culturagalega.org

Elisa Fernanda Mª del Carmen Fernández de la Vega y Lombán

As mulleres na Universidade

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo Rodríguez, Ánxela
  • Data de alta: 06/09/2013

Galeria


As irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega con dúas das súas sobriñas, tamén xemelgas coma elas.

Como citar esta páxina:

  • Bugallo Rodríguez, Ánxela ([2013], “Elisa Fernanda Mª del Carmen Fernández de la Vega y Lombán”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 13/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=470
Untitled Document

As irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega con dúas das súas sobriñas, tamén xemelgas coma elas.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Vega de Ribadeo (Vegadeo, Asturias) 1895
  • Falecemento: Zaragoza 1933
Naceu o 3 de xuño de 1895, xunto á súa irmá xemelga Jimena, en Vega de Ribadeo, onde exercía como médico o seu pai, Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, un galego nacido en Castroverde (Lugo). Ámbalas dúas irmás seguiron unha traxectoria académica conxunta. Primeiro en Lugo, onde realizaron o bacharelato, no Instituto Provincial, entre 1909 e 1913. No exame de grao, Elisa obtivo a cualificación de sobresaínte na Sección de Ciencias e de aprobado na de Letras. Durante o último curso do bacharelato as dúas irmás cursaron no Instituto de Santiago a materia de alemán en “ensino libre”. No curso 1913-14 matriculáronse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago como alumnas de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas francés e alemán que recibiran nos Institutos de Lugo e Santiago. Ambas irmás serán das primeiras mulleres licenciadas pola Universidade de Santiago de Compostela.

As pioneiras

A Universidade compostelá fora, dende a súa orixe, un territorio vedado ás mulleres, pois só tres anos antes de que Elisa e Jimena Fernández de la Vega comezaran a carreira se promulgara o Real Decreto que liberalizaba o acceso feminino a todos os graos do ensino. O 8 de marzo de 1910 foi cando se publica na Gaceta de Madrid, o BOE da época, o decreto que autorizaba o pleno dereito das mulleres a matricularse na Universidade, igual que os homes.

A presenza feminina chegou cando comezaba a rexeneración da universidade a través de toda unha serie de institucións orientadas pola Institución Libre de Enseñanza. Pero o camiño foi lento, e a presenza da muller na universidade galega durante eses primeiros anos non deixou de ser simbólica. No comezo da década dos vinte a porcentaxe foi aumentado e, ao mesmo tempo que isto sucedía, a participación feminina nas aulas ía sendo aceptada con normalidade nos medios académicos. Non foi ata finais da década dos vinte cando este tipo de estudantes deixou de ser unha excepción na universidade galega para pasar a conformar unha minoría, como nos mostran os gráficos realizados sobre a progresión da presenza feminina na Universidade de Santiago de Compostela para a exposición Muller e Universidade.

Cando a muller chegou á Universidade situouse no centro da polémica que dividía ao Estado: o convencemento de que só a educación podía rexeneralo política e socialmente (Giménez, Nomen, 2010). A diferenza dalgunha das súas antecesoras nos pupitres compostelás, como foi o caso de Concepción Arenal, as irmás Fernández de la Vega non necesitaron disfrazarse de homes para asistir ás aulas; pero deberon soportar discriminacións por parte do resto do alumnado e do profesorado.

Nunha crónica escrita por Josefa Paredes (2004), sobre testemuña oral de familiares de ambas irmás, descríbese que un compañeiro de clase as escoltaba ata as aulas porque as increpaban. Ante os comentarios despectivos levantaban a cabeza e seguían adiante. Tampouco o profesorado melloraba a súa actitude, un día un deles fixo na clase un comentario “poco caballeroso” cara a elas, provocando as risas de todos os seus compañeiros. Decidiron marcharse, non volver á facultade e examinarse por libre. O profesor enviou días despois dous alumnos a mediar para que regresaran. O día que volveron, o profesor pediulles publicamente desculpas. Tamén un profesor de Anatomía chegou a prohibirlles asistir as súas clases porque consideraba pouco axeitado que unha muller vira o corpo dun home espido.

A pesar deste ambiente, destacaron como as mellores alumnas da súa promoción. En xuño de 1919 realizaron o exame de grao da licenciatura, que aproban con sobresaínte. Tanto Elisa como Jimena recibiron a Gran Cruz de Alfonso XII polo seu excelente expediente universitario. En setembro, presentáronse as dúas aos exercicios de oposición ao Premio Extraordinario, que só lle foi concedido a Jimena.

Conseguida a licenciatura trasladáronse a Madrid para conseguir o seu doutoramento. Elisa Fernández de la Vega realizou a súa tese doutoral baixo a dirección do catedrático de Terapéutica Teófilo Hernando, concedéndoselle a nota de sobresaínte. A diferenza da súa irmá, Elisa Fernández de la Vega non saíu ao exterior para ampliar estudos. Solicitou o 18 de novembro de 1922 unha pensión á Junta para Ampliación de Estudios (JAE) para continuar en Berlín os seus traballos sobre Pediatría. Iniciarase nesta especialidade da man do catedrático Suñer, e o tema concreto que pretendía estudar en Alemaña era Fisiología de la Nutrición y del aparato digestivo del niño. A solicitude de ampliación de estudos, na que constaba os seus coñecementos de alemán, foi avalada polo propio Nóvoa Santos e polo seu director de tese, ambos moi relacionados coa JAE (Gurriarán, 2006). Foille concedida a pensión cun ano de duración, pero a vida persoal de Elisa truncou esa traxectoria e non a utilizou por motivos persoais (Álvarez, 2007). Quedouse en Madrid, onde comezara a traballar, no Hospital del Niño Jesús, baixo as ordes do Dr. Santiago Cavengt, un dos grandes pediatras da primeira metade do século XX. Precisamente, a obra de Cavengt, Endocrinología infantil foi prologada por Gregorio Marañón, científico que tivo unha grande influencia na vida profesional da súa irmá Jimena.

Interrompeu o seu traballo en Madrid ao contraer matrimonio, en 1925, co galego Gumersindo Sánchez Guisande (Santiago de Compostela, 1892- Arxentina, 1976), compañeiro na Facultade de Medicina de Santiago e discípulo do anatomista Alejandro Rodríguez Cadarso, e un dos alumnos que foran enviados polo profesor que as humillara para convencelas da súa volta ás aulas.

Elisa Fernández de la Vega trasladouse a Sevilla, onde o seu marido exercía como catedrático de Anatomía –disciplina na que despuntou ata o punto de ser considerado como un dos anatómicos peninsulares máis relevantes do século XX. Catro anos máis tarde desprazáronse a Zaragoza, cidade na que Sánchez Guisande ocupou a cátedra de Anatomía Descritiva e Técnica Anatómica e chegou a decano da Facultade de Medicina. Pola súa parte, Elisa continuou a súa traxectoria profesional, colaborando nas clases prácticas de Embrioloxía da facultade e atendendo consulta na casa, mentres coidaba dos seus tres fillos.

A súa obra

Igual que a súa irmá, Elisa Fernández de la Vega foi discípula de Nóvoa Santos, con quen se iniciaran na investigación nos laboratorios e na clínica de Patoloxía xeral. Baixo a súa dirección, e sendo aínda alumnas, publicaron dous traballos experimentais: “Somero estudio fisio-patológico del cerebelo” e “Sobre la presencia de granulaciones grasientas en la sangre”, este último en colaboración co doutor Venero Sañudo, publicados no ano 1916 en Galicia Médica (Gurriarán, 2006). En 1921, Elisa publicou a súa tese doutoral, de 83 páxinas, titulada Asma anafiláctico y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general.

Durante a súa especialización en Pediatría, baixo a dirección do catedrático Enrique Suñer, realizou no laboratorio desa cátedra o traballo “Modificaciones que los preparados iodados determinan sobre la fórmula leucocitaria del niño” (Gurriarán, 2006). Pero, tras eses interesantes pasos profesionais e cun doutoramento conseguido e unha pensión concedida, todo un logro para unha muller nos anos vinte do século pasado, Elisa Fernández de la Vega cambiou a súa orientación vital e a súa obra.

Tras o seu matrimonio, a súa vida profesional, aínda que distante do que fora nos seus inicios, mantivo unha intensa actividade, que incluía impartir conferencias, escribir artigos, que publicaba en diversos medios de comunicación, e preparar manuais. Entre as numerosas conferencias que pronuncia en diversas universidades destaca Educación y carácter, impartida na Universidade Central; e, entre as súas publicacións, La orientación profesional como base para la elección de profesiones. Profilaxis de los accidentes. Non chegou a publicar un manual para enfermidades, que tiña escrito como texto de divulgación. Hai que salientar tamén o seu papel como fundadora dun centro de axuda aos indixentes, reflexo das súas fortes inquietudes sociais, que compartía co seu marido, que tamén practicaba a medicina social de forma desinteresada.

O 21 de novembro de 1933 morreu dunha pneumonía atípica que ela mesma se diagnosticara. Co comezo da guerra en 1936, o seu home, que era republicano, tivo que exiliarse a Arxentina e houbo de validar a súa carreira médica. En 1949 foi nomeado catedrático de Anatomía da Universidade de Cuyo, en Mendoza, onde rematou a súa vida académica.

As homenaxes a estas mulleres pioneiras tardaron en chegar. En 1996, con motivo da celebración dos cincocentos anos da Universidade de Santiago de Compostela, a institución dedicoulles un vítor. Ata daquela a Universidade non contaba con ningún vítor dunha muller, cincocentos anos de historia e nin cen anos de historia de mulleres.
No ano seguinte, o pleno do concello de Vegadeo dedicoulles unha rúa en recoñecemento ao seu labor de abrir camiño ás mulleres nun mundo de homes, neste caso no da Medicina.



Bibliografía:




Fontes impresas:

FERNÁNDEZ DE LA VEGA, J., e FERNÁNDEZ DE LA VEGA, E. (1916): Somero estudio fisio-patológico del cerebelo, Galicia Médica, 5 e 7.

SAÑUDO, V.; FERNÁNDEZ DE LA VEGA, J. e E. (1916): Trabajos de la Clínica y Laboratorio de Patología General, Galicia Médica, 5 e 7.

FERNÁNDEZ DE LA VEGA, E. (1921): Asma anafiláctico y consideraciones acerca de la patogenia el asma en general, Madrid: Universidad Central.

FERNÁNDEZ DE LA VEGA, E. (1921): El poder antitúpsico del suero, Madrid.

FERNÁNDEZ DE LA VEGA, E. (1923): Modificaciones que los preparados iodados determinan sobre la fórmula leucocitaria del niño, Madrid: Universidad Central.


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ PELÁEZ, R. (2007): La Genética y la Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, Asclepio. Revista de Historia de la Medicina y de la Ciencia, LIX, 2: 163-180.

GIMÉNEZ-SALINA, E.; NOMEN, R. (2010): Mujeres en la Universidad: cien años de prohibiciones, Doctas, doctoras y catedráticas. Cien años de acceso libre de la mujer a la universidad, Barcelona: Consell Interuniversitari de Catalunya, Generalitat de Catalunya.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

PAREDES, J. (2004): Pioneras. La saga de las Fernández de la Vega, Crónica, Supl. De El Mundo, nº 445, 25 de abril de 2004.

VV.AA. (1996): Muller e Universidade. Catálogo da exposición, Santiago de Compostela: Universidade.