culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Rodriguez Mourelo

Eminente figura da ciencia española de entre séculos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Fandiño Veiga, Xosé Ramón
  • Data de alta: 28/06/2013

Extras de José Rodriguez Mourelo: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bermejo Patiño, Manuel; Fandiño Veiga, Xosé Ramón ([2013], “José Rodriguez Mourelo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=458
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1857
  • Falecemento: Madrid 1932
Iniciouse como estudante na súa cidade natal e proseguiu os estudos na Universidade de Santiago, na que se matriculou en 1871, logrou o grao de bacharel e entrou en contacto co mundo da química da man do profesor Antonio Casares. En 1872 trasladouse a Madrid para estudar Química na Facultade de Ciencias, onde foi alumno dos mestres Soler, Bonet e Sáenz Díaz. Rematados os estudos, entre 1876 e 1878 exerceu como profesor auxiliar interino de Ciencias no Instituto de Lugo, pero en 1879 volve a Madrid para ampliar e completar a súa formación coa pretensión de dedicarse integramente ao mundo universitario. Asentado en Madrid, durante 10 anos foi profesor da Institución Libre de Enseñanza (ILE) e na Escola preparatoria de Enxeñeiros e Arquitectos, participou activamente en foros nos que se debatían ideas sobre o pensamento científico moderno e colaborou con moito éxito en importantes revistas científicas (Revista de España, Revista Europea, Revista Contemporánea, Boletín Institución Libre de Enseñanza, España Moderna, etc.), o que lle permitiu entrar en contacto coa actividade científica que nese momento se facía en Europa, asistir a congresos científicos e internacionais, acceder e colaborar en París e Xenebra nos laboratorios das principais personalidades do mundo da ciencia e establecer relacións que tan útiles lle resultarían cando se fundou a Junta para Ampliación de Estudios. En 1900 logrou a cátedra de Química Orgánica e Inorgánica na Escola de Artes e Industrias de Madrid.

Discípulo e logo amigo de González Linares e Calderón Arana, compañeiro e moi amigo de Rodríguez Carracido e de Fages, partillou con eles as ideas científicas máis progresistas da súa época. Viviu moi estreitamente vinculado á ILE e durante toda a súa vida foi un militante defensor do evolucionismo e das ideas positivistas de Spencer. A este respecto é de salientar a conferencia que pronunciou o 22 de novembro de 1880 no Ateneo de Madrid co título de Desenvolvimiento de la idea del cosmos en el siglo XIX, ou o discurso de ingreso na Real Academia das Ciencias, Acción educadora de la Ciencia (1903), ambas, primeiras aproximacións á historiografía da ciencia en España nos séculos XVIII e XIX, nas que lle dedica unha especial atención aos científicos galegos Casiano de Prado, José Cornide, Jacobo María de Parga e ao matemático José Rodríguez González.

Membro da maioría das Academias nacionais e de moitas internacionais, incluso moito antes de ser catedrático, Rodríguez Mourelo foi unha celebridade internacional, que en Xenebra, París ou en Londres entablou relacións con Marignae, Gräbe, Guye, Sarasin, Berthelot, Le Chatelier, Vernenit, Haller, Matignon, Monreu, Urbain, Delêpine, Sabatier, Bêhal, etc., publicou nas máis prestixiosas revistas científicas (sirvan de exemplo as súas 16 notas sobre investigacións dos sulfuros fosforescentes nos Compte-Rendus da AC de París, entre 1897 e 1900). En 1929, con motivo da súa xubilación, a Real Sociedade de Física e Química dedicoulle unha homenaxe na que se presentaron 46 traballos, 13 deles de químicos estranxeiros, colegas e amigos seus. Formou parte do Comité Internacional para a publicación das Táboas Físico-Químicas e pertenceu a diversas corporacións científicas: numerario da Real Academia de Ciencias de Madrid, á que legou a súa biblioteca particular, membro de honor da Sociedade Química de Francia e da de Polonia, membro da Sociedade de Física e Historia Natural de Xenebra, etc. Dadas as súas afeccións literarias e culturais estivo moi ligado ao mundo intelectual e cultivou a amizade e compartiu inquietudes con Ramón y Cajal, Echegaray, Emilia Pardo Bazán, etc., e como a súa esposa, Fanny Garrido, muller de fascinante beleza e culta escritora galega, autora das novelas Escaramuzas e La madre de Paco Pardo, foi membro correspondente da Real Academia Galega.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Investigacións:

Investigación química: publicou 16 traballos no Compte Rendues, 12 traballos en An. Qím. sobre o tema da fosforescencia dos sulfuros metálicos e uns 30 na Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, sobre temas diversos.

Investigación histórica: publicou 6 traballos sobre este tema en revistas como Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos. Algún traballo sobre temas galegos, como Don Fernando de Sande y Lago. Biografía de este notable alquista gallego.

Investigacións diversas publicadas en distintas revistas da época. De entre elas destacar, pola súa relación con Galicia: “Noticias de varios terremotos sentidos en Galicia durante el mes de abril de 1910”, Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, T. 10 (1910).

Libros ou folletos sobre temas de ciencia:

Aínda que nunca escribise un libro de Química, si que publicou algunhas monografías e folletos sobre temas de especialista: RODRIGUEZ MOURELO, J. : La materia radiante, Madrid, 1882; Lecciones experimentales de Química, El Heraldo Gallego, Lugo, 1883; La radiofonía, Madrid, 1887; La noción del cuerpo simple en la Química moderna, Madrid, 1900; Claves para la resolución de problemas en el laboratorio de Química, Madrid, 1890; Condición de los niños labradores en Galicia, Información Oficial, Madrid, 1892; Apuntes sobre algunos descubrimientos científicos realizados por los españoles en América. El Centenario, T. IV, Madrid.

Divulgación científica:

Conferencias e discursos. Extraordinario conferenciante, pronunciou numerosísimos discursos e conferencias, nas que decote afloraba a súa extensa formación científica e humanista. Moitas foron logo editadas como libros ou folletos.

Traballos na prensa. A súa formación humanística levouno a publicar, tanto na prensa diaria coma nos semanarios, traballos sobre ciencia, literatura, arte e incluso críticas musicais. Os seus traballos pódense atopar en: La llustración Gallega y Asturiana, La llustración Española y Americana, Los lunes deEl Imparcial, La naturaleza, La Revista de España, La Revista Europea, La Revista Contemporánea, etc.

Recensión de artigos científicos estranxeiros. Na revista Novedades científicas, en 1880, comentou máis de 60 estudos científicos, algúns verdadeiros traballos de revisión actualizada do tema; a modo de exemplo citemos: La volatilidad del ácido sulfúrico concentrado a la temperatura ordinaria e Los nuevos cuerpos simples.


Bibliografía secundaria:

CID FEIJOO, C. (s. d.): Rodríguez Mourelo, José, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago-Xixón; T. XXVII.

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951). Diccionario bio-bibliográfico de autores gallegos, Santiago: Editorial Bibliófilos Gallegos.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1990-1940). Do influxo institucionosta e a JAE á depuración do profesorado, Santiago: Universidade.

HAUSER, E. (1933): Don José Rodríguez Mourelo, An. Quím.

PORTO UCHA, A. (1986). La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.