culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Sánchez

Médico e filósofo, prototipo de home renacentista

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • González Fernández, Martiño
  • Data de alta: 21/07/2013

Extras de Francisco Sánchez: 

Extras sobre Francisco Sánchez:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • González Fernández, Martiño ([2013], “Francisco Sánchez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=463
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Tui (Pontevedra) 1550
  • Falecemento: Toulouse (Francia) 1623
O médico e filósofo Francisco Sánchez, de sobrenome o "Escéptico", naceu en Tui, pero viviu na cidade portuguesa de Braga a súa primeira infancia, motivo polo que acotío se lle atribúe orixe portuguesa. Sen embargo, hai varias inscricións asinadas por el como “hispanus” e non “lusitanus”. Arredor de 1652 atopámolo matriculado no College de Guyenne de Bordeos, institución de elite moi influenciada polo Humanismo italiano e os aires da Reforma provenientes de Alemaña. Neste centro entrou en contacto cunha certa atmosfera "escéptica" (polas súas aulas pasaran personaxes como Montaigne e, entre os seus profesores, figurou Gentien Hervet, editor en 1569 de Sexto Empírico), que, xunto a outros factores, exercería un influxo importante na orientación ulterior do seu pensamento filosófico.

Francisco Sánchez completou a súa formación humanística, primeiro en Italia -no Archygymnasio della Sapienza de Roma asistiu ás leccións do vesaliano Eustaquio e chegou a coñecer a fondo a filosofía escolástica, facéndose eco tamén das correntes neoplatónicas que, a exportas da Universidade, dominaban os círculos cortesáns italianos- e despois en Montpellier, onde na súa Facultade de Medicina realizou -para asombro duns e reticencias doutros- unha fulgurante e espectacular carreira académica, obtendo, entre outubro de 1573 e xuño de 1574, sucesivamente, os graos de bacharel, licenciado e doutor.

En Francia viviu, como todo os seus contemporáneos de finais do século XVI, os tráxicos acontecementos das Guerras de Relixión, experiencia estarrecedora marcada polo fanatismo, a barbarie colectiva e o dogmatismo, que tanta pegada ía deixar nos seus escritos. Os continuos desprazamentos polo polos países europeos hai que atribuílos, xunto á ansia de saber característica dos intelectuais e fillos de acomodados burgueses da época, á condición ou ascendencia xudía da familia do noso autor. Exerceu e ensinou Medicina e Filosofía en Toulouse. A Medicina, a nivel privado, pero tamén como xefe de cirurxiáns no Hospital Dieu-Saint Jacques e como catedrático na Facultade de Medicina durante 11 anos. E a Filosofía, desde a súa cátedra na Facultade da Artes, cargo que ostentou durante 25 anos, ata o momento xusto do seu pasamento na cidade de Toulouse, onde finou en medio do afecto popular e do recoñecemento académico. Casou dúas veces, a primeira, en 1588, con María de Maran, coa que tivo 9 fillos, e despois de enviuvar, volveu casar en 1614, con María de Guarrique, coa que non tivo descendencia.

Espírito versátil e polifacético, encarnación viva do prototipo renacentista do uomo universale, Sánchez, o Escéptico, interesouse pola Astroloxía, as Matemáticas, a Medicina e a Filosofía. Da súa dilatada produción, unicamente se conservan os seguintes escritos: o Carmen de Cometa annii MDLXXVII (Lyon, 1578); o Quod Nihil Scitur(Lyon, l 581), obra filosófica capital do noso autor, reeditada baixo o título de De Multum Nobili et Prima Universali scientia Quod Nihil Scitur (Frankfurt, 1618): a Opera Medica (hisiuncti sunt Tractatus quidam Philosophiqui non insubtiles) (Toulouse, 1636), edición póstuma a cargo dos seus fillos Denys e Guillaume (ambos os dous cregos) e do seu propio amigo, discípulo e primeiro biógrafo, Raymundus Delassus (dita biografía, incorporada tamén á edición, é coñecida entre os especialistas como Eloxio Histórico), que inclúe certos tratados de Medicina, ao parecer apuntes dos cursos impartidos na súa cátedra na Facultade de Medicina, e, á parte do Quod Nihil Scitur mencionado, tres traballos menores (De Longitudine et Brevitate Vitae liber; In Librum Aristotelis Physiognomicon, commentarius; e De Divinatione per somnum, ad Aristotelem), presentados a modo de comentarios a diversas obras do Estaxirita e que recollían, así mesmo, parte das leccións ditadas na Facultade de Artes; a Segunda Carta-Consulta a Cristóbal Clavio sobre a natureza das matemáticas, descuberta e publicada por Iriarte na tardía data de 1940 e que, ao parecer, formaba parte dunha correspondencia epistolar máis ampla co matemático xesuíta Clavio, hoxe desgraciadamente perdida.

Esta é a obra que na actualidade coñecemos de Francisco Sánchez. Por referencias propias ou polas do seu biógrafo Delassus, autores contemporáneos seus ou inmediatamente posteriores, sabemos que aquela era máis extensa. Comprendería, ademais, certos Eroterata super geometricas Euclides demonstrationes, ou Examine Rerum (ou Libri de Natura), os tratados De Vita, De Anima, De Loco, De Semine e Des ós, o Comentarius in libros Metheorum e, fundamentalmente, o De Modo Sciendi. Obras cuxa ausencia ou perda hoxe todos lamentamos, tanto que fosen redactadas (en parte ou na súa totalidade, editadas ou unicamente manuscritas) ou simplemente proxectos truncados de Sánchez.

O escrito máis emblemático do tudense e que mais fortuna histórica tivo foi, sen dúbida, o Quod Nihil Scitur (1581). Nel defendía o noso autor un escepticismo de corte empírico similar ao sostido na Antigüidade por Menedoto e Sexto Empírico. Neste opúsculo concéntranse as inquedanzas intelectuais de Sánchez: a súa preocupación capital polas cuestións de tipo "epistemolóxico". A pregunta polos límites do coñecemento é a que guía todo o seu labor crítico, de exame das distintas disciplinas científicas que o ocupan e, incluso, as súas propostas de tipo metodolóxico. Parte dun posicionamento epistemolóxico de corte nominalista e escéptico, o cal lle permite arremeter contra a Escolástica serodia, da que pon en dúbida o seu método (siloxístico), a súa linguaxe (cualificada de escura e confusa) e a inconsistencia dalgúns dos seus postulados ontolóxicos (teoría da causalidade, do Intelecto Axente, teoría do concepto); así como o Neoplatonismo e todas aquelas crenzas, prácticas e metodoloxías supostamente científicas ligadas a el no Renacemento e que, en certo modo, foran "marxinadas" no Medievo (astroloxía, maxia, hermetismo, cábala). Ataca abertamente a Epistemoloxía platónica e aristotélica. Sánchez é "moderno", cando menos, no seu esforzo por deslindar a Ciencia (para el coñecemento empírico e alleo ás abstraccións), tanto da Teoloxía como da Metafísica. Aínda que, con iso, non rexeite enteiramente a Filosofía, á que considera como o instrumento máis válido para establecer o "marco de xogo" axeitado para a investigación e práctica científicas. Vexamos, agora, brevemente o seu posicionamento ante a Medicina, a Astroloxía e as Matemáticas.

Francisco Sánchez e a Medicina

Os escritos médicos de Sánchez, segundo antes indicabamos, foron só publicados postumamente. A temática que se aborda neles é moi variada: as enfermidades internas, as febres e os seus síntomas, os velenos, purgacións, estudos de farmacopea, comentarios a distintos tratados de Galeno, algún compendio de observacións prácticas e certa "summa anatómica". Non son, por suposto, os únicos. En todos eles sobresae a súa invocación constante á "experiencia ", o que nos dá unha idea da súa sintonía cos novos tempos. Para el, o contacto directo coa realidade é a única fonte de coñecemento. Isto aprendérao Sánchez, sen dubida, da súa estancia en Italia, onde comezaría realmente a "revolución" no eido da Medicina a cargo dos Vesalio, Fallopio e outros. Tamén é unha lección que afonda nas súas estancias nas Facultades de Medicina de Toulouse e Montpellier -o centro médico máis importante de Europa pola época, onde ensinara Rondolet pouco tempo atrás, vesaliano convencido el e creador do primeiro "teatro anatómico" de Francia. Sánchez foi, ademais, xefe de cirurxiáns e practicou diseccións. A valoración que os seus traballos médicos merecen aos especialistas pode resumirse do seguinte xeito: atribúeselle unha orientación, fundamentalmente vesaliana e paracelsiana. Entre os escritos mencionados destacan as Observationes in Praxi e a Summa Anatomica. En patoloxía interna seguiu un método que aínda hoxe parece manter vixencia: descrición nosolóxica, etiolóxica, patolóxica, sintomatoloxía, diagnose diferencial, prognóstico e terapéutica. O caracter "crítico" da súa obra resulta evidente. Así, prefire ler no libro vivo da Natureza antes ca no libro das Autoridades (sexan Galeno, Hipócrates ou Mondino de Luzzi). Resultan moi atinadas algunhas das súas observacións encol da tuberculose, pneumonía, anxinas, priapismo ou a impotencia. Aínda que todos os especialistas parecen coincidir nas limitacións do seu saber, as láminas anatómicas que nestes escritos se recollen para completar certas descricións de órganos e funcións carecen da precisión das incorporadas por Vesalio ao seu De Humani Corporis Fabrica (malia seren publicadas estas medio século antes); a veces recae na tentación da cita de Autoridade e glosa; rexeita por prexuízos antimetafísicos a teoría da "infección ou contaxio" proposta por Fracastoro (a cal combaterá, se facemos caso ao que nos di nalgún traballo, no De Examine Rerum), tan frutífera pasado o tempo; comete erros de vulto, afirmando, por exemplo, a existencia de poros no repto interventricular cardíaco, erro que viña de Galeno (aínda que xa superado por Servet, Valverde, Amusco ou Colombo). Todo o cal non ensombrece os seus logros e, sobre todo, o seu importante labor clínico. Se ben a súa exaltación da "experiencia" non chega a unha invitación á "experimentación", tal e como atopamos noutros ámbitos do saber na época (por exemplo, de mans de Galileo Galilei en Física).

Francisco Sánchez e a Astroloxía

O empirismo ao que acabamos de aludir é, precisamente, o que se atopa no fondo das críticas e burlas de Sánchez fronte á "astroloxía xudiciaria" tal e como se expoñen no seu Carmen de Cometa (1578), redactado contra F. Juncticno, teólogo e astrólogo florentino. Non para defender fronte a ela a "astronomía" como disciplina científica, algo que cuestiona na Carta a Clavio (ca. 1589); como tamén rexeitaría alí o "copernicanismo", por consideralo, desde unha óptica puramente escéptica, como unha "ficción" máis da mente, sen maior crédito có sistema ptolemaico ou calquera outro que se poida idear. Opinión que comparte, por certo, con Miguel de Montaigne. O Carmen de Cometa é un poema de 928 versos hexámetros bastante frouxos, ao estilo de Lucrecio, "poema didáctico", nos que algúns críticos viron indicios panteístas e outros trazos preilustrados. Ataca a "astroloxía xudiciaria" con doce "Argumentos" e outras tantas "Razóns", que non é aquí o lugar de analizar pormenorizadamente. Baste dicir que nesta refutación combínanse argumentos de tipo "fáctico" (a experiencia desminte a miúdo os augurios, os astrólogos contradinse de feito, procuran respaldo na ambigüidade das súas formulacións, etc.) e outras de tipo "lóxico" (xiran case que todas, curiosamente, arredor da problematización do principio de causalidade, tema que tanto interese espertara entre os escépticos da Antigüidade, pénsese nos "tropos etiolóxicos" de Enesidemo; é absurdo atribuír a unha mesma causa efectos contraditorios, non se pode falar de relación causal algunha entre fenómenos tan heteroxéneos como os acontecementos naturais e as accións humanas, etc.). Dous presupostos filosóficos agáchanse nesta crítica: exaltación da Natureza, á que invita a examinar "segundo os seus propios principios" (véxase a dedicatoria a Diego de Castro do texto); e defensa do "libre albedrío", fronte ás teses deterministas dos neoaverroistas paduanos e na mesma liña que o fixera Giovanni Pico della Mirandola, por exemplo. As crenzas astrolóxicas, en definitiva, son consideradas por el como meras "supersticións", que o único que conseguen é crear pánico entre os homes, todo o contrario da “ataraxía” predicada polo escéptico, sen ningún fundamento científico.

Francisco Sánchez e as Matemáticas

No ano 1940, no "Fondo Clavio" do Arquivo-Biblioteca da Universidade Gregoriana, o xesuíta español Iriarte atopou a famosa Segunda Carta-Consulta a Cristóbal Clavio acerca da natureza das Matemáticas. Epístola curiosa dirixida a este astrónomo xesuíta de orixe alemá, profesor no Collegio Romano, correspondente de notables figuras do momento (Galileo, Brahe, etc.) e, fundamentalmente, editor de Euclides no Renacemento. Fora el, ademais, quen, a petición do Papa León XIII, se encargara da reforma do calendario no ano 1581. Sánchez asina dita carta baixo o pseudónimo, moi significativo, de "Carnéades", outro escéptico -este da rama académica- da Antigüidade. Tense dito, antes e despois de aparecer esta "Carta", que o Tudense foi un gran matemático, e, mesmo, un gran innovador nesta disciplina. Fálase que foi o pioneiro das xeometrías non euclidianas e incluso o precursor da moderna teoría de conxuntos. Todo isto fúndase nun confuso malentendido, en parte alentado polo esbozo "biográfico" que de Sánchez realiza o seu ben querido amigo Delassus. Hoxe en día, coa "Carta" a Clavio nas mans e a falta doutra testemuña, hai que dicir que o noso autor foi, sobre todo e na mesma liña escéptica que noutros escritos, un crítico radical da Matemática. Lémbrese que nisto, Sánchez non resulta novidoso fronte, por exemplo, a un Sexto Empírico, autor dos famosos Adversus Mathemáticos, nos que sintetiza e ordena os argumentos ou tropos dos escépticos antigos contra desta disciplina científica. Na Carta, o máis importante non é o tema puntual que toca (crítica á variante introducida por Proclo á Proposición 14 do libro I dos Elementos de Euclides), senón a perspectiva, marcadamente escéptica, desde a que se aborda a cuestión da natureza ou estatuto científico das matemáticas. A súa concepción das matemáticas, por outra banda, é de corte "empírico" e "sensista", non as entende como saber "teorético", o que facía que a polémica con Clavio se convertese nun ruidoso diálogo de xordos. Na súa crítica ás distintas ramas deste saber (Astronomía, Aritmética, Xeometría), neste senso, fai fincapé e chama a atención sobre a coexistencia de paradigmas contraditorios ao longo da súa historia, do asentamento destas en supostos indemostrables ou incomprobables (liña, punto, átomo, etc.), da abundancia de paraloxismos e argumentos capciosos nelas, etc.

Conclusión

Francisco Sánchez promete no Quod Nihil Scitur formular un novo "método" que permita a erradicación dos vicios aínda existentes nas ciencias do seu tempo: un "método", acorde segundo el á "humana fraxilidade", que debería consistir basicamente na combinación ou conxunción de “experiencia e xuízo". Da articulación de ambos os dous, con todo, nada se adianta. Do anunciado De Modo Sciendi só chegou ata nós a reliquia do seu título. Este texto nunca se atopou e aínda é probable que endexamais fose escrito. Había, cremos, varias razóns para iso. Os supostos teóricos de que parte o autor (empirismo extremo, ciencia entendida ao modo nominalista como intuición do concreto, crítica radical das matemáticas, escepticismo sen concesións) impedían, non só o desenvolvemento dun método ao estilo dos aparecidos nos albores da Modernidade (o “indutivo" de Bacon e o "hipotético dedutivo" de Galileo), senón incluso a formulación mesma de calquera tipo de método científico. O "científico" Sánchez, foi -cremos- a primeira vítima da coherencia do "filósofo" Sánchez. Razón, talvez, de non dar ao prelo, en vida, o froito da súa investigación científica.



Bibliografía:




Fontes impresas:

SÁNCHEZ, F. (1955): Opera Philosophic, Bd. Sa., Lisboa: Instituto para a Alta Cultura; e ed. Carvalho, Coimbra: Univ. de Coimbra.

SÁNCHEZ, F. (1982): Sobre la duración y la brevedad de la vida, Tui: Ed. Mellizo, Museo e Arquivo Histórico Diocesano.

SÁNCHEZ, F. (1984): Quod Nihil Scitur, Ed. de S. Rabade, J.M. Artola e M.F. Pérez, Madrid: Instituto de Filosofía “Luis Vives”.

SÁNCHEZ, F.(1978): Carta- a Clavio, ed. en castelán a cargo de C. Mellizo e D. Cunningham, en Cuadernos Salmantinos de Filosofía, V; e ed. en galego de M. González Fernández (referencia a seguir).


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, D. (1959): Francisco Sánchez “el escéptico”, Boletín del Museo de Pontevedra, 13: 101-244.

BRITO, Alberto da Rocha (1940): “O portugués F. Sánchez, Profesor de Filosofía e Medicina nas Univ. de Montpelhier e Tolosa”, Bulletín d´Etudes Portugaises.

COELHO, E. (1938): O escepticismo de F. Sánchez, Médico e Filósofo de Quinhentos, Lisboa.

COSTA, Joao Cruz (1942): Ensaio sobre a vida e a obra do filósofo Francisco Sánchez, Sao Paulo: Universidade.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (1986): El problema de la nacionalidad de Francisco Sánchez, el “Escéptico”, Cuadernos de Estudios Gallegos, 36, 101: 133-152.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (1988): Filosofía e Ciencia no Renacemento: tradución da "Carta a Cristovo Clavio" de Sánchez sobre as Matemáticas)", Ingenium, 1: 65-110.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (1988): Galileo Galilei y Francisco Sánchez, el “Escéptico” (Matemática: Escepticismo y “Ciencia Nueva”), Agora, 6: 145-159.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (1990): Francisco Sánchez, o “escéptico”, un médico-filósofo de orixe galega no Renacemento europeo, O pensamento galego na historia: (aproximación crítica), X.L. Barreiro Barreiro (Coord.), Santiago: Universidade; p. 129-141.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (1991): O Labirinto de Minos. Francisco Sánchez, o “Escéptico”. Un galego no Renacemento, Sada-A Coruña: Seminario de Estudos Galegos/Edicións do Castro.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, M. (1991): Sánchez no labirinto, Nova renascença, 19, 72-73: 113-125.

IRIARTE, Joaquín (S.J.) (1996): La canción del cometa de 1577: un médico renaciente, Francisco Sánchez, en lucha con la Astrología, una página de la física arsitotélica... , Ed. preparada por Juan de Churruca, Bilbao: Universidad de Deusto.

MELLIZO, Carlos (1992): Nueva introducción a Francisco Sánchez, “El escéptico” , Zamora: Monte Casino.

E traballos de Carvalho, Bullón e Fernández, Menéndez Pelayo, Craveiro da Silva, Gerkrath, Giarratano e outros.