALT, J. (1852): Ensayo de una Flora Fanerogámica gallega ampliada con indicaciones acerca de los usos médicos de las especies que se describen, Santiago: Impr. Rey Romero.

PLANELLAS GIRALT, J. (1856a): Estudio de la respiración comparada entre los seres de toda la serie de los organizados, Revista de Ciencias Médicas, 5: 150-157.

PLANELLAS GIRALT, J. (1956b): Del estado actual de la medicina española en orden a las ciencias naturales y de la necesidad de éstas para el progreso y perfección de aquella, Revista de Ciencias Médicas, 8, 9: 249-256.

PLANELLAS GIRALT, J. (1859a): De lo que es en este suelo la agricultura y de los obstáculos que deben ser removidos para que llegue a lo que debe ser, Rev. Soc. Econ. Am. País Santiago, enero, 1859.

PLANELLAS GIRALT, J. (1859b): La ley del progreso indefinido. Discurso leído en la solemne inauguración del Curso de 1859-60, en la Universidad Literaria de Santiago, Santiago: J. R. Rubial.

PLANELLAS GIRALT, J. (1860): Enseñanza agrícola, La Joven Galicia, 6: 41-43.

PLANELLAS GIRALT, J. (1865): Congreso Agrícola Gallego de 1864. Actas, discursos o sus estractos y demas documentos de que se dió cuenta en esa reunión memorable..., Santiago: Imprenta de José Rodríguez Rubial.

PLANELLAS, J.; NEIRA, F.; RIVA, V. de la (1858): ,Catálogo metódico de los objetos exhibidos en la Esposición [sic] agrícola, industrial y artística de Galicia celebrada en Santiago por el ... Ayuntamiento y la Sociedad Económica en julio y setiembre del presente año, Santiago: Impr. J. Souto e hijo.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1857): Anuario de la Universidad de Santiago para el curso 1856 a 1857, Santiago: Impr. Juan Rey.

ANÓNIMO (1860): Memoria del estado de la Instrucción Pública en el Distrito Universitario de Santiago. Anuario de la Universidad para el curso 1859 a 1860, Santiago: Impr. M. Mirás.

ANÓNIMO (1877): Memoria acerca del estado de la Universidad de Santiago en el curso 1876 a 1877, Santiago: Impr. M. Mirás.

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003): O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

BELLOT, F. (1956): Pourret, Colmeiro, Planellas y Antonio Casares Gil (la escuela botánica compostelana), Santiago: Universidad.

DEVESA, J. A. & VIERA, Ma. C. (2001): Viajes de un botánico sajón por la Península Ibérica (H.M. Willkomm, 1821-1895), Cáceres: Universidad de Extremadura.

FERNÁNDEZ CASANOVA, C. (1981): La Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago en el siglo XIX, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Lábregos con Ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 Vigo: Edicións Xerais.

SISTO, R. (1998): As Academias literarias da Universidade de Santiago e a Academia Médica de Emulación no período 1847-1850, Sarmiento, 2: 125-152.

PAU, C. (1921): El herbario de Planellas, Broteria, ser. bot., 19: 49-65; 97-100; (1922): Broteria, ser. bot., 20: 120-129; (1924): Broteria, ser. bot., 21: 43-82.

SANTOS ZAS, M. (Ed.) (2002): La Joven Galicia. Revista de instrucción pública, ciencias, literatura y bellas artes Santiago de Compostela: Universidade.