culturagalega.org

Ramón Otero Acuña

Autor dunha das primeiras topografías médicas de Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 05/04/2013

Extras de Ramón Otero Acuña: 

Extras sobre Ramón Otero Acuña:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2013], “Ramón Otero Acuña”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=435
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Descoñecida Cádiz
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1876
Natural de Cádiz, en 1839 era profesor axudante do Colexio de Cirurxía da cidade andaluza, na que en 1853 publicou o libro Memoria sobre la ablación de la matriz a propósito de un caso práctico terminado con éxito. En 1854 foi nomeado catedrático de Patoloxía cirúrxica da Universidade de Santiago, posto no que permaneceu ata a súa morte.

Formou parte do núcleo de profesores que consolidou a Facultade de Medicina compostelá e pertenceu ao consello editorial da Revista de ciencias médicas (Santiago, 1856-7), dirixida por Varela de Montes, na que publicou oito artigos, en gran parte de carácter filosófico e nos que manifesta unha forte crenza nos dogmas do catolicismo que non lle permite admitir a medicina experimentalista que practicaban os médicos máis progresistas do momento. Medicina e relixión son, para Ramón Otero, inseparables: “una demuestra las maravillas de la Naturaleza y la otra ostenta las del Credo”. As frases que seguen a continuación, tiradas dos seus artigos na Revista de ciencias médicas, son unha mostra do lastre que supón a relixión na súa concepción da ciencia: “Refugiándonos bajo la saludable égida de la Iglesia, ante la que la ciencia abdica inclinándose”; “en los estudios del Hombre no ha de separarse el alma de su organismo ni el organismo de su alma”; “Concebimos el Hombre tal cual resulta de el texto de nuestros anales sagrados”; “[Leyes del Universo] Leyes que tampoco son otra cosa que la continuación de la suprema voluntad del Altísimo”; “[el panteísmo] forma superior de la filosofía atea que borra de un golpe la personalidad de Dios y la responsabilidad del Hombre”; “todo viene de Dios” (Otero Acuña, 1856a, 1856b, 1856c).

Segundo Barreiro Fernández (2003), en 1859 publicou Reseña del estado actual de las ciencias médicas, obra que non puidemos atopar nin consultar pero que polo que conta o profesor Barreiro, non semella estar lonxe, polo menos na súa concepción da ciencia médica, do que xa expuxera nos seus artigos da Revista de ciencias médicas. En 1860 colaborou con dous artigos na revista La Joven Galicia (Santiago, 1860), dirixida polo catedrático de Historia Natural da Universidade compostelá, José Planellas Giralt, e na que tamén colaboraron dous profesores da Facultade de Medicina, José Andrey e Luis Rodríguez Seoane. Nun dos artigos, “El Progreso constante”, volve sobre as súas preocupacións filosóficas e mostra de novo a carga relixiosa no seu discurso: “el progreso es una ley impuesta a nuestra naturaleza por la Omnipotencia” (Otero Acuña, 1860a).

Conta González Guitián (2008) que ata 1860 non apareceron de novo textos publicados por profesores da Universidade de Santiago dirixidos aos estudantes. Ramón Otero publicará varias obras deste tipo, a primeira, Lecciones de Patología quirúrgica (¿1860?), á que lle seguirán Clave de patología general y especial quirúrgica doctrinal y clínica en alivio del estudiante (1872) e Brevísimo compendio de Patología Quirúrgica doctrinal y clínica (1875). Tamén anunciou, nas Lecciones e nas paxinas de La Joven Galicia, un Manual teórico práctico de Cirugía do que non temos máis novas que a súa declaración de que o ía publicar cando xuntara un suficiente número de subscritores que non fixeran gravosa a súa publicación.

En 1865 asinou, xunto con Varela de Montes, José Andrey e José Montero Ríos, un manifesto de médicos de toda España que se opoñían á solicitude de incluír a Homeopatía como disciplina académica (González Guitián, 2008). Dous anos despois publicou a súa obra máis sobranceira, Galicia médica: apuntes para servir al estudio de la geografía médica de Galicia, e en 1872, leu o discurso inaugural do curso académico 1872-1873, “Vicisitudes de la Medicina, como ciencia y arte en relación con los demás conocimientos”. Neste texto, como na Clave de patología general... , publicada tamén en 1872, declárase partidario do inclusivismo médico, unha sorte de eclecticismo entre o vitalismo, que defendían os médicos españois máis conservadores, e o organicismo ou experimentalismo, que practicaban os máis progresistas, entre o materialismo e o espiritualismo. Un ano antes, en 1871, xa defendera o eclecticismo médico, hexemónico na Facultade de Medicina, na súa intervención, como membro do tribunal, na oposición á cátedra de Patoloxía xeral da Universidade de Santiago á que se presentaron Timoteo Sánchez Freire e Ramón Varela de la Iglesia. Otero apoiou ao “candidato da casa”, Sánchez Freire, gañador da oposición fronte ao innovador Varela de la Iglesia (Fraga Vázquez & García Caeiro, 1998).

A súa obra máis notable e coñecida, Galicia médica (1867), pertence ao xénero das topografías médicas que, como apunta González Guitián (2003), “alcanzan su época dorada durante el siglo XIX y constituyen una interesante fuente de información por la diversidad de datos que ofrecen, abarcando la descripción geográfica, clima, antropología, botánica, datos estadísticos de la natalidad y mortalidad, causas de muerte, descripción de enfermedades etc. Sus datos constituyen verdaderos diagnósticos de salud del momento, a la vez que ofrecen una vertiente antropológica y cultural en ocasiones muy interesante”. Xunto coas de Taboada y Leal sobre Vigo (1840) e a de Antonio Correa sobre a provincia de Lugo (1891), constitúen as tres grandes topografías galegas do XIX, aínda que no caso da de Ramón Otero, que abarca toda Galicia, habería que encadrala, como se di no subtítulo, nas xeografías médicas, obras de carácter rexional ou nacional, fronte ás topografías, máis centradas nunha cidade, comarca ou provincia concretas. Sobre as topografías médicas en Galicia pode verse a tese doutoral de Capitán Guarnizo (2007).

Na primeira parte da obra, “Apreciación del País”, Otero describe a topografía médica galega: montes, ríos, xeoloxía , clima, zooloxía, botánica, augas e baños minerais, vías de comunicación, casas particulares e edificios públicos. Na segunda parte, “Apreciación del Pueblo”, trata da Etioloxía social (Historia, Antropoloxía, Paleontoloxía, Filoloxía –inclúe unha breve antoloxía da literatura galega-, Etnografía) e da Fisioloxía social (fisionomía física e moral, costumes, tipo xeral do galego e dos naturais de Galicia, paixóns, complexións, temperamento, espírito moral do pobo), e remata con datos estatísticos. Non lle falta razón a González Guitián (2003) cando afirma que Ramón Otero non afonda en ningún tema dos tratados, agás na hidroloxía médica, da que fai unha ampla descrición, e que ofrece unha visión idílica de Galicia. Tamén hai que dicir que a obra e o autor acadaron certa sona na Galicia do momento. Un exemplo: logo da súa morte, El Heraldo Gallego (1876, nº 131 e seguintes), de Valentín Lamas Carvajal, publicou como homenaxe un dos primeiros capítulos da Galicia médica, o titulado “Aspecto general del País”.



Bibliografía:




Fontes impresas:

OTERO ACUÑA, R. (1853): Memoria sobre la ablación de la matriz que a propósito de un caso práctico terminado con éxito, Cádiz: Imp., Lib. y lit. de la Revista Médica.

OTERO ACUÑA, R. (1856a): Estudios antropológicos, Revista de ciencias médicas, 2: 44-52.

OTERO ACUÑA, R. (1856b): Del Hombre considerado tal cual se nos presenta en su condición actual, Revista de ciencias médicas, 4: 105-112.

OTERO ACUÑA, R. (1856c): De la naturaleza bajo el doble punto de vista filosófico y antropológico, Revista de ciencias médicas, 6: 169-174.

OTERO ACUÑA, R. (1856d): Nuestro mal estar, Revista de ciencias médicas, 11: 298-303.

OTERO ACUÑA, R. (1856e): Breves consideraciones sobre el dolor, bajo el punto de vista quirúrgico, y deducciones según los resultados de esperiencias [sic] "ad hoc" verificadas por los doctores Valle, Andrey y el autor en sus estudios públicos de Anatomía fisiológica y Patología durante los cursos de 54 y 55 en esta Facultad,
Revista de ciencias médicas, 13: 375-380; 15: 401-415.

OTERO ACUÑA, R. (1856f): Filosofía quirúrgica. Algunas observaciones sobre las bases de la Cirugía para servir a su terapéutica, Revista de ciencias médicas, 16: 425-438.

OTERO ACUÑA, R. (1856g): Variedades, cuatro palabras de actualidad, Revista de ciencias médicas, 16: 438-440; 17: 460-464.

OTERO ACUÑA, R. (1856h): Reflecsiones (sic) sobre la tisis pulmonar como obgeto (sic) de los estudios médicos en diversas épocas de la ciencia, Revista de ciencias médicas, 17: 417-424. Asinado como R. O. (Ramón Otero Acuña).

OTERO ACUÑA, R. (1859): Reseña del estado actual de las ciencias médicas. Obra citada por Barreiro Fernández (2003) e que non localizamos en ningunha das bibliotecas e catálogos consultados.

OTERO ACUÑA, R. (1860a): El Progreso constante, La Joven Galicia, Ed. facsímile, 2: 2-4; 3: 20-22; 8: 57-59.

OTERO ACUÑA, R. (1860b): Observaciones sobre los baños públicos particularmente de Galicia, La Joven Galicia, Ed. facsímile, 25: 193-195; 26: 202-203.

OTERO ACUÑA, R. (¿1860?): Lecciones de Patología quirúrgica, Santiago: Imp. de José R. Rubial.

OTERO ACUÑA, R. (1867): Galicia médica: apuntes para servir al estudio de la geografía médica de Galicia, Santiago: Est. Tip. de José R. Rubial. Ao final do libro figura o seguinte anuncio: “A esta publicación seguirán muy luego las de Algunos fragmentos de una Introducción al estudio de la Historia Natural del hombre a su objeto final, la Medicina, y la de un Programa de lecciones elementales de Patología Quirúrgica y su Clínica”. Nada sabemos sobre estas publicacións, aínda que a segunda podería ter que ver coa que sigue a continuación.

OTERO ACUÑA, R. (1872): Clave de patología general y especial quirúrgica doctrinal y clínica en alivio del estudiante, 2ª ed., reformada, Santiago: José Souto Díaz. Non coñecemos a primeira edición.

OTERO ACUÑA, R. (1872): Discurso leído en la Universidad de Santiago en la solemne inauguración del curso académico de 1872 a 1873, Santiago: Universidad.
Título: Vicisitudes de la Medicina, como ciencia y arte en relación con los demás conocimientos.

OTERO ACUÑA, R. (1875): Brevísimo compendio de Patología Quirúrgica doctrinal y clínica, Santiago: Tipografía de El Diario de Santiago. González Guitián (2003) afirma que esta obra, citada no catálogo de Bustamante (1944-1967), non a localizou en ningunha das bibliotecas e catálogos consultados, mais debeu existir, polo menos se temos en conta a noticia que apareceu en El Diario de Santiago desde o 5 de novembro ao 1 de decembro de 1875, na que se informa: “Los suscriptores al compendio de Patología Quirúrgica Doctrinal y clínica del Dr. Ramón Otero, que tienen satisfecho el importe del primer tomo, pueden recogerlo en la imprenta de EL DIARIO, y adelantar la suscrición a la primera entrega del segundo tomo en prensa en dicho establecimiento”. Descoñecemos se se publicou o citado segundo tomo antes da súa morte, o 5 de abril de 1876.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (Coord.) (2003): Historia de la Universidad de Santiago de Compostela, Santiago: Universidad, Parlamento de Galicia. Vol. II: 448-449.

BUSTAMANTE Y URRUTIA, J. Mª de (1944-1967): Catálogos de la Biblioteca Universitaria, Santiago: Universidad.

CAPITÁN GUARNIZO, J. (2007): En los orígenes de la Sanidad Ambiental y la Medicina Social: las topografías médicas en Galicia (1747-1910), Santiago: Universidade. Tese doutoral.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. & GARCÍA CAEIRO, A. (1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédita.

GONZÁLEZ GUITIÁN, Carlos (2008): Bibliografía médica gallega del siglo XIX, València: Universitat de València.

PÉREZ HERVADA, E. (1980): Ramón Otero Acuña: un gaditano en Fonseca, La Coruña: Fundación Pedrfo Barrié de La Maza.

PORTABALES VÁZQUEZ, A. (1974): Otero Acuña, Ramón, Gran Enciclopedia Gallega, Gijón-Santiago: Silverio Cañada Editor; t. 23: 150.