culturagalega.org

Alexander von Humboldt

Desde Galicia cara o descubrimento científico de América

comparte esta páxina:

Retrato de Humboldt por Friedrich Georg Weitsch (1806).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Berlín 1769
  • Falecemento: Berlín 1859
Desenvolveu unha ampla actividade, na que salienta a expedición americana, e que inclúe publicacións de notable difusión. Pretendeu priorizar as experiencias e observacións sobre a formulación de teorías, se ben, como veremos, a súa obra está seriamente condicionada por concepcións científicas. Máis que un pensador orixinal, salientou porque soubo integrar valiosas e diversas contribucións.

Humbodlt pescudou en moitos e variados temas, un “activismo” que el mesmo asociou a certo desacougo persoal: “Inquieto, agitado, y sin poder disfrutar nunca de algo que he terminado, no soy feliz sino emprendiendo cosas nuevas y haciendo tres cosas a la vez […] Habría prestado más servicio por las cosas y los hechos que he comunicado, por las ideas que desperté en los demás, que por mis propias obras publicadas” (Humboldt, 1980: 263).

Pioneiro na atención prestada á comunicación da ciencia, divulgou dun xeito sedutor novos achádeos e perspectivas da investigación, combinando unha descrición precisa dos fenómenos coa imaxe atractiva, unitaria e impoñente dos escenarios naturais. Os seus escritos foron acollidos con entusiasmo polo público do seu tempo, espallando a imaxe da ciencia como modelo intelectual rigoroso e poderoso instrumento na busca do benestar e felicidade humana. Asemade, construíu unha vasta rede de comunicación con numerosos especialistas.

Buscou e acadou un grande recoñecemento e foi modelo de científico, viaxeiro ilustrado e divulgador. Esa imaxe complétase coa consideración de cidadán comprometido co liberalismo progresista, un "savant démocrate", impresión que conciliou cun estilo e formulacións moderados que casaban con certa ambigüidade política.

O pensamento científico de Humboldt mantén certa vixencia. A súa visión global do mundo, o respecto polas diferentes culturas, a defensa da interacción entre o coñecemento humanístico e científico sitúano como un pensador fundamental na construción da modernidade cultural e científica. Asemade, e de xeito máis restrinxido, podemos dicir que foi un pioneiro no estudo científico do medio ambiente. De feito, cando aínda non existía a Ecoloxía como disciplina científica, Humboldt expresou unha primeira formulación dun programa de estudo de claro contido ecolóxico. De feito, o sabio prusiano fundou a xeografía botánica, unha das bases da ecoloxía vexetal.

Formación e primeiras actividades

Fillo de Alexander Georg von Humboldt, tesoureiro real, e da viúva baronesa de Holwede, que descendía de hugonotes franceses fuxidos a Prusia, a familia contratou a Joachim Heinrich Campe, salientable masón, como preceptor de Alexander e do seu irmán Wilhelm. Posteriormente, Gottlob Christian Kunth pasaría a desenvolver esa titoría e achegounos á casa do ilustrado filósofo xudeu Moses Mendelssohn e ao salón que dirixía o sobranceiro médico e tamén filósofo xudeu Marcus Herz, quen fora discípulo de Immanuel Kant, e a súa muller, Henriette de Lemos. Henriette era filla dun médico de Hamburgo, Benjamin de Lemos, quen descendía dunha familia xudía portuguesa que podería proceder de Galicia, concretamente da relevante comunidade do val de Lemos. O salón dos Herz, “xudeus emancipados”, salientaba na vida cultural berlinesa de fins do século XVIII: Marcus desenvolvía un seminario científico e Henriette unha xuntanza literaria. Aos eventos acudían persoeiros da intelectualidade berlinesa. Os Herz crearon con diversos amigos, e entre eles os irmáns Humboldt, unha asociación da boa conduta (Tungendbund).

En 1787 pasou a estudar filosofía e ciencias naturais á Universidade de Francfort am Oder. Ao ano seguinte retornou a Berlín e tivo a fortuna de coñecer a C.L. Wildenow, quen lle ensinou Botánica. En 1789 reuniuse co seu irmán Wilhelm na Universidade de Göttingen, un relevante centro académico que albergaba importantes científicos. Recibiu clases de Johann Friedrich Blumenbach, e con el e con outros profesores, como Georg Christoph Lichtenberg, mantería Alexander posteriores contactos científicos. Tamén alí fixo amizade con Personne, Schrader, Van Guens, Link, que serían botánicos. De regreso de Göttingen estudou os basaltos do Rhin, o que deu lugar a que, con vinte anos, publicara o seu primeiro traballo científico.

Por ese tempo coñeceu a Georg Forster, quen acadara sona por participaren como debuxante de historia natural na segunda expedición de James Cook, acompañando ao seu pai, Johann Reinhold Forster. Forster levouno a unha viaxe polo Rhin, Bélxica, Holanda, Inglaterra e a Francia revolucionaria. Estimulou en Humboldt a identificación co proceso revolucionario francés, se ben, con relación a esa cuestión os comportamentos posteriores destes dous amigos foron ben diferentes. Mentres Forster se comprometeu totalmente co proceso revolucionario, Humboldt volveu aos seus estudos e actividades e adoptou unha posición política moito máis moderada. Ao ano seguinte pasou a estudar xeoloxía, mineraloxía e minería na Academia de Minas de Freiberg co grande xeólogo Abraham Gottlob Werner, inspirador do “neptunismo”. A aprendizaxe xeolóxica levaríao ao seu primeiro emprego, a exercer en 1792 a inspección de minas dos distritos mineiros de Franconia. Nese tempo realizou diversas pescudas, que plasmou na Flora fribergensis plantas criptogámicas praesertium subterráneas recenses e nun ensaio sobre a fisioloxía química das plantas. Dilixente, visitou minas, elaborou informes, ideou algún aparato e pasou de inspector auxiliar a inspector xefe.

En 1794, Wilhelm Humbodlt mudouse a Weimar, invitado por Friedrich Schiller. Esa cidade e o veciño centro universitario de Jena constituían a capital cultural de Alemaña, onde residían salientables intelectuais, como Friedrich Schelling e Johann Wolfgang von Goethe. Alexander visitou ao irmán, tomou contacto co seu círculo de amizades e realizou estudos de anatomía e fisioloxía na universidade de Jena. En 1795 realizou unha viaxe a Suíza e Italia. En novembro de 1796 morreu a súa nai e organizou unha nova viaxe, permanecendo varios meses en Viena, onde estableceu unha estreita relación persoal con M. von der Scholl.

De xeito parello ás anteditas ocupacións, entre 1792 e 1796 Humboldt desenvolveu unha ampla actividade investigadora sobre o galvanismo, tema no que confluía o seu gusto polas novidades científicas e preocupacións filosófico-científicas, na busca de fluídos universais (Fraga, 2008). En 1797 marchou a París, onde se relacionou con importantes científicos, como Georges Cuvier e Antoine Laurent de Jussieu. Ao ano seguinte traballou varios meses con relevantes químicos e coñeceu a Nicolas Baudin e Aimé Bonpland.

Cara a expedición americana. Contactos na Corte española e a obtención do permiso para a viaxe

Desde moi novo tivo a intención de realizar unha expedición por afastados países. Diversos episodios da súa biografía estimularon ese obxectivo, salientando o contacto con Forster. A idea ao chegar á Península con Bonpland era pasar a África, pero en Madrid modificou a ruta, xurdindo o plan da viaxe americana, que, neste sentido, ten a súa orixe na capital española. En marzo de 1799, Carlos IV concedeu a Humboldt un permiso para estudar, de forma particular, os amplos territorios da Coroa española en América.

Para seguir a estancia de Humbdoldt en España cómpre consultar as súas publicacións e manuscritos e o estudo de Puig-Samper & Rebok (2007). Leitner (2011) fixo públicos un dos diversos escritos que o prusiano redactou sobre a visita, que conteñen notas sobre xeoloxía, clima e plantas. Outra fonte para esta cuestión é o texto que Humboldt presentou en Filadelfia a American Philosophical Society (Puig-Samper & Rebok, 2008).

Instalado en Madrid, accedeu, grazas a Phillipe de Forell, ao responsable da Secretaría de Estado, Mariano Luis de Urquijo, quen ocupou ese posto, como titular, entre febreiro de 1798 e decembro 1800. Urquijo pasara un tempo na embaixada española en Londres, onde “mostró su adhesión total a los jacobinos franceses y a su política” (Blanco White, 2004: 263). O Directorio francés ordenara a Napoleón a ocupación dos Estados Pontificios, pero este acordou o Tratado de Tolentino o 19 de febrero de 1797, salvando a Roma do asalto. Blanco White conta que, cando se decatou, Urquijo, “(…) intentó suicidarse arrojándose al estanque de los jardines de Kensington, defraudado al ver que con ese tratado desaparecían sus esperanzas de ver la definitiva destrucción del Papado” (Blanco White, 2004: 263). Urquijo era decidido partidario do Directorio e de limitar os poderes materiais da Igrexa, posición nas que coincidía coa política francesa, pero co acceso de Napoleón ao poder e o establecemento dun concordato co Papado en 1801, Urquijo perdeu influencias e foi substituído. Polo tanto, Humboldt recibiu un apoio decisivo dun político que estivo escaso tempo ao fronte do poder e cun perfil moi definido e pouco habitual entre os gobernantes españois da época.

Nos momentos previos á viaxe americana Humboldt era un científico escasamente coñecido para o mundo académico español, coa excepción do seu traballo botánico e, sobre todo, as experiencias galvánicas. Sen embargo, contou co respaldo dun grupo que estaba accedendo ao control da ciencia natural española, unha reducida pero consistente e valiosa comunidade. Ese apoio permitiu, ademais, que Humboldt acadara unha valiosa información científica para o desenvolvemento da súa expedición americana. Esa cuestión, e a preocupación para unha inmediata saída, pola conciencia de gozar dun permiso privilexiado e o xustificado temor a un cambio político que o botara por terra, centraron o seu labor na súa estancia en España, sobre a que carecía, pois, dun programa científico de traballo, máis alá de que aproveitara a visita para realizar algunha observación.

No diálogo entre Forell e Urquijo xurdiu un permiso, adaptado aos desexos de Humboldt. A única condición indicada era unha xenérica, o enriquecemento dos fondos dos establecementos científicos do Reino. Á volta de América as importantes coleccións recollidas foron cara centros museísticos europeos e o enviado aos establecementos españois resultou marxinal. Un permiso que poderíamos xulgar excesivo, considerado desde a perspectiva dos intereses de España nesa época. Debemos reparar en que, por exemplo, o vicerrei de Nueva España (México) deixoulle acceder aos arquivos (Fernández, 2002: 213) e Humboldt puido coñecer polo miúdo as importantes explotacións mineiras mexicanas. O prusiano acudiría a continuación aos Estados Unidos de América (primavera de 1804) para visitar ao presidente Jefferson, quen obtivo de Humboldt información precisa sobre o territorio fronteirizo mexicano, condicións xeográficas, riquezas, etc. (Botting, 1988: 165-166; Fernández, 2002: 234). Asemade, pasoulle documentos, cartas e mapas a Gallatin, secretario do Tesouro americano (Fernández, 2002: 234).

Sorprende a neglixencia das autoridades españolas en todo este proceso, que contrasta coa desconfiada posición portuguesa (Minguet, 1980: 254; Fernández, 2002: 123). Os “liberais” británicos tampouco foron tan comprensivos con Humboldt. En 1818 aceptaba pasarlles información política sobre as colonias españolas de América a cambio de que lle permitiran visitar a India, pero o ministro Canning non concedeu o permiso (Fernández 2002: 244) e a Compañía Británica das Indias Orientais non lle facilitou o salvaconduto (Fernández 2002: 268). O prusiano si que puido desenvolver unha nova expedición, neste caso en 1829, a Siberia, pero “se le advirtió de que debería guardar silencio sobre los aspectos sociales y la vida de los campesinos rusos que pudiera observar” (Fernández 2002: 278).

Estancia en Galicia, saída desde A Coruña

Inicialmente, Humboldt pensaba marchar cara América desde Cádiz, pero o peirao ficaba pecho pola guerra cos ingleses e decidiu ir ao de A Coruña. Marchou de Madrid a mediados do mes de maio e atravesou os vales galegos, que lle lembraron “os sitios máis pintorescos de Suíza e do Tirol”.

Na cidade herculina pasou dez días, estivo hospedado na “Fonda de Oro” e recibiu atencións por parte dunha importante autoridade, Rafael Clavijo y Socas, brigadier da Armada, enxeñeiro director do Cuerpo de Ingenieros Navales desde 1798 e responsable dos correos marítimos. Era sobriño de José Clavijo y Fajardo, quen lle solicitara que atendera ao científico prusiano e lle facilitara todos os medios precisos para embarcar. Tamén puido contactar, segundo os seus escritos, con Francisco Roldán y Gil, fillo dun rexedor de Betanzos e con protagonismo no trienio liberal.

Desexaba unha rápida saída pero aproveitou o tempo da estancia coruñesa para desenvolver un amplo labor. A súa primeira ocupación foi a de fixar a posición xeográfica de Ferrol (Lorenzo, 2005). Utilizou un cronómetro construído por Berthaud, o número 27, e empezou tomando a hora do mediodía en A Coruña, modificouna segundo o erro que supuña tiña o cronómetro e calculou a diferencia en que se producía ese fenómeno en París, establecendo una lonxitude para Ferrol de 42´23´´ respecto á de París.

Asemade, recolleu e preparou plantas procedentes dos “fermosos vales de Galicia”, que, esaxeradamente, di que non foran ata entón visitados por ningún outro naturalista, e examinou algas e moluscos. Tamén revisou os datos de altitude que fora tomando na viaxe por España, que lle permitirían formular por vez primeira a existencia da meseta central na Península, e visitou a Torre de Hércules, que fora recentemente restaurada, 1788-1790, baixo a dirección do enxeñeiro Eustaquio Giannini.

Posteriormente realizou unha travesía mariña ata Ferrol, indicando que “Non ofrece Europa enteira tan extraordinario fondeadoiro [o de Ferrol] en razón da súa avanzada posición no interior das terras”. A viaxe fora preparada por Rafael Clavijo e aproveitouna para medir a distancia entre a Torre de Hércules e o peirao ferrolán, corrixindo a establecida previamente. Na cidade departamental tivo como acompañante ao "Sr. de Herrera”, que debe ser o oficial de Mariña Manuel Díaz de Herrera, quen traballara no Observatorio astronómico da Armada de Cádiz, e que no momento da visita estaba destinado en Ferrol como tenente de fragata.

Humboldt explicou como na travesía a Ferrol, nun baixío, preto de Pena Branca, realizaron, por medio dunha sonda termométrica, algunhas experiencias sobre a temperatura do océano, facéndose eco dunha publicación sobre o uso do termómetro na navegación de Jonathan Williams, sobriño e asistente de Benjamin Franklin. A memoria, presentada na American Philosophical Society (Williams, 1793), pretendía establecer unha relación entre a temperatura do mar e a profundidade, a efectos de axudar aos navegantes. A utilidade da obra levou a que as autoridades españolas decidiran a súa case inmediata tradución, acompañada do comentario de Cipriano Vimercati, director da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol (Vimercati, 1794). Un mar groso do noroeste impediu a Humboldt continuar na baía de Ferrol as experiencias. O prusiano repetiría medicións da temperatura da auga do mar en América, descubrindo a corrente fría que hoxe denominamos de Humboldt.

Unha das súas principais ocupacións consistiu na preparación dunha abondosa correspondencia. Desde A Coruña enviou cuarenta e tres cartas (Moheit, 1993 b). Do día un de xuño é a carta que dirixe ao barón de Forell, na que lamenta que non puideran ver xuntos as montañas de Galicia, "tan extrañas nas súas formas"; tamén fai referencia á pobreza e laboriosidade dos labregos, sinalando que non sempre o traballo conduce ao benestar.

Aínda sen poder saír, observa, o 28 de maio, unha tormenta sobre a cidade (Leitner, 2011: 568). Empeza xuño con preocupación, traslada os libros, instrumental e roupa a bordo do barco Pizarro e atende ás novas sobre barcos ingleses. O 5 de xuño todo se apresura, a saída pode ser inmediata, pola mañá introduce nos sobres as cartas que escribira e fai diversas xestións, pero lle comunican un novo aprazamento. Estes últimos momentos de Humboldt en terras galegas poñerán en evidencia un aspecto singular do seu comportamento, un interese un tanto excesivo polos cartos. Primeiro queixárase do custe da “chalupa” que o levou ata o Pizarro para deixar as súas pertenzas, “un honor muy gravoso de pagar”. O atraso na saída permitiulle gozar dunha agradábel comida na fonda e comenta: “Esta demora tuvo además otra ventaja, ya que me ahorraba un enorme disgusto económico. Debía al dueño de la fonda 100 pesos, que él me había prestado al contado. Por la mañana no se acordó y me dejó marchar a toda prisa. Hasta ahora no se habrá percatado” (Puig-Samper & Rebok, 2007: 240). Ou sexa, o grande Alexander von Humboldt deixou un calote na cidade da Coruña.

Ás dúas da tarde Humboldt e Bonpland están xa a bordo do Pizarro, que pouco despois, ao mando do capitán Cajigal, saíu do peirao coruñés, iniciando unha das expedicións científicas máis importantes da historia. O prusiano lembrou ao “infortunado” Alesandro Malaspina, preso no castelo de Santo Antón, utilizando, como adoitaba facer, algunha palabra grega no seu diario, a xeito de protección fronte os ollos de posibles vixiantes, aos que supuña, obviamente, que non coñecerían ese idioma. A saída da baía coruñesa non foi doada, o barco tivo un momento de perigo preto do castelo de Santo Amaro e ás 18.30 pasou pola torre de Hércules. Ás 21 horas ten o derradeiro contacto co continente europeo, a luz dunha cabana de pescadores das illas Sisargas.

Concepcións e obxectivos científicos de Humboldt no inicio da viaxe americana

Nun certo paralelismo co que era a súa orixe familiar, Humboldt mesturaba na formación e perspectiva científicas unha notable síntese. En primeiro lugar, un elemento fundamental e decisivo na súa metodoloxía e concepcións, as propostas de Goethe e da Filosofía Natural alemana (Naturphilosophie), salientando a importancia do suxeito que experimenta e entendendo que existe un vínculo entre a enorme variedade dos fenómenos particulares da natureza (rexida por regras definitivas e coherentes). En segundo lugar, un coñecemento disciplinar atento aos avances das ciencia en Francia. Efectivamente, tamén nesta cuestión amosouse un extraordinario integrador de influencias diversas e aí reside a súa orixinalidade.

Nos momentos previos á viaxe americana Humboldt mantiña, basicamente, tres liñas de investigación (Jahn, 2001): a investigación biolóxica sobre a distribución das plantas e as súas condicións ecolóxicas en relación coas “forzas” físicas; os experimentos químicos e electrobiolóxicos con organismos vivos en orde a entender o proceso vital, mesmo a relación entre a materia viva e non viva; o estudo da forma superficie do planeta, en relación ao clima e datos físicos, incluíndo a incidencia dos factores humanos na natureza. Estes programas de traballo darían lugar, nos anos seguintes, a resultados concretos, como o traballo sobre a xeografía das plantas, a electricidade nos peixes, o xeomagnetismo e o estudo das capas do globo.

Desde esa perspectiva, a expedición americana tiña un obxectivo científico xeral: "La observación de la armonía de plantas y animales en la creación” (Moheit, 1993a: 33). Pero, asemade, Humboldt afrontaba outro máis concreto, ao que da unha grande relevancia, ligado aos seus traballos xeolóxicos previos, recollido no seu manuscrito "Parallelismus der Schichten" (Beck, 1957; Díaz-Fierros, 1999). O manuscrito tiña o singular carácter de "testamento literario", un documento que en previsión dalgunha desgracia que lle puidera ocorrer na viaxe, pretendía reunir e sintetizar a contribución científica de Humboldt ata o momento, quen entende que se trataba dos seus estudos sobre a composición e disposición dos estratos. Pretendía demostrar, no contexto das teorías neptunistas do seu mestre Werner, como a inclinación dos estratos é semellante en todo o planeta, independentemente da forma e orientación das montañas.

Viaxe americana

A expedición americana foi seguida con grande interese en España. O propio Humboldt preocupábase de que a viaxe recibira a atención precisa entre o público. Instaba aos seus contactos para que deran a coñecer, como se a iniciativa fose súa, algunhas cartas e artigos (Moheit, 1993b). Realmente, Humboldt sempre soubo facer unha promoción axeitada da súa imaxe.

O labor desenvolvido polo científico prusiano en América (1799-1804) foi inmenso e afectou a moi diversos temas. Recolleu e identificou plantas, observou constelacións, mediu altitudes e o magnetismo terrestre, cartografou territorios descoñecidos, estudou a composición química de numerosas sustancias, investigou a electricidade animal, pescudou nas estruturas xeolóxicas, relacionou os diversos compoñentes da natureza, etc.

Ao seu regreso residiu en París de 1808 a 1827 co fin de avaliar e publicar os resultados obtidos. No seu Ensaio sobre a Xeografía das plantas (1807), propoñería unha nova perspectiva, o estudo das plantas desde o punto de vista da súa distribución. O texto, dedicado a Goethe, tiña precedentes nos traballos de Immanuel Kant e Carl Wildenow (Dosil & Fraga, 1999) e foi editado por vez primeira en España en 1999, concretamente no idioma galego (Dosil; Fuentes & Fraga, ed., 1999). Desde 1827 viviu en Berlín como xentilhome de cámara da corte prusiana. En 1829 realizou unha nova expedición, neste caso aos Urales e Siberia.

Contactos cos científicos galegos

Entre os científicos galegos, un dos que mostrou maior recepción á obra e vida de Humboldt foi Ramón de la Sagra. Neste pensador e científico atopamos que un similar enfoque ideolóxico ía unido a un interese por algunhas das investigacións de Humboldt (Cambrón, 1989). Protexido de Mariano Lagasca, e con outros amigos comúns, coincidiron colaborando nunha publicación liberal relacionada con ambientes masónicos, La Crónica científica y literaria de Madrid (1817-1820). Por outra banda, cando Sagra marchou para Cuba desenvolveu un traballo sobre a temperatura da auga moi relacionado cos estudos similares de Humboldt (Sagra, 1823), onde alude ao prusiano, "... solo el Barón de Humboldt y el desgraciado La Pérouse me presentaban en el plan de trabajos un cuadro que abrazase todo el problema en su generalidad..." (Sagra, 1823: 211). Os traballos de Sagra sobre a illa de Cuba teñen o precedente do Ensayo do prusiano. Sagra manterá correspondencia con Humboldt; non se conservan cartas do coruñés, pero si unha do seu interlocutor (Postdam, 19 de xuño de 1838; Anónimo, 1993: 160), publicada no Noticiero y Lucero (La Habana, nº 341, 9 de diciembre de 1838), na que lle agradece o envío do libro de Sagra sobre Cuba, que denomina "La historia física y política de la isla de Cuba", e eloxia ao autor. A esta carta debe corresponder outra, tamén conservada, de 17 de xuño, na que Humboldt da instrucións a unha persoa descoñecida para que lle faga entrega a Sagra dunha en París (Suckow, com. pers., 1999).

Pero máis alá deses contactos, Sagra amósase como receptor das propostas xeográficas de Humboldt (Quirós, 1995). Mesmo aparece como un dos autores que manifesta nalgún momento unha posición filosófico-científica próxima á do científico prusiano. Por outra banda, Antonio Valenzuela y Ozores (1819-1866), na súa Memoria agronómica , acudiu á autoridade de Humboldt para defender o papel das árbores no equilibrio natural, como conservadores e reguladores das augas e do clima.



Bibliografía:




Fontes impresas:

HUMBOLDT, A. von (1803): Experiencias acerca del galvanismo, y en general sobre la irritación de las fibras musculares y nerviosas, por Federico Alexander Humboldt, Madrid: Imprenta de la Administración del Real Arbitrio de Beneficencia; traducción de D.A.D.L.M.

HUMBOLDT, A. von (1807): Essai sur la Geographie des Plantes, Paris: Schoell.

HUMBOLDT, A. von (1814-1825): Voyage aux régions équinoxiales du nouveau continent, fait dans les années 1799 á 1804, 3 tomos; 1º, 1814, París: F. Schoell; t. 2º, 1819, París: J. Smith et Gide Fils; t. 3º, 1825, París: J. Smith et Gide Fils.

HUMBOLDT, A. von (1980): Mis confesiones, Charles Minguet (compilador), Alejandro de Humboldt. Cartas americanas, Caracas: Biblioteca Ayacucho; p. 259-264.

HUMBOLDT, A. von (2003): Cuadros de la Naturaleza, Madrid: Los libros de la catarata; traducción de Bernardo Giner, introducción de Puig-Samper, M. A. & Rebok, S.

HUMBOLDT, A. von (2010): Vistas de las Cordilleras y monumentos de los pueblos indígenas de América, Puig-Samper, M. A.; Rebok, S. (ed.), Madrid: CSIC/Los libros de la catarata.

HUMBOLDT, A. von (2011): Cosmos: Ensayo de una descripción fisica del mundo, Rebok, S. (Ed.). Madrid: Los libros de la catarata/CSIC.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1992): Ramón de la Sagra y Cuba. Textos, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, t. I; (1993) t. II.

BECK, H. (1957): Das literarische Testament Alexander von Humboldts 1799, Forschungen und Fortschritte; p. 65-70.

BLANCO WHITE, J. (2004): Cartas de España, Sevilla: Fundación José Manuel Lara.

BOTTING, D. (1988): Humboldt. Un savant démocrate, Paris: Belin.

CAMBRÓN, A. (1989): El socialismo racional de Ramón de la Sagra, A Coruña: Imprenta provincial.

CREMADES, J., DOSIL, J. & FRAGA, X. A. (ed.) (2005): Humboldt y la ciencia española, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

CUESTA DOMINGO, M. & REBOK, S. (coord.) (2008): Alexander von Humboldt: estancia en España y viaje americano, Madrid: Real Sociedad Geográfica & Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

DÍAZ-FIERROS, F. & ROZADOS, D. (coord.) (1999): Un novo mundo para un home universal. Partida desde A Coruña cara á súa viaxe americana, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

DÍAZ-FIERROS, F. (1999): O “testamento literario” de Alexander von Humboldt, Díaz-Fierros, F. & Rozados, D. (coord.), Un novo mundo para un home universal. Partida desde A Coruña cara á súa viaxe americana, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; p. 123-133.

DOSIL, J.; FUENTES, M. J. & FRAGA, X.A. (ed.) (1999): Ensaio sobre a Xeografía das Plantas (1807). Alexander von Humboldt, Pontedeume (A Coruña): Talleres Gráficos López Torre.

DOSIL, J.& FRAGA, X.A. (1999): Estudo preliminar, Ensaio sobre a Xeografía das Plantas (1807), Alexander von Humboldt, Pontedeume (A Coruña): Talleres Gráficos López Torre; p. 5-26.

FAAK, M. (2000): Alexander von Humboldt. Reise durch Venezuela, t. 12, Berlin: Akademie Verlag.

FERNÁNDEZ PÉREZ, J. (2002): El descubrimiento de la naturaleza. Humboldt, Madrid: Nivola.

FRAGA, X.A. (1999): As cartas de Humboldt e a viaxes ás rexións equinocciais, Díaz-Fierros & Rozados (coord.), Un novo mundo para un home universal. Partida desde A Coruña cara á súa viaxe americana, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; p. 65-73.

FRAGA, X.A. (2003): Alexander von Humboldt und Johann Wolfgang von Goethe in der spanischen Naturwissenschaft des 19. Jahrhunderts, Acta Historica Leopoldina, 38: 33-46.

FRAGA, X.A. (2005): La recepción de la obra científica de Humboldt en la España del siglo XIX, Cremades et al, Humboldt y la ciencia española, O Castro-Sada (A Coruña), Ediciós do Castro; p. 195-214.

FRAGA, X.A. (2008): Los experimentos sobre el galvanismo de Alexander von Humboldt y su recepción entre los científicos españoles, Cuesta Domingo, M. & Rebok, S. (coord.), Alexander von Humboldt. Estancia en España y viaje americano, Madrid: Real Sociedad Geográfica & Consejo Superior de Investigaciones Científicas; p. 201-219.

FRAGA, X. A. & DOSIL, X. (2001): Características y factores condicionantes de la recepción y difusión de la obra de Humboldt en España en el s. XIX, Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas, Pontevedra: Servicio de publicacións Deputación Provincial de Pontevedra; T. I, p. 313-324.

JAHN, I. (2001): Alexander von Humboldt´s cosmical view on Nature and his Researchs shortly before and shortly after his departure from Spain, Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas, Pontevedra: Servicio de Publicacións Deputación Provincial de Pontevedra, T. I, p. 31-39.

JAHN, I. & LANGE, F.G. (1973): Die jugendbriefe Alexander von Humboldt 1787-1799, Berlin: Akademie Verlag.

LEITNER, U. (2011): El diario de Alexander von Humboldt en España, Asclepio, LXIII, 2: 545-572.

LORENZO, J.A. de (2005): De la ilusión de medir al desasosiego de la medida, Cremades, J. Dosil, J. & Fraga, X. A. (ed.), Humboldt y la ciencia española, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro; p. 103-113.

MARTÍ MARCO, R. (2006): El naturalista Alejandro de Humboldt, Cavanilles y Juan Andrés, Cuadernos Dieciochistas, 7: 47-68.

MINGUET, Charles (compilador) (1980): Alejandro de Humboldt. Cartas americanas, Caracas: Biblioteca Ayacucho.

MOHEIT, U. (1993a): Alexander von Humboldt. Briefe aus Amerika (1799-1804), Berlín: Akademie Verlag.

MOHEIT, U. (1993b): Alexander von Humboldt und seine Zeitgenossen, Guntau et al., Alexander von Humboldt Natur als Idee und Abenteuer, Essen; p. 91-106.

PUIG-SAMPER, M.A. (1999): Humboldt, un prusiano en la corte del rey Carlos IV, Revista de Indias, LIX, 216: 329-355.

PUIG-SAMPER, M.A. (2005): La organización del viaje de Alexander von Humboldt y las exploraciones científicas españolas de su época, Cremades, J. Dosil, J. & Fraga, X. A. (ed.), Humboldt y la ciencia española, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro; p. 171-194.

PUIG-SAMPER, M.A.; MALDONADO, J.L. & FRAGA, X. A. (2004): Dos cartas inéditas de Lagasca a Humboldt en torno al legado de Mutis, Asclepio, LVI (2): 65-86.

PUIG-SAMPER, M. A. & REBOK, S. (2002): Alexander von Humboldt y el relato de su viaje americano redactado en Filadelfia, Revista de Indias, LXII, 224: 69-83.

PUIG-SAMPER, M. A. & REBOK, S. (2007): Sentir y medir: Alexander von Humboldt en España, Aranjuez (Madrid): Doce Calles.

PRÜFER LESKE, I., ed. (2009): Alexander von Humboldt y la actualidad de su pensamiento en torno a la naturaleza: Alexander von Humboldt und die Gültigkeit seiner Ansichten der Natur, Bern: Peter Lang AG

QUIRÓS LINARES, F. (1995): Ramón de la Sagra, epígono de Humboldt, G. Mendoza et al., Geógrafos y naturalistas en la España Contemporánea, Madrid: Universidad Autónoma de Madrid; p. 9-34.

SAGRA, R. de la (1823): Observaciones físicas hechas por D. Ramón Sagra en el Océano Atlántico, durante su viaje de la Coruña a la Habana, Memorias de la Sociedad Económica de la Habana, 46: 211-213.

REBOK, S. (2009): Una doble mirada: Alexander Von Humboldt y España en el siglo XIX, Madrid: CSIC.

VARIOS (2008): A. von Humboldt. Vida pensamiento y obra, Madrid: Planeta.

VIMERCATI, C. (1794): Memoria sobre el uso del termómetro en la navegación, presentada a la Sociedad Filosófica Americana de Filadelfia, para promover los conocimientos útiles, por Jonathan Williams uno de sus secretario, sacada del volumen tercero de sus Transacciones filosóficas. Traducida del idioma inglés de orden de S. M., Madrid: Vda. de Joaquín Ibarra (traducción do autor orixinal, Jonathan Williams, 1793).

WILLIAMS, J. (1793): Memoir of Jonathan Williams, on the use of the Thermometer in discovering Banks, Soundings, etc., Transactions of the American Philosophical Society, 3: 82-100.