culturagalega.org

Vicente González Canales

Un catedrático de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 18/04/2013

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2013], “Vicente González Canales”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 14/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=438
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Segovia 1839
  • Falecemento: Valencia 1891
Estudou na Facultade de Ciencias da Universidade Central, sección Naturais, entre 1860 e 1864. Licenciouse cun exercicio titulado “De los sistemas y métodos naturales de clasificación en los tres reinos de la Historia Natural” (Pelayo, 2001). En 1865 acadou o doutorado co discurso Orígen y desarrollo de la Tierra hasta la época actual (González Canales, 1876), no que analiza as diversas hipóteses sobre a creación e cambios dos seres vivos no seu contexto xeolóxico, manifesta a súa desconformidade coa tese das creacións e do cambio sucesivos dos seres vivos e realiza diversas consideracións sobre o tema, dentro da perspectiva habitual na ciencia da época.

En 1868 iniciou a carreira docente como profesor auxiliar nas cátedras vacantes de Cosmoloxía e de Historia Natural, Fisioloxía e Hixiene no Instituto do Noviciado de Madrid (chamado “Instituto del Cardenal Cisneros” desde 1877). Alí terá como colega ao que sería relevante profesor de Filosofía Urbano González Serrano, sobranceiro krausista. Segundo Araque Hontangas e Rodríguez Guerrero (2011: 6), Canales tamén formaba parte dese movemento cultural, docente e político. En 1872 deixou o Instituto do Noviciado ao gañar a cátedra de Historia Natural do Instituto de Girona. Durante a súa estancia na cidade catalá ingresou na Sociedad Botánica Barcelonesa, colectou plantas e contribuíu ao herbario da institución.

Nomeado por Real Orde do 10 de decembro de 1875 catedrático de Historia Natural na Universidade de Santiago (Pelayo, 2001), trasladouse desde Girona para impartir esa materia de xeito provisorio, no curso 1876-77, no Instituto local, e ao seguinte accedeu á cátedra da Universidade, vacante desde o cese de Augusto González de Linares en 1872. Permaneceu na cidade compostelá ata 1890, cando se trasladou á cátedra de Historia Natural da Universidade de Valencia, vacante pola morte do profesor Arévalo Baca. Mais na cidade levantina morreu axiña, o 29 de abril de 1891 (Pelayo, 2001: 321).

Os datos sobre a o seu labor na cátedra e no Gabinete de Historia Natural da Universidade de Santiago son escasos e non revelan moita actividade (Bugallo Rodríguez, 2003). Hai novas sobre algunhas posibles excursións e unha certa atención ás coleccións do Gabinete. Así, por exemplo, puido intervir na adquisición da colección Mármoles de las provincias de España, mercada en 1878. Na inauguración do curso universitario 1880-81, leu o discurso La metamorfosis en el reino animal (González Canales, 1880). O texto non presenta novidades, se ben salienta, por contraste cos doutros colegas da época, pola menor carga ideolóxica conservadora. Chama a atención o cuestionamento que realiza da teoría celular e a referencia aos traballos de Darwin sobre Cirripedos. Tamén publicou un folleto sobre Botánica, Familias vegetales indígenas, su determinación según el Sistema Dicotómico (González Canales, 1887). Unha chave dicotómica para facilitar o labor de determinación dos exemplares recollidos polos alumnos, acompañada duns breves comentarios para a elaboración de herbarios. Foi utilizada por Baltasar Merino no seu traballo sobre a vexetación do río Miño.

González Canales colaborou coas actividades da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, e publicou na revista desa institución artigos de divulgación, como o relativo ao arborado na provincia da Coruña. Tamén deu á luz unha monografía sobre o verme da seda do carballo, Attacus Pernye o gusano de seda del roble. Guía de las fases que atraviesa, cuidados que requiere y enemigos que le persiguen, para los que se dediquen a su cría (González Canales, 1883) e, segundo Couceiro Freijomil (1953-54), Dictamen referente a la construcción de una linea férrea directa de Madrid a las provincias del Noroeste (Santiago, 1879), en colaboración con Bernardo Sanz e Ramiro Rueda.



Bibliografía:




Fontes impresas:

GONZÁLEZ CANALES, V. (1876): Origen y desarrollo de la tierra hasta la época actual. Discurso leído en la Universidad Central al recibir la investidura del Doctorado, Madrid: Impr. Segundo Martínez.

GONZÁLEZ CANALES, V. (1880): La metamorfosis en el reino animal. Discurso inaugural que en la solemne apertura del curso de 1880 a 1881 leyó ante el Claustro de la Universidad de Santiago, Santiago: M. Mirás.

GONZÁLEZ CANALES, V. (1883): Attacus Pernyi o Gusano de seda del roble: guía de las fases que atraviesa, alimentación, cuidados que requiere para los que se dediquen a su cría, Santiago: s.n.

GONZÁLEZ CANALES, V. (1887): Familias vegetales indígenas, su determinación según el Sistema Dicotómico, Santiago: Tip. Eusebio Alonso.



Bibliografía secundaria:

ARAQUE HONTANGAS. N. & RODRÍGUEZ GUERRERO, C. (2011): Cien años de enseñanza de la Filosofía en el Instituto Cardenal Cisneros de Madrid (1837-1936), Revista Complutense de Educación, 22, 1: 47-67.

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003): O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

COUCEIRO FREJOMIL, A. (1953-54): Diccionario biobibliográfico de escritores gallegos, Santiago: Editorial de los Bibliofilos gallegos.

PELAYO, F. (2001): La Historia Natural en la universidades periféricas durante el siglo XIX. El ejemplo de Valencia, Ingenium, 7: 313-323.