culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Laureano Calderón Arana

Catedrático innovador, expedientado polo reitor Casares

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bermejo Patiño; Manuel; Fandiño Veiga, Xosé Ramón
  • Data de alta: 31/05/2013

Extras de Laureano Calderón Arana: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bermejo Patiño; Manuel; Fandiño Veiga, Xosé Ramón ([2013], “Laureano Calderón Arana”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=453
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Madrid 1847
  • Falecemento: Madrid 1894
Laureano Calderón Arana estudou a carreira de Farmacia na Universidade de Madrid, onde se licenciou en 1866. Nese mesmo ano comezou a súa carreira docente como profesor auxiliar na cátedra de Química Orgánica aplicada á Farmacia, que se acababa de crear baixo a dirección do profesor Manuel Rioz y Pedraja. Logo de dous intentos fallidos, en 1874 gañou a oposición a catedrático de Farmacia Químico-Orgánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, onde se atopou co seu amigo Augusto González Linares, catedrático de Historia Natural na Facultade de Medicina, que, como Calderón, pertencía ao círculo de Giner de los Ríos. Foron ambos defensores dun certo evolucionismo, conectado coa visión da Filosofía Natural alemana. Dentro e fóra das aulas, Calderón e Linares pretendían motivar aos alumnos, proxectar neles as inquietudes intelectuais e demostrarlles que a investigación científica abría as portas da modernidade. Ao unísono estudaron a colección de 1.024 modelos cristalográficos que o abate René-Just Haüy regalara ao matemático Xosé Rodríguez González. O profesor Calderón realizaba a súa docencia segundo as propostas de Justus von Liebig, dándolle un forte contido experimental, malia a precariedade de medios. Publicou nas revistas Zeitschrift fur Kristallographie e Compts-Rendues, da Academia de Ciencias de París, e foi introdutor da Química biolóxica na Universidade española.

A relación dos irmáns Calderón, Laureano, Salvador e Alfredo, coa Institución Libre de Enseñanza (ILE) foi moi intensa, pois eran amigos persoais de Giner de los Ríos e Laureano foi membro fundador da Institución Libre de Enseñanza. Así, cando a principios de 1875 o ministro Orovio promulgou a lei que vetaba a liberdade de cátedra e obrigaba aos profesores a pasar os programas pola censura do goberno, Calderón e González Linares oficiaron ao Reitor a súa radical oposición porque conculcaba “el derecho de emitir libremente sus ideas y opiniones”. Os acontecementos precipitáronse e o 30 de marzo de 1875 o reitor Antonio Casares reuniu o consello universitario, formado por el, os decanos de Medicina e Farmacia, máis os directores do Instituto e da Escola Normal que, ante o empate, e co voto de calidade do Reitor decretou a suspensión de ambos catedráticos do exercicio dos seus cargos e incluso foron encarcerados no coruñés castelo de San Antón por desacato ao Goberno. Na Coruña recibiron o apoio da escritora Emilia Pardo Bazán e do catedrático Manuel Varela de la Iglesia, membro da ILE, que tamén perdeu a súa cátedra de Xeografía e Historia no Instituto.

Quen substituíu a Calderón na súa cátedra foi Cecilio Neira de Mosquera, fillo do célebre escritor Antonio Neira de Mosquera e de María Núñez, filla do impresor Núñez Castaño. Á saída do cárcere, Calderón emigrou a Francia, a traballar con Marcelin Berthelot e Claude Bernard na Universidade de París no campo da termoquímica e chegou a publicar importantes traballos nos Comptes Rendus de l'Académie des Sciences. Logo foi a Estrasburgo a estudar Química Fisiolóxica co profesor Ernst Felix I. Hoppe-Seyler. Desta época son os seus traballos publicados no Beritche der Deutschen Chemische sobre propiedades físicas da resorcina, dos de caña, etc. Máís tarde coñeceu ao profesor Paul van Groth, que, comprendendo a talla científica de Calderón, fíxoo director de investigación da súa universidade e colaborador asiduo da revista Zeischrift für Kristallographie.

En 1881, ao regresar a España, fundou con Rodríguez Carracido e Rodríguez Mourelo o Anuario de Novedades Científicas, onde, entre outras facetas, reseñaba artigos científicos publicados en revistas alemás, francesas, italianas e inglesas. Non se puido reincorporar á docencia ata o ano 1888, cando se creou por primeira vez na Universidade española a cátedra de Química Biolóxica. Ese mesmo ano publicou no Beritche un moi notable traballo sobre un dispositivo para determinar con facilidade as divisións dos grados en termómetros de alta precisión. Consecuencia do seu alto prestixio internacional foi a invitación para formar parte da Comisión Internacional para a Reforma da Nomenclatura Química e para presidir o Congreso para o Progreso das Ciencias que se celebrou en Pau en 1892.

Malia a brevidade da vida académica de Laureano Calderón (morreu o 4 de marzo de 1894 aos 47 anos de idade, dos que só lle dedicou 7 á Universidade) a súa contribución científica foi moi sobresaliente. Destacou no campo da Química, no do deseño de instrumentos de laboratorio e, moi particularmente, no campo da cristalagrofía, ciencia á que se afeccionou en Santiago e para a que estaba particularmente dotado, pero á que non lle puido dedicar o esforzo que requería. En tal sentido, Groth tentou por todos os medios que se quedase a traballar con el, pero Calderón non pensaba máis que en regresar a España para serlle útil desde a súa Universidade. En 1888 foi nomeado catedrático de Química Biolóxica na Universidade de Madrid na que impartiu a lección inaugural do curso 1892-93 sobre La Química descriptiva y la Química racional. Este traballo publicouse en París e foi cualificado polo premio Nobel de Química Wilhelm Ostwald como “unha brillante e clara exposición dos problemas que hoxe comprende a Química moderna".



Bibliografía:




Fontes impresas:

CALDERÓN ARANA, Laureano (1882): Curso de ciencias naturales, Madrid: Imp. de Manuel G. Hernández.

CALDERÓN ARANA, Laureano (1892): Discusro leído en la Universidad Central en la... inauguración del curso académico de 1982 a 1893, Madrid: Imp. Colonial.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2002): Historia da Universidade de Santiago. O século XIX, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

BERMEJO PATIÑO, M. R. (1995): O Colexio de Farmacia: Unha xeración gloriosa, Cinco séculos de historia universitaria. Gallaecia Fulget, Santiago: Universidade.

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (1976): La cultura científica, en Los Gallegos. Madrid.

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (s/d): Ciencia, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago/Xixón.

DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, F. (1980): Las enseñanzas científicas en Santiago, La Universidad de Santiago, Manuel C. Díaz y Díaz (Coord.), Santiago de Compostela: Universidade.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1990-1940). Do influxo institucionosta e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Universidade.

LORA TAMAYO, M.: La investigación química española, Madrid.

LÓPEZ PIÑEIRO, J.Mª. (1983): Diccionario Histórico de la ciencia moderna en España, Barcelona.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1957): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago, Santiago.

PORTO UCHA, A. (1986): La Institución Libre de Enseñanza en Galicia. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.