culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Claudio González Zúñiga

Ilustrado tardío con importante actividade política, divulgadora e técnica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 25/01/2013

Extras de Claudio González Zúñiga: 

Extras sobre Claudio González Zúñiga:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2013], “Claudio González Zúñiga”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 21/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=406
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1784
  • Falecemento: Pontevedra 1857
Despois de facer os estudos primarios na cidade de Pontevedra, marchou a Madrid para cursar alí a carreira de Medicina. Fóra de Galicia vive as peripecias da guerra contra os franceses, na que participa activamente, e ten sinaladas actuacións nas epidemias de Murcia e Orihuela que lle valen recoñecementos militares.

Completada a súa licenciatura en Medicina e Cirurxía en 1815, regresa a Pontevedra e ingresa como frade hospitalario no convento de San Xoán de Deus, permanecendo alí ata a exclaustración. Neste tempo, González Zúñiga mantivo tamén unha importante actividade política: foi alcalde liberal de Pontevedra durante o trienio constitucional e sufriu a persecución absolutista en anos posteriores. Máis tarde, en 1840, foi deputado provincial substituto sen chegar a xurar o cargo, posto que si desempeñaría na lexislatura de 1858.

As súas firmes conviccións políticas tiveron tamén reflexo na vida profesional. Como consecuencia da publicación do seu libro Discurso sobre la historia y progresos de la medicina y cirugía: beneficios que resultarían (.../...) (González Zúñiga, 1822), foi condenado durante ano e medio na parroquia de Cerdedo, cualificado o seu escrito como herético e mal soante. Nel defendía a necesidade de estudar a cirurxía sempre dende un punto de vista médico, non exclusivamente técnico, como unha parte máis da Medicina.

González Zúñiga pode ser considerado un ilustrado serodio, xa que como moitos dos que o precederan mantivo compromisos políticos e interesouse polo desenvolvemento agrícola e económico do país. A súa obra mais importante é a Descripción económica de la Provincia de Pontevedra y mejoras (.../...) (González Zúñiga, 1834), memoria lida nunha sesión da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Pontevedra, institución da que era membro destacado. Sen ser moi orixinal, fai propostas industriais e de reordenamento mercantil, común en moitos puntos ás defendidas nas sociedades económicas doutras cidades galegas.

Outras publicacións que dan idea da súa diversificada actividade son o Proyecto de reforma de la ley electoral vigente, publicado en 1840, a Historia de Pontevedra, ó sea de la antigua Helenes fundada por Teucro, en 1846, e a Descripción geográfica, estadística, económica e histórica de Pontevedra que viu a luz dous anos máis tarde. Elaborou tamén un Diccionario latino portátil de las principales letras mayúsculas, que los Romanos usaban en las abreviaturas de sus inscripciones públicas y medallas e outro Diccionario de los jeroglíficos, publicados a mediados do século XIX.

Tivo un destacado papel na creación do Instituto de Pontevedra en 1845, chegando a exercer como director na súa inauguración e durante un curto período de tempo, así como unha salientable intervención médica na epidemia de cólera que en 1854 asolou a cidade. Pola polémica mantida con Suárez (1851), temos tamén constancia do discutido traballo que elaborou sobre a pesca da sardiña e a renda do sal.



Bibliografía:




Fontes impresas:

GONZÁLEZ ZÚÑIGA, C. (1822): Discurso sobre la historia y progresos de la medicina y cirugía: beneficios que resultarían a la humanidad y erario público reduciendolas a su unidad primitiva , Santiago: Imprenta de D. José Fermín Campaña y Aguayo.

GONZÁLEZ ZÚÑIGA, C. (1834): Descripción económica de la Provincia de Pontevedra y mejoras de las que es suxceptible su industria agrícola, fabril y Comercial, Pontevedra: Oficina de D. Manuel María de Vila.

GONZÁLEZ ZÚÑIGA, C. (1845): Discurso pronunciado el 19 de noviembre de 1845 por Claudio González Zúñiga, director del instituto público de segunda enseñanza de Pontevedra en su solemne inauguración, Pontevedra: Imprenta de la Viuda de Pintos.

GONZÁLEZ ZÚÑIGA, C. (1848): Descripción geográfica, estadística e histórica de la ciudad capital de Pontevedra, Pontevedra: Est.Tip.de la Vda. de Pintos.

GONZÁLEZ ZÚÑIGA, C. (1850): Memoria sobre el fomento de la pesca : aumento de la renta de sales y prosperidad de los marineros matriculados de Galicia, Pontevedra: Vda. De Pintos.

GONZÁLEZ ZÚÑIGA, C. (1854): Memoria sobre la industria agrícola, pecuaria, pesca, fabril y comercial de Galicia..., Pontevedra: Imprenta de los Sres. Antúnez y Pazos.


Bibliografía secundaria:

SUÁREZ, José (1851): La pesca de sardina y su enlace con la renta de sales o sea Memoria en refutación a la que Don Claudio González Zúñiga publicó en Pontevedra en 1º de agosto de 1850, Vigo: Imprenta de Don Ángel de Lema.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1975): “González Zúñiga, Claudio”, Gran Enciclopedia Gallega, XVI: 128-129.