culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Quiroga Méndez

Un cartógrafo xesuíta na Arxentina

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier
  • Data de alta: 04/10/2012

Extras de José Quiroga Méndez: 

Extras sobre José Quiroga Méndez:

Galeria


Detalle do plano de Bos Aires atribuído a José Quiroga (Fonte: P.F. Charlevoix, "Histoire du Paraguay", 1756).

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “José Quiroga Méndez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 01/10/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=354
Untitled Document

Detalle do plano de Bos Aires atribuído a José Quiroga (Fonte: P.F. Charlevoix, "Histoire du Paraguay", 1756).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cervantes (Lugo) 1707
  • Falecemento: Bolonia (Italia) 1784
Dende finais do século XVI ata o segundo terzo do XVIII, foron moitos os xesuítas que partiron cara Sudamérica co propósito de converter aos indíxenas nas chamadas Misións do Paraguai, que se estendían a case toda Arxentina, Uruguai e parte de Bolivia, Brasil e Chile. Algúns dos misioneiros posuían unha formación científica que lles permitiu levantar mapas destas rexións inhóspitas, describir os costumes dos pobos ou dar conta da flora e fauna exóticas. Entre eles merece destacarse o xesuíta José Quiroga Méndez, quen recibiu na xuventude unha esmerada instrución como garda mariña que posteriormente verteu na elaboración dalgúns dos mellores mapas de Sudamérica de todo o século XVIII. A pesar da relevancia da súa contribución, as súas biografías presentan lagoas e datos contraditorios, polo que para a presente recensión seleccionamos a información que nos pareceu mellor baseada por documentos, que en xeral coincide coa exposta por Furlong (1930) e Vilanova Rodríguez (1966).

Anos de formación en España

Semella que José Quiroga naceu en Fabal de Vilasante, no concello de Cervantes (Lugo), aínda que outros autores sitúan o seu nacemento en O Grove (Pontevedra) ou preto da Coruña. Aos 18 anos ingresou na Escola Naval para seguir a carreira de garda mariña, onde estudou Matemáticas e Física, e fixo prácticas de navegación polo Mediterráneo e parte do Atlántico. Nunha destas viaxes atopouse cun xesuíta que marchaba cara as Indias e que lle transmitiu a súa vocación misioneira (Angelis, 1836). Por este motivo, o 12 de abril de 1736 ingresou na Compañía de Jesús, tomando o hábito na Coruña. Estudou Artes no Colexio de Santiago –máis un ano de Filosofía e dous de Teoloxía, segundo Vilanova (1966:113)– e aprendeu e ensinou Gramática no Colexio de San Ambrosio de Valladolid. En 1743 xa era sacerdote e mantiña o seu propósito de partir cara a Sudamérica; parece que os Superiores, para que puidera continuar a súa brillante carreira, fundaron expresamente unha cátedra de Matemáticas no Colexio de San Ignacio de Bos Aires.

Cartógrafo nas misións xesuíticas en América

En abril de 1745 partiu do porto de Santa María cara a cidade de Bos Aires, nunha travesía que durou tres meses. Nos rexistros do navío ficou gravada a súa descrición física: 37 anos de idade, “de buen cuerpo, blanco, poca barba, ojos azules y pelo negro” (Vilanova, 1966:114). Na cidade bonaerense, o gobernador incluíuno inmediatamente nunha comisión, con outros pilotos, para calcular os rumbos verdadeiros co fin de establecer os límites das propiedades territoriais. Ademais trazou un plano de Bos Aires que foi publicado posteriormente por Charlevoix.

En decembro de 1745, por orde de Felipe V, partiu na fragata “San Antonio” nunha expedición ao longo da costa meridional, dende Río da Prata ata o Estreito de Magallanes, co fin de converter aos indios patagóns, pampas e serráns. A dirección da expedición estivo en mans do rexedor de Cádiz, Joaquín Olivares, e o acompañaban os padres xesuítas José Cardiel e o alemán Mathias Ströbrel. O 4 de abril de 1746 estaban de volta en Bos Aires. Durante estes dezaseis meses de viaxe determinou latitudes e levantou planos, pero non se cumpriu o principal obxectivo, o establecemento das misións, pois apenas atoparon indíxenas. A descrición da expedición pode seguirse no seu diario. Resulta significativo da súa dificultade o seguinte fragmento dunha carta que dirixiu ao marqués de Ensenada, referíndose á costa patagónica: “Después de cuatro meses de navegación […] no hallamos tierra fértil, ni puerto acomodado para hacer algún establecimiento; porque toda la tierra de la costa es esterilísima, no hay sino piedras y salitrales: en todo lo que hemos andado no vimos un árbol, solamente se hallan algunos matorrales bien pequeños [...] [No hallamos] señal alguna de que habiten en esta tierra algunos racionales, ni parece practicable que Nación alguna de Europa pueda subsistir en ella, pues falta todo lo necesario para la vida humana” (Vilanova Rodríguez, 1966:119).

Ao seu regreso da expedición, adicouse a percorrer a rexión realizando estudos cartográficos; entre eles merece destacarse o mapa das Misións dos guaranís nos ríos Paraná e Uruguai, que terminou en 1749, pois constitúe a carta máis perfecta que fixeron os xesuítas no século XVIII; catro anos despois, Franceschelli a imprimía en Roma.

Por estas datas escribiu un polémico estudo no que mostraba os inconvenientes da demarcación do territorio entre España e Portugal, en virtude do famoso tratado de 1750. A pesar disto, en 1752, o Marqués de Valdelirios o elixiu como capelán dos comisionados españois que debían poñer marco na liña divisoria entre a xurisdición española e portuguesa. Mentres os xeógrafos ocupábanse destes asuntos, Quiroga elaborou un mapa moi exacto do Río Paraguai, dende Asunción a Jarayes, que influíu moito noutros cartógrafos posteriores, como no oficial da Mariña Francisco Millau y Maraval.

Durante varios anos ocupou a cátedra de Matemáticas da Universidade de Córdoba (1763-1766), e en 1767 o atopamos residindo no Colexio de Belén de Bos Aires, onde foi detido e expulsado do país cos outros xesuítas. Chegou a Cádiz en xaneiro de 1768 e seis meses despois foi desterrado cos seus compañeiros a Italia.

O seu regreso a Europa

En Bolonia (Italia) escribiu varias obras, entre elas un famoso Tratado del arte de navegar e unha Descripción en general de la provincia de Paraguay. Esta última foi remitida ao padre Calatayud e na actualidade parece conservarse en Loyola (Guipúzcoa). O monarca español concedeulle unha axuda económica, debido a súa deteriorada saúde, consecuencia das expedicións, e en atención aos servizos prestados á Coroa en América.

Como froito das súas viaxes elaborou numerosos textos e mapas, a maioría dos cales ficaron inéditos, que mostran as súas grandes calidades como cartógrafo e explorador. Comecemos polos escritos publicados, que son un tratado de navegación e dúas descricións de viaxes. O xa mencionado Tratado del arte de navegar foi publicado en 1784, o mesmo ano da súa morte, polo seu sobriño e escritor xesuíta Manuel Méndez Quiroga (Bouza Brey, 1968). Está organizado en seis capítulos e recolle as súas experiencias como piloto e navegante; nas últimas páxinas inclúe un “Tratado breve de algunas cosas pertenecientes a la aguja de marear”. De forma póstuma, Pedro de Angelis incluíu na súa colección de documentos inéditos para a Historia de España, as obras Relación... del viaje... a la costa de los patagones e Breve noticia del viaje por el río Paraguay... (Angelis, 1836). O orixinal autógrafo da primeira consérvase no Museo Británico e contén debuxos das costas que non foron publicados (atópase copia manuscrita no Arquivo Xeral de Indias, en Sevilla); posteriormente fixéronse varias reedicións en francés, alemán, inglés e latín. A segunda obra, Breve noticia del viaje... por el río Paraguay, constitúe o seu texto máis interesante, pois contén unha exposición xeográfica e etnográfica moi completa e as descricións da fauna e da flora que habitan nas beiras do río Paraguai; o orixinal parece atoparse na Academia da Historia de Madrid.

Entre os numerosos escritos que permanecen inéditos, cómpre mencionar: Sobre el modo de hallar la longitud en el mar por el sol, luna, planetas y estralas (sic) fijas (en latín); o xa mencionado Descripción en general de la Provincia del Paraguay; Longitud contada desde Isla de Fierro. Pueblos, latitud austral; Tabla de la latitud y longitud de los Pueblos Guaraníes; Crisol Náutico en la cual se demuestran muchos errores de la navegación; o arte de navegar que hasta ahora practicaron los Pilotos y se da solución a las principales dificultades que ocurren en la náutica y nuevas luces a la geografia. Ademais, segundo o padre Caballero, tiña unha colección de obras lista para imprimir e outros escritos descoñecidos (Vilanova, 1966).

O seu labor cartográfico

A obra cartográfica constitúe a súa contribución máis importante e mostra o seu entusiasmo como científico. Hai que destacar o xa mencionado mapa das Misións da Compañía de Xesús nos ríos de Paraná e Uruguai (1749), impresa por Franceschelli en Roma en 1753. Ademais foi autor dun plano da cidade de Bos Aires, dunha serie de planos que confeccionou durante a súa expedición á Patagonia (1745-46), de varias pezas cartográficas moi valiosas que se atopan no Depósito de Guerra de Madrid, dun mapa do Río da Prata (de arredor de 1780) e dun mapa da provincia xesuítica do Paraguai (1757), lamentablemente perdido, pero que debía conter o resumo dos coñecementos que adquiriu nas exploracións. Outros moitos mapas e escritos atópanse dispersos en diversos arquivos; o seu descubrimento e estudo permitirá avanzar na comprensión da súa relevante contribución e, en xeral, no labor científico dos misioneiros.



Bibliografía:



Fontes impresas:

QUIROGA MÉNDEZ, J. (1784): Tratado de el arte verdadero de navegar por circulo paralelo a la equinocial que para utilidad de la Marina Española da a la luz publica D. Manuel Méndez Quiroga; con dos figuras mathematicas i un tratadillo al fin sobre la aguja de Marear, Bolonia: Imp. Santo Thomas de Aquino.

QUIROGA MÉNDEZ, J. (1836): Descripción del río Paraguay, desde la boca del Xaurú hasta la confluencia del Paraná, Buenos Aires: Imprenta del Estado.

QUIROGA MÉNDEZ, J. (1836): Relación-diario que hace al rey nuestro señor el P. Quiroga de la Compañía de Jesús, del viaje que hizo, por orden de S. M. a la costa de los patagones, en el navío San Antonio, mandado por D. Joaquín Olivares, que salió del Río de la Plata, siendo gobernador y capitán general de esta provincia D. José de Andonaegui, el año 1745, Colección de obras y documentos relativos a la historia antigua y moderna de las Provincias del Río de la Plata, P. de Angelis, Buenos Aires: Imp. del Estado. Posteriormente foi reeditada no Anuario da Dirección de Hidrografía de Madrid, e en 1880 nos Anales Hidrográficos do Ministerio de Mariña de Arxentina.

QUIROGA MÉNDEZ, J. (1836): Breve noticia del viaje que hizo el Padre José Quiroga por el río Paraguay con la partida que fue a poner el marco en la boca del Jaurú (1753-1754), Colección de obras y documentos relativos a la historia antigua y moderna de las Provincias del Río de la Plata, P. de Angelis, Buenos Aires: Imp. del Estado. En 1845 foi reproducida pola Biblioteca do Comercio, Montevideo, T I.


Bibliografía secundaria:

ANGELIS, P. de (1836): Colección de obras y documentos relativos a la historia antigua y moderna de las Provincias del Río de la Plata, Buenos Aires: Imp. del Estado, tomo 2. Hai unha segunda edición de 1910, Buenos Aires: Imp. Lajouane & Cía.

ANÓNIMO (1974): Quiroga Méndez, José, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de Compostela: Ed. Silverio Cañada; T 26, p. 45.

ANÓNIMO (1980): Quiroga, José, Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-americana, Madrid: Espasa-Calpe; T 48, p. 1434-1435.

BOUZA BREY, F. (1968): Un escritor gallego desconocido del siglo XVIII [Manuel Méndez Quiroga], Compostellanum, 13(4): 701-702.

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1953): Quiroga Méndez, José, Diccionario bio-bibliografico de escritores, Santiago de Compostela: Ed. Bibliófilos gallegos; Vol. 3, p. 147-148.

CHARLEVOIX, P.F. (1756): Histoire du Paraguay, París: Imp. Didot.

FERNÁNDEZ SOUTULLO, J. (2010): Un grovense no novo mundo, Aunios, 15: 57-58.

FURLONG, G. (1930): El P. José Quiroga y otros, Buenos Aires: Talleres S. A. Casa Jacobo Peuser. Inclúe mapas confeccionados por Quiroga e unha relación dos instrumentos e da bibliografía que empregou nos seus estudos.

RIVERA VÁZQUEZ, E. (1989): Galicia y los jesuitas. Sus colegios y enseñanza en los siglos XVI al XVIII, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza; p. 516-517.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1966): R. P. José Quiroga Méndez S.J. (Insigne profesor, hidrógrafo, explorador, publicista, etc.), Los gallegos en la Argentina, Buenos Aires: Ed. Galicia; T 1, p. 112-114.