culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Odón de Buen y del Cos

A relación científica con Galicia do creador do Instituto Español de Oceanografía

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 15/02/2013

Extras de Odón de Buen y del Cos: 

Extras sobre Odón de Buen y del Cos:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Odón de Buen y del Cos”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/05/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=416
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Zuera (Zaragoza) 1863
  • Falecemento: México DF 1945
Estudou Ciencias Naturais en Zaragoza e realizou o doutorado en Madrid, onde participou nas actividades da Sociedad Linneana Matritense (González Bueno, 1982). Desenvolveu una ampla carreira docente: en 1889 encargouse da cátedra de Historia Natural da Universidade de Barcelona e trasladouse en 1911 á Universidade de Madrid, na que permaneceu ata o seu retiro en 1933 (Gomis, 2011).

Próximo na súa formación aos “institucionistas” (Institución Libre de Enseñanza), diferenciábase nalgúns matices ideolóxicos, relacións e proxectos emprendidos. As concepcións científicas con que se identificaba (darwinismo) e as posicións políticas que defendía (republicanas de esquerda) provocaron enfrontamentos cos sectores conservadores cataláns (Arqués, 1984).

Coa vitoria do fascismo en 1939 viuse obrigado a exiliarse. Pasou a Francia, onde agardaba contar con apoio persoal e profesional para os seus fillos por parte de colegas situados en relevantes institucións europeas coas que traballara estreitamente. As axudas recibidas foron escasas e insuficientes, o que lle obrigou, decepcionado, a marchar cara o exilio mexicano, onde morreu (Buen, 2003).

A viaxe da fragata Blanca e resultados desa exploración en Galicia

A participación como naturalista na expedición da fragata Blanca, en 1886, foi transcendente para a orientación profesional de Odón de Buen cara a Oceanografía (Buen, 2003). A viaxe, asemade, supuxo un contacto científico con Galicia (Puig-Samper; Fernández & Marrodán, 1984). Durante a súa estancia en terras galegas, sobre todo en Ferrol, xunto a unha serie de peixes recolleu diversos exemplares de crustáceos, que mandou ao Museo de Ciencias Naturales de Madrid. Parte deses seres serviron para a elaboración do seu artigo, “Materiales para la fauna carcinológica española” (Buen, 1887). No traballo cita 23 especies con presencia en Galicia, delas 20 exclusivas; as localidades de recolección son, en primeiro lugar, Ferrol, recollidas polo autor en 1886, e Marín, recolectadas por Boscá. Non se describen taxóns novos e os resultados preséntanse como un listado con moi poucas indicacións. O artigo inclúe unha segunda parte na que aborda algo a distribución dos crustáceos, cun contido bastante esquemático.

O texto ten un interese exemplificador, pois amosa un xeito de recepción do darwinismo entre algúns naturalistas progresistas no Estado español. Hai valiosas referencias, na segunda parte, ao interese das barreiras naturais, efectos do ambiente, etc., nunha clara asunción da terminoloxía darwinista, ben coñecida por este autor. Mais o labor taxonómico non reflicte esas concepcións. Estamos fronte dunha posición ideolóxico-científica, pero non diante do traballo dun taxónomo moderno.

Exemplares recollidos por De Buen en 1886 en Ferrol, e depositados no Museo de Ciencias Naturales de Madrid, xunto con outros dos que dispuña Bolívar, serán utilizados polo especialista francés Adrien Dollfus, amigo de De Buen, que publicará o “Catalogué raisonée des Isopedes terrestres de l'Espagne” (Dollfus, 1892) e un suplemento (Dollfus, 1893).

A creación do Instituto Español de Oceanografía

Desde 1893 organizou visitas periódicas, co seu alumnado, ao Laboratoire Arago, en Banyuls-sur-Mer (Francia), unha estación mariña fundada polo profesor da Sorbonne (Facultade de Ciencias) Henri de Lacaze-Duthiers (1821-1901). Eses contactos favoreceron o interese de Odón de Buen por crear un centro de investigación oceanográfica en España. En 1906 fíxose cargo do Laboratorio de Bioloxía Mariña de Mallorca e, en 1914, converteríase no primeiro director do recen nado Instituto Español de Oceanografía (IEO).

O seu labor en Oceanografía e Bioloxía mariña significou a consolidación institucional destas disciplinas no Estado español. Os precedentes foran escasos e non acadaran a entidade necesaria. Entre eles figura o labor de Mariano de la Paz Graells, a indicada viaxe da fragata Blanca, a estancia de Joaquín Castellarnau na Estación Zoolóxica de Nápoles (incluíndo a publicación xerada) e as actividades de Augusto González de Linares, coa creación da Estación de Santander (Cazurro & Arias Encobert, 1921; Fraga, 1992; 1996).

Odón de Buen dispuña dunhas calidades que lle resultaron moi beneficiosas para levar adiante o seu proxecto institucional. Dotado dunha grande habelencia para as relacións, estableceu numerosos contactos científicos e políticos que lle axudaron a acadar os obxectivos. Neste terreo actuou dun xeito pragmático, conciliando as súas posicións políticas e ideolóxicas coas de persoas de sensibilidades moi diferentes.

No camiño da creación do IEO resultou decisiva a axuda que recibiu de Albert Grimaldi, Albert I, Príncipe de Mónaco, 1848- 1922 (Morcos; Fraga & Parrilla-Barrera, 2013). Grimaldi era a máis salientable referencia internacional no mundo da Oceanografía. Desenvolveu 25 expedicións científicas e fundou o Musée Océanographique de Mónaco e o Institut Océanographique (Paris), en 1910 e 1911.

A correspondencia co Príncipe iniciouse en 1908, vía Jules Richard (1863-1945), director do Musée Océanographique. Odón de Buen ofreceu os seus servizos a Grimaldi para os proxectos oceanográficos deste e, coñecedor das súas boas relacións coa Casa Real española, solicitoulle apoio para os seus plans, ou sexa, para a creación dun centro de investigación oceanográfica en España. Nese proceso, De Buen trasladouse en 1911 para a Universidade de Madrid cara o establecemento do futuro IEO (Buen 2003: 115). En 1912, o Príncipe ofreceu dúas importantes conferencias en Madrid. Eses eventos e o apoio explícito de Grimaldi ao plan e a figura de Odón de Buen tiveron unha forte influencia sobre a Coroa e o Goberno de cara á creación do IEO e que este fose nomeado director. O naturalista español correspondería á axuda recibida colaborando en proxectos como a creación da Commission Internationale pour l´Exploration Scientifique de la Mer Méditerranée (CIESM).

A “batalla” polo control da investigación mariña en España

A creación do IEO agudizou o enfrontamento previo entre os proxectos de Odón de Buen e o Museo de Ciencias Naturales de Madrid. O grupo científico institucionista, con Ignacio Bolívar (director do Museo) á cabeza, apoiara o proxecto de Augusto González de Linares (1845-1904) para a creación da primeira Estación de Bioloxía mariña de España (1886) e a súa posterior instalación en Santander (1889). Ese centro colaborou estreitamente en numerosas actividades formativas co Museo, de quen pasou a depender desde 1901. Odón de Buen creara o Laboratorio de Portopi en Mallorca e loitou, con éxito para mantelo á marxe do Museo, o mesmo que as instalación de Melilla e Málaga.

Os diferentes enfoques dos proxectos de investigación mariña representados polo Museo e o IEO, o escaso desenvolvemento da Estación de Santander (por dificultades externas e as limitacións do propio Linares) e as ambicións institucionais dos protagonistas, levaron a una pugna polo control da estación de Bioloxía mariña de Santander. Esa situación decantouse en pouco tempo a favor do IEO, que pasou a exercer o control e recibiu o apoio dos buques militares para realizar as súas campañas oceanográficas. O Museo, despois dun intento falido de recuperar en 1917 a Estación de Santander, creou un Laboratorio Hidrobiolóxico en Valencia (1919). Porén tería que agardar ata 1932 para recuperar, coa creación da Estación de Bioloxía de Marín, unha nova “saída ao mar” (Casado de Otaola, 1997; Dosil & Fraga, 2001).

O Laboratorio de Vigo, os contactos con Ernesto Caballero e a publicación de Ducloux

En 1917 instalouse en Vigo primeiro centro do IEO, un Laboratorio situado no pavillón da Sociedade de Salvamento de Náufragos do porto de Vigo. Ata 1935 non se dotou do equipamento preciso. Odón de Buen acudirá en diversas ocasións a Galicia, establecendo distintos contactos. Desta etapa, concretamente de 1918, é a relación co importante micrógrafo Ernesto Caballero, profesor do Instituto de Pontevedra (Fraga; Varela & Costas, 1989). Buen ofrécelle a revista do IEO para publicar e pídelle que ensine a súa técnica a dous biólogos do IEO, os mozos Álvaro de Miranda e Miguel Pérez Gutiérrez, cuestión que se levou á práctica e que deu lugar a un traballo destes novos investigadores.

O cónsul francés en Vigo, Xavier Ducloux, recollera diversos exemplares da fauna mariña, dos que realizara varias fotografías. Odón de Buen encargaríase da publicación da versión española dese importante traballo, elaborado en 1900, cando o autor xa morrera. Trátase de “La pesca en España. Estado actual de esta industria en las provincias marítimas de Vigo y Villagarcía” (Ducloux, 1919), texto precedido dun limiar do propio De Buen no que salienta a colaboración do autor francés.

Por outra banda, na Conferencia oceanográfica de París asígnanse dous traballos á Oceanografía española, un deles a tabulación das flutuacións da pesca de especies de interese industrial nas costas galegas (Sala Catalá, 1988). Do tema encargáronse Odón e Fernando de Buen, e as pescudas que seguiron a esta directriz significaron un importante desenvolvemento da Oceanografía no Estado español.

O debate sobre a purga de mar na costa galega

Ramón Sobrino Buhígas (1888-1946) era catedrático de Historia Natural no Instituto de Pontevedra cando estudou o fenómeno das mareas vermellas que eran moi comúns no verán nas Rías Baixas, publicando un interesante artigo: “La purga de mar o hematotalasia” (Sobrino, 1918a). En 1916 as augas das Rías Baixas tinxíronse de vermello e Sobrino, por un lado, e por outro Odón del Buen a bordo do Hernán Cortés dotado dun excelente microscopio Zeiss, trataron de analizar o axente causante. Ningún dos dous o conseguiu (Gómez, 2006).

Ao ano seguinte, Sobrino xa dispoñía dun moderno microscopio Leitz e a marea vermella volveu. Coa axuda do seu colega Ernesto Caballero, realizou fotomicrografías que mostraban unha densa proliferación de Lingulodinium (=Gonyaulax) polyedra. Identificou esta como a especie causante da purga e publicou os resultados no artigo citado (Sobrino 1918a).

Sobre este mesmo tema aínda escribirá outro artigo, Réplica a la nota y observaciones de D. F. de Buen a la Memoria “La purga de mar o hematotalasia” (Sobrino, 1918b), no que contesta a Fernando de Buen (Buen, 1918), fillo de Odón quen, para defender unhas investigacións superficiais do pai, criticaba as realizadas por Sobrino. Fernando de Buen non proporciona ningún dato ou nome sobre o suposto radiolario causante da marea vermella, segundo o seu pai, e non da resultados das mostras recollidas en 1917 (Gómez, 2006). A resposta de Sobrino foi contundente: rebateu punto por punto as descualificacións e, no remate, fixo unha durísima crítica contra o IEO por non empregar todos os medios ao seu alcance para o estudo de problemas tan importantes. Na polémica non estaba ausente o comentado enfrontamento institucional entre o Museo de Ciencias e o IEO. Sobrino, formado no Museo e na Estación de Bioloxía mariña de Santander, sería peza clave para o establecemento polo Museo da Estación de Bioloxía mariña de Marín en 1932.

Impacto docente e político

Odón de Buen incidiu en Galicia no labor de divulgación do darwinismo e das modernas concepcións biolóxicas que propiciaban os seus excelentes manuais de Historia Natural. Estes innovadores libros eran especialmente apreciados nas bibliotecas dos centros obreiros e librepensadores galegos.

A marxe da súa actividade científica, De Buen formou parte da comisión de Solidaritat Catalana que acudiu a Galicia, en 1907, en apoio de Solidaridad Gallega, participando en mitins en Betanzos e A Coruña. Como senador republicano por Barcelona, en 1909, protestou e interpelou ao Goberno pola matanza de Oseira (Durán, 1974).



Bibliografía:


Fontes impresas:

BUEN Y DEL COS, O. de (1887): Materiales para la fauna carcinológica española, Anales Soc. Esp. Hist. Nat. , XVI: 405-434.

BUEN Y DEL COS, O. de (1916): El Instituto español de Oceanografía y sus primeras campañas, Memorias del Insto. Esp. de Ocean., 1: 26-32.

BUEN Y DEL COS, O. de (1919): Mr. Xavier Ducloux y sus trabajos sobre peces y pesca de Vigo, Boletín de Pescas, 31-32: 81-83.

BUEN Y DEL COS, O. de (2003): Mis memorias, Zaragoza: Institución “Fernando el católico” (CSIC).


Bibliografía secundaria:

ARQUÉS, J. (1984): Els veritables fets sobre la suspensió del cientific darwinista Odón de Buen de la seva Catedra de la Universitat de Barcelona el 1895, Actas II Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias, Jaca, 27 de Septiembre- 1 de Octubre, 1982, V. 1: 285-304.

BOSQUE MAUREL, J. (2003-2004): Odón de Buen, Boletín de la Real Sociedad Geográfica, 139-140: 267-292.

BUEN, F. de (1918): Sobre la coloración roja del agua en la Rías Bajas y la biología de la sardina. (Notas a una Memoria del Sr. Sobrino). Boletín de la Real Sociedad de Historia Natural, XVIII: 327-331.

CASADO DE OTAOLA, S. (1997): Los primeros pasos de la ecología en España, Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

CAZURRO, M.; ARIAS ENCOBERT, J. (1921): Ignacio Bolivar y las Ciencias Naturales en España, Madrid: Impr. Clásica Española.

DOLLFUS, A. (1892): Catalogué raisonée des Isopedes terrestres de l'Espagne, Anales Soc. esp. Hist. Nat., XXI: 161-190.

DOLLFUS, A. (1893): Catalogué raisonée des Isopedes terrestres de l'Espagne. Ier. Supplément, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., XXII: 47- 51.

DOSIL, X. & FRAGA, X.A. (2001): Constitución de la estación de Biología marina de Marín (Pontevedra), Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas , Pontevedra: Servicio de publicacións Deputación Provincial de Pontevedra; Tomo I: 185-192.

DURÁN, J.A.(1974): Buen y Cos, Odón de, Gran Enciclopedia Gallega, IV: 67-68, Santiago: Silverio Cañada.

FRAGA, X.A.; VARELA, M. & COSTAS, E. (1989): As investigacións micrográficas de Ernesto Caballero (1858-1935), Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

FRAGA, X. A. (1992):Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

FRAGA, X. A. (1996): La institucionalización de la biología marina en España. El mito de González de Linares (1845-1904), Antilia (Revista Española de Historia de las Ciencias de la Naturaleza y de la Tecnología), v. II, art. 1. ISSN 1136-2049.

GÓMEZ, F. (2006): Historia de las investigaciones sobre dinoflagelados marinos en España, Llull, 29: 307-329.

GOMIS, A. (2011): Odón de Buen: cuarenta y cinco años de compromiso con la universidad, Asclepio, LXIII, 2: 405-430.

GONZÁLEZ BUENO, A. (1982): La Sociedad Linneana Matritense, Folch, G & Puerto,F.J. (eds.)., Medicamento, Historia y Sociedad, Madrid: Universidad Complutense; p. 511-538.

MORCOS, S.; FRAGA, X.A. & PARRILLA-BARRERA, G. (2013): The Dawn of Spanish Oceanography: Odón de Buen and his letters to Henri de Lacaze-Duthiers (Banyuls-sur-Mer), Prince Albert I and Jules Richard (Monaco), 1895-1945, Groeben C. (ed), Places, People, Tools Oceanography in the Mediterranean and Beyond. Proceedings of the Eighth International Congress on the History of Oceanography (ICHO VIII, Naples, June 2008); p. 267-298.

PARRILLA-BARRERA, G. (2005): Odón de Buen, Forerunner of Spanish Oceanography, Oceanography, 18 (4): 128-135.

PÉREZ DE RUBÍN J. (2004): 90º Aniversario. El Instituto Español de Oceanografía: sus origenes y primeras investigaciones, Madrid: Instituto Español de Oceanografía.

PUIG-SAMPER MULERO, M.A.; FERNANDEZ PEREZ , J. & MARRODAN SERRANO, M.D. (1984): El viaje de la fragata Blanca (1886), Actas II Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., Zaragoza: Gráficas Navarro; t. II: 281-296.

SALA CATALA, J. (1988): Las primeras campañas oceanográficas españolas, Estudios sobre Historia de la Ciencia y de la Técnica, Valladolid: Junta Castilla León; t. II: 665-669.

SOBRINO BUHIGAS, R. (1918a): La purga de mar o hematotalasia. Memorias de la Real Sociedad Española de Historia Natural, t. X. Memoria 9: 407-461.

SOBRINO BUHIGAS (1918b): Réplica a la nota y observaciones de D. F. de Buen a la Memoria “La purga de mar o Hematotalasia”, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, XVIII: 348-356.