culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Luis Crespí Jaume

Da investigación botánica, agrícola e ecolóxica ao exilio interior

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 26/09/2012

Extras de Luis Crespí Jaume: 

Extras sobre Luis Crespí Jaume:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Luis Crespí Jaume”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 21/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=350
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Madrid 1889
  • Falecemento: Madrid 1963
O seu pai, Antonio Crespí Mas, de orixe mallorquina, era doutor en Farmacia e en Ciencias Naturais e veu a Galicia para ocupar a cátedra de Agricultura no Instituto de Pontevedra, centro educativo no que estudou Luis Crespí o bacharelato. Logo cursou na Universidade de Santiago as materias de Física, Química, Mineraloxía e Botánica, e Zooloxía, trasladándose posteriormente a Universidade de Madrid, onde estudou Ciencias Naturais (Fraga Vázquez, 1995). Ao remate dos estudos universitarios interesouse por cuestións agrícolas e de fisioloxía vexetal que o aproximaron á ecoloxía vexetal aplicada (Casado de Otaola, 2000). O seu labor como científico comezou no Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN), onde empezou traballando como axudante do laboratorio de Xeoloxía. En 1912 realizou unha serie de experiencias co millo para contrastar as hipóteses de Blaringhem sobre o transformismo aplicado en agricultura do millo (Masip, 2011).

Formación coa Junta para Ampliación de Estudios (JAE)

O Museo Nacional de Ciencias Naturales e o seu director, Ignacio Bolívar, mantiñan unha estreita relación coa JAE, o que incidirá substancialmente na carreira científica de Luis Crespí. En 1915 obtivo unha bolsa da JAE para estudar Xeoloxía agrícola, análise mineral e patoloxía vexetal no MNCN. Alí, da man de Hernández Pacheco, estudou os terreos xeolóxicos da Península Ibérica en relación coa agricultura, asistiu a prácticas de análises e estudou fungos parásitos no laboratorio de Micoloxía, baixo a dirección do botánico González Fragoso.

Aínda que en 1916 gañou a cátedra de Agricultura do Instituto de Lugo, continuou o seu proceso formativo na JAE. En 1917 asistiu en Madrid (MNCN) ao curso que impartiu Leclerc du Sablon sobre Fisioloxía vexetal aplicada á Agricultura e, con Juan Dantín Cereceda, organizou un curso de Fisioloxía vexetal no Jardín Botánico de Madrid. Despois obtivo unha bolsa da propia JAE para traballar un ano en Toulouse, en Patoloxía agrícola, baixo a dirección de Sablon, asistindo tamén aos cursos de Patoloxía Agrícola dirixidos por Prunet. Con Leclerc du Sablon realizou experiencias sobre a evolución dos hidratos de carbono contidos nas sementes das leguminosas durante a xerminación, traballo de investigación que continuaría no laboratorio de Fisioloxía vexetal creado pola JAE en Madrid (Masip, 2011). Logo da súa estancia no estranxeiro, foi nomeado catedrático de Agricultura do recen constituído Instituto-Escuela de Madrid, vello proxecto da Institución Libre de Enseñanza (ILE) creado a instancias da JAE polo ministro Santiago Alba, en 1918, con carácter de ensaio pedagóxico para a reforma do ensino secundario.

A JAE invitou, en 1920, ao profesor Lewis Knudson (Universidade de Cornell, New York) a dar un curso práctico de Fisioloxía vexetal no Jardín Botánico de Madrid. Luis Crespí foi o encargado de desenvolver un curso previo de preparación. Este e outros cursos realizados polos bolseiros da JAE no estranxeiro foron o xerme do laboratorio de Fisioloxía vexetal que pouco despois puxo en marcha a JAE (Baratas, 1998).

En 1924, Crespí obtivo outra bolsa da JAE para ampliar a súa formación científica no estranxeiro durante un ano. Primeiro foi a Portugal, onde estudou os liques baixo a dirección do profesor Gonzalo Sampaio (Universidade de Porto). O contacto con Sampaio víñalle de Romualdo González Fragoso, quen lle pediu ao profesor portugués que formara a Crespí en liquenoloxía, en concreto na identificación de liques (Cabral, 2009). O 15 de outubro de 1925 chegou Crespí a Porto, onde traballou con Sampaio ata fins dese ano. Durante as vacacións de verán e de Nadal de 1925 realizou varias excursións liquenolóxicas co seu cuñado Miguel Rodríguez pola provincia de Pontevedra. O 16 de xaneiro de 1926 escribiulle a Sampaio unha carta na que da conta da marcha das súas pescudas sobre os liques, a marcha da colección e lle pide a lista coas identificacións dos liques de Galicia, que Sampaio determinou (Cabral, 2009: 17). Nas cartas conservadas, Crespí laiase do pouco tempo de que dispón para o estudo dos liques. Así, o 5 de outubro de 1928, dille: “Este año vuelvo a ser Director del instituto-Escuela. Sin embargo no quiero que acabe el año sin publicar alguna nota. Destrozan mi vida las preocupaciones de mi familia y los enormes quehaceres del Instituto. Necesito una temporada a su lado. No se cuando ni como va a poder ser” (Cabral, 2009: 17). O traballo sobre os liques de Galicia será finalmente publicado en 1927: “Los líquenes de la provincia de Pontevedra” (Sampaio& Crespí, 1927), no que dan a coñecer algunhas especies novas. Despois da estancia en Porto e Braga, Crespí continuou coa bolsa da JAE en Francia e Bélxica, co obxectivo de coñecer o funcionamento do ensino agrícola.

A expedición por Galicia

No verán de 1927, comisionado e patrocinado pola JAE, Crespí dirixiu a Exploración naturalista y folklórica realizada a los Ancares y montes del Invernadero. A iniciativa debeuse á constitución pola JAE da Comisión de Estudios en Galicia (o nome inicialmente previsto, Misiones, foi rexeitado polo sector científico galeguista afín) (Fraga & Gurriarán, 2007). Na expedición tamén participaron Luis Iglesias, auxiliar da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (que publicaría as súas impresións, Iglesias Iglesias, 1929) e o salientable científico Vavilov. A exploración, que tiña como fin o estudo da flora, a fauna e o folclore dos Ancares e o Invernadoiro, iniciouse en Ponferrada, para dirixirse despois cara Pedrafita e Becerreá, onde se despediu Vavilov. Na segunda parte da excursión, que se desenvolveu polas serras do Invernadeiro e da Queixa, estiveron acompañados por Sampaio e o catedrático de Agricultura do Instituto de Ourense, José Rodríguez Bouzo.

A actividade supuxo un interesante experimento de traballo interdisciplinar, a realización dunha memoria para a JAE e outras publicacións. Crespí elaborou dous artigos: “Contribución al folklore gallego” (Crespí, 1927), no que estuda as pallozas desde O Cebreiro ata Piornedo, o hórreo e diversos elementos do traballo agrícola; e “Los prados de las regiones media y montaña de Galicia” (Crespí & Iglesias, 1929), en colaboración con Luis Iglesias. Este traballo amosa, segundo Casado de Otaola (2000), a orientación ecolóxica de Crespí, quen estuda a gandería, o sistema de pastoreo e os prados para a produción de heno, analizando a composición florística, avaliando o seu estado e propoñendo unha serie de reformas para un maior rendemento. Posteriormente publicaría “Notas para una geografía botánica de Galicia” (Crespí, 1929), coas que participou no libro homenaxe a Ignacio Bolívar publicado nas Memorias de la Sociedad Española de Historia Natural, e nas que ofrece un avance da xeografía botánico-agrícola da serra dos Ancares e o Invernadoiro.

O paso de Vavilov polas montañas galegas e o seu contacto con Crespí merece comentarse. Nikolái Ivánovich Vavílov (Moscú, 1887-Saratov, 1943) era un sobranceiro investigador, director del Instituto de Botánica aplicada de Leningrado, que estaba realizando expedicións botánico-agronómicas por todo o mundo para desenvolver a súa teoría sobre os centros de orixe das plantas cultivadas e ampliar o que naquel tempo era o maior banco de sementes do mundo, o do Instituto de Leningrado. Presidente da Sociedade Xeográfica e gañador do premio Lenin, Vavilov foi detido en 1940 e morreu tres anos despois na cadea, condenado polo stalinismo. No traballo presentado en 1931 no II Congreso Internacional de Historia de la Ciencia (Londres), “Expediciones por España” (Vavilov, 1931), da conta da viaxe e realiza numerosas mencións a Crespí, quen lle adicou o artigo “Contribución al folklore gallego” (Crespí, 1927). Vavilov detalla a valiosa axuda recibida por Crespí e comenta as súas impresións sobre Galicia, da que di “es única geográficamente, en lo que se refiere a paisaje, composición de los cultivos, variedad de animales e idioma”.

Director do Laboratorio de Ecoloxía e vítima da represión fascista

O 16 de abril de 1930, Crespí obtivo o nomeamento definitivo como catedrático do Instituto-Escuela, e en marzo de 1933 foi nomeado pola JAE director do recen creado Laboratorio de Ecología del Museo Nacional de Ciencias Naturales. Compatibilizou este cargo co ensino no Instituto-Escuela e, cando este centro cesou a súa actividade no verán de 1936, seguiu dando clases no instituto Pérez Galdós e no de San Isidro, ata o remate da guerra civil. Nesa época accedeu á dirección da prestixiosa Sociedad Española de Historia Natural, sendo presidente no período 1936-1938.

Afiliado a Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña, ao remate da guerra civil sufriu represalias polo bando vencedor. Os fascistas suspendérono de emprego e soldo, inhabilitárono para a docencia durante catorce anos e provocaron que o seu labor investigador rematara en 1938 e que pasara a formar parte do “exilio interior”. Para sobrevivir viuse obrigado a traballar como administrativo nos Laboratorios Promesa de Madrid. Cando Joaquín Ruiz-Giménez ocupou a dirección xeral de Ensino Medio do Ministerio de Educación, foi reintegrado á cátedra, o 3 de abril de 1954, pero sen levantarlle a sanción de inhabilitación por tres anos máis para o exercicio de cargos directivos e de confianza (Masip, 2011).

Luis M. Unamuno, compañeiro de Crespí, dedícoulle un novo lique, Puccinia crespiana (1935). En 1999, Víctor Jiménez Rico fixo o mesmo con outra especie, Aspicilia crespiana, un líque común en España Central e Cerdeña que fora recollido por Luis Crespí nos anos vinte. O fondo botánico de Emilio Guinea López, que foi profesor aspirante de Ciencias Naturais no Instituto-Escuela Sección Retiro durante o curso 1932-1933, e que se conserva no Real Jardín Botánico, conta con 39 fichas e debuxos de distintos liques que se deben á man de Crespí (Masip, 2011).



Bibliografía:



Fontes documentais:

Crespí, Luis, Arquivo Universidade Santiago, cartafol 286, nº 17.

Fontes impresas:

Unha relación completa pode consultarse en Crespí & González Bueno (1991). Entre as relacionadas con Galicia e a ciencia salientamos:

CRESPÍ, L. (1927): Contribución al folklore gallego, Conf. Res. Ci. Soc. Esp. Hist. Nat., 4: 5-19.

CRESPÍ, L. (1929): Notas para una geografía botánica de Galicia, Memor. R. Soc. Esp. Hist. Nat., 15: 799-810.

CRESPÍ, L. & IGLESIAS, L. (1929): Los prados de las regiones media y montaña de Galicia, Boletín Soc. Esp. Hist. Nat. , 29: 127-142.

SAMPAIO, F. & CRESPÍ, L.(1927): Líquenes de la provincia de Pontevedra, Boletín Soc. Esp. Hist. Nat., 27: 136-160.


Bibliografía secundaria:

BARATAS DÍAZ, Al. (1998): La Ciencia española ante la crisis del 98: semillas, frutos y agostamiento, Cuadernos de Historia Contemporánea, 20: 151-163.

CABRAL, J.P. (2009): Gonçalo Sampaio y el estudio moderno de la flora ibérica. Análisis de manuscritos epistolares, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, 103 (1-4): 9-26.

CASADO DE OTAOLA, Santos (2000): Los primeros pasos de la ecología en España, Madrid: Ministerio de Medio Ambiente, Organismo Autónomo de Parques Nacionales.

CRESPÍ, A.L.; GONZALEZ BUENO, A. (1991): Luis Crespí Jaume (Madrid, 1889- Madrid, 1963, Acta Botanica Malacitana, 15: 343-345.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1995): Historia do Instituto de Pontevedra. As Ciencias Naturales, 1845-1936, Pontenova, Revista de Investigación Xove, 1.

FRAGA, X.A. & GURRIARÁN, R. (2007): Galicia y la JAE, Tiempos de investigación. JAE-CSIC cien años de ciencia en España, Puig-Samper, M.A. (ed.), Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas; pp 187-195.

HUERGA MELCÓN, P. (2005): El problema del origen de la agricultura mundial a la luz de las últimas investigaciones de Nicolai Vavilov, Llull, 28, 61: 181-194.

IGLESIAS IGLESIAS, L.(1929): Impresiones de la excursión científica a la sierra de los Ancares, Invernadero y Queija, en el mes de Julio de 1927, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, III: 139-150.

MASIP HIDALGO, C. (2011): Luis Crespí Jaume, científico de la Junta para Ampliación de Estudios y catedrático del Instituto-Escuela, ARBOR. Ciencia, Pensamiento y Cultura , 187, 749: 501-511.

VAVÍLOV, Nicolái Ivánovich (2005): Expediciones por España, edición española a cargo de Pablo Huerga Melcón del informe realizado por Vavilov a partir de un viaje realizado por España en 1927, El Catoblepas. Revista crítica del presente, 38: 18.