culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José María Andrey y Sierra

Vicerreitor, decano e pensador da Medicina

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Jiménez Gómez, E.J.; Ponte Hernando, F.J.; González Castroagudín, S.
  • Data de alta: 05/07/2013

Extras de José María Andrey y Sierra: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Jiménez Gómez, E.J.; Ponte Hernando, F.J.; González Castroagudín, S. ([2013], “José María Andrey y Sierra”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=460
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Chiclana (Cádiz) 1821
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1900
Excelente obstetra, decano responsable e loitador polos intereses da Facultade de Medicina de Santiago, plenamente entregado á causa da mellora da docencia, ás dotacións da mesma e á potenciación da formación práctica dos alumnos.

Formación

Realizou os seus primeiros estudos no Seminario Conciliar de Cádiz, de 1830 a 1836, cursando latín, lóxica, matemáticas, física natural e particular, ética e teoloxía, con sobresaínte. Co mesmo resultado rematou as de física experimental e botánica do Preparatorio de medicina.

Cursou Medicina no Real Colexio de Cirurxía de Cádiz segundo o Plan de Estudos de 1827 (de 7 anos, os últimos 4 en calidade de Alumno Interno Pensionado), con sobresaínte en tódalas materias. Bacharel en Filosofía, o 18 de marzo de 1838, o Bacharel en Medicina (4º curso) o 1 de Xullo de 1843, e o grao de Licenciado o 10 de agosto de 1844, con Premio extraordinario ao mérito, doutorándose o 31 de maio de 1846.

Vida persoal

Casou con Dona Efigenia Soto y Plá, da que enviuvaría o 13 de Decembro de 1894; tiveron unha filla que faleceu moi nova e convivían ou polo menos estaban moi vinculadas a eles dúas sobriñas. Os dous eran profundos crentes católicos, encargándolle á súa morte numerosas misas durante moitos anos, como recolleu a prensa da época. Neste sentido, Andrey publicou en 1860, en La Joven Galicia: Revista de Instrucción Pública, Ciencias, Literatura y Bellas Artes, o traballo: “La Instrucción pública en el seno del Cristianismo”, no que daba un repaso polo que chamaba: “La honrosa historia de las escuelas y universidades de la sociedad cristiana”. Tamén tivo unha certa actividade municipal, pois na Gaceta de Galicia de 31 de outubro de 1889 aparece nomeado como individuo da Xunta Municipal encargado, entre outros, de firmar no censo electoral.
Un dato curioso é que se fixo, tardiamente, socio dunha das entidades máis florecentes da época, a Real Sociedade Económica de Amigos do País. Nos arquivos desta institución consta que solicitou o ingreso, presentado polo socio D. José Planelles, na sesión de 7 de Xaneiro de 1899, sendo aceptado. Curiosamente, a súa contribución a dita sociedade redúcese á colaboración coa Kermesse anual que se facía durante as festas do Apóstolo, en 1897, a doazón á mesma dun busto de Bismarck en pedestal, un termómetro sobre columna de bronce, unha purera en forma de barca e un bastón de vértebras de caimán unidas, coroado por unha boa empuñadura de prata repuxada.

Carreira Docente

Sentindo decidida vocación polo profesorado, graduouse de Rexente de estudos de 1ª clase na Universidade de Santiago, o 12 de agosto de 1846. Ese ano foi nomeado profesor clínico da Universidade de Valencia, onde prestou variados servizos docentes, como profesor agregado interino ou substituto de: Anatomía, Patoloxía e Clínica cirúrxica; Operacións e vendaxes; ou Teoría Clínica de partos.

Publicou algúns traballos no Boletín do Instituto Médico Valenciano, recibindo un premio deste pola súa “Memoria sobre la catarata”. En 1853 quedou segundo na terna da cátedra de Patoloxía Cirúrxica de Granada, na que competiu con D. Nicolás Gibernau e o gran D. Juan Creus y Manso; e, en 1854, conseguiu a de “Teoría y clínica de partos, enfermedades de las mujeres y de los niños” da Universidade de Santiago, para a que foi nomeado por R.O. do 19 de maio, cun salario de tres mil pesetas anuais, e da que tomou posesión o 3 de Xuño.

No mesmo boletín oficial publicouse o nomeamento de D. Francisco Freire Barreiro, outro destacado personaxe da Escola Médica Compostelá, como conservador- preparador anatómico, porque ocupaba o primeiro lugar na terna elevada ao ministro para este posto polo Reitor. Freire Barreiro, cuñado de Sánchez Freire, sería logo catedrático de Anatomía Xeral e Descritiva moitos anos, dende o 31 de maio de 1863, no que, precisamente Andrey, sería o encargado de contestarlle no seu discurso de ingreso como catedrático.

Tamén foi en 1854, ano importante na Historia da Obstetricia, cando o famoso médico de Leipzig, Carl Siegmund Credé, describiu a famosa manobra externa de extracción da placenta retida, que leva o seu nome, e cando o Dr. Hermann Kilian describiu a pelve osteomalácica. Por esas datas, con motivo da Guerra de Crimea, Florence Nightingale, “La Dama de la linterna”, así denominada segundo os seus soldados ingleses, polo costume de dar rondas nocturnas de inspección polas salas de convalecentes, establecía os principios científicos básicos da Enfermería moderna.

Ao Dr. Andrey concedéuselle unha categoría de ascenso por R.O de 8 de maio de 1866, e o 26 de agosto de 1868 trasladouse, tras catorce anos na anterior, á cátedra menos teórica de “Embriología y clínica de Obstetricia y enfermedades propias de la mujer y de los niños”, que estaba vacante na Facultade compostelá. Cando, en 1869, se reinstauraron os estudos de doutorado nas universidades de Distrito, a proposta da Facultade de Medicina foi nomeado polo Reitor para explicar Historia das Ciencias Médicas, dende o 5 de febreiro de 1869 ata maio de 1875, en que, trala restauración en xaneiro da Monarquía na persoa de D. Alfonso XII, resolveuse reservar o estudo e a concesión dos graos de doutor á Universidade Central de Madrid. En 1876, foi nomeado catedrático de término, o cénit da carreira docente, á vez que se lle concedeu a Gran Cruz de Isabel a Católica, libre de gastos.

En 1872, houbo unha polémica oposición á cátedra de Anatomía, que se dirimía entre dous opositores, D. Francisco Arpal e D. Francisco Romero Blanco, e que conseguiría este último por catro votos contra tres. Andrey situouse, con Maximino Teijeiro e Botana, entre os membros do tribunal que non votaron a favor do triunfador, con aplauso dos estudantes, entre os que, por motivos non de todo claros hoxe, xerouse unha importante hostilidade cara Romero Blanco. Os seus defensores, que tamén os tiña, acusaron de inxerencia ao goberno de D. Práxedes Mateo Sagasta, ao clero e á masonería, nunha curiosa mestura. Si parece claro que o respectado D. Maximino Teijeiro, ademais de estupenda persoa que deixaba cartos baixo a almofada na casa dos enfermos pobres cando ía de visita, era igualmente masón. Saíron á luz varios manifestos ou proclamas moi críticos con Romero, nas que tan pronto lle acusaban de “necio por esencia”, como de “notable unicamente polo seu cinismo e polo necio orgullo que o distingue” ou de “mesquiña intelixencia que nin sabe falar en español”, como arremetían severamente contra os xuíces que o votaran.

En 1875, Andrey foi membro do tribunal de cátedras de Clínica Obstétrica de Sevilla e Valladolid, e en 1886 de Obstetricia e Patoloxía especial da muller da Universidade de Zaragoza. Noutras oposicións nas que participou foi no tribunal para cubrir prazas vacantes nas Escolas elementais completas de nenos, de novembro de 1889 (Gaceta de Galicia de 4-11-1889). Tamén tomou parte na Comisión nomeada para a proposta de premios do programa publicado o 31 de Marzo de 1852, XII aniversario do Instituto Médico Valenciano.

En 1897 pasou a ser catedrático de Clínica Médica por permuta co Dr. D. Manuel Andrade Núñez, que impartirá Clínica de Obstetricia e Xinecoloxía. Ao seu falecemento publicouse a concurso de traslado a súa Cátedra de Clínica Médica I e II, que ocuparía en 1901, xa de por vida e ata o seu falecemento, o 12 de abril de 1931, o ata entón catedrático de Enfermidades da Infancia de Santiago, D. Miguel Gil Casares, que sería substituido neste posto por D. Eduardo García del Real e Álvarez-Mijares.

Clínica

Aqueles que o coñeceron describen ao Dr. Andrey como un habilísimo obstetra e cirurxián, que practicaba con precisión gran número de intervencións, tales como: operacións tocolóxicas e asistencia a partos distócicos, mastectomías, fístulas vesico-vaxinales, pólipos de matriz e un largo etcétera, que non incluía a Operación Cesárea.

Cargos Académicos

En maio de 1872 foi nomeado decano da Facultade de Medicina. Continuaría neste posto ata 1874, e logo de 1875 a 1891, ano en que pasou a ocupar o Vicerreitorado da Universidade. Repetidas veces exerceu de reitor en funcións, entre elas dende o 28 de abril ao 30 de xuño de 1890 (Gaceta de Galicia, de 31 de agosto de 1892, p.2).

Dende o Decanato e con ánimo de non defraudar aos que depositaron nel as súas esperanzas, levou a cabo diversas melloras en materia de locais e medios docentes. Procedeu ao arranxo dalgunhas aulas e a ensanchar e logo a trasladar a un local maior, o Museo Anatómico, enriquecéndoo con valiosas contribucións, como pezas anatómicas e figuras plásticas, seguindo o modelo do Dr. Velasco no antigo Museo Anatómico, hoxe Museo Antropolóxico Español, de Madrid. Así mesmo, puxo en marcha unha iniciativa para mellorar a biblioteca da Facultade de Medicina, que recibía doazóns de libros de médicos de toda España.

Foi un decano traballador e incisivo, que logrou aglutinar ao redor de si a profesores das máis variadas tendencias ideolóxicas en busca da mellora da situación docente e asistencial. Andrey entregouse ao seu labor con verdadeiro entusiasmo, tratando de harmonizar as non sempre fáciles relacións entre as dúas institucións que coexistían no edificio do Gran Hospital Real: O Hospital Clínico, dependente da Universidade, onde as salas eran máxima autoridade dos catedráticos, e o Hospital de Beneficencia da Deputación. En tempos do decanato de Varela de Montes e logo do de Andrey, houbo enfrontamentos de diversa gravidade e inxerencias por parte do Administrador e o Enfermeiro Maior, ámbolos dous curas, no labor das clínicas e no seu día a día, que nos refire con maxistral pluma o profesor D. Delfín García Guerra.

Aínda cando era home conciliador no posible, Andrey non se agachaba se había que dala cara polos seus enfermos e os seus docentes, encabezando diversas iniciativas e escritos ás autoridades políticas que, habitualmente, eran secundados polos profesores das máis diversas procedencias ideolóxicas.

A memoria do Decano

En 1880, publicou a Memoria presentada al Claustro de la Facultad de Medicina: sobre las bases en que han de establecerse las relaciones de las Salas de enseñanza con las generales del Hospital, con ánimo de establecer as diversas posicións, dereitos, deberes, e harmonizar as ensinanzas teóricas e prácticas da carreira médica. Comeza facendo unha rápida revisión histórica dende a fundación do Gran Hospital Real e referindo as súas vicisitudes e momentos de esplendor e miseria, segundo se recibisen ou non contribucións económicas das diferentes fontes e institucións de financiamento. Nesta Memoria, sen dúbida o seu auténtico documento programático de futuro como Decano para a modernización da Facultade e o Clínico, con respecto pero con contundencia, defende as súas posicións, con gran coñecemento de causa e afirmacións como as seguintes: “…Es indiscutible el derecho que asiste a esta Facultad de Medicina, mientras la haya, de tener el Hospital Clínico en el de Beneficencia, llámese general, central, provincial o municipal, como igualmente, el de su autonomía facultativa y dirección académica, derechos que la ley concede, y que viene ejercitando, no sin obstáculos, ha muchos años”. E continúa: “Punto de gran interés es el referente al número de salas de que ha de constar el Hospital clínico para dar cumplidamente la enseñanza. El Reglamento las determina con precisión. Así es, que al catedrático de clínica médica le señala el artículo 6º. Una sala de hombres, otra de mujeres y una de niños; el artículo 7º. Al de clínica quirúrgica, una de hombres y otra de mujeres; el artículo 8º. Al de obstetricia, una sala de expectación, otra de partos, otra de paridas, otra de los males propios de la mujer y otra de los peculiares de la infancia; el 9º. A los de clínica general, tanto interna como externa, una sala de hombres y otra de mujeres, si es posible, y el 17, por último, encarga especialmente que se establezca, al menos, una sala de convalecencia”.

Tras expoñer a situación regulamentaria ideal, a continuación refire a real, deixando ben clara a súa posición: “Dadas las condiciones materiales del gran Hospital de esta ciudad, pudieron y debieron cumplirse holgadamente estos preceptos reglamentarios. Mas no sucedió así, y de sus diez y siete salas para enfermos tan solo cedió la Administración cuatro para la enseñanza clínica, únicas que hasta hoy conserva con las dependencias más indispensables”.

Neste documento, o Dr. Andrey, unha e outra vez, vai sinalando o que podemos cualificar como actitude de auténtica incuria da Administración, con frases cada vez máis duras como: “Increíble a la verdad se hace, que mezquinas pasiones se hayan sobrepuesto siempre a las conveniencias humanitarias…”. Presenta queixas: da indisciplina de algúns subalternos, da deficiente atención ao “importante servicio de Botica”, e incluso de sucesos entre traxicómicos e bufos, como que, en 1864, para que se lle concedese unha pequena habitación ao profesor clínico de garda, ante a resistencia da Administración, se fixese necesaria unha Real Orde do Ministerio de Fomento, trasladada ao da Gobernación e ao Reitorado, mandando que se lle facilitase habitación ao Profesor Clínico de garda, e a presencia ¡do Gobernador Civil da Provincia! para levarse a cabo.

Termina o documento con dúas partes sumamente construtivas:
1. Recollendo e enxalzando a proposta que, o seu antigo competidor, o Senador e Catedrático da Universidade Central, D. Juan Creus y Manso, presentou, e conseguiu que se aprobara ese ano de 1880, como proxecto de Lei sobre a construción polo Estado dun Hospital modelo, dedicado á asistencia e á curación dos enfermos pobres e á ensinanza práctica da Medicina. É normal que Andrey estivera encantado con este proxecto, pois recollía os seus lexítimos desexos en forma de dotacións presupostarias, materia organizativa e favorecemento da actividade hospitalaria das facultades de Medicina con cargo a presupostos das Deputacións e do Ministerio de Fomento.
2. Expón en cinco puntos as aspiracións da Facultade de Medicina de cara ao convenio entre o Provincial e o Clínico: 1. Repartir as 17 salas que estaban na proporción de 13 a 4, dándoselle ao clínico as dez salas regulamentarias; 2. Que o persoal subalterno de todo o hospital dun ou doutro cadro de empregados, estivese sometido á autoridade académica; 3. Que na entrada houbese un porteiro nomeado pola autoridade académica, para os ingresos do Clínico; 4. Especial garantía na asistencia á parte clínica por parte da Botica do Hospital, con presencia de alumnos de Farmacia suxeitos á autoridade clínica no réxime de traballo e disciplina; 5. Afirma que a parte do Clínico non aspira a preponderancia nin superioridade algunha a pesares da súa alta misión docente e ás prescricións regulamentarias que a protexían, e si a “la concordia, armonía y buena amistad con la Administración de las salas de simple beneficencia… En esto se halla interesado el prestigio de la enseñanza clínica de la Facultad de Medicina y el del hospital en general, a quién importa mucho, en bien de Galicia, que la nueva clasificación de provincial, que la ley le ha otorgado sea sólo un simple nombre, siendo siempre el verdadero para el país de Hospital de sus cuatro provincias”.

Científico e pensador

Era tal a súa devoción polas ciencias que no seu gabinete tiña moitas pezas, como preparacións anatómicas elegantemente colocadas e dispostas, numerosos exemplares de cálculos vesicais, biliares e salivais, fetos monstruosos e tumores conservados, coleccións de minerais, vexetais e animais, medallas e moedas moi antigas, e, entre os seus valiosos libros, un raro exemplar da obra de Dª Oliva Sabuco. Tamén, segundo o Dr. Estrada Catoyra, unha especie de monumento á memoria da súa filla falecida, desgraza que compartía co citado Dr.Velasco, que embalsamou a súa filla morta.

A personalidade científica de Andrey non pode ser interpretada sen ter en conta as características da súa formación intelectual, moi centrada nas Humanidades, que permite entender no seu ideario a dualidade de estar ao día co clasicismo, reflectida basicamente na profunda noción evolutiva da filosofía médica occidental, entendida e expresada no coñecemento puntual da evolución dos saberes médicos do seu tempo, con moito o mais espléndido de cantos existían nos anais das ciencias curativas, e en fidelidade ao pensamento hipocrático, no que teñen de imperecedoiro: “sabia conducta y principios de eterna verdad”.

Publicacións

Á hora de comprender o tempo científico de Andrey, hai que pensar que, por primeira vez, aparecían novos coñecementos a unha velocidade vertixinosa, así como se producían cambios de paradigma dende o vitalismo ás tres grandes etapas do coñecemento clínico-médico moderno: A anatomoclínica, a fisiopatolóxica e a etiopatoxénica, encarnadas polas escolas e as liñas doutrinais e de investigación de Wirchov, Ludolf von Krehl e Pasteur e Koch.

Isto levou a que boa parte das figuras compostelás da medicina da época dedicaran máis enerxías e tempo a estar ao día das súas disciplinas que a publicar os seus coñecementos, aínda que algúns, como D. Maximino Teijeiro, fixeran boas traducións de textos estranxeiros de calidade; chegando ao que D. Juan Barcia Caballero chamaba, a principios do século XX, doéndose dela, “la idiosincrasia antipublicista” dos seus compañeiros de claustro, referíndose a todos en xeral e aos grandes D. Timoteo S. Freire e D. Maximino Teijeiro, en particular.

En canto a Andrey, que publicou bastante, debe facerse especial mención da súa obra de 1861: Estudios de filosofía médica o crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos: considerados como elementos fundamentales de la ciencia y base firme de su certidumbre, reconstitución, progresos y perfeccionamiento. Este libro, moi na liña do pensamento de Varela de Montes, que foi escrito como réplica ao discurso de D. Pedro Mata y Fontanet, de inauguración do curso na Academia de Medicina e Cirurxía de Castilla la Nueva de 1859, recibiu louvanzas de prestixiosos autores e medios do momento, moitos deles, como Santero, Castelló, Calvo, Alonso, Rubio, Méndez Álvaro e Nieto Serrano, poñéndose da súa parte na disputa. Así, en El Criterio Médico de 1861, refírense a “una publicación médica notable del dignísimo catedrático de obstetricia, enfermedades de las mujeres y niños de la Facultad de Medicina de Santiago”.

Andrey y Sierra foi cofundador, en 1856, da Revista de Ciencias Médicas de Santiago, baixo a batuta do catedrático de Clínica Médica, decano e home de prol da Facultade de Medicina e da Compostela de toda unha época, D. José Varela de Montes. A Redacción estaba chea de figuras, como D. Antonio Casares Rodríguez e D. José González Olivares, catedráticos de Química e Cirurxía que, cos profesores Guarnerio e Laorden, introduciron en 1847 e1848, o uso do éter e o cloroformo en Santiago. Outras figuras eran o fisiólogo D. Miguel López, o anatómico D. Rafael Valle e o cirurxián D. Ramón Otero Acuña, e D. Vicente Martínez de la Riva, naquela época profesor clínico e Bibliotecario Maior. Non cabe a menor dúbida que este listado de científicos contén aos últimos dunha época e aos primeiros, como Casares, Olivares, etc., da nova era que estaba comezando con gran forza, o cal, indubidablemente, ten moito mérito polo recoñecemento implícito das novas doutrinas que iso supón.

Distincións

O seu puro sentido do valor docente fixo que o profesor Andrey y Sierra non gustase de levar os distintivos propios da dignidade profesoral, aínda cando foi honrado ca Gran Cruz de Isabel a Católica, tenencia que nunca constituíu para el motivo de posesión senón de estímulo e acicate para a súa laboriosidade honrada e indiscutida.

Na súa oración fúnebre, o Boletín de Medicina y Cirugía, que publicaba un retrato seu encargado á casa Laporta, prestixiosa firma de fotograbados, definiuno dicindo: “… sus méritos captáronle las simpatías de sus compañeros, el respeto de sus discípulos, la consideración y aprecio del mundo médico; práctico experto, maestro distinguido, escritor correcto y jefe de iniciativas, el Dr. Andrey cooperó a sostener el renombre que consigo lleva la Escuela de Medicina de Santiago”.



Bibliografía:




Fontes documentais:

F.U., VIDA ACADÉMICA / EXPEDIENTES PERSOAL DOCENTE / Andrey y Sierra, José María, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1846): Disertaciones para la Oposición al Título de Regente de Primera clase en la Facultad de Medicina de Santiago, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.

ANDREY Y SIERRA, J.M.: Reflexiones sobre las bases de la filosofía médica (inédito), Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.

ANDREY Y SIERRA, J.M.: Ventajas e inconvenientes de la curación de las fístulas y de los medios empleados para ello (inédito), Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.


Fontes impresas:

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1852): Breves Consideraciones clínicas sobre las luxaciones parciales completas del codo seguidas de dos casos prácticos, Boletín del Instituto Médico Valenciano, 8: 188-191.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1852) Observación de una Hematómetra, dependiente de atresia vaginal completa, complicada con tisis pulmonar aguda, Boletín del Instituto Médico Valenciano, 11: 263-270.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1853): Memoria sobre la gangrena de hospital, Boletín del Instituto Médico Valenciano, 15: 365-373; 391-399.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1853): Memoria sobre la catarata, Boletín del Instituto Médico Valenciano, Valencia: Imp. José Mateu García.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1856-7): Monografía sobre la clorosis considerada bajo el cuádruple punto de vista social, médico, puerperal y médico-legal, Revista de Ciencias Médicas de Santiago, 1: 16-25); 4: 113-121; 5: 144-149; 6: 174-179; 17: 441-444).

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1856): Consideraciones acerca del prolapso completo del útero, Revista de Ciencias Médicas de Santiago, 2: 59-66.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1856): Consideraciones prácticas acerca de la retroversión uterina en el estado de la preñez, Revista de Ciencias Médicas de Santiago, 13: 393-400.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1856): Apuntes para servir a la Historia de los Baños mineromedicinales de Cortegada, Revista de Ciencias Médicas de Santiago, 13: 362-366; 14: 381-385.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1859): Cuadros sinópticos de las notas clínicas que deben tomarse al redactar la parte histórica y estadística de las enfermedades propias de la mujer, de sus funciones puerperales y de los males de la infancia. Estes cadros sinópticos foron publicados nas páxinas finais da versión española da 4ª edición francesa do Tratado de Partos de Chailly-Honoré, impresa en 1864 e a instancia dos traductores.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1860a): La medicina considerada en su trascendentalismo social. Discurso pronunciado el día 1º de Octubre de 1860 en la solemne inauguración de la Universidad Literaria de Santiago Santiago: Universidad.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1860b): La Instrucción pública en el seno del Cristianismo, La Joven Galicia: Revista de Instrucción Pública, Ciencias, Literatura y Bellas Artes, I, 4: 27-29; I, 10: 75-77.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1861a): Reflexiones críticas a la segunda parte del Discurso de apertura de la Academia de Medicina y Cirujía de Castilla la Nueva por el Sr. D. Pedro Mata, El Siglo Médico, números 366, 371, 387, 388, 391 y 392.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1861b): Estudios de filosofía médica o crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos: considerados como elementos fundamentales de la ciencia y base firme de su certidumbre, reconstitución, progresos y perfeccionamiento, Santiago de Compostela: Imp. de José Rodríguez Rubial.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1862): Informe sobre las alteraciones que pudiesen convenir a las Instrucciones Generales sobre Clínicas.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1863): La Medicina se enriquece con las verdades de los principales Sistemas, Discursos leídos ante el Claustro en la recepción pública del catedrático de Anatomía General y Descriptiva Dr. D. Francisco Freire el día 31 de mayo de 1863, Santiago de Compostela: Tip. de Manuel Mirás y Álvarez.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1865): Instrucción popular contra el cólera-morbo asiático, Santiago de Compostela: Tip. de J. Rodríguez Ruibal.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1866): Proyecto de reformas de las instituciones especiales de las clínicas, Santiago.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1876): Programa Sinóptico de Obstetricia Teórica y Clínica, Santiago de Compostela: Tip. de Manuel Mirás y Álvarez.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1880): Memoria presentada al Claustro de la Facultad de Medicina por su Decano (J.A.S.): sobre las bases en que han de establecerse las relaciones de las Salas de Enseñanza con las generales del Hospital, declarado recientemente Provincial, Santiago de Compostela: Tip. Paredes.

ANDREY Y SIERRA, J.M. (1886): Programa Clínico de Enfermedades propias de la mujer, de Obstetricia y de Enfermedades de la Infancia. Parte 1ª. Preliminares clínicos Santiago.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1852): Boletín del Instituto Médico Valenciano, 2: 43-44.

ANÓNIMO (1853): Diario Oficial de Avisos de Madrid, 11-11-1853, p.1.

ANÓNIMO (1854): La España, 06-06-1854, p. 4.

ANÓNIMO (1861): El Criterio Médico, p.330.

ANÓNIMO (1875): La Iberia: Diario Liberal, 13-05-1875, p.1.

ANÓNIMO (1886): El Día, 21 de marzo de 1886. p.2.

ANÓNIMO (1900): Editorial. El Excmo. Sr. D José Andrey y Sierra (Necrológica), Boletín de Medicina y Cirugía. Órgano de los Alumnos Internos del Hospital Clínico, II, 13: 305-306.

ANÓNIMO (1900): El Excmo. Sr. D José Andrey y Sierra (Necrológica), Boletín de Medicina y Cirugía. Órgano de los Alumnos Internos del Hospital Clínico, II, 13: 337-340.

ANÓNIMO (1900): Gaceta de Instrucción Pública, 23-07-1900, p. 5.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. Coord.) (2003): Historia de la Universidad de Santiago de Compostela Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia; vol. II.

ESTRADA CATOYRA, F. (1895): Los Maestros de la Medicina Española: Excmo. Sr. Dr. D. José Andrey y Sierra, Decano y Catedrático de Obstetricia y Ginecología, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica, I, 18: 274-276.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J.J. (2007): Ramón Varela de la Iglesia: positivismo e Histología en Fonseca, tese doutoral, Santiago: Universidade.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1992): Bioloxía na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, producción, institucionalización e recepción de novidades, tese doutoral, Santiago: Universidade.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el Siglo XIX, Santiago: Universidade.

JIMÉNEZ GÓMEZ, E.J. (1995): Bases de la Filosofía Científica Clásica en el Pensamiento Médico Compostelano del Período Isabelino: Comentarios a una disertación del Dr. Andrey de Sierra. (1846), Actas V. Simposio Historia e Ensino das Ciencias, Vigo; p. 577-586.

JIMÉNEZ GÓMEZ, E.J. (1995): Obstetricia e Historia da Ciencia no plano de Estudios Médico-Cirúrxicos de 1827, Actas V. Simposio Historia e Ensino das Ciencias, Vigo; p.587-595.

JIMÉNEZ GÓMEZ, E.J. (1995): Obstetricia y enfermedades de las mujeres en el Plan español de estudios Médicos-quirúrgicos de 1827, Rev. Obstetricia y Ginecología Española, IV: 161-173.

JIMÉNEZ GÓMEZ, E.J.& GARCÍA CAEIRO, A. (1998): Una disertación inédita: "Sobre las fístulas" del Dr. Andrey de Sierra (1846), comunicación al XI Congreso Nacional de la Historia de la Medicina, Santiago de Compostela,17-19 sept 1998 (inédito).

LÓPEZ DE LA VEGA, Dr. (1866): El cirujano en sus relaciones con la Medicina y la Sociedad. El Claustro materno-La operación Cesárea, el agua de vida. (Cont), El Genio Quirúrgico, Periódico Científico Oficial de la Academia Quirúrgica Mallorquina y protector de la Morañega, de 22-03-1866, p. 164-5.

PONTE HERNANDO, F.; REGO LIJÓ, I. (2012): La Locura y el bisturí. I Centenario de D. Timoteo Sánchez Freire. (1838-1912), Santiago: Seminario Mayor Compostelano, Universidade de Santiago de Compostela.

RODRÍGUEZ SEOANE, L (1900): Efemérides de la Universidad de Santiago, Boletín de Medicina y Cirugía: órgano de los Alumnos Internos), 15-06-1900; p.450-451.