culturagalega.org

José María Chao Rodríguez

Farmacéutico e político liberal

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Sisto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón
  • Data de alta: 26/04/2013

Extras de José María Chao Rodríguez: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Sisto Edreira, Rafael; Fandiño Veiga, Xosé Ramón ([2013], “José María Chao Rodríguez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=441
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Leiro (Ourense) 1790
  • Falecemento: Vigo (Pontevedra) 1858
Fillo dunha familia de labradores ricos da comarca do Ribeiro, instalouse en Santiago para estudar a carreira de Farmacia, pero sorprendeuno a invasión francesa de 1809 e alistouse no Batallón Literario, dirixido por Xoán Ignacio Armada e Mondragón, marqués de Santa Cruz de Ribadulla, e creado polos universitarios composteláns para loitar pola independencia de Galicia fronte ás tropas napoleónicas. Tomou parte en varias accións e logo ingresou como voluntario nas filas do exército, servindo como practicante de farmacia militar ata 1814. Rematada a guerra retomou os seus estudos en Santiago e rematou a carreira no Colexio de Farmacia de San Carlos, aberto en Santiago en 1815 baixo a dirección de Suárez Freire, que tamén foi o primeiro catedrático do Colexio de Farmacia de Santiago. O Colexio de San Carlos funcionou con regularidade ata 1823, en que se suprimiu como tal e os seus fondos, incluído o importante herbario do abate Pedro Andrés Pourret, foron trasladados ao Colexio de Madrid.

Finalizados os seus estudos estableceuse profesionalmente en Ribadavia, ao mesmo tempo que levou a cabo unha intensa actividade política anti-absolutista, que cobrou un grande protagonismo durante o trienio constitucional. Durante a breve etapa constitucional (1820-3) participou como miliciano nacional voluntario en Ribadavia en varias loitas liortas cos absolutistas. En 1826 trasladouse a Vigo, onde abriu botica, que rapidamente se converteu en centro de conspiración política polo que, ao caer o réxime liberal, foi encarcerado ata 1829. Posto en liberdade, viviu en Santiago, onde foi nomeado membro da Real Sociedad Económica de Amigos del País. Pouco despois regresou a Vigo e en 1835 o gobernador de Pontevedra encargoulle a fumigación dos buques procedentes dos portos sospeitosos de ser focos de contaxio de enfermidades infecciosas. Nos anos seguintes volveu sufrir prisión varias veces, que lle supuxeron a ruína económica.

José María Chao arrastraba consigo a fama de ser quen en setembro de 1829 fabricara e enviara a Nazario Eguía, Capitán Xeneral de Galicia, unha carta bomba que estoupou ao abrila e lle segou a man dereita. Nunca se puido probar a autoría de Chao Rodríguez, pero esta sona nunca o abandonou, malia que o seu fillo Eduardo escribise varios artigos negando tal autoría.

Como recompensa pola súa fidelidade ao liberalismo progresista, durante o mandato de Espartero (1840-1843) foi nomeado Boticario Maior do Hospital Real de Santiago. En 1850, a proposta do administrador da Aduana de Vigo, o Ministerio nomeouno mestre de Química e Historia Natural da Escola do Porto de Vigo, creada por Real Decreto ese mesmo ano.

Nos episodios da epidemia de cólera morbo que padeceu a provincia de Pontevedra nos anos cincuenta, a súa actuación foi moi destacada e polo seu plano sanitario e terapéutico recibiu o recoñecemento da Xunta de Sanidade. Con este motivo publicou a única obriña que se lle coñece, Específico contra el cólera (Chao Rodríguez, 1854), na que expón os síntomas do cólera e o seu método curativo, baseado fundamentalmente na utilización dos “pós termófugos” e do seu xarope específico anticolérico. No traballo tamén ofrece indicacións sobre unha correcta alimentación e relaciona os nomes de 78 persoas curadas co seu específico, ao que estima unha eficacia do 96%. Esta preocupación polo tema sanitario, tamén manifestado nas denuncias contra a violación das disposición sanitarias e as irregularidades que se cometían no Lazareto de San Simón, provocaron que, en 1858, a Xunta Provincial. de Sanidade lle confiase a dirección facultativa do botiquín que debía establecerse neste lazareto e o subministro das fumigacións.



Bibliografía:




Fontes impresas:

CHAO RODRÍGUEZ, José María (1.854): Específico contra el cólera, Santiago: Imp. de Juan Rey Romero.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2002): Historia da Universidade de Santiago. O século XIX, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2012): Murguía, Vigo: Editorial Galaxia.

BERMEJO PATIÑO, Manuel R. (1995): O Colexio de Farmacia: Unha xeración gloriosa, Cinco séculos de historia universitaria. Gallaecia Fulget, Santiago: Universidade.

ESPINOSA RODRÍGUEZ, José. (1950):Historia de las Farmacias del Partido judicial de Vigo, Vigo: Talleres Tip. Faro de Vigo.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1995): A incorporación da ciencia experimental na Universidade de Santiago no incio do século XIX e os colexios prácticos, Cinco séculos de historia universitaria. Gallaecia Fulget, Santiago: Universidade.