culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Julián Sánchez Bort

Un salientable enxeñeiro na Dirección do Arsenal de Ferrol

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 23/12/2012

Galeria


Detalle do Plano do Arsenal do Ferrol deseñado por Julián Sánchez Bort.

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2012], “Julián Sánchez Bort”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=394
Untitled Document

Detalle do Plano do Arsenal do Ferrol deseñado por Julián Sánchez Bort.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cuenca 1725
  • Falecemento: Cádiz 1785
Semella que o seu nome autentico, antes da súa castelanización, era o de Sánchez Boort, como consecuencia da súa ascendencia dos Países Baixos por parte de nai. Formouse na Universidade de Orihuela, onde estudou matemáticas e mecánica. Con relación aos seus primeiros traballos existe unha certa confusión, xa que non semella doado diferencialos dos de Jaime Bort, de quen posiblemente fora sobriño. Para uns (Vigo Trasancos, 1988), a súa obra en enxeñería hidráulica principiaría na cunca do Segura, a carón do seu tío, e se vería continuada na zona de Madrid, a onde fora chamado en 1747. Ao ano seguinte sería nomeado arquitecto hidráulico das Reales Obras de Madrid, encargándoselle levantar os planos das pontes Verde e La Trofa, nos Reales Sitios de El Pardo. Para outros (Saénz Ruidrejo, 1985), todos estes traballos deberían ser atribuídos a Jaime Bort. O certo é que marchou a Francia e os Países Baixos para estudar e coñecer os últimos adiantos en enxeñería de portos. Nestes países pasou case a totalidade dos anos 1751 e 1752. De volta en España encomendóuselle a elaboración de diferentes proxectos e se lle suxeriu, despois de gañar o primeiro premio en matemáticas, a comenencia de ingresar como alumno na Academia de Bellas Artes de San Fernando para "perfeccionar as súas nocións de arquitectura, mellorar as técnicas de deseño e axeitar a súa formación ó novo gosto que alí comezaba a xestarse" (Vigo Trasancos, 1988).

Rematados os anos de formación, recibiu o seu primeiro destino oficial en 1754, na base naval de Ferrol, que se atopaba ocupada de cheo na realización do ambicioso proxecto construtivo promovido polo Marqués de la Ensenada. Os primeiros traballos de Sánchez Bort dedicáronse a rematar proxectos concibidos con anterioridade. En 1762, sendo xa alférez de fragata graduado, foi nomeado enxeñeiro director do Arsenal, sendo esta a etapa máis intensa da súa estancia ferrolá. De feito, modificou en profundidade todo o sector oriental, prantexado inicialmente por Jorge Juan, proxectando a porta principal do Arsenal, as casas do Construtor e Capitán de Maestranzas, o Presidio, a Teneduría, o gran Tinglado de Maestranzas e os diques da dársena, así como a rede de sumidoiros do novo Ferrol.

Despois de dezanove anos en Ferrol, en 1771 principiou unha nova etapa, caracterizada polos continuos cambios de destino. Coincidiu tamén coa etapa da decadencia física de Jorge Juan, que morre en 1773, e que fora o gran supervisor das principais obras hidráulicas da Coroa. Non é estraño que sabendo o grande aprecio en que o tiña o esgrevio mariño, o deixase encargado dos seus principais traballos en marcha. Supervisou e rectificou diferentes obras do Canal Imperial de Aragón dun xeito descontinuo ata 1778 (Saénz Ruidrejo, 1985). En San Sebastián proxectou o peirao e outras obras, así como un novo camiño no Pirineo navarro para a extracción e saca de madeiras cara o mar. En Madrid, antes da morte de Jorge Juan, colaborou na construcion dunha "bomba de sacar agua con fuego" para o achique dos diques, que rematou en 1773 e instalou en Cartaxena o ano seguinte (Rodríguez-Villasante, 1990 ). Volveu a Ferrol entre 1775 e 1777 para reparar un dique de construcion conflitiva. En 1777 foi nomeado director da Base Naval de Cádiz, sendo xa capitán de navío, e alí proxectou os novos diques do arsenal da Carraca así como os planos da nova poboación de San Carlos.

A obra arquitectónica de Sánchez Bort, como a de moitos enxeñeiros ilustrados, foi abondosa e importante, destacando nela a parroquial de san Xulián de Ferrol e a fachada da catedral de Lugo, así como as diferentes construcións do Arsenal nas que tivo que desenvolver novos proxectos construtivos acordes coa redución orzamentaria a que se veu sometido. Son de sinalar tamén os importantes retoques urbanísticos que realizou no barrio da Magdalena, así como o deseño e execución da rede de sumidoiros.

No ámbito da enxeñería, fundamentalmente a hidráulica, a obra de Sánchez Bort é igualmente moi salientable. Por unha banda, a súa estreita relación con Jorge Juan, posiblemente un dos máis importantes científicos e técnicos da Ilustración española, ligouno a moitos proxectos de enxeñería que pola súa envergadura e o seu carácter anovador supoñían a máxima expresión da técnica da época. Hai que salientar a súa participación no Canal Imperial de Aragón, sobre todo o proxecto do acueduto sobre o río Jalón (González Tascón, 1990; Saénz Ridruejo, 1984), gabado amplamente por Betancourt, o máis importante enxeñeiro español, e aínda europeo, da época. Son igualmente sobranceiros os seus traballos na construccion dos diques de carenar, onde tenta aplicar as novas técnicas desenvolvidas en Francia, enfrontándose co enxeñeiro militar Francisco Llovet, que foi quen finalmente os construíu. O tempo, de tódolos xeitos, daríalle a razón a Bort, que tivo que volver a Ferrol en 1755 a reparar o dique segundo os seus propios criterios (Rodríguez-Villasante, 1990). Finalmente, ten singular importancia a participación na construción da primeira máquina de vapor instalada nun estaleiro español, e posiblemente europeo (Piñera y Rivas, 1990). O proxecto da "bomba de agotar con fuego los diques de carenar", orixinal de Jorge Juan, foi rematada por Bort e finalmente instalada nos estaleiros de Cartaxena.



Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

GONZÁLEZ TASCÓN, 1. (1990): La Ingenieria Hidraúlica durante la Ilustración, Ciencia, técnica y Estado en la España Ilustrada, Fernandez, J., González Tascón, I. (eds.), Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, Secretaría de Estado de Universidades e Investigación.

PIÑERA Y RIVAS, A. de la (1990): Los diques de carenar del Arsenal de Cartagena en el siglo XVIII, Ciencia, técnica y Estado en la España Ilustrada, Fernández, J., González Tascón, I. (eds.), Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, Secretaría de Estado de Universidades e Investigación.

RODRÍGUEZ-VILLASANTE, X.A. (1988): Tecnología y Arte de la Ilustración. La arquitectura e ingeniería de Sanchez Bort en la obra pública, la industria y los arsenales de marina, Pontedeume: Impr. López Torre.

RODRÍGUEZ-VILLASANTE, X.A. (1990): La construccion de Arsenales durante la Ilustracion. El Arsenal de Ferrol, Ciencia, técnica y Estado en la España Ilustrada, Fernandez, J., González Tascón, I. (eds.), Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, Secretaría de Estado de Universidades e Investigación.

SAÉNZ RIDRUEJO, F. (1984): Algunos aspectos poco conocidos en la historia del. Canal Imperial de Aragon, Canal Imperial de Aragón : [compendio documental y gráfico sobre el Canal Imperial de Aragón], Madrid: Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

VIGO TRASANCOS, A. (1984): Arquitectura y urbanismo en El Ferrol del siglo XVIII, Santiago: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

VIGO TRASANCOS, A. (1984, 1985): El arquitecto-ingeniero Julian Sanchez Bort. Perfil biográfico y obra en Galicia, Cuadernos de Estudios Gallegos, 35, 100: 501-525.