culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Rodríguez Carracido

Os comezos dos estudos bioquímicos en España

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 09/02/2013

Extras de José Rodríguez Carracido: 

Extras sobre José Rodríguez Carracido:

Galeria



7.jpg
7.jpg

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “José Rodríguez Carracido”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=412
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1856
  • Falecemento: Madrid 1928
Naceu na compostelá Travesía de Morón, en Vista Alegre, onde vivían seus pais, Francisco Rodríguez Martínez, barbeiro, e Agustina Carracido Castro, modista. Neno con problemas de saúde na infancia – tiña dificultades motoras e non rompeu a falar abertamente ata os sete anos-, cursou o bacharelato con singular aproveitamento. Orientado primeiro cara aos estudos médicos, o contacto coa morte, segundo as súas propias confesións, levouno a desistir desa profesión, polo que finalmente comezou na Universidade de Santiago os estudos de Farmacia, que principiou en 1871 e rematou en 1874, con premio extraordinario. Estes catro anos composteláns semella que foron moi importantes na conformación do seu pensamento científico e filosófico, a pesar do deprimente nivel docente da facultade que, agás contadas excepcións (Casares, González Linares e Garagarza), criticou abertamente.

Segundo seu propio testemuño foron fundamentais na súa formación o coñecemento das teorías de Spencer, a partir da lectura en 1874 dun discurso de Cánovas del Castillo sobre “La Libertad y el Progreso”, e o contacto cos profesores krausistas González Linares e Garagarza. Ao primeiro coñeceuno en 1872, cando comezou a docencia de Historia Natural, disciplina común a Medicina e Farmacia que xa tiña cursado no primeiro curso pero á que asistiu de oínte. Por propia iniciativa de González Linares foi invitado a asistir na súa casa, con outros poucos alumnos, a unha sorte de titorías nas que “con anhelos del saber enciclopédico no se daba paz al intelecto en sus giros discursivos”. Alí tivo coñecemento dos principios químicos de Naquet e do pensamento biolóxico de Haeckel, que o enfrontaban co máis adiantado do coñecemento científico do momento. Para as vacacións, o seu “director espiritual” recomendáballes a lectura do Curso de Psicología de Ahrens, no que Carracido atopou, coa descrición do pensamento de Schelling, un principio unificador do mundo, un organismos universal que integrara o inorgánico co orgánico. Cuestión de moda no seu tempo, que tivo un certo estímulo no estudo dos grandes principios da ciencia pero estéril no canto dos adiantos reais. Con Fausto Garagarza atopou, en primeiro lugar, a satisfacción do traballo práctico das sínteses e análises químicas que o dito profesor promovía naquel ermo experimental que eran as facultades universitarias e, sobre todo, o coñecemento das teorías de Berthelot acabadas de verter ao castelán en 1872. Chegou a substituír a Garagarza, cando cursaba o seu último ano de carreira, na docencia da Academia de Medicina, xuntas irregulares de alumnos e profesores inquedos nas que se falaba de temas de actualidade.

Chegada a Madrid

Cando Carracido deixou Santiago, aos dezaoito anos, xa tiña en xermolo as bases do seu pensamento científico e filosófico: bo coñecedor das teorías máis adiantadas da Química e da Bioloxía, destro e devoto do método experimental, era tamén un admirador dos principios unificadores da natureza que emanaban da filosofía natural alemana e da de Spencer. Tamén, a súa inxenua piedade xuvenil deixara paso a un agnosticismo, respectuoso coa transcendencia, que profesaría toda a súa vida.

Fronte as dubidas do seu pai, a nai, muller decidida e optimista, tomou a resolución de enviar a Carracido a Madrid “para obtener el grado de doctor y ponerme en condiciones de aspirar a todo, incluso a una cátedra”. A penuria económica do matrimonio precisou que a viaxe fora costeada pola clientela da barbería e que algúns profesores da facultade achegaran as correspondentes cartas de recomendación. De singular importancia foi a intervención de González Linares, xa que pola súa mediación foi consignado a un colexio da Institución Libre de Enseñanza. De todas maneiras o ambiente da nova residencia non debeu ser do seu agrado porque meses despois procuraba o acubillo dunha modesta pensión madrileña.

Este primeiro ano de estancia en Madrid resultou en extremo deprimente e tristeiro. En primeiro lugar, pola mediocridade das ensinanzas, memorísticas e desfasadas, na maioría dos casos e , noutros, desatendidas polos propios titulares. De feito, despois dun curso de moi pouco proveito académico -mesmo chegou a faltar a clase, cousa que case nunca fixera en Santiago-, redactou a memoria da súa tese doutoral sobre Teorías de la fermentación na última quincena dos mes de xuño de 1875, e con ela obtivo o título de doutor. Ese verán foi especialmente desalentador para Carracido. Con moi cativos recursos económicos (chegou a pasar fame), abafado pola calor do estío madrileño, sen traballo e perdido na soidade e anonimato dunha grande cidade, mesmo pensou en regresar a Santiago. Só algunhas clases de outros cursos e facultades, ás que asistía de oínte, e as conferencias públicas do Ateneo contribuíron a manter minimamente acesas as ilusións do intelectual.

As cousas comezaron a cambiar no outono, cando conseguiu o número un nunhas oposicións a farmacia militar. De inmediato foi trasladado aos hospitais de Tafalla e Olite, en plena guerra carlista. Rematada a contenda, pasou a traballar, no verán de 1876, no Laboratorio Central de Madrid, onde permaneceu ata 1880, en que foi destinado ao hospital do Peñón de la Gomera, posiblemente castigado pola súa notoria defensa do réxime republicano. Neste momento foron convocadas as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Facultade de Farmacia de Madrid, ás que decidiu presentarse, polo que tentou por todos os medios que o trasladasen de novo á capital para poder ter acceso aos recursos bibliográficos necesarios para a preparación da oposición. Fracasadas todas as xestións, Carracido rematou por renunciar ao seu posto no exército e trasladouse a Madrid, onde en maio e xuño de 1881 gañou as oposicións logo de realizar uns moi brillantes pero controvertidos exercicios.

Entrada no Ateneo

O outro fogar de Carracido en Madrid foi o Ateneo: “alli instalé mi vida sintiendo el dulce halago de un cariñoso domicilio”. Primeiro asistiu de oínte as sesións públicas e, desde 1876, cando xa dispuña dun soldo fixo, como socio de número. Alí atopou aos seus primeiros compañeiros de ideas, como o químico galego Rodríguez Mourelo, e alí recibiu os primeiros recoñecementos públicos, como cando pronunciou unha conferencia sobre a interpretación científica da emoción estética que mereceu un comentario na Ilustración Española y Americana do prestixioso crítico Fernández Bremón. Viñeron despois numerosas conferencias nas que deixou patente a súa facilidade expresiva e o seu novo e rexo pensamento, que foron consolidando a súa merecida sona de egrexio ateneísta. De feito, entre clases e conferencias, Carracido realizou máis dun centenar de intervencións no Ateneo madrileño, ademais de exercer como vicepresidente da institución e ser proposto para presidente, cargo que non aceptou.

Catedrático de Química Orgánica e Química Biolóxica

O seu traballo na universidade, durante dezasete anos na cátedra de Química Orgánica, hai que cualificalo de excepcional, tanto pola calidade do seu ensino, asentado nun verbo fácil e suxerinte e con uns contidos anovadores, como polas iniciativas que levou adiante, encamiñadas fundamentalmente á promoción do ensino práctico e ao establecemento de relacións co estranxeiro. Neste senso, unhas das súas primeiras propostas foi a de tentar realizar unha estancia no laboratorio de Berthelot para un mellor coñecemento das sínteses químicas. Despois de numerosas instancias tivo que desistir da solicitude porque os responsables académicos non consideraban “decoroso que un maestro de reconocido mérito fuera a estudiar lejos de la Universidad” (Fernández, 1929). En 1898 conseguiu, logo doutra brillante oposición, a cátedra de Química Biolóxica, que ocupara Laureano Calderón. A fronte desta cátedra desenvolveu a docencia e os traballos de investigación máis xenuínos, polos que pode ser considerado como o introdutor da Bioquímica en España. Xa dous anos antes de acceder á cátedra, nos cursos de Estudios Superiores do Ateneo, comezara a impartir as súas conferencias sobre Problemas Bioquímicos, as primeiras ditadas sobre esta materia en España.

Na súa dilatada vida académica exerceu importantes postos de xestión: decano da Facultade de Farmacia de Madrid (1908-1916) e reitor da Universidade Complutense (1916-1927). Foi numerario das Academias de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales (1888), de Medicina (1906), da Española (1908), correspondente das de Historia e da Galega, doutor honoris causa polas tres universidades portuguesas, de Lisboa, Porto e Coimbra, senador pola Universidade de Granada (1910-1923) e a partir de 1923, senador vitalicio. En Galicia, Linares Rivas tentou nunha maquiavélica manobra política que se presentara como deputado conservador ao Congreso pola xurisdición de Ortigueira. Hai que salientar, ademais, o seu labor como promotor da Sociedad Española de Física y Química, fundada en 1903, e da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, en 1908, así como a súa activa colaboración coa Junta para Ampliación de Estudios.

Morre, en Madrid, o 3 de xaneiro de 1928, dunha bronconeumonía que agravou as doenzas respitarorias que viña padecendo había tempo.

Obra científica

Dos libros publicados por Carracido pódense sinalar, por unha parte, os de carácter máis especulativo e nos que amosa as súas teorías evolucionistas e cosmolóxicas, como La nueva química. Introducción al estudio de la Química según el concepto mecánico (1887) e La evolución en la Química (1894), e, por outra, os textos académicos, como o Tratado de Química orgánica teórico y práctico (1890) e o Tratado de Química biológica (1903, 2ª ed. 1917 e 3ª ed. 1924), así como os materiais de divulgación sobre estas materias. Tamén publicou diferentes artigos científicos en revistas nacionais e internacionais sobre temas bioquímicos, como “Les fundaments de la Biochemie” (1917), “Filogenia química de la molécula albuminoidea” (1917) ou “Transformations biochimiques des mateiries proteiques” (1926).

E salientable a súa contribución a historia da ciencia española, recollida nas publicacións: Estudios histórico-críticos de la Ciencia española (1897, 2ª ed. 1917), El Padre José Acosta y su importancia en la literatura científica española (1899). Con outra temática publicou a novela (para moitos, de carácter autobiográfico): La Muceta Roja (1890), e o ensaio dramático histórico Jovellanos (1893). Moitos dos numerosísimos discursos que pronunciou foron publicados, como: Principios científicos de la emoción estética (1876), La influencia de las matemáticas en las ciencias (1877), Los métodos en las Ciencias Naturales (1883), Estado de la enseñanza de las ciencias Naturales en España (1887), La complejidad farmacológica en la prescripción médica (1903), La coagulación de la sangre (1905), Farmacodinamia de los modificadores de la oxidación orgánica (1906), Valor de la literatura científica hispanoamericana (1908), La micela en la Bioquímica (1913), El estado coloide en la materia viva (1913), El Reactivo Bioquímico (1921), Relaciones espirituales de España y Portugal (1921), El fósforo en la vida (1926), La formación de la materia viva (1927).

Publicou tamén diferentes traballos científicos en revistas españolas, como Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, Anales de la Sociedad Española de Física y Química, El Monitor de la Farmacia, e tamén estranxeiras, como as francesas Revue Scientifique, Revue general des sciences s, Scienti a, ou a alemana Biochemische Centralblatt.

Desenvolveu un profuso labor de xornalista científico, sobre todo antes de 1910, época na que, segundo propia confesión, o diñeiro que recibía por estes traballos éralle totalmente necesario para o mantemento da súa familia. Publicou sobre todo en La Ilustración Española y Americana, nos luns do Imparcial, El Líceo, La Correspondencia de España, La Ilustración Gallega y Asturiana, etc. Nesta faceta de Carracido habería que situar o moi divulgado episodio da polémica mantida sobre o evolucionismo co cardeal Ceferino González a partir duns artigos publicados no Imparcial, nos que criticaba algunha das conclusións do Congreso Nacional Católico de 1889.

A temática galega non lle foi allea a Carracido, publicando artigos en revistas da emigración, como o Almanaque Gallego: “El inmigrante” (1905), “Una pregunta a los eruditos gallegos” (1907), “Un recuerdo de mi vida estudiantil” (1908); ou do país, como en La Pequeña Patria: “Carta a Don Manuel Murguía” (1891) ou “El regionalismo en la pintura” (1890), que orixinou unha certa polémica con D. Leopoldo Balsa.

Pensamento científico

A primeira época estivo claramente marcada pola súa dependencia do pensamento de Spencer e Berthelot. Do primeiro adoptou a súa visión evolucionista e organicista da natureza, e do segundo o seu enerxetismo (todo son modificacións da enerxía), así como as súas principais formulacións prácticas e teóricas sobre a química. O seu evolucionismo, máis que biolóxico, como no caso de Darwin, era de carácter cosmolóxico e seguidor, en consecuencia, de Spencer e Haeckel, de quen tomou as súas principais formulacións, que aplicou dun xeito singular e orixinal á evolución da materia e que recolleu no libro La Evolución en la Química (1894). Definiu unha ontoxenia química que se recapitula, ao xeito de Haeckel, nunha filoxenia química, de tal xeito que serían “las transformaciones químicas producto de un verdadero proceso evolutivo subordinado a los mismos procesos fundamentales que rigen la evolución total de la naturaleza”. Neste libro retomou moitos dos conceptos que xa tiña anticipado no precedente, La Nueva Química. Introducción al estudio de la Química según el concepto mecánico (1877), no que se manifestara defensor da termoquímica de Berthelot, que consideraba o método máis novo e prometedor para a comprensión dos fenómenos químicos. Así mesmo, e na liña do seu mestre, definiuse como antiatomista e continuísta no relativo á constitución da materia. Esa “ficción de los átomos” era considerada por moitos positivistas de finais de século como unha pura especulación sen ningunha base experimental e nese pensamento militou Carracido nesta primeira época.

Os inicios da segunda época pódense situar na última decena do século, sobre todo cando comezou a criticar algúns aspectos do pensamento de Berthelot, en concreto o seu rexeitamento da química estrutural que tantos froitos e orde comezaba a introducir na química orgánica. Nas súas Confesiones comenta sobre o químico francés: “tan genial en muchos asuntos, en este dominado por una exageración positivista se ofuscó, y su gran autoridad fue rémora en Francia y fuera de ella para todos los que compartieron su desdén por las representaciones arquitectónicas de los edificios moleculares”. O seu antiatomismo foi pouco a pouco matizado nas sucesivas edicións do Tratado de Química Orgánica, así como no posterior Tratado de Química Biológica. De todas formas, o seu panenerxismo, a súa fidelidade, agora, as teorías de Ostwald e Arrhenius e o seu enfoque termodinámico da química, non deixaba neles ningunha dúbida. Ao fin, Carracido amosouse, bastante tardiamente, como atomista en 1911, no prólogo que lle fixo a obra do alemán Mecklenburg, Fundamentos experimentales de la atomística, no que acepta as demostracións experimentais da existencia do átomo, aínda que “los átomos no son outra cosa que centros complejos de fuerzas electromagnéticas”, formulación coa que trataba de compaxinar o seu enerxetismo coas novas teorías.

Esta segunda etapa do seu pensamento científico caracterizouse tamén pola súa decidida orientación cara á química biolóxica. Comezou co seu acceso a cátedra dese mesmo nome e foi callando en traballos e publicacións sucesivas sobre esta materia, como os relativos a uroxénese, formación do glóbulo vermello, aminoácidos, procesos da alimentación, etc. Do máximo interese foron os seus traballos sobre a filoxenia da molécula albuminoidea, onde o seu vello espencerismo se concreta agora nuns novos estudos sobre a orixe da vida a partir da xénese das proteínas. Esta última etapa distinguiuse tamén pola súa decidida militancia a prol da necesidade de que médicos e farmacéuticos considerasen o enfoque químico como algo fundamental na práctica da súa profesión.

Pensamento político e social

Politicamente Carracido debería ser definido como liberal, demócrata e republicano. Porén, o seu comportamento real podería dificilmente encadrarse dun xeito inequívoco en calquera destas opcións, pois o seu talante antidogmático e dialogante fixo que colaborara practicamente con todo o abano político, desde os anarquistas ata os conservadores máis rancios, polo que tanto podíase atopar dando unha conferencia na Casa del Pueblo como no Seminario Conciliar. Por outra parte, o fracaso dalgunhas experiencias políticas persoais e o coñecemento que tiña, de primeira man, do mundo político madrileño, fixo medrar nel un sentimento crecente de escepticismo fronte aos políticos profesionais, aos que definía como “empíricos exuberantes de osadía pero menesterosos de ideas y limpios de escrúpulos en materias de procedimiento” (Jovellanos, 1893). De aí que coma contrapunto exaltase a figuras como Jovellanos, exemplo de patriotismo “nunca tocado del contagio de la ponzoñosa atmósfera de su tiempo”. De todas maneiras non rexeitou os cargos públicos, como os de reitor e senador, nos que vía un medio eficaz para poñer en práctica o seu permanente alento rexeneracionista, sobre todo no relativo ás políticas de ensino e de promoción da ciencia. Outra constante do seu pensamento político foi a do achegamento a Portugal e Iberoamérica, favorecendo, por exemplo, a presencia de representantes destes países en todas as institucións e academias (que non eran poucas) nas que podía exercer a súa influencia. As súas relacións co historiador portugués, socialista e darwinista, Oliveira Martins, foron especialmente fluídas.

Filosoficamente, Carracido encadrouse el mesmo no positivismo, mais non como “sistema” senón coma “método” de coñecemento da realidade. Como se ten sinalado repetidamente, foi na versión espenceriana deste pensamento na que estivo instalado, con poucas variacións, durante toda a súa vida: “En España la doctrina espenceriana es relativamente conocida [...] y algunos de nuestros hombres de ciencia como el ilustre Carracido [...] han propagado con verdadero entusiasmo el positivismo lógico” (Valentí Camps, 1922). Este pensamento levouno a ter unha visión organicista da sociedade e a partir dela definir os dereitos da persoa (por exemplo, o sufraxio universal) como funcións necesarias e complementarias para o correcto traballo desa gran unidade orgánica. A ciencia e o coñecemento en xeral eran tamén elementos esenciais desa “adaptación ao medio” que necesitaban as persoas para unha eficaz integración nesa unidade funcional.

As relacións con Galicia

A pesar de que algúns dos seus biógrafos consideran que Carracido non foi axeitadamente valorado na súa terra e que, el mesmo, foi indiferente a movementos como o rexionalismo galego a consecuencia do seu demostrado patriotismo español, a realidade foi que as súas relacións con Galicia foron permanentes e dunha certa intensidade e singularidade. Os seus veraneos en Galicia ou norte de Portugal foron moi frecuentes, sobre todo na primeira parte da súa vida, e tamén os contactos con prohomes galegos como o xa citado Linares Rivas. Foi notoria tamén a súa inimizade con Montero Ríos, iniciada posiblemente póla súa oposición pública a idea do político compostelán de engadirlle dúas torres ao pazo de Fonseca. Como contraste destas e doutras relacións pouco gratas cos políticos galegos habería que sinalar as que tivo con escritores ou editores como Castro López, Labarta Pose ou, sobre todo, con Murguía, de quen foi bo amigo e mesmo protector. Tiña unha grande amizade con Curros Enriquez, ao que acolleu e axudou na suas estadías madrileñas, que era correspondida polo aprezo e admiración que lle profesaba o poeta, que chegou a afirmar que Carracido, xunto con Brañas e Murguía, representaban a «trinidad del regionalismo gallego».

Publicou en revistas da emigración, como La Tierra Gallega e Almanaque Gallego, ou do país, como La Pequeña Patria e La Ilustración Gallega y Asturiana, entre outras. A súa posición diante do rexionalismo non semella clara, pois fronte ao seu patriotismo español máis que evidente, sobre todo no relativo á defensa da ciencia hispana e ás posibilidades do seu desenvolvemento, que se traduciron sobre todo nos seus traballos de historia da ciencia, manifestou tamén unha posición inequívoca a prol da descentralización universitaria, que denominaba “regionalismo universitario”, e na concepción da arte como manifestación senlleira e diferenciada dos pobos de España. Finalmente, o xuízo que lle mereceu a obra de Murguía tampouco ofrece dúbidas: “entusiasta afecto y la alta estimación que siempre me inspiran sus valiosos trabajos para reivindicar las positivas grandezas de nuestra historia regional” ou “espero con impaciencia el cuarto tomo de nuestro monumento histórico”. A Real Academia Galega nomeouno correspondente en 1905, e académico de Honra, a proposta de Martínez Salazar, en 1922.



Bibliografía:




Fontes impresas:

RODRÍGUEZ CARRACIDO, J. (1882): Los métodos en las ciencias naturales, Madrid: Impr. M. J. Hernandez.

RODRÍGUEZ CARRACIDO, J. (1891): Carta a Don Manuel Murguia, La Pequeña Pátria, 12.

RODRÍGUEZ CARRACIDO, J. (1893): Jovellanos.Ensayo dramático-histórico, Madrid: Impr. Fortnet.

RODRÍGUEZ CARRACIDO, J. (1893): Confesiones, (Madrid, 12-VII-1927).

RODRÍGUEZ CARRACIDO, J.(1917): Estudios histórico-críticos de la Ciencia española, 2a. edición aumentada, Madrid: Impr. Alrededor del Mundo.

RODRÍGUEZ CARRACIDO, J. (1927): La formación de la materia viva, Madrid.

Para coñecer a producción bibliografica completa de Carracido consultar MORENO GONZÁLEZ, A. (1991) e MAS GUINDAL, V. (1924).


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (2012): Murguía, Vigo: Ed. Galaxia.

DÍAZ-FIERROS, F. (2015): Ciencia, técnica e progreso en Curros Enriquez, Grial.

DÍAZ-FIERROS, F. (2009): Científicos Galegos no debate sobre o darwinismo en España, O Darwinismo e Galicia, Santiago: Universidade.

DÍAZ-FIERROS, F. (2010): El evolucionismo de Rodríuez Carracido. Nuevas consideraciones, An. R. Acad. Nac. Farm., 76, 4: 479-491.

FERNÁNDEZ, O. (1929): José Rodríguez Carracido. Recuerdos de su vida y comentarios a su obra, Madrid: Libr. Médica Moya.

MAS GUINDAL,V. (1924): Biografía del Excmo. Sr. D. José Rodríguez Carracido, Cuestiones Bioquímicas y Farmaceúticas por José R. Carracido, Madrid: Impr. Clásica Española.

MORENO GONZÁLEZ,A. (2003): José Rodríguez Carracido. El optimismo democrático, Bol. Bibl. Ateneo, IV, 14: 11-20.

MORENO GONZÁLEZ, A. (1991): José Rodríguez Carracido, Madrid: Fund. Banco Exterior.

MUÑOZ, S. (2003): José Rodríguez Carracido. En busca de una España mejor, Bol. Bibl. Ateneo, IV, 14:21-25.

ROLDÁN GUERRERO,R. (1976): Diccionario Biográfico y Bibliográfico de Autores Farmacéuticos Españoles, Madrid: IMPHOE; t. IV.

SÁNCHEZ-MOSCOSO, A. (1971): José Rodríguez Carracido, Tese Doutoral, Fac. Farmacia, Universidad Complutense, Madrid.

SÁNCHEZ-MOSCOSO, A. (2003): Un científico ateneista. José Rodríguez Carracido, Bol. Bibl. Ateneo, IV, 14: 3-10.

VALENTÍ CAMPS, S. (1922): Ideólogos, teorizantes y rebeldes, Barcelona: Ed. Minerva.