culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ángel Baltar Cortés

Promotor do primeiro sanatorio cirúrxico en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Rafael Sisto Edreira e Manuel Fúster Siebert
  • Data de alta: 01/11/2012

Extras de Ángel Baltar Cortés: 

Extras sobre Ángel Baltar Cortés:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Rafael Sisto Edreira e Manuel Fúster Siebert ([2012], “Ángel Baltar Cortés”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=367
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Padrón (A Coruña) 1868
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1934
Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago, rematándoo brillantemente no ano 1884. Logo vacilou na elección da carreira, xa que empezou Ciencias e Enxeñería, escollendo por fin a de Medicina no curso 89-90. Licénciase no ano 1895 e, ao acabar, é nomeado médico interno no Hospital Provincial de Santiago, sendo discípulo do catedrático de Patoloxía cirúrxica Timoteo Sánchez Freire e de Maximino Teijeiro. Posteriormente foi médico titular do concello de Rois (A Coruña), para volver cunha praza de cirurxián de número ao Gran Hospital compostelá do que chegaría a ser director entre 1923 e 1926.

Para perfeccionar a súa técnica viaxou por Francia e Alemaña e, no ano 1909, trasladouse varios meses a Berlín á beira do profesor Bier. Puxo a cirurxía galega ao nivel da dos mellores centros de España e foi un dos primeiros en facer en Galicia extirpacións de larinxe, de hipófise, prostatectomías, etc... Segundo Carro, o seu “protector para el seno cavernoso” anticipouse en varias décadas ao que ideou e logo comercializou Kirmisson, e con el levou adiante, a primeiros de século, unha hipofisectomía tras nasal. Rodríguez (1954) cita a importancia e utilidade que na cirurxía torácica tivo un costótomo ideado por Baltar e que leva o seu nome, mentres que Domínguez (2004) cítao na Historia de la Cirugía Biliar española por ser o primeiro que operou as coledocolitiases en dous tempos e en empregar en España un elemento similar ao rolo de Elliot.

A súa produción científica centrouse na cirurxía, aportando algúns instrumentos interesantes. No seu artigo “Nuevo instrumento para la fijación del globo ocular” (Baltar, 1900a), describe e expón a técnica de aplicación dun útil e sinxelo instrumento, aplicable nas operacións de cataratas e noutras varias, que chama “pinza erina”, e que consiste nunha pinza de disección con dous finos ganchos diverxentes nos extremos, destinados a penetrar no grosor da esclerótica, con separación forzada entre as ramas e regulable por unha pequena porca. Este artigo foi recollido no Anuario Internacional de Medicina y Cirugía, sendo o único científico galego e un dos poucos do Estado que aparece nese ano. Tamén inventou un dispositivo para extraer corpos estraños do esófago, do que da conta no artigo “Monedas enclavadas en el esófago. Nuevo medio para extraerlas” (Baltar, 1900b), impartindo precisas instrucións para a súa construción e emprego.

Sen ter moitas publicacións, poden atoparse artigos seus na Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, ben dando conta de novidades técnicas relativas á cirurxía que localizaba en revistas estranxeiras, ben expondo casos clínicos observados. Dentro destes pode citarse, pola dificultade da operación e polo pouco usual naquel tempo da técnica cirúrxica empregada, o artigo “Un caso notable de prolapso rectal” (Baltar, 1895a). No ano 1922 aparece como colaborador permanente da Revista General de Medicina y Cirugía editada e publicada en Madrid, e formou parte da dirección científica da Revista Médica Gallega nos números editados en 1925 con carácter mensual.

Baltar foi un completo cirurxián xeral, abarcando campos tan específicos como a oftalmoloxía e a otorrinolaringoloxía. Xunto co catedrático de obstetricia Varela Radío crea en Santiago, en 1908, o primeiro sanatorio fundamentalmente cirúrxico de Galicia, xurdido sen dúbida pola espontánea demanda social do momento. Estivo situado inicialmente no Campo do Gaio, trasladándose en 1922 á Carreira do Conde, a unha sede moito máis ampla. Alí permanecería ata o seu definitivo peche no ano 1963.

Asumindo as innovacións da época, dispuña de instalacións de Raios X para o tratamento de tumores malignos e a realización de radiografías e radioscopias, aínda que a súa importancia ven dada pola práctica cirúrxica xeral que nel se realizaba, salientando a especialización nas vías urinarias e na otorrinolaringoloxía. Cómpre destacar a creación no 1915, dentro deste sanatorio, dun laboratorio dotado do mais moderno material da época e dirixido polo doutor Juan Varela Gil, formado en histopatoloxía e análise clínica na Universidade de Heidelberg. Xunto co fundado na Coruña polo bacteriólogo Rafael Fernández y Fernández, inauguraron en Galicia os hemocultivos e as preliminares reaccións serolóxicas para a diagnose da sífilis.

Tras 32 anos de continuado traballo no Hospital de Santiago, en 1928 impúxoselle a Cruz de Beneficencia e acordouse crear a Fundación Baltar para axudar aos que sobresaísen na cirurxía, adxudicando unha beca para a ampliación dos estudos cirúrxicos dos novos licenciados cada dous ou tres anos.

Home de afeccións artísticas, cultivou a poesía e sentía gran paixón pola música, tocando todos os días unha ou dúas horas o piano para, segundo dicía, axilizar os dedos. Politicamente merece ser destacado o seu apoio a un manifesto asinado por un grupo de intelectuais próximos ao Partido Galeguista, ¡Gallegos! ¡Votad por la autonomía de nuestra tierra! Al servicio del Estatuto de Galicia (Beramendi, 2007). Unha praza de Padrón leva o seu nome dende 1947.



Bibliografía:



Fontes impresas:

BALTAR CORTÉS, A. (1895a): "Un caso notable de prolapso rectal", Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 5: 76-77.

BALTAR CORTÉS, A. (1895b): "Un nuevo instrumento quirúrgico", Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 20: 314-315.

BALTAR CORTÉS, A. (1900a): "Nuevo instrumento para la fijación del globo ocular", Anuario Internacional de Medicina y Cirugía, 2ª Serie, XXXI: 512-513. Madrid: Bailly-Bailliere e Hijo. (Reprodución da Revista de Medicina y Cirugía práctica, 636)

BALTAR CORTÉS, A. (1900b): "Monedas enclavadas en el esófago. Nuevo medio para extraerlas, Revista Médica Gallega, 2: 74-76.


Bibliografía secundaria:

ANONIMO (1928): Baltar Cortés, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 1.

BALTAR DOMÍNGUEZ (1968): La Escuela Médica Compostelana. Folleto da 21" Exp. do Inst. Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Santiago.

BERAMENDI, Justo (2007): De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

CARRO OTERO et al.: Baltar Cortés, Ángel, Gran Enciclopedia Gallega, XX: 207.

DOMÍNGUEZ DÍAZ, J. (2004): Historia de la Cirugía Biliar española, Madrid: GSF.

PONTE HERNANDO, F. et al. (2010a): D. Ángel Baltar Cortés: maestro de la Cirugía Gallega, Cadernos de Atención primaria, 17: 150-152.

PONTE HERNANDO, F. et al. (2010b): Los inventos quirúrgicos de D. Ángel Baltar, Cadernos de Atención primaria, 17: 318-320.

PONTE HERNANDO, F. (2011): Dr. Ángel Baltar Cortés (1868-1934): maestro de cirujanos, A Coruña: InEditor.

RODRIGUEZ ROUCO (1934): FALTA TÍTULO, Boletín del Colegio Oficial de Médicos de la Provincia de La Coruña, 311.

VV.AA: (1928): Trabajos y discursos publicados en "El Eco de Santiago" con motivo del homenaje e imposición de la Cruz de Beneficencia por el Excmo. Sr. Ministro de la Gobernación D. Severiano Martínez Anido al ilustre cirujano Dr. D. Angel Baltar Cortés el día 25 de Julio de 1928, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.