culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Gerónimo Macho Velado

Defensor dunha ciencia supeditada aos dogmas católicos, pioneiro nos estudos malacolóxicos e lepidopterolóxicos en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 05/01/2013

Extras de Gerónimo Macho Velado: 

Extras sobre Gerónimo Macho Velado:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Gerónimo Macho Velado”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=395
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Valderas (León) 1826
  • Falecemento: Madrid 1899
Realizou os estudos secundarios no Seminario Conciliar de S. Mateo de Valderas, desde 1839 a 1842, recibindo o grao de Bacharel en Filosofía na Universidade de Valladolid. Entre 1843 e 1848 cursou en Madrid estudos de Farmacia e algunha materia de Historia Natural. Trasladouse para a Universidade de Santiago en 1849, na que se licencia en Ciencias en 1857; o discurso para a obtención de grao levaba como título De la germinación.

Pertenceu a diversas sociedades científicas. Foi socio fundador da Sociedad Antropólógica Española, en 1865, e membro da Sociedad Española de Historia Natural desde outubro de 1872. Participou nas actividades da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Entre 1863 e 1871 formou parte da Xunta Municipal de Sanidade de Santiago, cidade na que foi elixido concelleiro en 1877.

Carreira docente

Foi un profesor de longa e variada traxectoria no ensino compostelán. En 1849 ocupou o cargo de “regente de 2a. Clase” en Historia Natural e de “ayudante disecador” no Instituto. O título de rexente obtívoo pola presentación do traballo Conocimientos relativos a la organización de los reptiles. O ano seguinte, por Real Orde de 12 de setembro de 1850, converteuse en catedrático de Historia Natural do Instituto. Desde 1857 compartiu esa cátedra co posto de profesor interino da recen creada Facultade de Farmacia. Durante sete días de abril de 1864, e entre novembro de 1868 e abril de 1869, encargouse da cátedra de Historia Natural da Universidade. Tamén foi profesor de Historia Natural do Seminario de Santiago.

Durante o tempo no que se encargou da docencia no Instituto utilizou como libro de texto diversas edicións do Manual de Historia Natural do profesor Manuel María José de Galdo. Publicou diversos programas da materia (Macho, 1851, 1861 a), de contidos similares a outros da época. Accedeu ao doutorado de Farmacia e Ciencias. En 1861 acadou o de Ciencias, co discurso Zoología, Clasificaciones: su utilidad; examen de las más notables (Macho, 1861b); o texto é un magnífico exemplo de recepción do modelo científico cuvierista, harmónico (Fraga Vázquez, 1992). En 1865 obtivo o doutorado en Farmacia, co discurso Reseña ligera sobre el orden de los Rumiantes (Macho, 1865).

Cesou no Instituto o 28 de maio de 1874, por ser nomeado catedrático de “Determinación y clasificación de objetos farmacéuticos y principalmente de plantas medicinales” da Facultade de Farmacia, na que chegou a ser secretario. Neste tempo, atendeu algo o Gabinete de Historia Natural e Xardín Botánico.

Científico cuvierista, defensor da Filosofía Natural e antidarwnista

Macho constitúe un caso paradigmático de autor coherente nas súas concepcións científicas e filosóficas. Desde o cuvierismo e a filosofía escolástico-tomista, situouse nesa contorna ideolóxico-científica, da que formou parte significada, asumiu tarefas de representación e aplicouna no labor científico.

Na inauguración do Curso universitario 1876-77 leu o Discurso correspondente, Importancia de la Historia Natural en la Farmacia y en la vida física y moral del hombre (Macho, 1876). O título reflicte a tese principal do Discurso, e o obxectivo da obra científica de Macho, salientar e desenvolver a importancia moral do estudo da Historia Natural. No texto defende e aplica unha dependencia do coñecemento científico ás concepcións relixiosas, coida que a Ciencia está condicionada a un fin moral, supeditada e limitada, nos seus temas, obxectivos e métodos, ao que a moral católica determine. Esta concepción non só está presente na análise xeral, senón que, nunha singular exposición, aparece intervindo de xeito continuo en toda a argumentación.

Asemade, o Discurso vai supoñer a primeira ocasión na que as posicións antidarwinistas son explicadas na Universidade de Santiago dun xeito institucional, explícito e con certo detalle. Para Macho tódalas respostas ás interrogantes sobre a orixe da vida están na Biblia; non entra, nin o pretende, nun debate científico. A descualificación do transformismo é global e de principios, pois, para este autor, non cabe unha liña argumental autónoma do que sinala a Verdade Revelada.

Faise eco da visión da Natureza característica de toda unha época; expón as marabillas da natureza, unha fotografía estática dunha harmoniosa vida, na que cada ser vivo permanece no seu lugar e en perfecto equilibrio, segundo as súas “condiciones de existencia”, en base ao Plan da Creación. Macho entendía o estudo da Natureza como un percorrido no sentido inverso ao divino Plan, que debía servir para poñelo de manifesto. Salienta a grandeza divina, fin último, fin moral, do labor do naturalista, no que este se realiza relixiosamente, percibindo os destelos divinos.

Na tradición científica francesa, de grande influencia no Estado español da época, a expresión teórica e práctica desa forma de entender a Natureza atopábase, principalmente, na obra de Georges Cuvier. De tódolos xeitos, o fincapé que Macho fai no aspecto moral lembra á versión anglosaxoa dese modelo, coñecida como Natural Theology.

Podemos comprender como podía distorsionar este modelo conceptual a irrupción dunha doutrina como a do darwinismo, que cuestionaba esta “harmonía” e “moralidade” . Unha teoría que conducía o estudo ao terreo do incerto e indeterminado, de tal xeito que o que era un remanso, un lugar de encontro coa obra de Deus, pasaba a ser o escenario dun inestable proceso, que mudaba dun xeito impredicible, onde a posición de cada ser depende da contorna. Ademais, se a Natureza carece de orde preestabelecido, de Plan, de harmonía, o naturalista non sería un lector do Plan divino, dun Deus benfeitor, senón un estudoso que libre de prexuízos buscaba coñecer a variabilidade biolóxica, as condicións ambientais e os seus efectos na vida. O fin moral, entendido no antedito sentido tradicional, esvaecería.

Pioneiro nos estudos malacolóxicos galegos

As posicións teóricas de Macho están presentes, dun xeito amplo e reiterado, na súa produción científica, que está centrada en dúas disciplinas de fonda tradición na Historia Natural, a Malacoloxía e a Entomoloxía, materias nas que salienta por seren o iniciador en Galicia.

O Catálogo de los Moluscos terrestres observados en Galicia (Macho, 1870), un listado de 27 especies, foi o primeiro inventario galego destes animais. Tamén un dos primeiros traballos publicados nas Hojas Malacológicas de Joaquín González Hidalgo, aparecendo posteriormente en El Restaurador Farmacéutico. A súa elaboración manifesta a relación científica existente entre Macho e Hidalgo, quen sería o máximo experto en Malacoloxía da Península. O extraordinario labor desenvolvido por este autor inscríbese tamén no paradigma harmónico, ou sexa, no modelo tradicional científico, cuvierista, polo que a colaboración debeu verse favorecida pola elevada coincidencia nas perspectivas científicas de ámbolos dous especialistas. Hidalgo, que asume un claro papel de dirección no Catálogo, decidiu incluír algunha especie e datos que lle fornecerán Víctor López Seoane e Bernardo Zapater. O artigo contén algúns erros de determinación que semellan obedecer, segundo se desprende de Castillejo (1986) á confusión entre cunchas de especies distintas, a non consideración dos distintos aparatos xenitais, confusión con exemplares xuvenís doutras especies e non valorar a distribución xeográfica.

Asemade, Macho é o autor do primeiro traballo faunístico adicado exclusivamente aos Moluscos ibéricos de augas continentais (Macho, 1878), no que cita 21 especies de Galicia. Nese texto descualifica, con razón, o traballo de Seoane (1866) quen, molesto, publicaría unha resposta a crítica (Seoane, 1879). A exposición dos taxóns vai acompañada de amplas manifestacións das anteditas concepcións tradicionais de Macho, e dun claro rexeitamento e ridiculización da “heterodoxia “darwinista (Fraga, 2002).

É interesante observar como se manifestan esas concepcións na actividade taxonómica que o Catálogo presenta. Como taxónomo tradicional, utiliza criterios taxonómicos restritivos; aborda o estudo duns poucos exemplares, limitado á consideración cualitativa do que considera como carácter taxonómico básico, a morfoloxía da cuncha, asimilando as diferencias atopadas ao “tipo”. Isto supón a desatención do que considera “caracteres secundarios”, como ocorría coas partes brandas dos Moluscos, o que incrementa a xa elevada complexidade existente para a diferenciación taxonómica, que o estudo da cuncha non podía resolver. Deste xeito, infravalora as variacións e elimina, en gran medida, a análise da variabilidade. Ese xeito de traballo é acompañado dunha infravaloración, ou descoido, da bioxeografía e do estudo do desenvolvemento dos Moluscos, o que comporta unha limitación, na práctica, e dun xeito radical, das posibilidades do labor taxonómico malacolóxico de Macho.

Esa concepción tipolóxica, “esencialista” da Sistemática que Macho aplicaba comporta uns prexuízos que condicionaban o labor dos especialistas, levando o debate taxonómico ao terreo da especulación metafísica sobre o que se podían entender como caracteres básicos ou secundarios, afastándoo da análise biolóxica. Nese contexto, Macho, ao concibir o medio como as tradicionais “condicións de existencia” cuvieristas, non aborda a súa incidencia taxonómica. No panorama da Malacoloxía europea da época as posicións de Macho e Hidalgo atopaban certos apoios indirectos nas propostas doutros colegas, partidarios dunha consideración positiva, excesiva e pragmática da variación taxonómica. Tal é o caso da denominada Nouvelle École, de autores evolucionistas, pero non darwinistas. Ámbalas dúas concepcións, a tradicional e a da Nouvelle École, coincidían, no fondo, en facer unha abstracción da especie biolóxica.

Iniciador da Lepidopteroloxía en Galicia

En 1893, cando levaba varios anos en Madrid, deu a coñecer Recuerdos de la Fauna de Galicia. Insectos Lepidópteros observados en dicha comarca (Macho, 1893), primeira publicación específica sobre Lepidopteroloxía galega. O traballo entomolóxico, situado nas concepcións xa comentadas, vai precedido dunhas notas nas que fai diversas apreciacións sobre a fauna galega; son indicacións moi xerais, sen atender á bibliografía existente, que amosan que se mantiña o enfrontamento co naturalista Seoane. A publicación de Macho foi obxecto dunha análise crítica: “No centenario dos “Recuerdos de Galicia” de D. Jerónimo Macho Velado (Insecta: Lepidoptera)” (Fernández Vidal, 1994), detallado e valioso estudo de referencia para valorar a contribución de Macho na Lepidopteroloxía.

Na parte relativa á descrición dos seres Macho cita 101 especies como propias da lepidópterofauna galega. As descricións dos exemplares son practicamente inexistentes, limitándose a sinalar as localidades e época das observacións e recoleccións; a isto engade, en certos casos, algún comentario sobre larvas, plantas nutricias e certos costumes e incidencias na agricultura. A zona da que proceden a maioría das citas é a dos arredores de Santiago, con algúns exemplares doutros puntos, como, por exemplo, Ourense. O listado caracterízase polo seu carácter tradicional, plasmado na ausencia de información dabondo para verificar as identificacións, de estudo comparado e do desenvolvemento. Nesa liña, Macho deixa de lado a cuestión básica da variabilidade taxonómica; cando fai algunha referencia é desde unha perspectiva restritiva, asimiladora ao “tipo”.

Fernández Vidal salienta o carácter pioneiro da publicación e a condición de afeccionado de Macho. Sinala diversos erros cometidos, como citar especies inexistentes en Galicia, confundir individuos de distinto sexo, de xeracións distintas, etc.; en resumo, un xeito de traballo bastante primario, con relación ao que desenvolvían os especialistas relevantes da época. De tódolos xeitos, para valorar o traballo axeitadamente, no seu contexto real, é necesario considerar as difíciles circunstancias, de falta de medios e illamento, nas que Macho debeu elaborar o Catálogo. Esas dificultades favoreceron uns erros que tamén podían ser menores se levara a cabo un seguimento maior nas súas observacións, atendera ao desenvolvemento comparado dos exemplares, ampliara as súas recoleccións, observacións e áreas de traballo. Todo iso esixía, en parte, unha metodoloxía e concepcións distintas ás que utilizaba este autor.

Coleccións

No ámbito da Historia das Ciencias, Macho publicou unha nota sobre a colección de modelos cristalográficos de Haüy do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (Macho, 1891). Explicaba a orixe desa importante colección e reproducía o catálogo da mesma, que a acompañaba no momento da súa recepción no Museo, en 1846.

Canto a colección de lepidópteros de Macho, parece ser, segundo a páxina web da institución, que no Gabinete de Historia Natural da Fundación Fernando Blanco de Lema (Cee) había varios exemplares, pero a colección desapareceu.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Macho Velado, Gerónimo, Arquivo Universidade Santiago, Serie Expedientes persoais, cartafol 771.

Fontes impresas:

MACHO VELADO, G. (1851): Programa de las lecciones de Historia Natural esplicadas á los alumnos de 5º año de segunda enseñanza en el curso académico de 1851 á 1852, Santiago: Impr. J. Rey Romero.

MACHO VELADO, G. (1861a): Programa de un curso de Elementos de Historia Natural, Santiago: Establ. Tip. M. Mirás.

MACHO VELADO, G. (1861b): Zoología, Clasificaciones: su utilidad; examen de las más notables. Discurso leído en la Universidad Central por Don Gerónimo Macho de Velado, catedrático de Historia Natural en la Universidad de Santiago en el solemne acto de recibir la investidura del doctor en la Facultad de Ciencias, Sección de Ciencias Naturales, Madrid: Imprenta de Manuel Anoz.

MACHO VELADO, G. (1865): Reseña ligera sobre el Orden de los Rumiantes, su división en familias para venir a parar a aquella en que se halla colocado el que produce almizcle. Estudio de esta sustancia y su uso en Farmacia. Discurso leido en la Universidad Central por Don Gerónimo Macho de Velado, Doctor en la facultad de ciencias y Catedrático de Historia Natural en la Universidad de Santiago, en el solemne acto de recibir la investidura de doctor en la Facultad de Farmacia , Madrid: Imprenta de Manuel Anoz.

MACHO VELADO, G. (1870): Catálogo de los Moluscos terrestres observados en Galicia, Hojas Malacológicas, J.G. Hidalgo (dir.), Madrid: Imprenta de J.M. Lapuente; p. 10-16.

MACHO VELADO, G. (1876): Importancia de la Historia Natural en la Farmacia y en la vida física y moral del hombre. Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la inauguración del curso de 1876 a 1877, Santiago: M.Mirás.

MACHO VELADO, G. (1878): Moluscos de agua dulce de Galicia, con observaciones sobre las especies y localidades, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., VII: 235-248.

MACHO VELADO, G. (1884): Programa de la asignatura de Ejercicios Prácticos de determinación de plantas medicinales y reconocimiento de drogas, Santiago de Compostela: Estab. tip. de la viuda é hijos de Miràs a cargo de D. Eusebio Alonso Vieites.

MACHO VELADO, G. (1887): Animales útiles y animales perjudiciales, Rev. Soc. Econ. Sant., 62: 553-556; 64: 569-573.

MACHO VELADO, G. (1891): Historia y catálogo de una colección de modelos de cristales existentes en la Universidad de Santiago, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., XX, Actas:138-150.

MACHO VELADO, G. (1893): Recuerdos de la Fauna de Galicia. Insectos Lepidópteros observados en dicha comarca, Anales de la Soc. Esp. Hist. Nat., XXII: 221-242.


Bibliografía secundaria:

CASTILLEJO MURILLO, J. (1986): Caracoles terrestres de Galicia. Familia Helicidae (Gasterópoda, Pulmonata), Santiago de Compostela: Universidade.

FERNÁNDEZ VIDAL, E. (1994): No centenario dos “Recuerdos de Galicia” de D. Jerónimo Macho Velado (Insecta: Lepidoptera), Ingenium, 4: 141-188.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2002). La recepción del darwinismo en la práctica científica de los naturalistas españoles del siglo XIX, Puig-Samper, M.A.; Ruíz, R. & Galera, A., editore, Evolucionismo y Cultura. Darwinismo en Europa e Iberoamérica, Madrid: Doce Calles, pp 249-265.

SEOANE, V.L. (1866): Reseña de la Historia Natural de Galicia, Lugo: Impr. Soto Freire.

SEOANE, V.L. (1879): Nota sobre Moluscos de Galicia, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., VIII (Actas): 23-24.