culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José María Hernansáez y Moscoso

Un divulgador da agronomía da Galicia do século XX

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo
  • Data de alta: 11/10/2012

Galeria


Cuberta da obra "Bocetos Agrícolas" (1929), de José María Hernansáez y Moscoso.

Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo ([2012], “José María Hernansáez y Moscoso”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=355
Untitled Document

Cuberta da obra "Bocetos Agrícolas" (1929), de José María Hernansáez y Moscoso.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida
  • Falecemento: Descoñecida
Traballou en Galicia desde principios do século XX, como catedrático de Agricultura do Instituto de Ensino Medio da Coruña. Rapidamente introduciuse no dinámico ambiente agrarista coruñés da época e comprometeuse cos grupos de técnicos-agraristas organizados arredor da revista Prácticas Modernas, da que el mesmo foi animador. Pero foi, sobre todo, no Boletín de la Granja Agrícola no que a súa colaboración foi máis asidua e intensa.

Como director da Escuela de Praticultura y Cultivos de Vega de S. Pedro de Nós (A Coruña), tivo unha relación moi estreita coa Granxa, especialmente cando ao seu fronte estivo Marceliano Álvarez Muñiz. Experimentalista sen concesións, expuxo no Boletín os resultados de moitos dos ensaios realizados. Tres foron, substancialmente, os seus ámbitos de experimentación: a mecanización da agricultura, a mellora da fertilización (introdución de novos fertilizantes) e o ensaio de novos cultivos. A isto hai que engadir unha crecente preocupación forestal a partires dos anos dez, así como algún traballo sobre a cuestión que corresponde a esta primeira época xa que os técnicos traballaban en case todos os aspectos da innovación, sen liñas claras de especialización.

Actividade profesional

En relación á mecanización da agricultura, Hernansáez ensaiou diversos tipos de arados de fabricación industrial, preferentemente os de veso, para comprobar o seu rendemento e a perfección dos seus labores, convencido de que o seu uso melloraría substancialmente as prácticas agrícolas tradicionais. Pero non sempre se contentou co tipo de apeiros que o mercado ofrecía, razón pola que, por exemplo, introduciu modificacións nas primeiras máquinas de mallar -movidas a man- chegadas a Galicia e tamén ensaiadas en primeira instancia por el, co obxecto de adaptalas ás necesidades reais das explotacións campesiñas. No que atinxe aos novos cultivos, centrouse na experimentación de variedades pratenses e forraxeiras, en relación co seu posto na escola de praticultura e coa necesidade de mellorar a alimentación pecuaria, como vía para favorecer o desenvolvemento gandeiro do país. A alfalfa, os trevos, mesturas de gramíneas e leguminosas foron ensaiadas sucesivamente por el, na procura de propostas satisfactorias. Así mesmo, tamén prestou atención a outras facetas, como á fenificación.

Pero foron as cuestións relativas á fertilización as que máis o ocuparon, polo menos nas primeiras décadas da centuria. No que respecta aos adubos minerais, realizou numerosos ensaios con diferentes clases, publicando puntualmente os resultados no Boletín e recomendando proporcións adaptadas ás condicións dos diferentes tipos de solos e de cultivos. De feito, ata 1904, case toda a experimentación relativa a esta cuestión, aínda que divulgada a través da Granxa, foi substancialmente levada persoalmente por Hernansáez no marco dos plans de traballo de Álvarez Muñiz. Pero aínda foi máis alá do que adoitaban os seus colegas, propondo novos métodos para a conservación do esterco, o fertilizante máis usado no país. En relación con isto, cómpre sinalar tamén que foi o primeiro representante en Galicia da Casa Cros a partires do ano 1900, posto para o que foi recomendado polo director da Granxa cando a empresa catalá decidiu intentar entrar no mercado galego.

Hernansáez y Moscoso participou tamén intensamente no movemento agrarista das primeiras décadas do século XX, colaborando asiduamente no Boletín da Granxa escola. Nun dos seus traballos afirmou: “La riqueza, la prosperidad y el engrandecimiento de todo país montañoso está en sus montes y en sus prados; contribuyamos a poblar con ambos los suelos de Galicia, todos los que sintiendo el verdadero patriotismo deseemos verla rica, próspera y engrandecida”.

Como todos os investigadores de primeira hora, aínda que no seu caso cos matices sinalados, Hernansáez antepuxo a realización de todo tipo de experiencias destinadas a demostrar a rendibilidade de novos inputs ou a posibilidade de aclimatar novos cultivos, á posibilidade real da súa introdución. Non obstante, conseguiu logros substanciais; así, os seus ensaios sobre conservación da herba seca levárono a elaborar propostas como a de facer silos baixo terra. Na súa honra o concello da Coruña dedicoulle unha rúa no barrio do Castrillón.



Bibliografía:



Fontes impresas:

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1906): Agricultura. Técnica agrícola e industrial, A Coruña.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1902): Explotación racional de los prados como medio de aumentar la riqueza agrícola y ganadera de Galicia, A Coruña: El Liberal Gallego.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1904): La enfermedad de las patatas, Boletín de la Granja-Instituto de Agricultura, 5-7: 39-43.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1906): Agricultura. Segunda parte. Técnica agrícola e industrial, A Coruña.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1911): Los árboles. Su utilidad, fomento y protección, A Coruña: Tip. obrera Coruñesa.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1914): Conferencia sobre piscicultura, A Coruña: Pap. e Imp. de Garcybarra.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1915): Elementos de Agricultura y Técnica agrícola e industrial. Primera parte: Agronomía y Fitotecnia, A Coruña: El Ideal Gallego.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1917): El castaño, instrucciones para su propagación. Árboles interesantes para Galicia, A Coruña: Pap. e Imp. de Garcybarra.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1921): Elementos de Agricultura y técnica agrícola e industrial, Santiago: Imprenta de José M. Paredes.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (193?): Consejos para cultivar la patata, Santiago: Imprenta La Ibérica.

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1949a): Ciento catorce millones de pesetas pierde nuestra ganadería al año por culpa del anticuado sistema de venta y transporte, La Noche, 8: 1. (Ed. Facsímil).

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1949b): Gando posto á ganancia: fuerza, carne y leche se exige a las vacas del país, La Noche, 10: 1, 6. (Ed. Facsímil).

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1949c): Gana terreno la selección del ganado vacuno, La Noche, 11: 6. (Ed. Facsímil).

HERNANSAEZ y MOSCOSO J. M. (1949d): Los distintos aspectos de la economía gallega, La Noche, 12: 6-7. (Ed. Facsímil).


Bibliografía secundaria:

CABO VILLAVERDE, M. (1998): O Agrarismo, Vigo: A Nosa Terra.

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1952): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Bibliófilos Gallegos.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988): A Granxa agricola-experimental da Coruña. 1888-1928 , Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

FERNANDEZ PRIETO, L. e CABO VILLAVERDE, M. (s/d). Agrarismo y regionalismo en la Galicia de comienzos del siglo XX. El discurso del regionalismo agrícola.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

FERNANDEZ PRIETO, L. e FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2011): A Granxa Agrícola experimental de Galicia (1888-1964), A Coruña: Museos científicos coruñeses, Consellaría do Medio Rural.