culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Arturo Rivas Castro

Renovador da análise espectral

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 15/11/2013

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Arturo Rivas Castro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=485
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Sabucedo (A Estrada, Pontevedra) 1898
  • Falecemento: Xixón (Asturias) 1974
Estudou en Sabucedo os estudos primarios e ingresou con quince anos, como novizo, na Casa de Probación da Compañía de Xesús de Carrión de los Condes. Iniciou os estudos eclesiásticos de Filosofía en Oña (Burgos), e de 1923 a 1925, aínda sen rematar os de teoloxía, explicou Química no colexio de Valladolid. Seguidamente estudou en Comillas e en 1928 foi ordenado sacerdote. Polas súas calidades para a docencia e a investigación, os seus superiores encamiñárono cara estas actividades que inicialmente, en 1931, comezarían cos estudos de Física, en Madrid, e, posteriormente, de 1931 a 1936, en Múnic.

Descubrimento dun novo método de análise espectroscópico cuantitativo por emisión

Na capital bávara asistiu á Escola Técnica Superior onde se dedicou durante cinco anos aos estudos de Física Aplicada, dos que os tres últimos empregounos especialmente en traballos de laboratorio baixo a dirección do profesor Günter Scheibe (1893-1980), recoñecido especialista en análise espectral e química orgánica. Nesta etapa poñería a punto un novo método de análise espectroscópico cuantitativo por emisión (“Über physikalische Methoden in Chemischen Laboratorium XXXII. Eine neue Methode der quiantitaiven Emissionsspektranalyse, verwndbar auch als Mikromethode, von Prof. Dr. G. Scheibe und A. Rivas”, publicado na revista Angewandre Chemie: Zeitschirft und Eigentum des vereins Deutscher Chemikeir, órgano oficial dos químicos alemáns, o 11 de xullo de 1936). O método tivo un bo recoñecemento, sobre todo para a análise de metais e alleacións. O enxeñeiro italiano de Breda, O´Masi, utilizouno con éxito na análise do manganeso de aceiros (La Metallurgia Italiana, 3, 1938), e o enxeñeiro químico alemán da fábrica Bosch de Stuttgart, Günter Balz, comparando diferentes métodos de análise espectral cuantitativa daba preferencia ao método de Rivas. O propio autor, nunha carta ao Xeral da Compañía de Xesús, afirma que «o meu método é tan superior a tódolos demais, que hoxe en día é considerado o mellor». Foi invitado por diferentes sociedades científicas para expoñer o seu novo método.

De todas maneiras, Rivas consideraba que Scheibe, en relación co artigo científico citado, «utilizou a miña redacción para transformala totalmente desde o seu punto de vista, coa intención ademais de poñer en conexión, contra a verdade, o meu método coas súas propias investigación posteriores. Ten o propósito de relegarme a un segundo plano para aparecer el en definitiva como o descubridor do método…anuncia a publicación de tres importantes complementos ao seu método». Diante desta situación, solicitoulle ao Xeneral da Compañía a posibilidade de que nun laboratorio independente puidera el realizar eses traballos complementarios, publicalos, e que aparecera «como descubridor do método, tal como en realidade o son… Tería que ocorrer aínda neste ano, en caso contrario, o Prof. Scheibe ou os seus discípulos adiantaríanse a min».

A análise espectral, un dos métodos fundamentais da análise instrumental, comezou a desenvolver as súas aplicacións cuantitativas a partir da década dos anos vinte do pasado século. E aínda que H. Kaiser, en 1910, no seu Handbuch der Spektroscopie afirmaba que a análise espectral cuantitativa era imposible, o método que desenvolveu W. Gerlach en 1924 sobre a utilización dos pares de liñas homólogas para o estudo dos espectros fotográficos a fixeron realidade. Gunter Scheibe, xunto con Neuhäusser, de Múnic, melloraron de forma substancial as posibilidades do método coa introdución do sector logarítmico para a selección das liñas homólogas, en 1928. Co primeiro foi traballar Rivas en 1931, para perfeccionar o método adaptándoo sobre todo para micro ensaios, obxectivo que acadou brillantemente e deu lugar á publicación citada, que foi presentada diante do congreso dos químicos alemán do ano 1936. O método orixinal de Rivas, que conseguiu publicar en tirada a parte da Asociación de Químicos Alemáns, foi recoñecido no seu momento como a versión máis adiantada da análise espectral cuantitativa, nun tempo onde este xeito de análise instrumental estaba a desprazar en moitas aplicacións (sobre todo nas industriais) a análise química tradicional. Concretamente, o Director do Laboratorio de análise espectral da empresa Bosch, o Dr. Balz, comunicáballe a Rivas que «a pesar de ser químico de profesión, se fiaba ya más en general del análisis cuantitativo espectral que del químico»; e o Dr. Weber, da empresa Osram, sinaláballe que facían máis de 200 análises espectrais ao día o que lle supoñía fronte as análises tradicionais, aforros de 100.000 R.M.

Pescudas en Roma

Esta cuestión de prioridades (tan frecuentes na ciencia) foi a razón de que en outono de 1936 fora destinado a Roma, onde durante un ano continuou seus traballos de investigación no Laboratorio Astrofísico della Spécola Vaticana, no que existía un novo e completo Laboratorio de Análise Espectral. Este laboratorio fora creado para o análise espectroquímico dos meteoritos despois da fonda reorganización que experimentou en 1935 o antigo observatorio da Spécola Vaticana (fundado no século XVI) e que ficou baixo o control dos xesuítas a partir dese ano. Como resultado desta novas investigacións publicou un segundo traballo no Angewandte Chemie, o 4 de decembro de 1937. Antes do traslado a Roma, Rivas propuxéralle ao Xeral da Compañía de Xesús seu traslado ao Instituto Rokefeller de Madrid, para completar seus traballos de investigación. Pero o comezo da Guerra Civil fixo trastornar estes plans. A nova publicación apareceu como un resumo de tres páxinas, pero se indicaba que o traballo en toda a súa amplitude (12 páxinas) publicaríase, como así foi, en tirada a parte, no nº 29 das Zeitschiften des Vereins Deutscher Chemiker (Revistas da Asociación de Químicos Alemáns). A través destas publicacións, Rivas mantivo e ampliou seus contactos con importantes científicos europeos, como o sueco Goldschmidt ou o inglés Hilger, así como con recoñecidas empresas, como a alemana Fuess. En Italia, a Società per il Progresso delle Science invitouno a pronunciar unha conferencia no seu congreso anual celebrado en Venecia en 1938.

Contactos e intentos de montar un laboratorio de análise espectral

En 1938 atopábase xa no colexio dos xesuítas de Valladolid, impartindo docencia de Física e Química, o que non impediu que establecera contacto con investigadores españois, como aconteceu co profesor Ignacio Ribas, catedrático de Química Orgánica de Salamanca e posteriormente de Santiago, a quen lle enviara unha separata do seu último traballo. Este contestoulle que «ya tenía el gusto de conocerlo, así como también otros trabajos de Vd. anteriores», comentándolle que «sería de alto interés nacional que Vd. consiguiera fundar en Valladolid una escuela de espectrografía; entonces podríamos tener intercambio científico y de alumnos».

No ano 1941 foi trasladado ao Colexio Apóstolo Santiago de Mondariz, onde compartiu a súa docencia de Física e Química coa do alemán, idioma que coñecía perfectamente. Posteriormente o colexio foi trasladado ao Pasaxe, na Guarda, e finalmente, en 1944, a Teis (Vigo).

Tamén en España interesáronse polos seus traballos de investigación importantes entidades industriais, sendo convidado polo Director Xeral de Industria, Luis Pombo, para impartir unha conferencia sobre seus métodos, en Bilbao, diante da Asociación de Enxeñeiros. En 1938 foi comisionado a Alemaña polo goberno español para coñecer de primeira man as aplicacións industriais da análise espectral coa pretensión de crear baixo súa dirección un laboratorio de análise espectral na Fabrica de Armas de Trubia (Asturias). Nesta viaxe visitou numerosas fábricas onde se empregaba a análise espectral, como Fuess, Schmidt, Zeiss, Osram, AEG, Krupp, Bosch, etc., concluíndo que «el análisis espectral es un auxiliar poderoso de la industria, que se sirve de él para solucionar infinidad de problemas… De todo esto se deduce la gran necesidad que hay de montar en España un Laboratorio de análisis espectral, dotado de los mejores aparatos», entre os que os espectrómetros da casa Zeiss, segundo seu criterio, eran os máis recomendábeis. O remate da Guerra Civil fixo esquecer ao goberno español estas prioridades sobre a investigación científica aplicada a industria da guerra e Rivas tivo que volver as tarefas docentes no colexio de Valladolid.

De todas maneiras, no ano 1940, chegáronlle a Rivas dúas novas ofertas para a posta en marcha do laboratorio de análise espectral. Unha, do Director do Instituto de Ampliación de Estudios e Investigación industrial de Madrid, que dun xeito vago falaba do recen creado CSIC como dunha institución axeitada para canalizar as súas investigacións espectrográficas. A outra, proviña de ultramar, de Cuba, onde lle ofrecían unha nova alternativa para o laboratorio, que semella satisfacía mellor as pretensións de Rivas. Diante da posibilidade de que o laboratorio se creara fora de España, houbo unha reacción en cadea das institucións gobernamentais españolas que pasaron por ofertas concretas do Director Xeral da Sociedade Española de Construcións Electromecánicas (propoñía un orzamento inicial de 200.000 pts anuais máis 2.000 anuais de mantemento) e do Director Xeral de Industria e Material do Ministerio do Exército ata a máis drástica e represiva de retirarlle o pasaporte. Posteriormente houbo intervencións específicas a nivel dos ministros de Asuntos Exteriores, Industria e Educación Nacional e mesmo falouse dunha audiencia co propio Franco «para hablar conmigo despacio», que non se sabe se se chegou a celebrar. As últimas xestións fixéronse co Ministro de Educación Ibáñez Martín para instalar o laboratorio no recen creado Instituto Nacional de Física e Química do CSIC (teoricamente, continuador das actividades do Instituto Rokefeller, cuxas instalación foran incautadas despois da Guerra Civil). A realidade foi que ben por desinterese ou inoperancia das instancias gobernamentais españolas, ou por outras razóns, o certo foi que o laboratorio de análise espectral nunca se chegou a realizar. Aínda, en 1942, o Director do Laboratorio de Altos Hornos de Vizcaia, que viña de adquirir un espectrógrafo Zeiss, ofrecíalle a Rivas a posibilidade de colaboracións.

Labor docente

Pechado seu futuro no canto da investigación espectrométrica, dedicouse de cheo a docencia científica de grado medio, eido no que chegou a ser un reputado profesor («Explicaba las clases con lucidez y profundidad. En medio de las grandes carencias de la época logró imprimir en un taller de Porriño unos apuntes escolares en un papel negruzco pero de rico contenido. Más adelante sacaría un texto ya en condiciones, que fue muy solicitado y apreciado», sinalaba E. Rivera, historiador da Compañía de Xesús en Galicia). Publicou varios textos de ensino sobre as materias da súa competencia, dos que caben sinalar, entre outras moitas edicións: Física y Química. Quinto Curso, (Vigo, 1945); Física y Química. Cuarto Curso (León: Everest, 1970); Física. Sexto Curso de Bachillerato, (León: Everest, 1973); Física y Química, Primer Curso del Grado de Aprendizaje Industrial, (León: Everest, 1970); Materia y Energía 7. Texto de E.G.B, (León: Everest, 1973; con outros autores).

A partir do curso 1950-51 foi trasladado a Universidade Pontificia de Comillas e desde o curso 1953-54, ao que sería seu destino definitivo, o Colexio da Inmaculada de Xixón, onde impartiu docencia de Física e Química ata que en 1972 a doenza de Parkinson que viña sobrelevando o afastou totalmente do ensino. Os dous últimos anos da súa vida dedicounos ao coidado das edicións dos seus moi estimados libros de texto. No relativo as súas publicacións sobre didáctica das ciencias compre sinalar que a Física y Química que editou en Vigo no ano 1945 representa un dos primeiros textos editados en Galicia sobre estas materias. Publicación que se axustaba, ademais, aos criterios docentes máis rigorosos e adiantados da época.




Bibliografía:




Fontes impresas:

SCHEIBE, G. & RIVAS, E. (1936): Über physikalische Methoden im Chemischen Laboratorium XXXII. Eiene neue Methode der quantitative Emissionsspektranalyse, verwendbar auch als Mikromethode, Angewandte Chemie, 49, 28: 443-446.

RIVAS, E. (1937): Eien neue Methode der quantitative Emissionsspektranalyse (Auszug), Angewandte Chemie, 50, 49: 903-905.

RIVAS, E. (1945): Física y Química. Quinto Curso, Vigo.


Bibliografía secundaria:

BERMEJO, F. (1967): La Química Analítica. Lección Inaugural Curso 1967-68, Santiago: Universidade.

CABADA CASTRO, M. (2011): Arturo Rivas Castro (1898-1974), un sobranceiro físico e químico de Sabucedo (A Estrada), A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 14: 7-20.

CABADA CASTRO, M. (2012): Arturo Rivas Castro, un físico de Sabucedo cortexado e controlado polos intereses bélicos e económicos dos primeiros dirixentes franquistas, A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 15: 151-178.

RIVERA, E. (1993): El Colegio Apóstol Santiago: historia de una larga peregrinación, Vigo: Col. Apóstol Santiago.



Nota: Esta biografía é un resumo dos traballos que Manuel Cabada Castro lle dedicou a Arturo Rivas Castro.