culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio López de Guadalupe

Médico de reis e do Papa

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sanmartín Míguez, J. Santiago
  • Data de alta: 09/12/2012

Extras sobre Antonio López de Guadalupe:

Galeria


Antonio López de Guadalupe foi médico do monarca e emperador Carlos I de España e V de Alemaña. Detalle do retrato do emperador, obra de Christoph Amberger (1532).

Como citar esta páxina:

  • Sanmartín Míguez, J. Santiago ([2012], “Antonio López de Guadalupe”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=388
Untitled Document

Antonio López de Guadalupe foi médico do monarca e emperador Carlos I de España e V de Alemaña. Detalle do retrato do emperador, obra de Christoph Amberger (1532).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Castro Caldelas (Ourense) 1475
  • Falecemento: Descoñecida
Fillo dunha familia de xudíos conversos con raíces en Castro Caldelas e Monforte de Lemos. Antonio e o seu irmán Paulo López eran fillos de Juan, protomédico dos Reis Católicos, e de María de Almeida.

Investigacións baseadas en numerosas fontes documentais demostran a relevancia desa comunidade e certo carácter endogámico (Aira Pardo, com. pers.). Os Guadalupe mantiñan unha estreita amizade con membros de familias de cristianos novos como os Gaibor, Bernáldez, do Campo ou Fernández dos Campos, Coronel, de Paz, Fonseca, etc. Algúns descendentes ocuparon importantes cargos na sociedade da época: Bernardo de Guadalupe foi “Alcalde de ordinario” da vila de Monforte de Lemos no ano 1598, outros foron, como os ilustres irmáns, médicos-cirurxiáns.

Cursou os estudos de primeira e segunda ensinanza en Ourense, desprazándose posteriormente a Salamanca. Nesta cidade converteuse ao catolicismo e na súa universidade obtivo o título de médico. Rematados os estudos regresou a Ourense, onde iniciou a súa actividade profesional.

Estendida a fama da súa competencia, foi reclamado pala raíña Isabel a Católica e recibiu o nomeamento de Conselleiro nas Cortes de Castela. Morta a raíña, quedou ao servizo do Emperador Carlos I, en tanto o Papa Adriano VI non obtivo a venia do monarca para levalo a Roma, onde exerceu como médico e conselleiro do Pontífice ata a súa morte.

Durante a época na que estivo ao servizo do Emperador, acompañouno por diversos países deixando a súa marca profesional en lugares como Italia, Paises Baixos ou Alemaña. Os irmáns Gudalupe convertíronse ao cristianismo con ocasión de instalarse a carón da realeza. Carlos I, mediante privilexio excepcional, eliminou por Real Decreto as consecuencias da impureza de sangue e linaxe que arrastraba Antonio López de Guadalupe pola súa orixe xudía: declarouno nobre, "exento de toda mácula y sambenito", e autorizouno a portar escudo de armas. No libro Copia de Linajes, existente en Valladolid, dise que estando Carlos I en Bolonia mandou extender unha Carta Privilexio, datada o 24 de febreiro de 1530, o mesmo día da súa coronación, facendo nobres e cabaleiros ao seu Cirurxián Maior, ao licenciado Antonio López de Guadalupe, e ao seu irmán Paulo, que escolle como novo apelido o de Santa Cruz.

Varias veces visitou López de Guadalupe a cidade de Ourense, e aínda que son incertos o lugar e a data do seu falecemento, existen noticias de que ou ben el, ou ben o seu irmán, morreron nesta cidade.



Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

AIRA PARDO, F. (inédito): La comunidad hebrea y conversa de Monforte de Lemos.

CRESPO POZO, S. (1957-1965): Blasones. y linajes de Galicia, Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos.

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (1976): Cultura Científica,Los GallegosMadrid: Istmo, pp 423-453.

FERNÁNDEZ ALONSO, B. (1916): Orensanos ilustres, Orense: Imprenta El Diario.

LANZA ÁLVAREZ, F. (1953): Dos mil nombres gallegos, Buenos Aires: Editorial Centro Gallego.