culturagalega.org

Anselmo Arias Teixeiro

Un alquimista galego

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Álvarez Soaje, Miguel
  • Data de alta: 04/10/2013

Extras sobre Anselmo Arias Teixeiro:

Galeria


Vista do pazo de Fondevila, en Cabanelas (O Carballiño, Ourense), residencia do alquimista Anselmo Arias Teixeiro.

Como citar esta páxina:

  • Álvarez Soaje, Miguel ([2013], “Anselmo Arias Teixeiro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=475
Untitled Document

Vista do pazo de Fondevila, en Cabanelas (O Carballiño, Ourense), residencia do alquimista Anselmo Arias Teixeiro.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cabanelas, O Carballiño (Ourense) 1707
  • Falecemento: Cabanelas, O Carballiño (Ourense) 1756
Fillo maior dunha familia de fidalgos, dedicou toda a súa vida a manter e administrar o patrimonio do pazo de Fondodevila, en Cabanelas (fundamentalmente terras de viño), e mesmo a preocuparse da educación e sostemento do resto da familia (sete irmáns, seis varóns que escolleron a vida relixiosa e unha muller). Semella tamén que esa foi a súa residencia durante toda a vida, e que poucas viaxes e saídas debeu facer fora dese contorno. Casou con Catalina Rodríguez Novoa.

Non se sabe de onde lle ven o interese pola alquimia, pero si se coñece a súa obra manuscrita (un conxunto de tres centenares de follas escritas en latín, datadas entre 1723 e 1756). Nela achega referencias constantes a diferentes obras de coñecidos seguidores de Llull, como Nobum Lumen Chemicum, de Sendivogius, Perspicilia Lulliana, do alemán Ivo Salzinger, referencias a Alberte Magno e comentarios aos textos apócrifos de Llull, como o Liber secreti secretorum. Outros manuscritos mencionan a obra de Alonso Barba, Arnaldo Vilanova e do médico alemán Johann Schoeder. Son tamén continuas as referencias a Robert Boyle, de quen Anselmo Arias Teixeiro extrae datos para os seus propios argumentos cara á disolución do ouro. Obsérvanse tamén referencias pseudolulianas, entre elas, Teorica e Practica Testamentum, onde trata dos vapores menstruais, metálicos e arxénteos, así como de diferentes metais localizados en Pazos de Arenteiro e arredores. Finalmente, atópanse descricións de procesos alquímicos destinados á obtención do Sol e da Lúa, e dicir, o ouro e a prata, por medio dunha serie de destilacións.

Os títulos destes manuscritos serían:

Sobre o lume: Fala da orixe da chama e das súas propiedades. Refírese as opinións de Plinio e Ambrosio Calepino sobre a capacidade dos corpos de intercambiar e conservar a calor. Describe as exhalacións nocturnas e analiza a súa orixe e similitude cos cometas e lóstregos.

Sobre a luz e a visión: Describe as propiedades da luz, así como diferentes artefactos ópticos, entre eles, un espello “ustorio” que pode dirixir un único feixe de luz solar cara un determinado obxectivo.

Sobre as tinturas: Apuntamentos sobre a natureza de varias substancias denominadas “tinturas”, algunha das cales atopábanse preto de Cabanelas. Presenta unha teoría propia sobre a súa orixe, a cal deriva de tres sustancias fundamentais: arenosa, talchitina e glutinosa. As tinturas xéranse en sitios pechados e fora do contacto coa luz, polo que as fontes termais poden ser zonas axeitadas para a súa formación. Sobre a orixe dos metais, defende que tanto a terra como a auga son elementos esenciais para a súa formación.

Sobre Ciencias Naturais: Presenta diferentes temas, como a posibilidade do movemento continuo, a influencia da gravidade sobre os obxectos, as condicións atmosféricas, a orixe das nubes e o seu efecto sobre o contorno de Cabanelas. Fala da densidade dos diferentes corpos e do “impulso” que os move e os mantén unidos. Por último, formula a posibilidade de crear un medicamento que puidera modificar e corrixir a falta de paixón ou forza dos corazóns febles. Defende a utilidade da Ciencia e “mas la costumbre ordenada y aun forzada del conocimiento”.

Sobre a elaboración e conservación do viño: Manuscrito de 150 cuartillas no que se describen diferentes teorías sobre o tratamento do viño na zona do Ribeiro, baseándose en experiencias propias e informacións recibidas de diferentes colleiteiros. Achega reflexións sobre as técnicas máis axeitadas para unha correcta fermentación dos caldos, o xeito da súa conservación, o deseño e orientación das adegas e o estudo dos diferentes axentes atmosféricos que poidan intervir no proceso de fermentación, como as treboadas e os excesos de frío e calor, humidade e horas de sol. Informa, tamén, de curiosas técnicas de conservación e aclarado do viño.

Sobre os humores e os temperamentos: Fala sobre os constituíntes naturais do corpo humano nun breve estudo no que relaciona estes constituíntes cos catro elementos tradicionais, que se presentan como calidades do corpo humano e que caracterizan o seu temperamento. O texto está baseado na obra de Diego Antonio Robledo, Compendio cirurgico, útil y provechoso.Ten interese a defensa da capacidade xenerativa de vida dos procesos de putrefacción, que describe con diferentes exemplos.

Recetario médico: Neste manuscrito, ao par de incluír datos biográficos, describe corenta receitas médicas nas que se inclúen colirios, emplastos, enxaugaduras, xaropes, zumes, solucións, ungüentos, aceites, infusións, destilados e diferentes remedios vexetais e animais. Algunhas receitas semella telas extraído do famoso Dioscórides.

Anselmo, xunto co seu irmán Antonio, son os únicos casos coñecidos de seguidores das doutrinas de Ramon Llull ou seus discípulos, en Galicia. No caso de Anselmo, os seus escritos son copias doutros tratados de alquimia pesudolulianos con comentarios e achegas persoais, moitas collidas do propio contorno do pazo de Fondodevila, como é o caso do tratamento do viño, onde se atopa o primeiro escrito coñecido no que se describen as técnicas enolóxicas dunha comarca vitícola como é a do Ribeiro. Fronte ao carácter máis teórico dos manuscritos do seu irmán Antonio, neste caso apréciase un interese especial por cuestións de tipo práctico, algunhas tomadas de observacións e experiencias propias. Non supoñen ningunha contribución relevante á ciencia española da época pero si son un excelente exemplo das preocupacións de certa fidalguía (ou clerecía) galega incorporada aos coñecementos do momento e con medios abondosos para a adquisición de certos libros, no seo dunha sociedade que comezaba xa a escribir e ler cunha certa liberdade.

Para entender a permanencia das doutrinas lulistas, ou mellor pseudolulistas, na primeira metade do XVIII, hai que considerar que baixo este nome aparecían un conxunto de traballos que só nalgúns casos tiñan que ver directamente coa obra de Llull. Na meirande parte, eran achegas de métodos e conceptos relacionados coa metalurxia, farmacoloxía e outras artes recompiladas entre os séculos XVI e XVII, que proviñan da tradición hermética. Deixaron de ter adeptos na segunda metade do século como consecuencia da crítica dos ilustrados (Feijoo foi un dos máis sinalados) e da imparable penetración da ciencia moderna.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Fundación Penzol (Do fondo “Arias Teixeiro”): atados 100/21, 100/22, 100/24, 100/28, 100/31, 100,32 e 100/34


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ SOAJE, M. (2012): Antonio y Anselmo Arias Teijeiro. Dos lulistas gallegos en el siglo de la Ilustración, Tese de Doutoramento, Santiago: Universidade.