culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Sueiras

Singular médico, de problemático comportamento, denunciante de excesos e limitada ciencia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 18/10/2012

Extras de Francisco Sueiras: 

Galeria


Antigo Hospital Real de Compostela, onde exerceu como médico Francisco Sueiras.

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Francisco Sueiras”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 09/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=365
Untitled Document

Antigo Hospital Real de Compostela, onde exerceu como médico Francisco Sueiras.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Seré, Somozas (Lugo) 1685
  • Falecemento: Descoñecida
Seguindo as contribucións do biógrafo de Sueiras, Delfín García Guerra (1975, 1992), sabemos que o lucense se incorporou con 19 anos ao exército de Felipe V, por entón en plena Guerra de Sucesión. Un balazo recibido na man dereita deixouno imposibilitado para o servizo de armas, polo que deixou o Exército e decidiu iniciar estudos de Medicina.

Formación

Obtivo o grao de Bacharel en Medicina, con gran brillantez, na Universidade de Valencia, se ben debeu cursar os estudos nunha universidade menor, a de Gandía, que figura no título que lle expediu o Real Tribunal do Protomedicato. Con esa titulación e dous anos de prácticas puido exercer a medicina, pero, cando máis tarde pretendeu obter unha cátedra na Universidade de Santiago, será rexeitado "por non estar graduado en ningunha universidade coñecida".

Trasladouse a Lisboa "por observar o método e práctica dos distintos climas". Alí exerceu a profesión ata 1716, momento no que abandona a capital portuguesa en dirección a Santiago, obrigado por un incidente cun militar alemán.

Médico no Hospital Real de Compostela, enfrontamentos, relevantes denuncias e expulsión

En 1717 obtivo a “Carta de examen” do Protomedicato, requisito indispensable para exercer a medicina en todo o territorio español, e desempeñou interinamente unha das prazas de médico do Hospital Real de Santiago de Compostela, cargo que lle foi posteriormente adxudicado en propiedade, concretamente en marzo de 1720.

Naquel tempo no Hospital existían dúas prazas de médico. A morte do colega ao pouco de chegar levou a Sueiras a asumir a dobre responsabilidade. No desempeño do seu cargo, e tendo en conta que era preceptivo que as libranzas dos gastos das enfermerías levasen o visto bo dun dos médicos, puido comprobar unha serie de partidas fraudulentas e certas irregularidades do boticario Antonio Ramos Solís (catedrático de Vísperas na Universidade compostelá), e advertiu das fraudes ao administrador do Hospital. Nun Memorial dirixido a el-Rei afirmou que se negou a referendar os informes para evitar que a súa sinatura fose “capa de ladrones que mantienen robando los caudales de esta Obra Pía”. O administrador non atendeu ás denuncias de Sueiras e apoiou ao boticario, a quen nomeou médico do Hospital. Nos enfrontamentos conflúen intereses económicos dos interesados, pugna polo acceso á cátedra universitaria e a defensa de privilexios.

As queixas de Sueiras non se limitaron á máis que presumible corrupción económica, pois tamén afectaron a outras cuestións substanciais, relacionadas coa asistencia do Hospital aos enfermos. Denunciou que o administrador e os demais cargos de goberno do Hospital, desempeñados por eclesiásticos, utilizaban as enfermerías, nas que deberían estar os enfermos nas camas, como almacéns de leña e outros materiais. Iso supuña un trato inhumano, pois os enfermos, ao carecer de camas, ficaban agonizando na Porta Real, sufrindo as inclemencias do tempo.

Sueiras tamén sinalaba a inasistencia do boticario ás visitas aos enfermos e os erros na administración das medicinas que iso comportaba. Asemade, acusaba do incumprimento da norma que obrigaba á busca e recollida dos enfermos pola cidade, afirmando que, pola contra, algúns crónicos que se atopaban no Hospital eran botados das camas, levados en carretas e deixados nos soportais das rúas para que alí morreran.

No “memorial” que escribe en 1726 estende a critica a outras prácticas do Hospital, especialmente repugnantes. Indica o trato dado a algúns expósitos presuntamente heredosifílíticos, aos que se lle trasladaba a unha sala (a Estila), onde se lles deixaba enriba dunha táboa ata que morrían de inanición.

Esas xustificadas denuncias estiveron acompañadas dun peculiar comportamento de Sueiras, personalidade polemista e rifona. Un dos seus hábitos era realizar a visita médica vestido de militar, incluíndo un bastón do que non lle custaba moito facer uso. De nada serviron as múltiples advertencias do administrador e da “Real Cámara” para que abandónase esas indumentarias. Probablemente o médico dispuña de apoios no poder eclesiástico galego, pois, de feito, era “Ministro titular del Santo Oficio de Inquisición del Reino de Galicia”. Máis a situación agravouse a raíz dun incidente con Sebastián García de Amarelle, doutor en medicina pola Universidade de Santiago, da que chegaría a seren catedrático. En 1722 era colexial de Fonseca e, cando Sueiras realizaba unha visita á enfermería de mulleres, atopou con el e dous pasantes de medicina. Ordenoulles retirarse da sala e, fronte a negativa destes, utilizou o bastón para desaloxar ao colexial. O comportamento de Sueiras xustificou a súa expulsión do Hospital.

Trasladouse á Corte, onde iniciou unha longa batalla para tentar a restitución na súa praza no Hospital compostelán. En 1729 continuaba coa pretensión, se ben o ton do escrito no que formula a reclamación ao administrador é moi diferente ao de tempos pasados. Acepta, sinceramente ou non, que errou e solicita un perdón cristián que non acadaría. O administrador indicou no seu informe que a volta de Sueiras podería renovar a discordia a un Hospital que, afirmaba, era “remanso de paz” desde a marcha do polémico médico. Efectivamente, a peculiar personalidade de Sueiras, os seus excesos e ánimo rifón propiciaban continuos conflitos, pero, por outra banda, a relixiosidade deste médico e a súa conciencia profesional levárono a denunciar uns comportamentos corruptos e inhumanos que outros colegas calaban.

Estancia en Madrid. Publicación do Thesoro

En Madrid exerceu a súa profesión con certa notoriedade. Mantivo amizade co médico Lloret i Martí, foi profesor do Hospital dos irlandeses e Médico de Cámara de el-Rei. Na capital escribiu, con motivo dunha enfermidade, a súa única obra, aparecida en 1728 e publicada baixo o significativo título de Thesoro físico-médico-teológico, hallado en las verdades infalibles de la Sagrada Escritura. Proxectada en tres partes, só viu publicada a primeira, na que explica a orixe e principio sobrenatural de todas as cousas; a súa producción natural, xeración e conservación; a orixe e antigüidade da vida e da morte, as obrigas dos enfermos, Médicos, Cirurxiáns e Boticarios... A segunda parte debería tratar do modo natural de curar todas as enfermidades, e a terceira parte estaba concibida como a explicación da cavidade natural.

En opinión de García Guerra (1975, 1992), o Thesoro é, ante todo, unha clarísima resposta de Sueiras á súa propia situación biográfica, a arela pola praza de médico do Hospital Real, da que se cría inxustamente desposuído. De feito, o texto, ao tratar sobre as obrigas dos médicos e boticarios, repite os argumentos expostos ao administrador no momento da polémica. Por outra banda, o contido xeral resulta especulativo e confuso. A obra carece de valor substantivo, sen que estea exenta de comentarios loables, como os relativos a unha axeitada deontoloxía médica, cando Sueiras afirma que “También está obligado el médico a evitar todo tipo de adulación, y a tratar siempre verdad; y así, cuando no conociere la enfermedad, o no la supiere curar, está obligado a confesarlo al paciente y a no ordenarle medicamento alguno; porque el curar sin saber lo que se cura es delito grave, y el no saber curar no es pecado” (Sueiras, 1728: 67).

No limiar advirte da súa consideración clínica, na que salienta a contención, “(…) todos [os seus pacientes] extrañaban que después de sus convaleciencias, y aún a muchos en sus mismas enfermedades, les mandaba observar el precepto de la abstinencia y el ayuno…”, unha terapia da que di que obtivo magníficos resultados e que lle levou a escribir o libro. Asemade, nas primeiras liñas subliña a necesidade de seguir as Sagradas Escrituras como fonte de coñecemento, pois, “(…) no hay ciencia ni arte entre los hombres que no se contenga en los Libros Sagrados” (Sueiras, 1728: 1), sinalando, máis adíante, que “el remedio más seguro para conservar la salud” é observar os “preceptos de Dios y de la Santa Madre Iglesia” (p. 49).

Desde esta estrafalaria perspectiva repasa a Xénese, atribúe as enfermades e a morte ao pecado orixinal e remite aos textos sagrados a explicación da natureza humana. No tratado terceiro aborda o “modo de conservar a vida humana hasta llegar al término señalado por Dios”, e trata da orixe da medicina, da súa necesidade e utilidade. Insiste na súa terapia preferida, a obriga do xexún, partindo de que a abstinencia foi un precepto posto polo mesmo Deus no Paraíso e chama a seguir as normas que a Igrexa sinala sobre o tema. A parte máis interesante é a relativa ás obrigas dos médicos, onde, xunto ás indicacións deontolóxicas anímaos a coñecer a natureza universal, as súas leis e xeito de obrar.

Asemade, esta obra de Sueiras aparece historicamente condicionada pola publicación en 1726 do primeiro tomo do Teatro Crítico Universal de Feijoo, sumamente mordaz coa medicina española da época. A publicación provocou unha notable polémica entre os médicos defensores das vellas prácticas e dun galenismo anacrónico e os partidarios dunha necesaria renovación teórica e posta ao día do labor clínico. Entre outros, o frade Martiño Sarmiento e o médico Martín Martínez amosáronse a favor das ideas de Feijoo; este médico realizou unha crítica ao galenismo desde o eclecticismo e o escepticismo, amosándose partidario dunha mellor formación dos médicos. A modernización médica foi defendida en España polos novatores, a nivel internacional a obra de Hermann Boerhaave (1668-1738) defendía a inclusión da química na medicina.

Sueiras debate con Feijoo, sen citalo explicitamente, cando defende a decisión do médico de mandar ao enfermo recibir os Santos Sacramentos, chamando “sectarios” aos que se opoñen a ese proceder, por entender que se agrava a enfermidade, indicando que o que defende esa posición é instrumento do que se vale o demo para perder as almas.



Fontes impresas:

SUEYRAS, F. (1728): Thesoro físico-médico-teológico, hallado en las verdades infalibles de la Sagrada Escritura, Madrid: Antonio Marin, 70 pp.


Bibliografía secundaria:

GARCÍA GUERRA, D. (1975): Vida y obra de Francisco Sueyras, medico gallego del siglo XVIII, Cuadernos de Historia de la Medicina Española, 14: 125-162.

GARCÍA GUERRA, D. (1992): Medicina y sociedad en Santiago. Siglo XVIII, Santiago: El Correo Gallego, Biblioteca 114.

HERNÁNDEZ MOREJÓN, A. (1962): Historia de la Medicina española, Barcelona; t. VII, pp. 24-25.